Luns, 9 Decembro de 2024

A Escola Municipal de Teatro de Tomiño colga o cartel «completo»

Soamente quedan algunhas prazas dispoñibles no grupo de adultos. As clases celébranse todos os martes pola tarde no Auditorio de Goián

A Escola Municipal de Teatro de Tomiño arrancou este martes un novo curso co cartel de cheo colgado nos grupos de infantil e mocidade e con tan só algunhas prazas dispoñibles no grupo de persoas adultas. Logo de varios anos de funcionamento a entidade xa está consolidada, converténdose en referente cultural na comarca do Baixo Miño.

“Xa se ven os froitos do que fomos colleitando durante estes anos, no que vimos medrar a moitos dos nosos alumnos e alumnas, vendo como aprenderon a estar máis seguros de si mesmos, a falar en público, a integrarse, a xogar en grupo, a axudar aos compañeiros e compañeiras… a ser nenos, nenas e persoas adultas máis sensibles e con máis ferramentas para adaptarse a este mundo”, explica Beatriz Campos, do grupo Migallas Teatro e unha das profesoras encargadas das clases.

O obxectivo desta actividade cada vez máis consolidada entre a poboación é introducir ás persoas no mundo teatral ao tempo que se estimula a imaxinación e as capacidades creativas, fomentando o traballo en equipo e mellorando os recursos expresivos e comunicativos. “Esa é a maxia do teatro, que nos axuda a evolucionar como seres humanos e a contribuír dende as artes escénicas a crear un mundo mellor”, salienta Campos.

[su_image_carousel source=”media: 8472,8471,8469,8468,8467,8466″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Mentres que o grupo de maiores de 18 anos creouse hai dous anos, as clases de teatro para nenos e nenas e mocidade levan impartíndose varios anos, algo que dende o equipo de profesorado da Escola de Teatro destacan, xa que “o bonito do proxecto é que podes ir vendo como van medrando todas e todos os participantes e comprobar como evolucionan como persoas”.

Clases prácticas

Cun plantexamento eminentemente práctico, na Escola de Teatro trabállanse os aspectos básicos da creación escénica, facendo especial fincapé na improvisación. “Non buscamos que as e os participantes teñan que aprender un texto de memoria, senón que a través das achegas de todos e todas imos elaborando unha obra de improvisación colectiva creada a medida das necesidades do grupo”, recoñece a profesora. O uso do galego nas clases é outro elemento a destacar, xa que se quere que nenos e nenas, mozos e mozas e persoas adultas “tomen a lingua galega como algo de uso cotiá ligado tamén a unha vertente lúdica e artística”.

Todas as clases impártense os martes polas tardes no Auditorio de Goián. De 16 h a 17:30 h grupo de 9 a 12 anos; de 17:30 h a 19 h, de 4 a 8 anos; de 19 h a 20.30 h de 13 a 17 anos e de 20:30 h a 22 h o grupo a partir de 18 anos. As persoas adultas interesadas en participar aínda poden inscribirse na actividade no Concello de Tomiño.