Mércores, 15 Xaneiro de 2025

Mos estuda implantar un punto limpo móbil itinerante polas parroquias

Mos traballa na modernización do seu Punto Limpo situado no polígono da Veigadaña e, entre as accións a levar a cabo, atópase a instalación dunha biotrituradora para facer estucturante para compost caseiro.

A iniciativa busca triturar restos de poda e vexetais que alí se depositan, e que ese material estructurante poida ser recollido e reutilizado a posteriori polos veciños e veciñas que o queiran empregar para facer o compost caseiro para as súas fincas e cultivos, de xeito totalmente gratuíto.

Outra das medidas será a creación dun mini Punto Limpo móbil, que se desprazará polas 10 parroquias mosenses para facer recollida a domicilio e evitar, a quen lle resulte incómodo, ter que desprazarse ata as instalacións centrais sitas na Veigadaña.

Tamén se mellorará a zona de recollida e almacenaxe de pequenos electrodomésticos. Optimización tendente á posibilidade de que, nun futuro, se puidera tamén activar un servizo de reparación e recuperación dos mesmos, sempre que sexa posible, para a súa reutilización. Neste espazo realizaríase a preparación para a reutilización, xa fora para o almacenamento separado dos residuos susceptibles de seren preparados para a reutilización, como para a comprobación ou tratamento.

Todas estas melloras e implementación de servizos, financiaranse grazas a unha axuda autonómica, xa que desde o Concello de Mos óptase a unha subvención da Xunta de Galicia neste senso, pola que a Xunta asumiría o 90% do custe deste proxecto e a administración local tan só o 10% restante.