Xoves, 27 Marzo de 2025

Cita a cegas cos libros por San Valentín na Biblioteca de Mos

A Biblioteca Pública Municipal María Magdalena de Mos lanza “Biblioteca Namorada: cita a cegas cos libros”, unha iniciativa que se desenvolverá do 10 ao 14 de febreiro co obxectivo de fomentar a lectura dun xeito orixinal e divertido coincidindo coa celebración de San Valentín.

O proxecto, presentado pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Cultura, Sara Cebreiro, propón aos usuarios da biblioteca escoller un libro sen coñecer o seu título nin o seu autor, xa que estarán envoltos en papel de agasallo. Só ao chegar a casa descubrirán a súa lectura sorpresa.

A selección dos libros, que abarcan xéneros como romance, misterio, ciencia ficción, poesía e ensaio, será realizada polo persoal da biblioteca. Ademais, incluirán unha breve pista ou frase suxestiva sobre o contido en cada exemplar. Os libros estarán dispostos nunha sección especial decorada con elementos románticos e un letreiro explicativo da dinámica.

O programa estará aberto a todos os usuarios, limitando a un exemplar por persoa para que máis lectores poidan participar. A actividade busca promover o interese pola lectura, incentivar o préstamo de libros e ofrecer unha experiencia literaria única. Ademais, reforza o vínculo entre os lectores e a biblioteca, indo máis aló da simple celebración de San Valentín.