Luns, 24 Marzo de 2025

Denuncian as restricións á pesca no Miño e as soltas de auga de Naturgy

A Asociación de Pescadores do Río Miño vén de manifestar a súa preocupación pola actual situación das normativas de pesca no río Miño, que, segundo afirman, dificultan o desenvolvemento da actividade pesqueira tradicional. En particular, critican a recente restrición que reduciu de 60 a 30 os días habilitados para pescar o meixón, ao mesmo tempo que cuestionan a afirmación das autoridades de que a pesquería está en retroceso.

A pesar de que se reduciran os días de pesca en máis do 50%, os pescadores do Miño lograron capturar un 22% máis de meixón na campaña 23/24 (665,7 kg) en comparación coa anterior (544,96 kg), como se recolle nas estatísticas oficiais da Confraría de Pescadores. A Asociación considera que este feito demostra que “peixe no río hai, a cuestión é que as administracións nos faciliten as condicións para poder exercer o noso traballo”.

Os días de pesca habilitados na última lúa de xaneiro foron marcados pola presencia das borrascas Herminia e Ivo, que obrigaron a declarar alertas laranxas, dificultando a actividade pesqueira. A isto súmase a acción de Naturgy, que durante esos días procedeu a soltar auga do encoro de Frieira para os seus intereses privados, causando un arrastre de auga no río que impediu a entrada do meixón e afectou á labor dos pescadores.

Diante destas circunstancias adversas, os pescadores solicitan á Comandancia Naval do Miño que habilite novos días de pesca para compensar as perdas de ingresos derivadas da imposibilidade de pescar debido a factores meteorolóxicos. Tamén reclaman o dereito a exercer os 30 días de pesca establecidos polo Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea, pois consideran que en outros territorios como Euskadi, Asturias ou Francia, os pescadores teñen a posibilidade de reprogramar os días de pesca en función das inclemencias meteorolóxicas, mentres que os pescadores galegos non contan co mesmo trato.

Ademais, a Asociación denuncia as actuacións de Naturgy, que, segundo afirman, realiza soltas de auga “indiscriminadas”, o que afecta tanto á pesca como á saúde do río. Os pescadores consideran que as autoridades locais poñen obstáculos á súa actividade, mentres permiten que multinacionais como Naturgy “fagan e desfagan ao seu antoxo”, alterando o caudal do río sen ter en conta as consecuencias para os ecosistemas.

Finalmente, a Asociación de Pescadores do Río Miño expresa a súa preocupación pola recente proposta de Naturgy de investir 500 millóns de euros na construción dun novo encoro no río Miño, que, segundo alertan, agravaría a situación dos peixes migradores e aumentaría a erosión do cauce debido ás soltas de auga non reguladas.

A Asociación de Pescadores do Río Miño fai un chamamento ás autoridades para que atenden as súas demandas e para que se poidan garantir unhas condicións axeitadas para a pesca e a conservación do medio acuático no río Miño.