Sábado, 25 Xaneiro de 2025

Fin de semana rondalleiro en Gondomar con desfiles de cor e tradición

Este sábado pola tarde e domingo pola mañá, Gondomar converterase novamente no epicentro da música tradicional co XLII Certame de Rondallas, un evento que reunirá a máis de 1.500 rondalleiros e 18 rondallas. As rúas encheranse de música, cor e tradición, ofrecendo unha experiencia única que mesturará alegría e talento artístico.

Por primeira vez na historia do certame, nomearanse dous Rondalleiros Maiores e dous Abandeirados Maiores das Rondallas de Vincios e Chaín. Este recoñecemento especial será un homenaxe a catro veciños do municipio que adicaron a súa vida a preservar e enriquecer esta tradición. Os nomeados serán Teófilo López Pérez e Manuel Salgueiro Rial como Rondalleiros Maiores, e Ana Martínez Valverde e Jaime Rial González como Abandeirados Maiores. A cerimonia terá lugar durante as actuacións das rondallas de Vincios e Chaín na Praza do Concello.

Un desfile cheo de cor e tradición

O evento dará comezo cun desfile polas principais rúas de Gondomar, onde cada rondalla, cos seus traxes característicos, instrumentos e harmonías, amosará o froito do seu traballo e dedicación. Será unha oportunidade única para que veciños e visitantes gocen do talento e da beleza artística que estas agrupacións souberon preservar ao longo dos anos.

O momento máis emotivo terá lugar na Praza do Concello, coa entrega das distincións aos Rondalleiros e Abandeirados Maiores. O alcalde Paco Ferreira subliñou a importancia deste acto: “O Certame de Rondallas non só celebra a nosa cultura e tradición, senón que este ano rendimos tributo a quen mantiveron viva esta fermosa herdanza. Será un momento inesquecible que marcará un antes e un despois na nosa historia cultural”.

Ademais do desfile, o certame incluirá actuacións individuais das rondallas, nas que cada agrupación amosará a súa creatividade musical. Estas actuacións terán lugar na Praza do Concello e serán de acceso gratuíto para o público. O evento culminará cunha gala de clausura na que se recoñecerá o esforzo e talento das rondallas participantes, premiando as interpretacións máis destacadas e fomentando o espírito de equipo.