A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, xunto cos concelleiros de Urbanismo, Antonio Cabaleiro, e de Infraestruturas, Roberto Villar, reuniuse este martes co director do CEIP Laredo, Abraham Domínguez, e o presidente da ANPA do centro, Martín Diéguez, para abordar os “graves problemas de seguridade” que afectan ao colexio debido ao deterioro da súa cuberta e o risco de desprendemento de tellas.
O Concello de Redondela enviou hai un mes un informe técnico á Consellería de Educación da Xunta de Galicia advertindo da “urxente necesidade” de adoptar medidas de seguridade no centro. Entre estas medidas destacan a colocación dun valado perimetral para evitar o acceso á zona de risco e a instalación dunha rede de protección para previr desprendementos.
A alcaldesa, Digna Rivas, lamentou a ausencia de resposta por parte da administración autonómica, malia a “gravidade” da situación. Ante esta inacción, a rexedora comprometeuse coa dirección do centro e a ANPA a asumir os traballos necesarios desde o Concello. “Malia ser unha competencia exclusiva da Xunta, a nosa prioridade é garantir a seguridade dos máis de 180 alumnos e alumnas do CEIP Laredo, así como do profesorado, as familias e os viandantes que transitan pola zona”, declarou Rivas.
Os técnicos municipais iniciaron xa os trámites para contratar estas actuacións, que inclúen a instalación dun valado e unha rede de protección. As obras, segundo indicou a alcaldesa, poderían comezar a finais de xaneiro ou principios de febreiro. A rexedora agradeceu a colaboración do equipo directivo do centro e da ANPA, que mostraron o seu total apoio ao Concello.
Por último, Digna Rivas instou á Xunta de Galicia a actuar de forma inmediata e establecer unha data concreta para acometer a reforma integral da cuberta do colexio. “Esta é unha obra imprescindible para garantir a seguridade no centro, tal como detalla o informe técnico que remitimos hai un mes”, concluíu.