O Concello de Salvaterra de Miño informa que dende este mércores 22 de xaneiro e ata o 10 de febreiro estará aberto o prazo de inscrición para participar como comparsa ou carroza no tradicional Enterro da Lamprea 2025, que se celebrará o vindeiro 8 de marzo. Os interesados deberán formalizar a súa inscrición no propio Concello, a través da Sede Electrónica no caso das Asociacións, ou de Rexistro ou sede electrónica para as agrupacións.
Requisitos de participación
Poderán inscribirse todas aquelas Comparsas e Carrozas que cumpran os seguintes requisitos:
- Carrozas: Deberán contar cun mínimo de 25 participantes e unhas dimensións mínimas de 5 metros de longo.
- Comparsas: Esixiranse un mínimo de 20 membros.
En ambos casos, as propostas deberán gardar unha unidade temática tanto no vestiario como na actuación. Non se admitirán inscricións de comparsas ou carrozas que repitan disfraces de edicións anteriores de forma substancial. Ademais, só se permitirá unha inscrición por asociación ou persoa.
Os premios pola participación oscilarán entre os 100 e os 600 euros, dependendo da categoría e do número de integrantes.
Participación individual
O Concello lembra que todas aquelas persoas que desexen participar no Enterro de forma persoal, e non como parte dunha carroza ou comparsa, poden facelo integrándose no grupo das Choronas que acompañarán á defunta lamprea en loito rigoroso.
Información sobre o desfile
O desfile sairá ás 17:00 horas da rúa Rosalía de Castro e percorrerá as principais rúas de Salvaterra de Miño, rematando na Praza do Concello.
As bases e toda a información relacionada están dispoñibles na web oficial do Concello de Salvaterra de Miño. Non perdas a oportunidade de formar parte desta celebración única!