A xogadora do Mos Feminino, Paula González Jorge, foi convocada pola Selección Española de Fútbol Feminino Sub-16, coa que aínda non xogou ningún partido pero sí asistiu xa aos adestramentos que tiveron lugar en Las Rozas en Madrid, do 21 ao 23 de outubro. A xogadora do U.D. Mos Feminino foi felicitada no Campo de Fútbol das Baloutas –durante o acto oficial de presentación de todos os equipos das diferentes categorías da Unión Deportiva Mos para a presente tempada 2018-2019– polo presidente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán; pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo; a concelleira de Deportes mosense, Begoña Toucedo; demais membros do equipo de goberno local e o presidente da U.D. Mos, Pablo Alonso Serodio.
Paula González ten 15 anos e estuda 4º da ESO, xoga de central ou medio centro e é a máis nova do equipo, xa que o resto de xogadoras teñen idades superiores aos 20 anos. Na Liga de Primeira División Autonómica, o U.D. Mos Feminino vai segundo, sen ter perdido ningún partido e con só dous tantos encaixados.
Sobre como vive Paula a convocatoria para a Selección Española a súa nai, Mercedes Jorge González, explica que “víveo con moitas ganas e ilusión, o fútbol é a súa paixón e dende sempre pediu de regalos de Reis balóns ou botas de fútbol, nunca ningún outro xoguete, sempre cousas relacionadas co fútbol”.
[su_image_carousel source=”media: 8616,8615,8614,8613,8612,8611″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]
Paula González é a pequena de catro irmáns (3 nenas e 1 neno) e ela quixo seguir os pasos do seu irmán varón apuntándose a fútbol como actividade extraescolar, así comezou con 4 anos no Coruxo C.F. para despois cambiarse, no primeiro ano de Alevíns, para o San Miguel C.F. A tempada pasada xa a fichou o Mos e este é o seu segundo ano co clube mosense.
Agora Paula é Cadete de segundo ano e con 11 anos xa foi convocada para xogar coa Selección Galega de Fútbol. Xogou coa Selección Galega Sub 12 con 11 anos, e coa Sub 15 con 13 anos. Actualmente, ademais de coa Selección Española, continúa tamén convocada pola Selección Galega Sub 17.
A súa familia asegura sentirse moi orgullosa de Paula, xa que ademais a súa nai e o seu avó son grandes afeccionados a este deporte e seguidores do Celta.
Dende o Concello de Mos, rexedora local e edil de Deportes, destacan a valía desta xove xogadora á que definiron como “un exemplo e un orgullo, do mismo xeito que o son as súas compañeiras de equipo, que están a ser a sorpresa da Liga e veñen despuntando dende fai xa varios anos”.
Arévalo e Toucedo quixeron animalas a todas “a seguir pola senda de traballo duro e superación que xa as ven caracterizando e continuar na mesma liña na Liga, para tentar traer o título para Mos”.