11.1 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeComarcasRedondelaRedondela reafirmase na súa "total e absoluta oposición" á reordenación do acceso...

    Redondela reafirmase na súa “total e absoluta oposición” á reordenación do acceso a Rande da APV

    A alcaldesa Digna Rivas “Redondela estará sempre en contra dunha actuación que degrada o medio ambiente e empeora a calidade de vida dos veciños e veciñas”

    A Alcaldía de Redondela vén de amosar, unha vez máis, o seu “absoluto rexeitamento” ao proxecto de reordenación do acceso á zona portuaria de Rande proposto pola Autoridade Portuaria de Vigo á que, segundo a alcaldesa Digna Rivas, “parécelle importar ben pouco realizar unha actuación que degradará de xeito irreversible, unha zona de protección ambiental”.

    O proxecto, ademáis, “afectará negativamente non só á calidade de vida das veciñas e veciños, senón tamén á súa economía, dado que é unha zona de marisqueo da que viven numerosas familias de Redondela e que teñen, nesa actividade, o seu sustento”.

    Digna Rivas sae así ao paso das informacións aparecidas na prensa nas que se sinala que “o departamento municipal de Urbanismo de Vigo non mira ningún obstáculo para que a Autoridade Portuaria poida poñer en marcha á reordenación da zona de Rande coa construción dun novo viario costeiro destinado ao tráfico portuario”.

    A alcaldesa de Redondela puntualiza que o informe deriva do feito que “ao tratarse dunha obra que ten afección sobre a Ría o concello vigués tamén ten que pronunciarse ao tratarse dun proxecto que ten que superar unha avaliación ambiental” pero, aclara a alcaldesa, é unha obra que se tería que desenvolver no Concello de Redondela “e este, polo tanto, o que ten a última palabra que non é outra que unha total e absoluta oposición a dita actuación”.

    Lembra a rexedora local que en agosto do 2019, o Concello de Redondela enviaba un completo informe de 11 páxinas asinado pola propia alcaldesa Digna Rivas e o concelleiro de Medio Ambiente, Roberto Villar, no que se explicaban, polo miúdo, os motivos polos que o Goberno local de Redondela sempre será contrario a esta obra proposta pola APV.

    Así, o informe sinala claramente que o lugar no que se pretenden as obras “atópase clasificado en Suelo Urbano Industrial, Suelo Non Urbanizable de Núcleos Existentes Tradicionais e en Solo Non Urbanizable Común” e o que é máis salientable e que “supón o trazado de novos viais non previstos polo planeamento vixente nin no PXOM que se atopa en tramitación”.

    Digna Rivas matiza que “a obra que pretende a APV non é unha reordenación de accesos, senón unha nova infraestrutura que implicaría un enorme impacto visual e acústico e que, a maiores, é totalmente oposto ao Plan de Ordenación Litoral (POL)”.

    De feito, o proxecto é contrario ao artigo 40 do POL no que sinala, claramente, que os obxectivos serían preservar os seus valores e mellorar a funcionalidade dos seus ecosistemas; manter as súas características naturais evitando a súa alteración; procurar a súa conectividade ecolóxica a través dos corredores, mellorando a súa funcionalidade e manter o fráxil equilibrio das condicións que configuran o medio natural no que se desenvolven os ecosistemas que lle son propios.

    E dicir, apunta a alcaldesa de Redondela, “xustamente o contrario ao que propón a Autoridade Portuaria á quen estas cousas, polo que se mira, impórtanlle ben pouco”. Iso sen ter en conta que nesa zona da Rede Natura “atópanse importantes bancos pesqueiros e de marisqueo do que viven numerosas familias, non so do noso concello, senón de concellos limítrofes. A obra, polo tanto, non só afectaría ao ecosistema, senón tamén ao seu medio de vida”.

    Nas alegacións a este proxecto, o Concello de Redondela tamén chamaba a atención sobre “a gravidade dos impactos ambientais da obra” ao sinalar que produciría un “impacto significativo” sobre o aire, auga, clima, flora, fauna, paisaxe e a interacción entre todos e que serían producidos por “un incremento das verteduras ao litoral, incremento da utilización dos recursos naturais, afección a espazos protexidos da Rede Natura 2000 e unha afección significativa ao patrimonio cultural”. A todos estes impactos, engádese o “incremento significativo das emisións á atmosfera, xustamente un dos problemas contra o que tratan de loitar todas as administracións responsables”, engade Digna Rivas

    “Sobre este tema, a posición do Goberno que presido nin cambiou nin cambiará e non e outra que a absoluta e total oposición ao proxecto”, afirma rotunda Digna Rivas que, ao mesmo tempo lamenta que “a Autoridade Portuaria non sexa capaz de entender que a Enseada de San Simón e, en particular a zona do Estreito de Rande, é un espazo privilexiado para o desenvolvemento de calquera actividade lúdica incompatible co uso industrial”.

    A alcaldesa de Redondela sinala a súa clara e inequívoca intención “de seguir loitando na defensa dos intereses dos veciños e veciñas de Redondela e que polo tanto pide que se paralice calquera actuación que quebre a protección de toda a Rede natura e a dos elementos patrimoniais existentes, tendo en conta os usos previstos polo POL, con recuperación de espazos privilexiados para o goce da cidadanía”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.