Xoves, 27 Marzo de 2025

Historiadores esixen a Rueda recoñecer a represión franquista en San Simón

Un grupo de historiadores e investigadores galegos esixiron este xoves que se respecte a “verdade histórica” sobre a illa de San Simón como campo de concentración franquista. Fixeron esta demanda nunha reunión celebrada no Concello de Redondela coa alcaldesa, Digna Rivas, e a concelleira de Cultura, Rita Pérez Taboas. No encontro participaron Xosé María Álvarez Cáccamo, Juan González, Dionisio Pereira e Xosé Álvarez Castro, asinantes do manifesto “A verdade non se debate”.

Os historiadores dirixíronse ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, tras as súa recentes declaracións nas que suxería que o debate sobre San Simón debería quedar en mans dos investigadores. Esta afirmación xorde logo de que un deputado do PPdeG afirmase no Parlamento que “non lle constaban mortos en San Simón”. Porén, os expertos levan anos documentando que na illa faleceron arredor de 500 persoas, incluídas oito fusiladas.

Os historiadores consideran que as palabras de Rueda supoñen unha “negación da verdade histórica” e unha “banalización da represión franquista”. Tamén criticaron a intención da Xunta de Galicia de solicitar ao Goberno central a cesión da titularidade da illa, actualmente en usufruto ata 2027. Consideran que esta petición responde a unha “estratexia política” para manter o control sobre San Simón, lembrando que ata agora a administración autonómica permitiu actividades alleas á memoria histórica, como talleres privados de ioga, xincanas e celebracións de Samaín.

Recuperar a Fundación Illa de San Simón

A alcaldesa Digna Rivas subliñou a necesidade de recuperar a Fundación Illa de San Simón para garantir un seguimento do que acontece no arquipélago, programar actividades axeitadas e establecer unha sinalización acorde coa súa historia. A declaración da illa como Lugar da Memoria Democrática, anunciada recentemente polo Ministerio de Política Territorial, reforza esta demanda, pois outorgará un réxime de protección e usos compatibles co seu valor histórico.

Conferencias e cursos sobre San Simón

O Concello de Redondela anunciou a posta en marcha dun programa de conferencias e cursos sobre a historia de San Simón, dirixido tanto á cidadanía como ao alumnado dos institutos do municipio. “Temos que explicarlle ás novas xeracións o que pasou na illa durante a Guerra Civil e os anos de represión, porque moitos descoñecen esa historia”, afirmou a alcaldesa. Os historiadores presentes mostraron a súa dispoñibilidade para colaborar co Concello na organización destas actividades en prol da Memoria Democrática.