Xoves, 20 Marzo de 2025

O PP chama en Ponteareas “á unidade do voto” para desaloxar a Sánchez da Moncloa

A presidenta local do PP, Belén Villar solicitoulles aos candidatos populares que volvan a poñer nos orzamentos do Estado "os 30 millóns" que deixara Rajoy para Ponteareas

O Partido Popular de Ponteareas organizou un encontro para que os militantes e simpatizantes puidesen coñecer máis de preto as propostas do PP para estas eleccións xerais, unha cita á que acudiron o presidente provincial dos populares, Alfonso Rueda, os candidatos ao Congreso, María Ramallo e Javier Bas e o candidato ao senado, Santiago Rodríguez.

Todos eles coincidiron na necesidade de unir o voto en torno ao Partido Popular “Se os nosos votantes deciden cambiar a opcións como VOX ou Ciudadanos, estarán a dar o goberno a Pedro Sánchez”, advertiu María Ramallo.

Pola súa banda a presidenta local, Belén Villar, falou sobre a necesidade dun goberno que non se dedique a “desenterrar o pasado senón a proxectar un futuro para todos os españois”. Tamén aproveitou a oportunidade para que os candidatos populares, representantes da provincia de Pontevedra, adquiran o compromiso de devolverlle a Ponteareas o que o PSOE lle quitou.

Segundo Villar, “había máis de 30 millóns orzamentados para a nosa terra, para a Variante de Ponteareas e a mellora necesaria da N-120, este diñeiro esfumouse coa llegaga de Pedro Sánchez”. Belén Villar tamén afirmou que queda pendente “a ampliación da nosa depuradora, que é de vital importancia para poder terminar o saneamento no noso municipio. Pídovos que volvades poñer a Ponteareas no lugar que lle corresponde” sentenciou Villar.