Xoves, 13 Febreiro de 2025

Preto de 900 actuacións en 2024: os bombeiros de Ponteareas consolidan o seu papel no Condado e Paradanta

O Parque de Bombeiros do Concello de Ponteareas pechou o ano 2024 rexistrando un total de 881 intervencións. Este equipo, composto por 16 profesionais, atende as emerxencias de nove concellos das comarcas do Condado e da Paradanta.

O tenente de alcalde e concelleiro de Seguridade, Juan Carlos González, destacou o labor do equipo, que interveu en 38 incendios forestais, urbanos e industriais dentro do concello, así como noutros 43 incendios ocorridos noutros municipios. Tamén subliñou a importancia do traballo realizado nos 61 accidentes de tráfico e nos tres accidentes laborais atendidos ao longo do ano.

Unha labor que vai máis aló das emerxencias

A actividade dos bombeiros de Ponteareas transcende os incendios. Durante o ano, realizaron 555 intervencións para a recollida de árbores caídas, desprendementos, cableados perigosos ou limpeza de vías. O concelleiro salientou tamén o incremento de rescates de persoas que viven soas nos seus domicilios, que acadaron 65 casos no 2024.

“Os bombeiros de Ponteareas amosan unha vocación e compromiso digno de salientar. Cada vez teñen unha faceta máis social, implicados na protección e auxilio da vida das persoas”, afirmou González Carrera.

Formación, prevención e colaboración social

Os profesionais do parque participan de maneira activa en accións formativas organizadas por diferentes administracións e pola Axencia Galega de Emerxencias. Ademais, colaboran como voluntarios en situacións de emerxencia, como as derivadas da recente DANA, e participan en probas deportivas.

No ámbito da prevención, realizan actividades en centros educativos para concienciar sobre seguridade e prevención, sendo un piar esencial para o bo desenvolvemento de eventos e festividades no concello.