Domingo, 27 Xullo de 2025

O PSOE agradece o apoio da veciñanza para volver a gañar en Ponteareas

O Partido Socialista de Ponteareas quere agradecer aos cidadáns o apoio recibido nestas eleccións Xerais, xa que o PSOE volveu a ser a primeira forza política en Ponteareas cun 29,85 % dos votos frente a un 25,95 % do Partido Popular. “As eleccións voltaron amosar unha maioría de esquerdas, progresista que confía no Partido socialista para avanzar en igualdade, en dereitos sociais e en oportunidades” sinala PSOE ponteareán.

Dende o PSOE de Ponteareas desexan transmitir tamén unha mensaxe de serenidade. Todos os partidos políticos saben que é preciso un goberno no noso país, e haberá un goberno de esquerdas, liderado polo Partido Socialista que permita que a nosa vila poida seguir medrando.

A este respecto o presidente da Xestora do PsdeG-PSOE de Ponteareas, Alfonso Porto, afirma que “nestas semanas reiniciaranse novamente os contactos con Madrid para continuar cos tres grandes proxectos pendentes para Ponteareas: a seguridade vial na nacional 120, a depuradora que permita o saneamento de parroquias como Ribadetea e a seguridade vial no entorno do colexio Ramiro Sabel”. “Ponteareas volve a ter a oportunidade de avanzar e non a deixaremos pasar”, conclúe Porto.

José Manuel Gil e Belén Rodríguez, gañadores do «Trail Orixes» na distancia de Maratón

0

José Manuel Gil Bernárdez e Belén Rodríguez Vidal, proclamáronse vencedores da terceira edición do «Trail Orixes de Mondariz» na cateogría Maratón de 46 quilómetros. Pola súa banda, Alex Sanmartín González e Aroa Sío Seijo facían o mesmo na categoría de 26 quilómetros pechando o cadro de honra, Antonio Groba Pérez e Vanesa Villar Dieguez na categoría MiniTrail de 14 quilómetros.

José Manuel Gil revalida o seu título un ano máis, pois tamén gañou o ano pasado na mesma distancia. Pola sua banda, Aroa Sio gañadora o ano pasado na distancia maratón, este ano pasábase a distancia Trail resultando tamén gañadora da proba.

En total foron 415 os participantes que tomaron a saída nesta proba entre as tres distancias, o que amosa claramente o crecemento que, ano tras ano, experimenta esta proba, feito destacado pola organización que sinalaba que foi preciso “aumentar as prazas para a distancia de MiniTrail dado que, de non facelo, moitos corredores e corredoras quedarianse sen participar”.

[su_image_carousel source=”media: 8642,8641,8640,8639,8638″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

A Asociación Deportiva Mondariz, organizadora da proba, expresaba a súa satisfacción polo resultado desta cita deportiva “despois de moitos meses de traballo e organización” e quixeron agradecer a presenza “de todos os e as participantes que se achegaron a Mondariz para participar nas diferentes distancias, a pesares das condicións meteorolóxicas”.

A maioría dos participantes destacaron a singularidade dos percorridos onde había treitos moi técnicos e outros máis doados, facendo deste trail unha proba única e consolidada no calendario trail de Galicia.

Dende a organización destacaron que, se ben sen os corredores non sería posible esta proba, tampouco o sería “sen os voluntarios e voluntarias que estiveron todo o día dando apoio os corredores dende os diferentes avituallamentos así como en diversas partes do recorrido e na meta e saída. Un gran equipo humano que fixo posible que non se producisen incidencias no III Trail Orixes”

O agradecemento o facía a AD Mondariz tamén “aos colaboradores e patrocinadores que nos axudaron a que os participantes vivisen unha gran experiencia neste trail e desexen volver para o ano.”

Rematado III Trail Orixes “xa nos poñemos en marcha para que o IV Trail Orixes sexa unha realidade no 2020 e para que siga sendo un atractivo para corredores”, conclúe a organización.

A Guarda convida a comercio e hostalería a participar nos actos do Día Internacional Contra a Violencia de Xénero

0

O Concello da Guarda ultima os preparativos para as conmemoracións do Día Internacional contra a Violencia de Xénero 25N que, un ano máis, se coordina dende o Centro de Información á Muller da Guarda e a Concellería de Igualdade e servizos Sociais. O Concello, un ano máis, súmase ao protocolo de colaboración para a organización conxunta da campaña de sensibilización En Negro contra as Violencias, coa que se pretende tinguir de negro as vilas e cidades galegas.

Desde a Concellaría de Igualdade considerase que a actual situación “require dunha resposta unánime de toda a sociedade que poña de manifesto o rexeitamento de todas as formas de violencia contra as mulleres”. Para iso, anímase ao sector do comercio e a todos os axentes sociais do municipio a implicarse un ano máis na conmemoración do 25 de novembro. ‘A Guarda en Negro’.

A proposta consiste en vestir de loito a vila, “en sinal de dor por todas as mulleres que sofren violencia, considerando que o comercio e a hostalaría ten o protagonismo das rúas da Guarda, e son o gran escaparate que pode transmitir á cidadanía a mensaxe de denuncia e solidariedade: Queremos A Guarda libre de violencia!”, sinalan dende a Concellería de Igualdade.

Desde o Concello se pon disposición dos establecementos comerciais e asociacións, de forma totalmente gratuíta, cartelería para todos/as, camisetas e bolsas para aqueles comercios que o ano pasado non participaron e, como novidade, haberá pousavasos e servilletas para a hostalaría e delantais para os/as preaceiros/as para que do 18 ao 25 de novembro, podan vestir as tendas, comercios, empresas, bares, postos do mercado, etc. de negro, así coma os maniquís, manteis dos restaurantes ou os mesmos empregados e empresarios de negro.

Para participar nesta campaña tan só é preciso chamar ao número de teléfono 986614648 ou enviar un correo electrónico a [email protected] cos datos do establecemento (nome e enderezo) e da persoa de referencia (nome e teléfono) antes do 13 de novembro e deseguida contactarase cos interesados/as.

As Neves completa a renovación do alumeado público con lámpadas LED

0

O Instituto para a Diversificación e Aforro de Enerxía (IDAE), dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica, vén de conceder ao Concello das Neves dúas subvencións por un importe total de 301.873,49 € para a renovación do alumeado exterior da vila. As achegas permitirán a a substitución de 749 luminarias e 24 dos 63 cadros de mando do actual sistema de alumeado municipal, o proceso que se levará a cabo nas parroquias de Santiago, San Xosé e San Cibrán de Ribarteme e San Pedro e Santa Eulalia de Batalláns.

Este orzamento, que representa o 80 % do investimento total para substituír a iluminación actual e que estará completada co 20% restante –preto de 76.000 €– que achegará o propio Concello, estará adicado a retirar as luminarias actuais de VASP, VM, BC e IND por novas lámpadas LED, pasando dunha potencia de 36,13k W a 12,05 kW o que representara un aforro enerxético medio do 81%.

Outros 500.000 € máis de fondos europeos

Esta subvención do IDAE súmase ao medio millón de euros, “logo dun traballo de máis de dous anos de xestións”, de fondos europeos, acadados polo Goberno local este mesmo ano. De xeito que As Neves conta con máis de 800.000 € para “renovar na súa totalidade, e en todas as parroquias, abranguendo todo o territorio municipal, as vellas lámpadas obsoletas e contaminantes por leds de alta tecnoloxía”, subliña o alcalde Xosé Manuel Rodríguez Méndez.

Aforro e redución da contaminación

Rodríguez Méndez recalca que, en conxunto, o novo alumeado “ademais de subir a intensidade e claridade do actual mellorando de xeito considerábel o servizo ás veciñas e veciños, permitirá aforrar ás contas municipais máis dun 75 %, de media, no recibo eléctrico e reducir a emisión de CO2 á atmosfera”.

Ao mesmo tempo que se substitúen as luminarias implantaranse sistemas intelixentes de telexestión enerxética nos ‘cadros da luz’. Isto fará que sexa posible monitorizar o alumeado en tempo real e xestionar punto por punto, o cal permitirá regular a intensidade lumínica e programar o acendido e apagado en función das necesidades e das horas nas que haxa luz natural.

Inicio da licitación

O Goberno local empeza agora coa licitación para realizar este cambio, a seguir, empezarán os traballos de substitución das vellas lámpadas, un proceso que se vai facer de xeito progresivo en toda a superficie de As Neves e que se estima que estará rematado nun prazo de dous anos.

Nigran inicia o luns un amplo programa para conmemorar o «Día Internacional contra a violencia de Xénero

0

O Concello de Nigrán súmase un ano máis á conmemoración do ‘Día Internacional Contra A Violencia de Xénero’ o 25 de novembro coa celebración durante todo o mes de diversos actos alusivos que arrancan este mesmo luns 11 e que terán entre o 18 e 25 de novembro visibilidade nos establecementos comerciais a través da campaña ‘En Negro contra as violencias’.

Así, este luns 11 de novembro no IES Escolas Proval escenificarase unha performance a cargo de María Vallina no marco do programa ‘Mulleres en Acción. Violencia Zero’ impulsado pola Deputación de Pontevedra. Non será a única acción promovida polo Concello en centros educativos, xa que o mesmo día 25 de novembro impartirase no IES Val Miñor a través de Ciudad Ciencia o obradoiro ‘Sobre as violencias sexuais’ e , no CPI Arquitecto Palacios, terá lugar o espectáculo teatral pedagóxico ‘Golpes’, con Estíbaliz Veiga. Tamén será representada a obra ‘Sucedáneo’, a cargo da compañía Teatro do Ar, o día 23 de novembro no Auditorio Municipal, mentres que o 25 proxectarase a película “Refuxiado”.

Un ano máis, dende o Concello se anima de novo ao sector do comercio a involucrarse nesta edición da campaña ‘Nigrán en Negro’ vestindo de negro os establecementos comerciais e hostaleiros, en sinal de loito por todas as mulleres que sofren violencia, convertendo a localidade nun gran escaparate que transmita unha mensaxe de rexeitamento da violencia de xénero e solidariedade coas vítimas.

No ano pasado máis de 150 establecementos nigraneses de todo tipo participaron na campaña e o obxectivo é superala. Con este obxectivo, dende o CIM se repartirán carteis, camisetas, manteis e demais merchandising entre os establecementos comerciais e quen queira participar só ten que chamar ao teléfono 986 383081 ou enviar un correo electrónico a [email protected].

“Os establecementos comerciais e hostaleiros son os grandes protagonistas das nosas rúas, por iso precisamos a participación de todos, queremos mandar unha mensaxe unánime á veciñanza de denuncia e solidariedade, queremos un Nigrán libre de violencia”, reflexiona o alcalde, Juan A. González. “O obxectivo final de todas estas accións é deixar patente a nosa repulsa ante calquera tipo de maltrato á muller e concienciar disto a toda a veciñanza”, finaliza.

Paula González Jorge, Mos na Selección Española de Fútbol Feminino Sub-16

0

A xogadora do Mos Feminino, Paula González Jorge, foi convocada pola Selección Española de Fútbol Feminino Sub-16, coa que aínda non xogou ningún partido pero sí asistiu xa aos adestramentos que tiveron lugar en Las Rozas en Madrid, do 21 ao 23 de outubro. A xogadora do U.D. Mos Feminino foi felicitada no Campo de Fútbol das Baloutas –durante o acto oficial de presentación de todos os equipos das diferentes categorías da Unión Deportiva Mos para a presente tempada 2018-2019– polo presidente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán; pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo; a concelleira de Deportes mosense, Begoña Toucedo; demais membros do equipo de goberno local e o presidente da U.D. Mos, Pablo Alonso Serodio.

Paula González ten 15 anos e estuda 4º da ESO, xoga de central ou medio centro e é a máis nova do equipo, xa que o resto de xogadoras teñen idades superiores aos 20 anos. Na Liga de Primeira División Autonómica, o U.D. Mos Feminino vai segundo, sen ter perdido ningún partido e con só dous tantos encaixados.

Sobre como vive Paula a convocatoria para a Selección Española a súa nai, Mercedes Jorge González, explica que “víveo con moitas ganas e ilusión, o fútbol é a súa paixón e dende sempre pediu de regalos de Reis balóns ou botas de fútbol, nunca ningún outro xoguete, sempre cousas relacionadas co fútbol”.

[su_image_carousel source=”media: 8616,8615,8614,8613,8612,8611″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Paula González é a pequena de catro irmáns (3 nenas e 1 neno) e ela quixo seguir os pasos do seu irmán varón apuntándose a fútbol como actividade extraescolar, así comezou con 4 anos no Coruxo C.F. para despois cambiarse, no primeiro ano de Alevíns, para o San Miguel C.F. A tempada pasada xa a fichou o Mos e este é o seu segundo ano co clube mosense.

Agora Paula é Cadete de segundo ano e con 11 anos xa foi convocada para xogar coa Selección Galega de Fútbol. Xogou coa Selección Galega Sub 12 con 11 anos, e coa Sub 15 con 13 anos. Actualmente, ademais de coa Selección Española, continúa tamén convocada pola Selección Galega Sub 17.

A súa familia asegura sentirse moi orgullosa de Paula, xa que ademais a súa nai e o seu avó son grandes afeccionados a este deporte e seguidores do Celta.

Dende o Concello de Mos, rexedora local e edil de Deportes, destacan a valía desta xove xogadora á que definiron como “un exemplo e un orgullo, do mismo xeito que o son as súas compañeiras de equipo, que están a ser a sorpresa da Liga e veñen despuntando dende fai xa varios anos”.

Arévalo e Toucedo quixeron animalas a todas “a seguir pola senda de traballo duro e superación que xa as ven caracterizando e continuar na mesma liña na Liga, para tentar traer o título para Mos”.

Redondela reafirmase na súa “total e absoluta oposición” á reordenación do acceso a Rande da APV

0

A Alcaldía de Redondela vén de amosar, unha vez máis, o seu “absoluto rexeitamento” ao proxecto de reordenación do acceso á zona portuaria de Rande proposto pola Autoridade Portuaria de Vigo á que, segundo a alcaldesa Digna Rivas, “parécelle importar ben pouco realizar unha actuación que degradará de xeito irreversible, unha zona de protección ambiental”.

O proxecto, ademáis, “afectará negativamente non só á calidade de vida das veciñas e veciños, senón tamén á súa economía, dado que é unha zona de marisqueo da que viven numerosas familias de Redondela e que teñen, nesa actividade, o seu sustento”.

Digna Rivas sae así ao paso das informacións aparecidas na prensa nas que se sinala que “o departamento municipal de Urbanismo de Vigo non mira ningún obstáculo para que a Autoridade Portuaria poida poñer en marcha á reordenación da zona de Rande coa construción dun novo viario costeiro destinado ao tráfico portuario”.

A alcaldesa de Redondela puntualiza que o informe deriva do feito que “ao tratarse dunha obra que ten afección sobre a Ría o concello vigués tamén ten que pronunciarse ao tratarse dun proxecto que ten que superar unha avaliación ambiental” pero, aclara a alcaldesa, é unha obra que se tería que desenvolver no Concello de Redondela “e este, polo tanto, o que ten a última palabra que non é outra que unha total e absoluta oposición a dita actuación”.

Lembra a rexedora local que en agosto do 2019, o Concello de Redondela enviaba un completo informe de 11 páxinas asinado pola propia alcaldesa Digna Rivas e o concelleiro de Medio Ambiente, Roberto Villar, no que se explicaban, polo miúdo, os motivos polos que o Goberno local de Redondela sempre será contrario a esta obra proposta pola APV.

Así, o informe sinala claramente que o lugar no que se pretenden as obras “atópase clasificado en Suelo Urbano Industrial, Suelo Non Urbanizable de Núcleos Existentes Tradicionais e en Solo Non Urbanizable Común” e o que é máis salientable e que “supón o trazado de novos viais non previstos polo planeamento vixente nin no PXOM que se atopa en tramitación”.

Digna Rivas matiza que “a obra que pretende a APV non é unha reordenación de accesos, senón unha nova infraestrutura que implicaría un enorme impacto visual e acústico e que, a maiores, é totalmente oposto ao Plan de Ordenación Litoral (POL)”.

De feito, o proxecto é contrario ao artigo 40 do POL no que sinala, claramente, que os obxectivos serían preservar os seus valores e mellorar a funcionalidade dos seus ecosistemas; manter as súas características naturais evitando a súa alteración; procurar a súa conectividade ecolóxica a través dos corredores, mellorando a súa funcionalidade e manter o fráxil equilibrio das condicións que configuran o medio natural no que se desenvolven os ecosistemas que lle son propios.

E dicir, apunta a alcaldesa de Redondela, “xustamente o contrario ao que propón a Autoridade Portuaria á quen estas cousas, polo que se mira, impórtanlle ben pouco”. Iso sen ter en conta que nesa zona da Rede Natura “atópanse importantes bancos pesqueiros e de marisqueo do que viven numerosas familias, non so do noso concello, senón de concellos limítrofes. A obra, polo tanto, non só afectaría ao ecosistema, senón tamén ao seu medio de vida”.

Nas alegacións a este proxecto, o Concello de Redondela tamén chamaba a atención sobre “a gravidade dos impactos ambientais da obra” ao sinalar que produciría un “impacto significativo” sobre o aire, auga, clima, flora, fauna, paisaxe e a interacción entre todos e que serían producidos por “un incremento das verteduras ao litoral, incremento da utilización dos recursos naturais, afección a espazos protexidos da Rede Natura 2000 e unha afección significativa ao patrimonio cultural”. A todos estes impactos, engádese o “incremento significativo das emisións á atmosfera, xustamente un dos problemas contra o que tratan de loitar todas as administracións responsables”, engade Digna Rivas

“Sobre este tema, a posición do Goberno que presido nin cambiou nin cambiará e non e outra que a absoluta e total oposición ao proxecto”, afirma rotunda Digna Rivas que, ao mesmo tempo lamenta que “a Autoridade Portuaria non sexa capaz de entender que a Enseada de San Simón e, en particular a zona do Estreito de Rande, é un espazo privilexiado para o desenvolvemento de calquera actividade lúdica incompatible co uso industrial”.

A alcaldesa de Redondela sinala a súa clara e inequívoca intención “de seguir loitando na defensa dos intereses dos veciños e veciñas de Redondela e que polo tanto pide que se paralice calquera actuación que quebre a protección de toda a Rede natura e a dos elementos patrimoniais existentes, tendo en conta os usos previstos polo POL, con recuperación de espazos privilexiados para o goce da cidadanía”.

Ponteareas abre o prazo para o concurso de deseño do cartel do Corpus 2020

O Goberno de Ponteareas comeza os preparativos das vindeiras festas do Corpus Christi e da un paso máis na promoción e no recoñecemento destas festas, das súas alfombras florais e das súas xentes ao convidar ás facultades de Belas Artes e a de Publicidade e Comunicación Audiovisual, así como aos centros formativos oficiais relacionadas co deseño, a participar no IV Concurso do Cartel do Corpus. 

A concellería de Eventos, que dirixe Cristina Fernández, fixo públicas as bases do concurso do cartel da vindeira edición das festas de Corpus, que terán lugar o 13 e 14 de xuño, coa finalidade de involucrar a persoas individuais ou colectivos no deseño do cartaz oficial da festa. 

O concurso será aberto e poderán participar calquera persoa física maior de 18 anos, cun máximo dunha obra de creación propia, orixinal e inédita de técnica libre. 

Todos os carteis deberán estar relacionados coa festividade do Corpus Christi e as alfombras de flores que se realizan con motivo desta festividade. A temática estará relacionada coa xente, materiais, trazados, deseños, etc. relacionados coa festividade e con Ponteareas.

As propostas poderán presentarse ata o día 26 de novembro (incluído). As bases poderán consultarse na páxina web do concello na pestaña Cultura “bases” ou premendo nesta ligazón.

Os traballos deberán ser presentados no rexistro da Casa do Concello de luns a venres de 9 a 14 horas.

Cristina Fernández será a presidenta do xurado e o resto do xurado serán profesionais do mundo do deseño, o debuxo ou as belas artes tendo en conta as suxestións dos e das alfombristas. 

A temática, o mellor deseño gráfico, a calidade técnica e a artística, o impacto visual, a creatividade ou a orixinalidade no deseño serán os aspectos que o xurado valorará para decidir o gañador ou gañadora deste concurso dotado cun premio único de 1.000 euros. 

Charla informativa da Asociación Párkison Baixo Miño na Guarda

0

O vindeiro xoves día 14 de novembro ás 18:15 h da tarde celebrarase una charla informativa co título ‘Mejoremos juntos la calidad de vida’ no Salón de Actos do Centro Cultural da Guarda, no que a logopeda Nerea Álvarez Rodríguez e a terapeuta ocupacional Olalla Vilar Figueira, do Centro Anarela de Tui, falarán sobre a importancia de realizar terapias de rehabilitación, para acadar una mellor calidade de vida das persoas afectadas pola enfermidade de Párkinson.

A presentación do acto será a cargo da Presidenta da Asociación Herminia Sías Cortiñas. Esta charla enmárcase no Proxecto Párkinson Rural, unha iniciativa da Federación Española de Párkinson, posta en marcha co apoio da Fundación O.N.C.E.

«Mulleres do Silencio», a Deputación visibiliza o talento das artistas galegas do século XX

A Deputación de Pontevedra presentará a próxima semana en Vigo e Pontevedra o catálogo ‘Mulleres do Silencio. De Maruja Mallo a Ángela de la Cruz’, baseado na exposición que tivo lugar no MARCO entre outubro de 2016 e abril de 2017 na que se visibilizou a obra e traxectoria de 19 artistas galegas vinculadas á pintura.

A presidenta Carmela Silva, acompañada de Rosario Sarmiento, comisaria da exposición e promotora do catálogo, sinalou que “o obxectivo é visibilizar o talento das mulleres historicamente ocultas durante séculos, neste caso das artistas galegas do século XX, posto que a historia da arte foise construíndo cunha mirada masculina e obviando e dificultando que as mulleres puidéramos participar activamente no mundo da cultura”.

As presentacións desta publicación terán lugar o mércores 13 ás 19:00 horas no Palacete das Mendoza, en Pontevedra, e o venres 15 ás 18:00 horas na Biblioteca do Marco, en Vigo. A Deputación editou xa mil exemplares do catálogo e, tal e como sinalou Silva, iranse “reeditando porque queremos que cheguen a todas as casas e centros educativos da provincia como unha acción máis de recoñecemento do que teñen aportado tantas grandes mulleres da cultura, neste caso da pintura”. Nesta peza ponse en valor o traballo de artistas como Maruja Mallo, María Victoria de la Fuente, Beatriz Rey, Soledad Penalta ou Menchu Lamas, “precursoras de moitas artistas de hoxe cando en Galicia vivimos toda unha revolución cultural que ten nome de muller”.

Aínda que no eido da arte avanzamos cara á igualdade, o camiño tamén é longo. De feito, Rosario Sarmiento aportou un dato revelador de que “as mulleres son o 70 % do alumnado nas escolas de Belas Artes mais “cando estas artistas rematan os seus estudos con brillantes cualificacións e chegan o mundo profesional, só teñen o 30 % dos espazos profesionais para poder desenvolver o seu traballo”. Sarmiento quixo salientar que, deste xeito, é difícil que as mulleres “formen parte das direccións das grandes galerías de arte que son as que marcan as pautas do mercado e mentres esa situación de desigualade siga temos que seguir loitando día a día”

O profesorado do CEIP Santiago de Oliveira recibe formación en primeiros auxilios

A concellería de Saúde, que dirixe a tenenta de alcalde Cristina Fernández, ven de entregar ao CEIP Santiago de Oliveira un desfibrilador que recibiron da man dos bombeiros municipais. Ademais de facer entrega deste novo equipamento, os bombeiros ofreceron formación de primeros auxilios para os mestres e mestras do centro educativo que valoraron positivamente.

Co obxectivo de dispor de desfibriladores nos emprazamentos con maior afluencia de persosas, os bombeiros procederon nestes días á dispor a colocación deste equipamento que poderá ser empregado sempre e cando sexa preciso.

O xefe de bombeiros destacou a importancia de estar preparados antes situacións de emerxencia ou nas que se deba prestar auxilios.

Para garantir unha intervención rápida, o equipamento vai acompañado dunhas instrucións básicas nas que o primeiro paso recomenda chamar ao 112 para que un equipo especializado guíe os auxilios prestados por calquera mestre ou mestra que se atope na situación de urxencia. 

Dentro do programa do Plan de Bombeiros de Ponteareas entrégase este novo desfibrilador que se suma aos oito entregados: praza de abastos, campo da Lomba, campo de fútbol de Pardellas, no de Angoares, nos bombeiros, na piscina municipal, a protección civil e ao CEIP Fermín Bouza Brey; todos eles lugares cunha alta afluencia de persoas.

Coa intención de convertir Ponteareas nunha vila cardioprotexida, a Concelleira de Saúde explica que se seguirán a entregar novos desfibriladores “dando prioridade aos puntos con alta afluencia de persoas, acompañada da correspondente formación”.

«Distintas compañías» de Teatro do Ar, este sábado en Nigrán

0

O auditorio do Concello de Nigrán recibe este sábado ás 20 horas, a ‘Teatro do Ar’ nun novo día do seu ciclo de teatro. A compañía de Nigrán representará a obra orixinal de Pedro Rodríguez Villar, director do grupo, ‘Distintas Compañías’. Unha comedia baseada nas lendas que Antonio Fraguas, homenaxeado no Día das Letras Galegas deste ano, recolleu durante a súa vida de aldea en aldea.

Dous sospeitoso peregrinos chegan a Eiriña, unha aldea pequena que non sae en ningún mapa e onde viven cerca de trinta veciños nun pequeno casco urbano entre leiras e bosques escuros. Perdidos preguntan ó párroco Muñoz, un crego sospeitoso que non sae da aldea desde hai vinte anos, por onde se vai a Santiago. Este non lles responde e os inclúe como parte dun ritual do máis estrano e perigoso.

Con esta historia, Pedro Rodríguez pretende mostrar a forza das lendas e a tradición no rural galego. “Son parte da nosa identidade e temos que saber aprecialas como fonte de contos, teatro e todo o que queiramos”, explica o creador. Outro dos puntos interesantes da obra, ademais da súa chave de humor, consiste no contraste entre unha xuventude pegada ao Instagram e outra ás lendas de lareira.

A obra foi representa este verán no paseo da Foz ao aire libre como antesala ao NigránJazz. Por iso, Rodríguez decidiu presentar este sábado unha versión modificada de ‘Distintas Compañías’ para continuar sorprendendo no auditorio do Concello. Un novo escenario que suma a xira deste obra coa que Teatro do Ar xa actuou en Gondomar, Oia, Nigrán, Vigo e Antas de Ulla (Lugo).

Teatro do Ar é unha compañía de rapaces entre 16 e 24 anos que se creou hai oito anos. Colaboran en proxectos de teatro social e xa recorreron gran parte de Galicia coas súas actuacións

Cita coa música coral no «VI Encontro de Corais Vila de Mondariz»

0

A Coral Polifónica ‘Santa Baia de Mondariz’, coa colaboración do Concello, organiza este sábado, 9 de novembro, o ‘VI Encontro de Corais Vila de Mondariz’, un evento cultural consolidado na axenda municipal que este ano conta con tres corais galegas convidadas.

O concerto arrancará ás 19:30 horas no auditorio do Centro Social de Mondariz, con entrada libre até completar aforo.

A Coral Polifónica Santa Baia, composta de 35 voces mixtas e dirixida desde o ano 2000 por Víctor Fernández Nogueiras, posúe un extenso repertorio (cancións populares, habaneiras, cancións galegas, zarzuelas, música sacra e contemporánea) e ten participado en numerosos certames nacionais e internacionais. 

Nesta sexta edición do ‘Encontro de Corais Vila de Mondariz’ compartirá escenario coa Coral A Torre de Maside (Ourense), a Coral Fonte do Souto de Culleredo (A Coruña) e a Coral Voces e Cordas de Sobrado do Bispo (Ourense).

O Rosal pecha o Samaín coa compostaxe das cabazas

A campaña para compostar as cabazas xeradas durante a fin de semana pasada con moito do Samaín no Rosal, péchase cun gran éxito, segundo sinalou o Concello que preside Ánxela Fernández Callís. Durante a fin de semana e inicios desta, a cidadanía foi achegando as cabazas ao composteiro comunitario para que o mestre composteiro as xestionase adecuadamente.

Ademais, o mestre tamén visitou os diferentes CRA do concello para preparar e compostar as cabazas alí depositadas no propio composteiro individual instalado en cada un dos CRA.

Para a compostaxe deste material foi preciso seguir unha serie de pasos. En primeiro lugar, procedeuse a eliminación das partes ‘non compostables’ como adornos de tela, papeis de cores, cirios e pintura. Neste último caso, nos casos que foi posible, pelouse a cabaza para aproveitar o interior.

[su_image_carousel source=”media: 8572,8574,8575,8576,8577,8578″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

A continuación procedeuse á trituración das cabazas. Debido ao tamaño e dureza da pel, o picado das cabazas en anacos máis pequenos facilita e acelera o proceso de compostaxe.

Posteriormente remexeuse o material incorporado ao composteiro. Para evitar a compactación e a conseguinte perda de aireación, remexéronse coidadosamente os restos de cabaza xunto co material xa existente no composteiro e con estruturante (madeira triturada). Este paso permite acelerar o proceso de compostaxe, equilibra o exceso de humidade procedente da materia orgánica e evita incidencias no composteiro.

Xa por último, tapouse o material con estruturante para evitar a aparición de mosquiña.

O Concello do Rosal quixo transmitir o seu agradecemento a todas aquelas persoas que decidiron participar nesta campaña, ás usuarias e usuarios habituais do composteiro comunitario e ás que teñen composteiro individual nas súas casas. “Queda moito camiño por recorrer, pero estades deixando claro que existe unha vontade que sen dúbida permitirá o cambio cara a un concello máis sustentable”, aseguraron dende o Executivo local.

A policía do Porriño esclarece a “detención ilegal” dun chofer dun vehículo de aluguer

A Policía Local de O Porriño esclareceu un caso dunha presunta “detención ilegal” do chófer dun vehículo dunha empresa portuguesa de aluguer con conductor. O chófer foi retido, presuntamente pola forza, por catro mozos tamén portugueses que viñan ‘de marcha’ por varios días e que foron detidos por axentes locais de Porriño a través dun control policial efectúado na rúa Antonio Palacios.

O vehículo de aluguer, un Seat León con matrícula portuguesa, foi avistado polos axentes porriñeses na subida á Risca facendo unha maniobra brusca polo que se activou un operativo.

Os membros da Policía Local que interceptaron o vehículo comprobaron que o conductor “presentaba un hematoma no ollo dereito e un traumatismo craneal. Dentro do vehículo había catro mozos portugueses, un deles menor de idade”.

O conductor recoñeceu, entre bágoas, que levara ós mozos desde Oporto ata Vigo o luns 5 e que cando lles manifestou o martes 6 que quería regresar a Portugal, impedironllo con golpes. A declaración do chófer concorda cunha denuncia presentada en Portugal por detención ilegal dese conductor.

En consecuencia os catro mozos foron detidos, abrironse dilixencias e remitironse ó xuzgado baixo una acusación de presunta detención ilegal. Tras pasar polo xuzgado os catro mozos quedaron en libertade con cargos. Pola súa banda a víctima foi trasladada polos propios axentes ó Centro de Saude para ser atendido das lesións que presentaba.

Dase a circunstancia de que o esclarecemento deste caso de secuestro sobreviño cando a Policía Local despregaba o pasado luns una operación de “peche perimetral” al recibir noticia de que esa noite acababa de ter lugar un roubo con forza nun chalet dunha urbanización próxima.

O BNG de Redondela aposta por renovar o antigo Colexio Igrexa “como espazo multifuncional”

0

O fin da actividade lectiva no antigo CEIP Igrexa, Chapela, “debe ser aproveitado para que se cree un novo espazo dotacional de carácter cultural e asociativo na parroquia”, asegurou hoxe o voceiro do BNG de Redondela, Xoán Carlos González. González refírese a manter o antigo edificio educativo, xunto ás vivendas escolares, “co que se gañarían máis de dous mil metros cadrados para desenvolver diversas iniciativas culturais, asociativas e feministas”.

“De todos e todas, é ben coñecida a falla de espazos para as diferentes asociacións e entidades culturais, que padece Chapela. Agrupacións como Anaquiños ou Froles Mareliñas, desenvolven a súa actividade en condicións moi complexas”, sinala o voceiro nacionalista. Ademáis apunta González, que a A.VV. de Chapela e a Comunidade de Montes, “víronse forzadas a abandoar por malas condicións, o local do que ata agora dispoñían”.

Os nacionalistas redondeláns consideran que agora é o momento de “negociar con Audasa e Fomento, para que lle cedan ao Concello de Redondela, este espazo”, afirma o voceiro nacionalista. “Córrese o risco de que en calquera momento, as máquinas poidan derrubar o colexio, co que se esbaería toda posibilidade de aproveitamento do edificio”. “Emprazamos a que Digna Rivas, como alcaldesa, se dirixa aos responsábeis da Concesionaria e do Ministerio para iniciar as negociacións”.

Queren aproveitar a oportunidade, para que se cre un punto de divulgación e posta en valor do traballo desenvolvido polas mulleres e polo feminismo. “A denominación de Espazo Multifuncional ‘Sesé Mateo’, sería o máis acaído, en memoria de quen foi asasinada por violencia machista hai case tres anos.

Este foi un dos compromisos que pretende sacar adiante a organización nacionalista, “que xa presentamos no nos Programa Eleitoral, ademáis de levar ao Pleno do Concello un acordo similar”, recorda. “Imos propoñer que nos vindeiros orzamentos se inclúa unha partida para a reforma integral destes edificios, co fin de que o movemento asociativo podia dispoñer del canto antes”, remata na súa nota Xoán Carlos González.

Baiona senta as bases da campaña «En Negro contra as violencias»

0

O Concello de Baiona vén de adherirse, por pirimeira vez, á campaña ‘En negro contra as violencias’, unha iniciativa nacida en Santiago de Compostela no 2015 que busca a sensibilización contra as violencias machistas e implicar a toda a cidadanía na súa erradicación. Catro anos despois da súa posta en marcha, son xa 119 os concellos adheridos.

A Concelleira de Igualdade, Yasmina Moreira Costas, iniciou os contactos cos centros educativos municipais e asociacións locais para implicalas na difusión da campaña.

Esta desenvolverase no municipio na semana do 18 ao 25 de novembro, datas nas que dende a Concelleria de igualdade, “proponse vestir de loito a nosa vila, en sinal de dor por todas as mulleres que sofren violencia, e como resposta á máis dura das súas consecuencias, a morte”.

“Consideramos que, comercios, establecementos e entidades asociativas son o gran escaparate que pode transmitir á cidadanía a mensaxe de denuncia e solidariedade: queremos unha Baiona libre de violencias machistas!”, engade Yasmina Moreira. 

Por elo a concelleira de igualdade, informa a todas aquelas entidades, asociacións, comercios e establecementos que queiran participar na difusión da campaña contacten a través do correo electrónico [email protected] indicando o seu nome e teléfono de contacto. Facilitaráselle diverso material para tinguir de negro Baiona.

A Concellería de Igualdade do Concello de Baiona quere salientar que na organización da campaña, colabora activamente o alumnado do ciclo superior de animación sociocultural do IES Primeiro de Marzo.

As mulleres do PSOE rexeitan pactos cos “miserables” que non condenan a violencia de xénero

As mulleres do PSdeG-PSOE de Pontevedra tomaron a voz hoxe na praza de Concepción Arenal para reclamar o voto o próximo domingo, “porque as mulleres teñen máis futuro cando goberna o Partido Socialista”. O acto, ao que asistiron mulleres socialistas de toda a provincia e o secretario xeral provincial, David Regades, xirou ao redor das intervencións da presidenta da Deputación, Carmela Silva; Marta Giráldez, secretaria de Igualdade da Executiva provincial e alcaldesa de Meis; Marica Adrio, candidata ao Senado e Olga Alonso, candidata ao Congreso.

Carmela Silva fixo un chamado para “parar aos miserables que negan a violencia de xénero, que negan que nos asasinan por ser mulleres, que negan os nosos dereitos profesionais e din que xa acadamos a igualdade”. A presidenta da Deputación engadiu que hai que frear “aos miserables e aos seus cómplices, que son os que os apoian para gobernar xuntos”. Un feito que comparou co que sucede en Europa, onde os partidos conservadores poñen un cordón sanitario ao fascismo.

[su_image_carousel source=”media: 8555,8553,8552″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Carmela Silva foi moi crítica coa voceira do PP no Congreso por non defender que só o si é si e todo o demais é violación e rexeitou que Ana Pastor, no último debate televisivo, tratase de “lavarlle a cara”.

Tamén como “miserable” cualificou o feito de que se trate de culpar aos inmigrantes de tódolos males, incluídas as agresións ás mulleres. Na súa intervención recalcou que as forzas políticas que defenden este tipo de posicións non poden estar nas institucións. Citando a Dolores Ubárruri, recalcou que “non pasarán” “porque somos máis da metade da poboación e queremos os nosos dereitos, queremos liberdade para andar pola rúa sen medo e que as nosas fillas non teñan que ir con coidado de ser agredidas”.

Con datos na man indicou que a brecha salarial está en Galicia entre o 23% e o 27%, mentres en España é do 15%. No caso das pensións a brecha é do 37,2%, mentres no resto de España é do 35%, “así que hai que denunciar que o PP non fixo nada polas mulleres galegas”. Finalmente denunciou que os 8 millóns de euros que a Xunta recibe do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero gástanse en propaganda e publicidade.

O feminismo, concluíu, foi escoitado e reflectido en normas como a Lei de Igualdade e a Lei contra a Violencia de Xénero só cando o PSOE gobernou e España, polo que agora, nestes momentos convulsos, non é momento de retroceder.

Adegas Marqués de Vizhoja abre as súas portas durante o «Día Europeo do enoturismo»

0

O vindeiro domingo 10 de novembro celébrase o ‘Día Europeo de enoturismo’ no que a adega galega Marqués de Vizhoja abrirá as súas portas para que, as persoas que o desexen, poidan gozar dunha visita gratuíta previa inscrición. Para rexistrarse nesta visita gratuíta interesados e interesadas poden facelo a través do correo electrónico [email protected]. A visita realizarase o día 10 de novembro ás 11:30 h cunha duración dunha hora e media.

A adega atópase ás beiras do río Miño, nunha contorna natural, que ten como protagonista o Pazo a Moreira, rodeado de case 40 hectáreas de viñedo. Unha paraxe natural que atrae cada ano a visitantes nacionais e internacionais cun objetico común, coñecer a cultura do viño e á familia Vizhoja.

A visita a Adegas Marqués de Vizhoja caracterízase por unha visita familiar e acolledora. Neste circuíto explícase a historia da adega, o proceso de vendima, elaboración do viño e embotellado. Como guinda final farase un percorrido polos xardíns centenarios que rodean o Pazo A Moreira, finalizando coa degustación do afamado viño branco Marqués de Vizhoja e o 100 % albariño Torre a Moreira (D.Ou. Rías Baixas) acompañado dun petisco.

Esta xornada enmárcase dentro do plan de actividades enoturísticas previstas para este ano en Adegas Marqués de Vizhoja e cuxa finalidade é a promoción do turismo enolóxico. Durante todo o ano Adegas Marqués de Vizhoja promove actividades temáticas cuxo fío condutor é a familia, gastronomía e turismo: San Valentín, Día da Nai, Día do Pai… Maridaxes especiais coa lamprea (peixe primitivo recoñecido en Arbo), maridaxes de outono, workshops de fotografía, Día Internacional de Ioga, entre outros.

Adegas Marqués de Vizhoja foi galardoada o ano pasado pola Asociación Española de Cidades do Viño ( ACEVIN) nos IV Premios de Enoturismo; ‘Roteiros do Viño de España’, como adega comprometida coa sociedade e o medio ambiente, polas xornadas de sensibilización sobre os incendios do Condado Paradanta; cuxa finalidade é a de reflexionar sobre o problema e buscar sinerxias entre profesionais agrícolas e forestais para previr os devanditos incendios.

A Escola de Restauración de Bens Culturais de Galicia pide medidas para evitar a desaparición da Fonte de Troncoso

A Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia considera “de vital importancia que se leve a cabo a consolidación das cabeceiras dos muros” da Fonte de Troncoso, en Mondariz Balneario, antes do inverno. A institución, a través dun informe asinado pola súa directora, Carmen Lorenzo Rivera, o 4 de novembro, insta á administración e á propiedade do edificio a “aplicar medidas de protección activas que garantan a conservación dos bens protexidos que formen parte do patrimonio cultural de Galicia se os titulares dos mesmos non o fan”.

A dirección desta escola oficial, única en Galicia, visitou recentemente a Fonte de Troncoso convidada polos veciños e veciñas da vila. Desta forma puido observar in situ cal é o estado material deste edificio protexido pola lei en estado crítico. A petición da plataforma SOS Fonte de Troncoso, elaborou un informe técnico que a plataforma vai remitir de inmediato ao Concello de Mondariz Balneario, á Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia e ao Fiscal Xeral do Estado, que abriu dilixencias informativas desde Madrid para coñecer o estado de conservación do edificio proxectado por Antonio Palacios, así como as accións que a Xunta de Galicia puxo en marcha para salvagardar este edificio de interese público.

Estado de conservación deplorable

A dirección da escola recorda que o edificio da fonte “atópase situada á beira do río Tea incluído na Rede Natura 2000 da Unión Europea, está incluída no Catálogo de Bens Culturais do Concello de Mondariz Balneario cun grao de protección integral e tamén no Plan Básico Autonómico aprobado pola Xunta de Galicia, porén, atópase nun estado de conservación deplorable.”

Os profesores e profesoras da única escola oficial de conservación e restauración de bens culturais que existe en Galicia destacan tamén que “a marquesiña e as súas varandas modernistas de ferro forxado atópanse en moi mal estado de conservación”.

“Dende a Escola Superior de Conservación e Restauración de Galicia, queremos denunciar a situación de emerxencia na que se atopa a Fonte de Troncoso construída por Antonio Palacios en Mondariz Balneario, e dar o noso apoio á Plataforma SOS Fonte de Troncoso na súa defensa do patrimonio e da cultura de Mondariz Balneario”, afirma no seu escrito a dirección do centro. “Esperamos que se tomen as medidas necesarias para evitar a perda dunha construción tan emblemática como a Fonte de Troncoso”, conclúe.

Dado que a propiedade do inmoble, a empresa Fuentes Capital S.A (antes Fuentes de Mondariz SL), sociedade que se atopa en liquidación derivada dos autos de concurso ordinario 261/11 do Xulgado do Mercantil núm. 5 de Madrid, non cumpre coas obrigacións de conservación que sinala a Lei 5/2016 do Patrimonio Cultural de Galicia, en concreto o seu art. 32, desde a Plataforma SOS Fonte de Troncoso consideran “que é vital para a conservación do edificio que a administración actúe de forma subsidiaria e urxente realizando os traballos arriba citados”.

O documento da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia pode ser consultado nesta ligazón.

Alcaldías de ambas beiras do Miño reúnense en Valença para traballar no plan de mobilidade sustentable

O deputado de Cooperación Transfronteiriza e director do AECT Rio Minho, Uxío Benítez, reuníuse onte en Valença cos alcaldes e alcaldesas dos municipios do territorio para avanzar no desenvolvemento do Plan de Mobilidade Sustentable do Río Miño Transfronteirizo (PMST) e coñecer as súas impresións sobre o mesmo.

“Todos os axentes políticos do territorio temos moito que dicir e precisamos cohesión nas demandas para o territorio dos dous Estados”, sinalou Uxío Benítez, que remarcou o carácter multidisciplinar das problemáticas relacionadas coa mobilidade transfronteiriza. O Plan, que se atopa en fase de redacción, incorporará as achegas dos equipos técnicos dos concellos e cámaras ata o 30 de novembro, e será presentado oficialmente a principios do 2020.

A xuntanza, presidida polo deputado de Cooperación Transfronteiriza e director do AECT Rio Minho, Uxío Benítez, contou coa presencia do presidente da Cámara de Caminha, a alcaldesa de Tomiño, o alcade de A Guarda, a alcaldesa do Rosal, os presidentes das Cámaras de Paredes de Coura, Valença, Monçao, o alcalde de As Neves, os presidentes das Cámara de Vilanova de Cerveira e Melgaço, os alcaldes de Mondariz, A Cañiza e Salvaterra, o técnico do CIM-Alto Minho e os representantes do AECT Rio Minho Antonio Torras e Lois Pérez Castrillo.

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís conversa coa alcaldesa de Tomiño, Sandra González, na reunión de Valença

Os alcaldes remarcaron a necesidade de apostar de xeito cooperativo, a curto e longo prazo, por un proxecto de mobilidade que preste atención a particularidades do territorio relacionadas co crecemento Camiño de Santiago, o transporte de mercadorías ou os movementos de traballadores a través da fronteira.

O Plan de Mobilidade

O Plan de Mobilidade Sustentable do Río Miño Transfronteirizo ten por obxectivo implantar formas de desprazamento máis sostibles logrando, ao mesmo tempo, garantir a conectividade real do territorio cos principais nodos de atracción.

O Plan propón un total de 22 medidas, en torno a sete liñas de actuación, centradas na mellora dos desprazamentos en modos non motorizados, do transporte público, da mobilidade de persoas de mobilidade reducida; do transporte a grandes áreas e centros receptores de viaxes, da seguridade viaria, medidas medioambientais e outras actividades de mobilidade.

O Plan de Mobilidade Sustentable do Río Miño Transfronteirizo aposta por situar ás persoas no centro da planificación dun extenso territorio: a fronteira ibérica máis transitada e a que ten un maior fluxo de vehículos de media (47%) entre España e Portugal. Abrangue máis de 3.300 km2 de territorio, inclúe a 26 municipios galegos e portugueses e a unha poboación de ao redor de 376.000 persoas. Con este Plan podería iniciarse un camiño de mellora da mobilidade sustentable entre ambas beiras do Río Miño.

Smart Minho

O Plan de Mobilidade Sustentable do Río Miño Transfronteirizo enmárcase dentro do proxecto Smart Minho a través do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2014-2020 (INTERREG V-A) e está cofinanciado ao 75 % por fondos FEDER, cun orzamento total de 942.022,47 euros.

Obradoiros de «Afectividade e outras formas de querer» no CPI Suárez Marquier do Rosal

0

O xoves 7 de novembro comezou a desenvolverse no CPI Suárez Marquier do Rosal, o ‘Obradoiro de afectividade’, unha iniciativa impartida pola educadora familiar do Concello do Rosal e dirixida aos tres grupos de 2º da ESO.

En total, máis de 60 mozos e mozas con idades comprendidas entre os 13 e 14 anos traballarán, durante as vindeiras semanas, o modo de afrontar o inicio das relacións de parella en Igualdade e respecto.

Conceptos como autoestima, estereotipos de xénero, sentimentos ou a presión do grupo traballaranse ao longo de seis sesións distribuídas en tres sesións de 50 minutos con cada grupo.

Tanto este obradoiro de ‘Afectividade’ que acaba de comenzar cos grupos de 2º ESO, como o obradoiro de ‘Outras formas de querer’ que comenzará a próxima semana e que se prolongará durante todo o mes de novembro cos grupos de 1º ESO, xurden da colaboración entre o concello do Rosal e o CPI Suárez Marquier.

Case 200 alumnos e alumnas de entre 12 e 16 anos de idade traballararán neste curso 2019-2020 as emocións, sentimentos e relacións de parella, de cara a fomentar o bo trato e previr a violencia de xénero entre o sector máis novo da poboación.

As Neves rematará este ano con 10.000 árbores autóctonas plantadas

0

As Neves terá este ano 10.000 árbores autóctonas máis, logo dunha nova xornada de plantación que se desenvolverá o vindeiro 17 de novembro a partir das 10 da mañá, nunha iniciativa impulsada polo Concello coa colaboración da empresa ONE OAK, as Comunidades de Montes e ‘Voluntariado das Neves’.

O obxectivo para este día é plantar 1.500 árbores, entre freixos e vidueiros, na contorna do Camiño dos Pescadores. Con estas 1.500 novas árbores, serán un total de 10.000 árbores autóctonas as que se teñan plantado nas Neves no último ano, doadas por ONE OAK, a través do seu proxecto RENACER.

Aquelas persoas que queiran participar, axudando a plantar estas 1.500 árbores, poden facelo anotándose nesta ligazón.

Os «Venres polo Planeta» recalan no monte de Prado para unha limpeza voluntaria

A concellería de Mocidade que dirixe Miguel Bouzó convoca unha nova acción de compromiso medioambiental enmarcada dentro da iniciativa ‘Venres polo planeta’. A mocidade e todas as persoas que o desexen, poderán colaborar na limpeza do monte da parroquia de Prado este venres día 8 de novembro.

A acción desenvolverase de 16 a 18 horas e o punto de encontro será a igrexa San Nicolao de Prado.

Tan só é preciso ir equipados de luvas e botas e confirmar asistencia inscribíndose no enderezo electrónico  [email protected]  ou no número de teléfono 687 764 516.

Un venres de cada dous a mocidade e o voluntariado limparán un recuncho do patrimonio natural de Ponteareas. Os ‘Venres polo Planeta’ son un dos primeiros pasos que a concellería de Miguel Bouzó puxo en marcha  para dar cumprimento ao aprobado no pasado pleno ordinario para incrementar as accións encamiñadas a frear a crise climática.

Dese xeito, dábase resposta ao cumprimento do obxectivo de desenvolvemento sostible número 13 relacionado coa accións de compromiso polo clima.

Os ‘Venres polo planeta’ camiñan ademais na liña da estratexia de futuro ‘Ponteareas, Hábitat Saudable’ e promoven a participación e a implicación na procura dunha vila máis sostible e respectuosa co medio ambiente.

Nigrán inicia un curso de manualidades ao abeiro do programa «Tecendo Lazos»

0

O Concello de Nigrán deu iniciou onte ao curso gratuíto ‘Manualidades de moldeado e pintado con obxectos reciclados’ organizado no marco do Programa da Deputación de Pontevedra ‘Tecendo Lazos’, que non se celebraba en Nigrán dende hai 3 anos e que conta nesta edición con 15 persoas inscritas.

Á inauguración do mesmo no local da Asociación de Veciños ‘A Irmandade de Priegue’ acudíu a deputada provincial e concelleira Raquel Giráldez, o alcalde Juan González, a concelleira de Maiores María Mayán, e o presidente da asociación Manuel Fernández.

Mos presenta a súas «XVI Xornadas Micolóxicas»

0

O bar restaurante O Cruceiro, na parroquia de Louredo, en Mos, foi escenario da presentación das XVI Xornadas Micolóxicas e Forestais do Concello de Mos, unha actividade que se iniciará o domingo 17 de novembro ás 12 horas na contorna do Pazo de Mos e, dende ese momento e durante todo o mes de novembro, nos restaurantes do municipio.

A presentación comezou ás 20.30 horas do mércoes, 6 de novembro, e contou coa asistencia da alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo; o concelleiro de Medio Ambiente, Leo Costas; a experta micóloga Puri Lorenzo e representantes da Comunidade de Montes de Mos e da Fundación Pazo de Mos.

Tamén estiveron presentes, nesta presentación, representantes dos cinco restaurantes mosenses participantes nas Xornadas Micolóxicas 2019 que ofreceron unha degustación dos pratos que van a servir na Gran Degustación de Cogomelos que se celebrará no contorno do Pazo de Mos o domingo 17 de novembro ás 12.00 horas e, a partir desa data e ao longo do resto do mes de novembro, nos propios restaurantes.

[su_image_carousel source=”media: 8513,8514,8515″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Ditos pratos son por parte de Adega da Tía Carmen croquetas de setas con castañas e empanada de trigo con setas e castañas; por parte do anfitrión, O Cruceiro, setas salteadas con coello e fabas, tarta de queixo con sirope de setas e pudin de setas con froitas do bosque; por parte do Bar Restaurante Curuxeira fajitas recheas de setas e polo e tortilla de xamón e setas; por parte da Casiña da Tía Albina, filloas de champiñóns con gambas; e por parte da Tapería A Cova da Santa, pizza mar e monte: salmón afumado con variado de setas. Esta degustación estivo maridada con viños xentileza de Disgobe, que patrocina estas Xornadas.

As Xornadas son posibles grazas á colaboración de Concello e Comunidade de Montes de Mos, que as organizan conxuntamente, a participación e implicación dos hosteleiros; e a subvención da Xunta de Galicia.

A Gran Degustación do domingo 17 de novembro no contorno do Pazo de Mos estará complementada co IV micomercado (mercado micolóxico). A xornada gastronómica prolongarase dende as 12 horas ata as 15 horas. De 11 horas a 14 horas e de 17 horas a 20 horas estará aberta ao público no Pazo de Mos unha exposición e consulta sobre cogomelos. E ás 12:30 horas haberá unha actuación do Grupo de Baile e Gaitas Ruada de Torroso. Xa pola tarde, ás 18 horas, actuará o grupo Animar-T Animación que realizará o espectáculo de contacontos, A Casiña de Cartón.

Como cada ano nas Xornadas Micolóxicas de Mos, regresan as charlas e conferencias didácticas sobre micoloxía. Serán todas ás 20.30 horas no Pazo de Mos. O luns 11 de novembro Xosé Braulio Mondragón Abuín falará sobre o uso das nosas mediciñais (estudio sobre a flora forestal). O martes 12 de novembro Francisco Alonso Toucido, de Estela Arqueoloxía e Patrimonio, dará a conferencia titulada ‘Patrimonio e monte, oportunidades e xestión’. O mércores 13 Puri Lorenzo, bióloga especialista en micoloxía do Grupo Micolóxico Galego, ofrecerá a ponencia ‘Cogomelos tóxicos e intoxicacións’. O xoves 14 Hugo Fernández Rincón, falará sobre as Cantarelas e Trompetas nos montes galegos. E o venres 15 de novembro José Luis Tomé, da Federación Galega de Micoloxía, ofrecerá a charla ‘Cociñando cogomelos’.

Por último o sábado 16 de novembro de 10.00 horas a 13.30 horas realizarase a tradicional saída para a recollida e identificación de cogomelos guiada por dous monitores especializados. Para participar é necesaria inscrición previa no Pazo de Mos durante os días que se imparten as charlas sobre micoloxía. As prazas dispoñibles son limitadas.

A Guarda presenta a Campaña de Nadal 2019

0

O vindeiro martes día 12 de novembro ás 20:30 horas a Casa dos Alonso acolle unha charla informativa, dirixida aos comercios da Guarda, na que se exporán as actividades, enclaves e como se ten previsto organizar este ano a Campaña de Nadal.

De xeito previo, mantívose unha reunión cos e coas representantes das distintas asociacións comerciais para ter en conta as súas aportacións de cara a mellorar o impacto de dita campaña.  

Como ven sendo habitual búscase implicar a todo o tecido comercial da vila, pero este ano realizarase dende o Concello un especial esforzo en canto á iluminación –aínda sen rematar– e haberá novidades que favorecerán o goce das veciñas e veciños, así como a dinamización das vendas no pequeno comercio.

Regades e Cabaleiro aseguran que “Tui tamén se xoga moito o 10N”

0

A capacidade de traballo conxunto e transversal coas diferentes Administracións e a preocupación pola creación de espazos de convivencia e servizos para a veciñanza centrou a visita do secretario xeral dos socialistas da provincia de Pontevedra a Tui, onde David Regades puido coñecer de primeira man o proxecto de humanización da Avenida de Portugal, “un proxecto longamente reclamado e que durante moitos anos durmiu nos caixóns ata que os gobernos socialistas de Enrique Cabaleiro e Pedro Sánchez viñeron a reactivalo a través da cooperación”, explicou Regades, quen lembrou o compromiso adquirido polo Ministerio de Fomento este verán para a rehabilitación de medio quilómetro desta avenida cun investimento de máis de 750.000 euros.

“Durante moitos anos o Concello de Tui reclamou a Fomento a actuación nesta avenida, vía principal de acceso á comunidade desde o país veciño e que ademais é parte do Camiño de Santiago, pero mentres Rajoy estivo no Goberno nada se fixo desde o Estado, a pesares de que o Concello investiu na redacción do proxecto”, explicou o alcalde de Tui.

“Coa chegada de Pedro Sánchez ao Goberno, a situación desatascouse e Tui ten por fin o compromiso de Fomento de que se van facer as melloras recollidas no documento que presentamos”, explicou ao tempo que fixo fincapé no moito que se xoga Tui nestas Eleccións Xerais.

A deputada Olga García participa nunha actividade musical para persoas usuarias de teleasistencia

A deputada provincial de Cohesión Social, Olga García Ballesteros, acompañada polos concelleiros do Porriño, David Alonso e Sergio Casal, asistiu a unha actividade musical para persoas maiores usuarias do Servizo de Teleasistencia domiciliaria dos concellos de Mos e Porriño. A iniciativa, promovida pola Deputación Provincial de Pontevedra, desenvolveuse no Pavillón Municipal porriñés.

As preto de 25 persoas usuarias, participaron nun ‘bingo musical’ no que tiñan que recoñecer ben a canción ou ben o interprete de cada tema ata cantar liña e logo bingo.

Os concelleiros e a deputada repartironse entre os maiores e compartiron con eles este xogo que, segundo explicou o persoal do servizo de teleasistencia “é un xeito de estimulación cognitiva e para interactuación entre maiores”.

David Alonso, na súa condición de concelleiro de Servizos Sociais informoulles que o Concello do Porriño vén de aprobar no último pleno ordinario o contrato do Servizo de Axuda no Fogar, licitado en 2 millóns de euros, “para unha prestación cada día máis reclamado e necesario pola maior esperanza de vida que temos”, manifestou o edil.

O PP chama en Ponteareas “á unidade do voto” para desaloxar a Sánchez da Moncloa

O Partido Popular de Ponteareas organizou un encontro para que os militantes e simpatizantes puidesen coñecer máis de preto as propostas do PP para estas eleccións xerais, unha cita á que acudiron o presidente provincial dos populares, Alfonso Rueda, os candidatos ao Congreso, María Ramallo e Javier Bas e o candidato ao senado, Santiago Rodríguez.

Todos eles coincidiron na necesidade de unir o voto en torno ao Partido Popular “Se os nosos votantes deciden cambiar a opcións como VOX ou Ciudadanos, estarán a dar o goberno a Pedro Sánchez”, advertiu María Ramallo.

Pola súa banda a presidenta local, Belén Villar, falou sobre a necesidade dun goberno que non se dedique a “desenterrar o pasado senón a proxectar un futuro para todos os españois”. Tamén aproveitou a oportunidade para que os candidatos populares, representantes da provincia de Pontevedra, adquiran o compromiso de devolverlle a Ponteareas o que o PSOE lle quitou.

Segundo Villar, “había máis de 30 millóns orzamentados para a nosa terra, para a Variante de Ponteareas e a mellora necesaria da N-120, este diñeiro esfumouse coa llegaga de Pedro Sánchez”. Belén Villar tamén afirmou que queda pendente “a ampliación da nosa depuradora, que é de vital importancia para poder terminar o saneamento no noso municipio. Pídovos que volvades poñer a Ponteareas no lugar que lle corresponde” sentenciou Villar.

Pelotas de tenis e padel para reducir os ruídos da Biblioteca Municipal de Tui

Os responsables de dous clubs deportivos tudenses, Pablo García, do Club de Tenis Tui e Juan Carlos Feijoo e Miguel de la Calle, do Club de Padel8, entregaron esta mañá á Biblioteca Municipal de Tui un amplo lotes de pelotas usadas que serán reutilizadas polo centro bibliotecario para contribuír substancialmente ao mantemento do ambiente de silencio, tan característico na biblioteca, ao evitar o ruído xerado polo arrastres das cadeiras que, de modo involuntario, realizan os usuarios cando acceden ou abandonan o seu posto de lectura.

Participaron neste acto, xunto aos responsables de ambos clubs, os concelleiros de Deportes e Cultura, Rafael Estévez e Sonsoles Vicente, respectivamente. Todos expresaron a súa satisfacción por esta colaboración que é un sinxelo exemplo de reutilización de material, nesta caso deportivo, para outros usos, neste caso culturais.

Un bo exemplo de economía circular promovido pola Biblioteca Pública Municipal tudense que nos vindeiros días procederá á colocación destas pelotas usadas como elemento protector nas patas das cadeiras da sala de lectura deste centro bibliotecario.

Para a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, con esta medida “respóndese a unha demanda dos usuarios da biblioteca” e se abre á colaboración con outras entidades e colectivos tudense pois a Biblioteca Municipal tudense, sinalou, “é un espazo aberto e de acollida a múltiples perspectivas e intereses. Este material tamén será ofrecido ás bibliotecas escolares que puideran estar interesadas”.

Zona Franca e concellos do Baixo Miño traballan no impulso do sector hortifrutícola da comarca

Dentro do marco das reunións periódicas que veñen mantendo o Delegado do Estado na Zona Franca de Vigo coas alcaldesas de Tomiño, Sandra González e O Rosal, Ánxela Fernández Callís e o alcalde da Guarda, Antonio Lomba, esta mañá mantiveron unha nova reunión na que concretaron as liñas de traballo a desenvolver no informe estratéxico sobre a actividade hortofrutícola en Baixo Miño, cuxo obxectivo será favorecer o impulso dunha das actividades da comarca con maior relevancia e potencial, pero tamén, con grandes retos e desafíos #ante a novo paradigma económico.

O estudo incluirá un diagnóstico da situación real, unha análise das oportunidades e ameazas da contorna económica actual e futuro, así como as debilidades e fortalezas do sector. Analizaranse exhaustivamente casos de éxito noutras rexións do mundo que poidan resultar inspiradores e, finalmente, concretaranse liñas de acción para o impulso definitivo do sector.

Colaborarán neste estudo, que se poñerá en marcha de maneira inmediata, AcuBam, asociación que aglutina ás empresas da comarca que traballan no agro, ( hortícolas, produtoras de flor cortada e viveiros, empresas auxiliares e transporte) e técnicos do Consorcio.

Os alcaldes do Baixo Miño puxeron de manifesto o excelente punto de partida para o estudo. E é que os concellos, produtores e outras empresas da cadea de valor apoian de forma unánime o proxecto e están decididamente implicados no esforzo conxunto.

Pola súa banda, Zona Franca destaca a necesidade de levar a cabo acciones e programas de calado, que teñan un impacto real no desenvolvemento económico e social das comarcas e que proporcionen aos habitantes do rural un medio de vida digno que permita ás xeracións presentes e futuras seguir crecendo no seu territorio.

O «Camiño Portugués pola Cosa», terceira ruta xacobea máis empregada pola peregrinaxe

0

O Camiño Portugués da Costa é, dende marzo deste ano 2019, a terceira ruta xacobea máis empregada polos peregrinos para realizar a súa peregrinaxe a Santiago de Compostela despois do Camiño Francés, en primeiro lugar, e o Portugués, en segundo lugar, ocupando arestora o lugar que tradicionalmente lle correspondía ao Camiño Inglés.

A pesares de ser a última ruta xacobea oficializada o incremento de peregrinos desta foi incrementándose notablemente, destacando no Concello da Guarda un aumento nas pernoctas en hoteis e no Albergue Municipal, así como no tránsito de peregrinos que inician este camiño en Portugal, atravesando despois o Río Miño e tamén os que inician o mesmo na vila da Guarda.

O Albergue municipal, a día de hoxe xa superou os 5.000 peregrinos, sendo agosto e setembro os meses de maior afluencia cunha ocupación media de 32 camas, das 36 dispoñibles. De igual xeito neses meses o resto de aloxamentos da localidade tamén tiveron unha alta ocupación de peregrinos.

Hai que ter en conta que no pasado ano 2018 a ocupación total do Albergue Municipal foi de 3.600 peregrinos.

Segundo os datos estatísticos da Oficina do Peregrino do mes de setembro, os peregrinos realizan principalmente o seu traxecto a pé(máis dun 90 %), seguidos polos que o realizan en bicicleta(5 %) e do total de peregrinos que remataron o seu camiño en Santiago, un 8,55 % empregou o Camiño Portugués da Costa.

A evolución do Camiño Portugués da Costa ten sido extraordinaria, con preto de 7.329 peregrinos no 2017, 13.841 peregrinos no 2018 e 19.378 peregrinos ata o mes de setembro deste ano 2019.

O Ano Santo 2021 traerá consigo unha extensa e detallada programación que comezará máis dun ano antes de que abra a Porta Santa, o que encaixa coa vontade de levar a cabo unha celebración descentralizada, que se deixe sentir en toda Galicia.

Neste senso se teñen posto en marcha distintas liñas de actuación como o Plan de Albergues, o Plan de Sinalización, o Plan de Mantemento e o Plan de Embelecemento. No eido cultural, puxo en valor as máis de 110 iniciativas levadas a cabo en Pontevedra no marco do programa O teu Xacobeo, cun investimento de 1,6 millóns de euros, ou as iniciativas impulsadas na provincia dentro de proxectos como Cultura no Camiño, Camiños Sonoros ou Vive o Camiño.

Baiona organiza un curso gratuíto de manipulación de alimentos

0

A Concellería de Igualdade do Concello de Baiona que dirixe Yasmina Moreira Costas,  vén de organizar un curso de manipulación de alimentos que se impartirá nas instalacións do  Edificio Multiusos Ángel Bedriñana. O curso desenvólvese ao abeiro do Programa de activación de emprego para as mulleres de Baiona, cofinanciado pola Deputación de Pontevedra.

A actividade desenvolverase o 12 e 13 de novembro en horario de 10 h a 13 h e é totalmente gratuíto. O curso acredita un total de 10 horas: seis serán presenciais e 4 a distancia. Para inscribirse ou recibir mais información contactar con CIM de Baiona no teléfono 986 357 554.

A Escola Municipal de Teatro de Tomiño colga o cartel «completo»

0

A Escola Municipal de Teatro de Tomiño arrancou este martes un novo curso co cartel de cheo colgado nos grupos de infantil e mocidade e con tan só algunhas prazas dispoñibles no grupo de persoas adultas. Logo de varios anos de funcionamento a entidade xa está consolidada, converténdose en referente cultural na comarca do Baixo Miño.

“Xa se ven os froitos do que fomos colleitando durante estes anos, no que vimos medrar a moitos dos nosos alumnos e alumnas, vendo como aprenderon a estar máis seguros de si mesmos, a falar en público, a integrarse, a xogar en grupo, a axudar aos compañeiros e compañeiras… a ser nenos, nenas e persoas adultas máis sensibles e con máis ferramentas para adaptarse a este mundo”, explica Beatriz Campos, do grupo Migallas Teatro e unha das profesoras encargadas das clases.

O obxectivo desta actividade cada vez máis consolidada entre a poboación é introducir ás persoas no mundo teatral ao tempo que se estimula a imaxinación e as capacidades creativas, fomentando o traballo en equipo e mellorando os recursos expresivos e comunicativos. “Esa é a maxia do teatro, que nos axuda a evolucionar como seres humanos e a contribuír dende as artes escénicas a crear un mundo mellor”, salienta Campos.

[su_image_carousel source=”media: 8472,8471,8469,8468,8467,8466″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Mentres que o grupo de maiores de 18 anos creouse hai dous anos, as clases de teatro para nenos e nenas e mocidade levan impartíndose varios anos, algo que dende o equipo de profesorado da Escola de Teatro destacan, xa que “o bonito do proxecto é que podes ir vendo como van medrando todas e todos os participantes e comprobar como evolucionan como persoas”.

Clases prácticas

Cun plantexamento eminentemente práctico, na Escola de Teatro trabállanse os aspectos básicos da creación escénica, facendo especial fincapé na improvisación. “Non buscamos que as e os participantes teñan que aprender un texto de memoria, senón que a través das achegas de todos e todas imos elaborando unha obra de improvisación colectiva creada a medida das necesidades do grupo”, recoñece a profesora. O uso do galego nas clases é outro elemento a destacar, xa que se quere que nenos e nenas, mozos e mozas e persoas adultas “tomen a lingua galega como algo de uso cotiá ligado tamén a unha vertente lúdica e artística”.

Todas as clases impártense os martes polas tardes no Auditorio de Goián. De 16 h a 17:30 h grupo de 9 a 12 anos; de 17:30 h a 19 h, de 4 a 8 anos; de 19 h a 20.30 h de 13 a 17 anos e de 20:30 h a 22 h o grupo a partir de 18 anos. As persoas adultas interesadas en participar aínda poden inscribirse na actividade no Concello de Tomiño.

Arbo asina o compromiso de adhesión do municipio ao programa «Carné Xove»

0

O alcalde de Arbo, Horacio Gil e a directora xeral de Xuventude, Cristina Pichel, asinaron en Arbo o acordo de adhesión do municipio ao Carné Xove, converténdose, dese xeito, no primeiro concello en dar ese paso que lle permitirá facer descontos en diversas instalacións municipais. Horacio Gil quixo agradecer a Cristina Pichel “que se achegara a Arbo para manter esta xuntanza e asinar o acordo que permitirá á mocidade do Concello gozar de todas as prestacións que implica o desenvolvemento deste programa”.

Horacio Gil, sinalou que dende o Concello se fará “unha campaña para que toda a mocidade de Arbo poida facerse titular do Carné Xove, así como animar aos comercios locais para que se adhiran a este programa”. O alcalde informa que igualmente se ten previsto “aplicar diferentes incentivos para que os maiores de 65 anos e as familias numerosas, podan tamén acceder ás instalacións municipais en condicións vantaxosas”.

Coa sinatura deste acordo os usuarios do Carne Xove poderán ser, entre outras vantaxes, beneficiarios dun desconto do 50 % na entrada da piscina municipal. Pola súa banda a Consellería de Política Social comprométese, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, a incluír gratuitamente ao Concello de Arbo, como establecemento colaborador, xunto co seu enderezo, actividade e vantaxes ofertadas, na ‘Guía dixital do Carné xove’ publicada na nesta ligazón.

O carne xove é unha tarxeta persoal e intransferible á disposición da mocidade galega de entre 12 e 30 anos, que a acredita como tal, e coa que obtén descontos e vantaxes das entidades colaboradoras en Galicia, no resto das comunidades autónomas españolas e nos 40  países europeos adheridos ao programa Carné Xove.

Durante a reunión tamén se acordou que os interesados en solicitar o Carné Xove, poderán facelo a través do Concello de Arbo, en horario de luns a venres de 8:00 h a 15:00 horas.

Ponteareas traballa no cumprimento dos obxectivos de desenvolvemento sostible 2020

Promover a implementación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible no eido local é a finalidade do ‘Intercambio Galicia-Portugal: os municipios a prol dos ODS’ que no día de hoxe e mañá se desenvolven en Ponteareas para logo viaxar a cinco vilas galegas.

Seguindo a liña de traballo da estratexia ‘Ponteareas, Hábitat Saudable’, técnicos e concelleiros do Concello recibirón á delegación da cidade portuguesa de Amadora para coñecer exemplos de boas prácticas no marco da Axenda 2030 fixada pola ONU. O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade organiza os encontros, co financiamento da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia.

Os Intercambios Galicia-Portugal arrincaron hoxe en Ponteareas e rematarán o 5 de decembro en Verín, cunha duración de 2 días en cada concello, onde as sesións estarán dinamizadas por persoal especializado da ONGD lisboeta Instituto Marquês de Valle Flôr. Ademais de presentar o perfil de cada municipio, o galego e o portugués, e de revisar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, as xornadas de traballo permitirán afondar nas fases para a localización dos ODS, é dicir, para integralos nas políticas públicas locais. Sensibilización, adaptación, implementación e monitorización son as catro fases deste proceso, que permitirá definir as estratexias para que cada concello contribúa a facer realidade a Axenda 2030.

Nesta primeira xornada Ponteareas coñeceu as estratexias da cidade portuguesa ubicada na contorna de Lisboa e con máis de 175.000 habitantes de 160 nacionalidades distintas.

Ponteareas pola súa banda detallou e exemplificou con obras, servizos e proxectos cada un dos obxectivos de desenvolvemento sostible no que traballa. A redución das emisións de CO2, a protección do medio natural, a integración social, a promoción do emprego, a humanización das cidades ou o achegamento ás TICS quedaron materializadas nos proxectos que promoven os desprazamentos a pé como o Camiño Escolar, nas humanizacións das rúas, na reforma das vivendas dos mestres para emerxencia social, nos puntos wifi que se están a instalar nas parroquias, nas obras de eficiencia enerxética nos edificios municipais ou no tratamento dos restos florais do Corpus deixan claro que Ponteareas camiña na dirección axeitada para o cumprimento dos ODS 2030.

Cada un dos 17 ODS aprobados en 2015 polas Nacións Unidas estrutúrase en metas concretas, ata sumar un total de 169, que buscan erradicar a pobreza, protexer o planeta e asegurar a prosperidade para todas as persoas nun prazo de quince anos. Estímase que o 65% destas metas só poderán acadarse cunha implicación directa dos gobernos rexionais e locais, que baixo esta nova ollada deberán revisar a formulación de políticas, mellorar a coordinación temática e sectorial e impulsar novas dinámicas de gobernanza. A superación de moitos dos desafíos identificados nos ODS depende pois da administración municipal, que pola proximidade á cidadanía pode coñecer e dar resposta ás súas necesidades. Os ODS son tamén unha oportunidade para mobilizar e empoderar aos axentes locais arredor de aspiracións comúns e para guiar políticas máis integradas e coherentes, que promovan solucións locais a prol dun desenvolvemento máis inclusivo e sostible.

Redondela inaugura «Matemaxia» para fomentar o galego no eido da ciencia

0

O pasado 4 de novembro celebrábase o «Día da Ciencia en Galego», e por este motivo o Servizo de Normalización Lingúística do Concello de Redondela organizou un obradoiro titulado ‘Matemaxia’, que estivo a cargo do Mago Paco e dirixido aos cursos de 5º e 6º de primaria. Na xornada inaugural participaron a alcaldesa, Digna Rivas; a concelleira de Ensino, Olga Garcia, e o concelleiro de Cultura, Daniel Boullosa.

Uns obradoiros que mesturan a pedagoxía coa didáctica, facendo partícipes ao alumnado e compartindo o material co profesorado. A actividade percorrerá até sete centros escolares de Redondela levando consigo unha expresión de ciencia en lingua galega.

Desta maneira, quérese demostrar a inexistencia de límites para o galego, sexa cal for a materia educativa, pois todas as linguas están habilitadas para tratar calquera tema. E, por outra parte, dende a Administración local quérese fomentar o uso do galego no eido da ciencia e, en particular nas matemáticas, para desterrar prexuízos lingüísticos e as incomprensibles limitacións impostas polo decreto da Xunt de Galicia sobre esta materia.

Os Centros participantes nesta actividade son CEIP Cedira, CEP Santa Mariña, CEIP Quintela, CEIP Porto Cabeiro, CEIP Laredo, Colexio Vigo e CEIP Igrexa.

A gran demanda obriga a ampliar o número de prazas do «II Trail Orixes» de Mondariz

0

A poucas horas de pechar o prazo de inscricións para a segunda edición do «Trail Orixes», case todas as prazas cubertas. A gran demanda que esperta este Trail, fixo que a organización decidira ampliar en 30 o número de prazas na modalidade de MiniTrail que pasa dos 200 a 230 participantes. O «Trail Orixes» ten tres modadlidades: Maratón de 46 quilómetros; Trail de 26 quilómetros e, finalmente, MiniTrail de 14 quilómetros.

A ampliación do número de prazas na distancia de 14 quilómetros busca, tal e como sinala a organización, “que todos os corredores e corredoras poidan vir a correr a Mondariz”

No resto de modalidades hai poucas prazas dispoñibles e así este ano, a pesar de ter que adiantar un día por motivo da celebración das eleccións a participación viuse incrementada, chegando a case 400 participantes.

Dende a organización quixeron agradecer “a todas e todos os participantes inscritos por facer que este trail crezca non so en número de participantes senón tamén en calidade tanto técnica coma humana, e ver como corredores repiten un ano máis”

A Asociación Deportiva Mondariz, organizadores deste Trail, tamén quixo agradecer “o apoio e traballo a todos os colaboradores, patrocinadores e voluntarios que fan posible que se celebre este II Trail Orixes”.

A AD Mondariz subliña a importancia desta iniciativa para “potenciar non so o deporte no noso concello senón pór en valor o noso monte e entorno, dalo a coñecer as persoas que se achegan para participar no trail así como a moitos veciños que ven como ese día o seu entorno forma parte da experiencia vivida polos corredores”.

O Consorcio obriga a cambiar os provedores de comida de todas as escolas infantís

O Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar vén de obrigar á empresa Freire Chico S.L. a cambiar os provedores de comida de todas as escolas infantís públicas das que xestiona a cociña. Esta medida preventiva, sinala o Consorcio “implantarase tanto nas escolas infantís nas que houbo algún neno que tivese algunha reacción alérxica leve como nas que non rexistraron ningún destes casos. Isto pode supoñer algunha modificación nos menús que se prevían inicialmente”.

A partir do día de mañá e de xeito indefinido, todos os produtos –tanto alimentos como enxoval de cociña– deixarán de estar subministrados por provedores centralizados e pasarán a comprarse en establecementos de proximidade de cada escola infantil. “Todos estes novos provedores deberán contar, como é lóxico, con todos os permisos e acreditacións necesarias para garantir a trazabilidade dos produtos”, di o comunicado do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

Paralelamente, sinala a comunicación, “segue avanzando a investigación que están a levar a cabo os técnicos da Consellería de Sanidade. Estes profesionais están a analizar as mostras da comida que se serviu os días que houbo reaccións alérxicas e levaron a cabo inspeccións na sede da empresa concesionaria”.

O Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar transmite “tranquilidade ás familias, dada a levidade de todas as reaccións alérxicas que se rexistraron”. En calquera caso, sinala, “os episodios que aconteceron son intolerables e seguiranse tomando todas as medidas que sexan necesarias”.