A Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia considera “de vital importancia que se leve a cabo a consolidación das cabeceiras dos muros” da Fonte de Troncoso, en Mondariz Balneario, antes do inverno. A institución, a través dun informe asinado pola súa directora, Carmen Lorenzo Rivera, o 4 de novembro, insta á administración e á propiedade do edificio a “aplicar medidas de protección activas que garantan a conservación dos bens protexidos que formen parte do patrimonio cultural de Galicia se os titulares dos mesmos non o fan”.
A dirección desta escola oficial, única en Galicia, visitou recentemente a Fonte de Troncoso convidada polos veciños e veciñas da vila. Desta forma puido observar in situ cal é o estado material deste edificio protexido pola lei en estado crítico. A petición da plataforma SOS Fonte de Troncoso, elaborou un informe técnico que a plataforma vai remitir de inmediato ao Concello de Mondariz Balneario, á Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia e ao Fiscal Xeral do Estado, que abriu dilixencias informativas desde Madrid para coñecer o estado de conservación do edificio proxectado por Antonio Palacios, así como as accións que a Xunta de Galicia puxo en marcha para salvagardar este edificio de interese público.
Estado de conservación deplorable
A dirección da escola recorda que o edificio da fonte “atópase situada á beira do río Tea incluído na Rede Natura 2000 da Unión Europea, está incluída no Catálogo de Bens Culturais do Concello de Mondariz Balneario cun grao de protección integral e tamén no Plan Básico Autonómico aprobado pola Xunta de Galicia, porén, atópase nun estado de conservación deplorable.”
Os profesores e profesoras da única escola oficial de conservación e restauración de bens culturais que existe en Galicia destacan tamén que “a marquesiña e as súas varandas modernistas de ferro forxado atópanse en moi mal estado de conservación”.
“Dende a Escola Superior de Conservación e Restauración de Galicia, queremos denunciar a situación de emerxencia na que se atopa a Fonte de Troncoso construída por Antonio Palacios en Mondariz Balneario, e dar o noso apoio á Plataforma SOS Fonte de Troncoso na súa defensa do patrimonio e da cultura de Mondariz Balneario”, afirma no seu escrito a dirección do centro. “Esperamos que se tomen as medidas necesarias para evitar a perda dunha construción tan emblemática como a Fonte de Troncoso”, conclúe.
Dado que a propiedade do inmoble, a empresa Fuentes Capital S.A (antes Fuentes de Mondariz SL), sociedade que se atopa en liquidación derivada dos autos de concurso ordinario 261/11 do Xulgado do Mercantil núm. 5 de Madrid, non cumpre coas obrigacións de conservación que sinala a Lei 5/2016 do Patrimonio Cultural de Galicia, en concreto o seu art. 32, desde a Plataforma SOS Fonte de Troncoso consideran “que é vital para a conservación do edificio que a administración actúe de forma subsidiaria e urxente realizando os traballos arriba citados”.
O documento da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia pode ser consultado nesta ligazón.