O Concello de Baiona desvelou nunha “aposta segura pola dinamización cultural da nosa vila” toda a programación lúdica e festiva nestas datas de Nadal que terá lugar durante todo o mes de decembro e primeira semana de xaneiro no centro da localidade e nas parroquias.
A programación arrinca o xoves 5 de decembro co acendido do alumeado de Nadal. O acto comezará ás 19:30 horas co pasarrúas da batucada Lenha Verde e continuará unha vez se acendan as luces, ás 20:30 horas, co concerto do grupo “Los de Barro” na praza do concello de Baiona ata as 22:30 horas.
Como ven sendo tradición, nestas datas o Multiúsos de Sabarís acollerá a partir do sábado 14 de decembro a tradicional exposición de Beléns e Microbeléns. Estará exposto ata o luns 6 de xaneiro de 2025.
Dous Mercados de Nadal amenizarán a praza do Concello os días 7 e 15 de decembro a cargo da Asociación Giro´s Danza e da ANPA Balcaxia Primero de Marzo coa venda de produtos de segunda man reciclados, libros, xoguetes, etc e moitas máis sorpresas como Dj, pintacaras, baile, chocolatada, etc.
A Praza do Concello centralizará todas as actuación do Nadal. Destacan o Festival de Panxoliñas Benéfico o venres 13 de decembro ás 19:00 horas, o Concerto de Nadal do Grupo de Corda e voz “BAIONA BAY”, o sábado 14 de decembro, ou o concerto de Antonio Barros e iAlma, o sábado 21.
O 24 de decembro as parroquias da vila terán a visita de Papá Noel, que fará as delicias dos máis cativos, mentres que o 4 de xaneiro será a quenda do Carteiro Real, que estará na Praza do Concello recollendo as cartas dos pequenos.
As Badaladas de Pre Fin de Ano, organizadas por Aceba en colaboración co Concello, están previstas para o sábado 28 de decembro así como a actuación da Banda de Música de Baiona.
Non faltarán os pasarrúas de rondallas, charangas e rancho de Reis que percorrerán as principais rúas da vila os días 15, 24, 29 y 31 de decembro. A Festa Infantil de Nadal con obradoiros, bailes, inchables, visita do Grinch e neve artificial terá luar na Praza do Concello o xoves 2 de xaneiro.
Por último, a gran Cabalgata de Reis 2025 sairá dende Ponte Romano ás 17:00 horas e dende Santa Marta ás 18:00 horas. Máis de 6 módulos e unha comitiva de 500 persoas acompañarán ás súas maxestades os Reis Magos de Oriente ata a Praza do Concello onde recibirán a todos os nenos e nenas que desexen saudalos.