15.1 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoAs NevesAs Neves completa a renovación do alumeado público con lámpadas LED

    As Neves completa a renovación do alumeado público con lámpadas LED

    O Instituto para a Diversificación e Aforro de Enerxía (IDAE), dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica, vén de conceder ao Concello das Neves dúas subvencións por un importe total de 301.873,49 € para a renovación do alumeado exterior da vila. As achegas permitirán a a substitución de 749 luminarias e 24 dos 63 cadros de mando do actual sistema de alumeado municipal, o proceso que se levará a cabo nas parroquias de Santiago, San Xosé e San Cibrán de Ribarteme e San Pedro e Santa Eulalia de Batalláns.

    Este orzamento, que representa o 80 % do investimento total para substituír a iluminación actual e que estará completada co 20% restante –preto de 76.000 €– que achegará o propio Concello, estará adicado a retirar as luminarias actuais de VASP, VM, BC e IND por novas lámpadas LED, pasando dunha potencia de 36,13k W a 12,05 kW o que representara un aforro enerxético medio do 81%.

    Outros 500.000 € máis de fondos europeos

    Esta subvención do IDAE súmase ao medio millón de euros, “logo dun traballo de máis de dous anos de xestións”, de fondos europeos, acadados polo Goberno local este mesmo ano. De xeito que As Neves conta con máis de 800.000 € para “renovar na súa totalidade, e en todas as parroquias, abranguendo todo o territorio municipal, as vellas lámpadas obsoletas e contaminantes por leds de alta tecnoloxía”, subliña o alcalde Xosé Manuel Rodríguez Méndez.

    Aforro e redución da contaminación

    Rodríguez Méndez recalca que, en conxunto, o novo alumeado “ademais de subir a intensidade e claridade do actual mellorando de xeito considerábel o servizo ás veciñas e veciños, permitirá aforrar ás contas municipais máis dun 75 %, de media, no recibo eléctrico e reducir a emisión de CO2 á atmosfera”.

    Ao mesmo tempo que se substitúen as luminarias implantaranse sistemas intelixentes de telexestión enerxética nos ‘cadros da luz’. Isto fará que sexa posible monitorizar o alumeado en tempo real e xestionar punto por punto, o cal permitirá regular a intensidade lumínica e programar o acendido e apagado en función das necesidades e das horas nas que haxa luz natural.

    Inicio da licitación

    O Goberno local empeza agora coa licitación para realizar este cambio, a seguir, empezarán os traballos de substitución das vellas lámpadas, un proceso que se vai facer de xeito progresivo en toda a superficie de As Neves e que se estima que estará rematado nun prazo de dous anos.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.