O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Tui anunciou a súa decisión de cesar calquera tipo de negociación co grupo municipal do PSOE, pasando a exercer unha oposición “crítica e construtiva”. O partido nacionalista xustifica esta postura polos “reiterados incumprimentos” dos acordos alcanzados co goberno local, afectando iniciativas clave para o desenvolvemento do concello.
Acordos incumpridos
O BNG lembra que en agosto de 2023 apoiou ás dedicacións exclusivas do goberno a cambio de compromisos como habilitar o edificio da rúa Camilo José Cela como sede da Policía Local, destinar espazos para asociacións no edificio Cam-Fran, estudar a viabilidade dun transporte interparroquial e avanzar na integración da Alameda de Santo Domingo co bosque de Seoane.
O segundo acordo, en xullo de 2024, permitiu a aprobación dos orzamentos municipais tras incluírse partidas para a adquisición de terreos no CEIP número 1, melloras nos parques infantís de Montiño, Malvas e Pexegueiro, e a recuperación de espazos verdes, entre outras medidas.
Con todo, máis dun ano despois, o BNG denuncia que ningún destes compromisos se cumpriu. Ademais, recentemente anunciouse que o edificio da rúa Camilo José Cela non será destinado á Policía Local, unha decisión que o BNG considera un engano ao descoñecerse esta suposta limitación no momento do acordo.
Outros proxectos, como os estudos de viabilidade para o transporte interparroquial, a unificación da Alameda co bosque de Seoane ou a intervención no parque empresarial de Areas, “seguen paralizados”. Ademais, as melloras nos parques infantís continúan sen realizarse, malia o seu estado crítico en zonas como Malvas ou Pexegueiro.
O BNG considera que o PSOE de Tui “carece de vontade política e seriedade para honrar os compromisos asumidos, o que fai imposible manter unha relación de colaboración preferente”.