O alcalde de Arbo, Horacio Gil e a directora xeral de Xuventude, Cristina Pichel, asinaron en Arbo o acordo de adhesión do municipio ao Carné Xove, converténdose, dese xeito, no primeiro concello en dar ese paso que lle permitirá facer descontos en diversas instalacións municipais. Horacio Gil quixo agradecer a Cristina Pichel “que se achegara a Arbo para manter esta xuntanza e asinar o acordo que permitirá á mocidade do Concello gozar de todas as prestacións que implica o desenvolvemento deste programa”.
Horacio Gil, sinalou que dende o Concello se fará “unha campaña para que toda a mocidade de Arbo poida facerse titular do Carné Xove, así como animar aos comercios locais para que se adhiran a este programa”. O alcalde informa que igualmente se ten previsto “aplicar diferentes incentivos para que os maiores de 65 anos e as familias numerosas, podan tamén acceder ás instalacións municipais en condicións vantaxosas”.
Coa sinatura deste acordo os usuarios do Carne Xove poderán ser, entre outras vantaxes, beneficiarios dun desconto do 50 % na entrada da piscina municipal. Pola súa banda a Consellería de Política Social comprométese, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, a incluír gratuitamente ao Concello de Arbo, como establecemento colaborador, xunto co seu enderezo, actividade e vantaxes ofertadas, na ‘Guía dixital do Carné xove’ publicada na nesta ligazón.
O carne xove é unha tarxeta persoal e intransferible á disposición da mocidade galega de entre 12 e 30 anos, que a acredita como tal, e coa que obtén descontos e vantaxes das entidades colaboradoras en Galicia, no resto das comunidades autónomas españolas e nos 40 países europeos adheridos ao programa Carné Xove.
Durante a reunión tamén se acordou que os interesados en solicitar o Carné Xove, poderán facelo a través do Concello de Arbo, en horario de luns a venres de 8:00 h a 15:00 horas.