Luns, 13 Xaneiro de 2025

O Centro Cultural de Quintela estrea soportal cuberto

O Centro Cultural Recreativo da parroquia de Quintela estreou na entrada das súas instalacións un soportal cuberto.  Deste xeito as instalacións do centro gañan un novo espazo cuberto na entrada, que protexe aos usuarios e usuarias das inclemencias climatolóxicas, tanto do sol como das precipitacións. Trátase dunha instalación realizada en panel sándwich con soportes de aceiro que cubre unha superficie total de 56 metros cadrados. Esta actuación, realizada a conta dos Orzamentos Participativos destinados ás actuacións nas parroquias, foi a elixida polo Consello Parroquial de Quintela. O orzamento ascendeu a 14.852 euros.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, xunto cos concelleiros Pedro Villaverde e Alberto Álvarez, visitaron as instalacións acompañados da directiva do Centro Cultural de Quitela para coñecer o resultado dos traballos. Tanto os representantes veciñais como o goberno local manifestaron a súa satisfacción co resultado da obra, coa que o centro gaña “un novo espazo, protexido do sol e da chuvia, o que supón máis comodidade para a veciñanza e permite tamén realizar actividades baixo o soportal”.

O Centro Cultural de Quintela, inaugurado en 2023, é o centro neurálxico da parroquia e funciona como punto de encontro para a vida cultural e social da veciñanza. O parque infantil renovouse e inclúe un espazo biosaudable. A actuación realizada permitiu transformar unha zona infrautilizada nun lugar máis amable, gañando un novo espazo público para facer todas as actividades que precise a veciñanza.