O Feirón de Parada, sede da Asociación da Vía Mariana, acaba de recibir nova sinaléctica para anunciar o final da etapa 6 e o inicio da etapa 7 desta ruta de peregrinación lusogalaica que une Braga con Muxía. O alcalde da Cañiza, Luis Piña, acompañado da Presidenta da Asociación da Vía Mariana, María José Silva, e outros membros do Concello, presentaron o panel informativo que sinaliza estas etapas da ruta.
O novo panel, deseñado pola asociación, destaca a importancia histórica e cultural de Parada, un lugar que acolle antigos pazos e unha paisaxe chea de biodiversidade, que forma parte do sendeiro PRG165.
A Vía Mariana, tamén coñecida como “o camiño feminino”, recupera rutas históricas para conectar 10 santuarios, destacando a súa riqueza turística, cultural, relixiosa e social. A súa proposta é crear sinerxias para mellorar as zonas rurais e favorecer a fixación de poboación.