Promover a implementación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible no eido local é a finalidade do ‘Intercambio Galicia-Portugal: os municipios a prol dos ODS’ que no día de hoxe e mañá se desenvolven en Ponteareas para logo viaxar a cinco vilas galegas.
Seguindo a liña de traballo da estratexia ‘Ponteareas, Hábitat Saudable’, técnicos e concelleiros do Concello recibirón á delegación da cidade portuguesa de Amadora para coñecer exemplos de boas prácticas no marco da Axenda 2030 fixada pola ONU. O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade organiza os encontros, co financiamento da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia.
Os Intercambios Galicia-Portugal arrincaron hoxe en Ponteareas e rematarán o 5 de decembro en Verín, cunha duración de 2 días en cada concello, onde as sesións estarán dinamizadas por persoal especializado da ONGD lisboeta Instituto Marquês de Valle Flôr. Ademais de presentar o perfil de cada municipio, o galego e o portugués, e de revisar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, as xornadas de traballo permitirán afondar nas fases para a localización dos ODS, é dicir, para integralos nas políticas públicas locais. Sensibilización, adaptación, implementación e monitorización son as catro fases deste proceso, que permitirá definir as estratexias para que cada concello contribúa a facer realidade a Axenda 2030.
Nesta primeira xornada Ponteareas coñeceu as estratexias da cidade portuguesa ubicada na contorna de Lisboa e con máis de 175.000 habitantes de 160 nacionalidades distintas.
Ponteareas pola súa banda detallou e exemplificou con obras, servizos e proxectos cada un dos obxectivos de desenvolvemento sostible no que traballa. A redución das emisións de CO2, a protección do medio natural, a integración social, a promoción do emprego, a humanización das cidades ou o achegamento ás TICS quedaron materializadas nos proxectos que promoven os desprazamentos a pé como o Camiño Escolar, nas humanizacións das rúas, na reforma das vivendas dos mestres para emerxencia social, nos puntos wifi que se están a instalar nas parroquias, nas obras de eficiencia enerxética nos edificios municipais ou no tratamento dos restos florais do Corpus deixan claro que Ponteareas camiña na dirección axeitada para o cumprimento dos ODS 2030.
Cada un dos 17 ODS aprobados en 2015 polas Nacións Unidas estrutúrase en metas concretas, ata sumar un total de 169, que buscan erradicar a pobreza, protexer o planeta e asegurar a prosperidade para todas as persoas nun prazo de quince anos. Estímase que o 65% destas metas só poderán acadarse cunha implicación directa dos gobernos rexionais e locais, que baixo esta nova ollada deberán revisar a formulación de políticas, mellorar a coordinación temática e sectorial e impulsar novas dinámicas de gobernanza. A superación de moitos dos desafíos identificados nos ODS depende pois da administración municipal, que pola proximidade á cidadanía pode coñecer e dar resposta ás súas necesidades. Os ODS son tamén unha oportunidade para mobilizar e empoderar aos axentes locais arredor de aspiracións comúns e para guiar políticas máis integradas e coherentes, que promovan solucións locais a prol dun desenvolvemento máis inclusivo e sostible.