Martes, 11 Novembro de 2025

Alcaldesas e alcaldes do Baixo Miño reclaman a apertura das fronteiras con todos os medios de control e seguridade precisos

0

As alcaldesas e alcaldes do Rosal, Tomiño, Tui e A Guarda mantiveron unha nova reunión virtual esta semana no marco da Mancomunidade Intermunicipal do Baixo Miño para analizar o efecto que ten nestes catro municipios o peche das fronteiras entre España e Portugal, concellos cun alto número de traballadoras e traballadores que cada día deben cruzar o Miño para acudir ao seu posto no país veciño.

Por este motivo, as rexedoras e rexedores da Mancomunidade –Antonio Lomba, Ánxela Fernández Callís, Sandra González e Enrique Cabaleiro– reclaman a apertura de novos pasos fronteirizos para as e os empregados como medida de alivio, permanecendo pechadas á libre circulación de persoas.

Avogan por esta medida como unha mellora das condicións de todos aqueles traballadores e traballadoras que sofren por partida dobre a pandemia ao vivir e traballar nun dos territorios transfronteirizos máis interrelacionados e economicamente máis dinámicos de toda Europa, xa que asume o 49% de todos os tránsitos de vehículos e persoas entre España e Portugal.

A situación actual que están a vivir moitos veciños e veciñas é complicada, con longas colas para poder cruzar a fronteira cada día e con percorridos de máis de 60 quilómetros entre ida e volta para poder chegar as empresas ou polígonos que antes do estado de alarma e emerxencia en España e Portugal estaban a escasa distancia dos seus domicilios. Incremento de molestias, tempo de desprazamento e tamén custes que “en moitos casos son inasumibles cuns salarios que en moitos casos son baixos”.

As alcaldesas e alcaldes da Mancomunidade están convencidos da necesidade de abrir novos pasos fronteirizos a traballadores e traballadoras, aínda que sempre baixo os máis estritos medios de control e seguridade, mantendo o operativo que xa se está a desenvolver no paso de Tui-Valença dende o inicio da crise sanitaria, “garantindo así a seguridade da poboación e evitando un paso atrás que nos leve de novo a medidas de confinamento”.

Primeiro pleno telemático na historia de Nigrán para aprobar o seu orzamento máis social

0

A corporación municipal de Nigrán celebraba onte, por primeira vez na súa historia, un pleno telemático para aprobar os orzamentos do 2020. Pero se por algo van quedar marcados eses orzamentos, non é polo feito de terse celebrado coa axuda das novas tecnoloxías, senón porque son sen dúbida, e como resposta á actual situación de crise sanitara e social provocada pola COVID-19, os orzamentos máis sociais.

A sesión, aberta polo alcalde de Nigrán, Juan González, arrancou con 1 minuto de silencio por todas as vítimas do Covid-19, o policía local Víctor Lomba e todos aqueles falecidos en Nigrán neste tempo sen poder ser despedidos convintemente polas súas familias debido ás circunstancias derivadas do Estado de Alarma. Asemesmo, o rexedor expresou no seu discurso inicial o seu especial agradecemento aos sanitarios, traballadoras de axuda no fogar, forzas de Seguridade, Protección Civil, funcionarios, ao tecido empresarial e as persoas solidarias ou aos traballadores de servizos esenciais que tiveron que redoblar os seus esforzos estando na primeira liña de contaxio.

O documento orzamentario –que contou coa abstención do PP– pasa de 15.676.749 € no 2018 aos 14.064.655 actuais ao retirarse das contas a partida destinada á construción da Biblioteca Municipal (1,8 millóns de euros) cantidade que se incorporará ao orzamento una vez aprobado, xa que a nova Biblioteca, en fase de contratación aínda que parada polo COVID-19, segue a ser unha prioridade.

As contas municipais do Goberno que preside Juan González, dánlle a máxima prioridade aos Servizos Sociais rexistrándose o maior incremento na partida de Axuda a Domicilio, que pasa de 165.000 € a 580.000 €, un 251 % máis. “O motivo é que queremos incluír a máis persoas beneficiarias e que os novos plegos de contratación reflexen unha suba do prezo por hora, o que sen dúbida repercutirá na calidade do servizo prestado”, explica González, quen incide que o contrato da concesionaria finaliza este ano.

“Cremos que, unha vez máis, teremos as mellores contas para Nigrán ao situar o benestar das persoas como eixo prioritario, aspecto fundamental nestes intres tendo en conta a forte crise económica que leva aparellada o Covid-19″, sinala o rexedor local quen recriminou que a proposta do Partido Popular constase de subir o gasto en tódolos capítulos e baixar todos os impostos ao mínimo, “algo que non se sostén en si mesmo, que non é fatible”.

Priorizando a atención as persoas

Acorde co carácter progresista do goberno local e a súa política de inclusión real, as contas deixan patentes unha vez máis a prioridade na atención ás persoas incrementando os investimentos non só en Atención a Domicilio, senon tamén en emerxencia social un 50% (de 20.000 € a 35.000 €) e incorporando epígrafes novos como un campamento inclusivo co Juan María por 2.500 €, o programa Xacobeo-Autismo con Menela por 4.000 € ou unha partida de 20.000 € para a adquisición de máis equipamento deportivo adaptado que se sumará as bicicletas para persoas con diversidade. Tamén son novos os apartados que contemplan unha subvención ás comunidades de augas (10.000 €), obras de abastecemento (25.000 €), axuda á protectora Baisenpulgas (4.000 €), Xeodestino Ría de Vigo (5.650 €) ou Escolas Deportivas (35.000 €).

A aposta pola cooperación internacional do Concello maniféstase na partida de 4.000 € de axuda ao pobo saharaui, xa que a causa do Covid-19 non se realizará o programa ‘Vacacións en Paz’ que permitía traer nenos a Nigrán e a toda España no periodo estival, por este motivo o Concello decide investir eses cartos cos que sufragaba os billetes de avión (e aumentalos de 2.500 € a 4.000 €) para destinalo a axuda humanitaria aos campamentos de refuxiados en Arxelia. “Estes nenos vivirán o verán nunhas condicións climáticas extremas que se unen a súa situación de pobreza; na súa estancia en Nigrán con familias non só acudían a revisións médicas e recibían tratamentos ou unha alimentación equilibrada, se non que levaban consigo moitos agasallos de roupa, material escolar etc. Desde o Concello de Nigrán non podemos pechar os ollos a esta realidade e abandonalos cando máis o precisan, por iso consideramos que debíamos manter a partida e aumentala co fin de achegar material humanitario a través da caravana que realizará Solidariedade Galega co Pobo Saharaui”, explica González.

A maiores, e dentro do Plan Concellos, se inclúe a reforma do paseo marítimo de Panxón por 122.332 €; os saneamentos de Carreiro, Carousa, PO-552 e Carrasca (incluíndo abastecemento) por 320.472 € en total; a restauración de sete lavadoiros (131.082 €) ou a reforma das antigas casas dos mestres de Vilameán en centro de ocio para maiores.

O coidado do Medio Ambiente é tamén unha prioridade do Concello, polo que se reflexa no borrador aumentando de 6.000 € a 15.000 € o apartado destinado á limpeza subsidiaria de fincas para evitar lumes; o mesmo sucede co eido da Igualdade a través do Centro de Información á Muller (CIM) pasando a 20.000 € (5.000 € máis que no 2018).

O Pleno telemático da Corporación aprobou tamén o recoñecemento extraxudicial de crédito para o pago de 100.676 € correspondentes a 141 facturas de traballos convintemente realizados, punto que tamén contou coa abstención do grupo municipal do PP.

O Concello de Salceda reabre as súas portas con tódalas medidas de seguridade

A Casa do Concello de Salceda e a Casa da Cultura Castelao volven abrir as súas portas ao público este xoves 21 de maio, unha vez que se conte con tódalas medidas de seguridade precisas tanto para salvagardar o cadro de persoal como a veciñanza. En ámbolos dous edificios só se atenderá con cita previa, que se pode solicitar a través de teléfono ou empregando a sede electrónica.

Tal e como sinala a alcaldesa de Salceda, Loli Castiñeira, o Goberno local está a traballar en coordinación cos sindicatos e a empresa de prevención, “para que a seguridade de veciñanza e cadro de persoal estea garantida”.

Para garantir a seguridade á que fai referencia a alcaldesa, as citas serán preferentemente telefónicas ou telemáticas, realizando tan só de xeito presencial as imprescindibles, que terán un tempo máximo de 15 minutos. Para estes casos, a veciñanza deberá acudir provista de máscara de protección e traendo sempre un bolígrafo propio, minimizando deste xeito todo risco de contaxio. Ademais realizarán a desinfección de mans na fonte de xel instalada na entrada do edificio do Concello, e mediráselles a temperatura corporal comprobando que non supere os 37 graos tal como está establecido. Habilitaranse tamén portas de entrada e saída diferenciadas, evitando deste xeito o cruce de persoas.

No caso da Casa da Cultura Castelao, reábrense os servizos de préstamo e devolución de libros, e atención nas oficinas de OMIC e OMIX. Polo de agora non está permitida a recuperación da actividade da sala de estudio, que se volverá ofrecer cando as normas así o permitan e se poidan garantir as medidas de seguridade.

O Concello de Salceda organizou durante estes últimos días a volta ao traballo do seu cadro de persoal, contando cos servizos dunha empresa de prevención de riscos, e co asesoramento do delegado sindical de prevención e saúde. Adquiríronse máscaras FPP2 e os EPIS precisos para o persoal, así como a instalación de mamparas nos diferentes departamentos, nos que se contará ademais con xeles hidroalcohólicos e outros sistemas de desinfección, ademais do reforzo no servizo de limpeza.

Por último a alcaldesa Loli Castiñeira pide “comprensión á veciñanza nesta fase da desescalada, na que nos toca ser pacientes e extremar as medidas de seguridade. É un paso máis, pero non é aínda unha volta á normalidade”

Educación abre o prazo para que as familias soliciten axudas para libros e material escolar e acceso ao Fondo Solidario da Xunta

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional abre o prazo para que as familias soliciten a súa participación no Fondo Solidario de Libros de Texto, ou ben as axudas para a adquisición de libros de texto, e de vales para material escolar destinadas ao alumnado matriculado en Educación Primaria, ESO e Educación Especial en centros sostidos con fondos públicos, para o vindeiro curso escolar 2020/21.

O prazo para presentar as solicitudes permanecerá aberto dende o 20 de maio ata o próximo día 19 de xuño, tal como establece a convocatoria que pode consultarse no Diario Oficial de Galicia de hoxe.

Con fin de reforzar o apoio ás familias ante a situación de crise xerada pola pandemia COVID-19 e a atención aos máis desfavorecidos, para o vindeiro curso 2020-21 a Consellería de Educación aumenta as contías das axudas para a compra de libros (preto de 19,7 millóns de euros, o que supón un incremento de case o 63% con respecto aos 12,1 M€ do presente curso); e flexibiliza os límites de renda para acceder aos vales de libros, material escolar e ao Fondo Solidario de libros, cunha maior cobertura en canto ao alumnado beneficiario. O reparto de orzamento faise a razón de 7.750.000 € para o Fondo Solidario de libros de texto, 6.430.000 euros para as axudas a compra de libros e os 5.500.000 euros restantes para vales de material escolar.

Cómpre lembrar que o sistema solidario habilitado pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional que posibilita garantir unha educación accesible para o conxunto do alumnado susténtase en tres eixos, que son o Fondo Solidario de libros de texto, as axudas á adquisición de libros de texto (para aquelas ensinanzas e cursos nos que os materiais non son reutilizables) e as axudas para a adquisición de material escolar.

Axudas á compra

As axudas da consellería para a compra de libros están dirixidas ao alumnado matriculado en 1º e 2º de Educación Primaria, e ao alumnado matriculado en Educación Especial e ao alumnado cunha discapacidade igual ou superior ao 65%.

O vindeiro curso modifícanse os tramos de renda per cápita familiar para dar cabida a un maior número de familias, e as contías aumentan entre 40 e 50 euros segundo o tramo de renda.

Así, os requisitos de renda e as contías das axudas quedan do seguinte xeito:

Educación Primaria

  • Renda per cápita familiar igual ou inferior a 6.000 euros: 210 euros (ata o de agora o tramo era de ata 5.400 euros e a contía de 170 euros)
  • Renda per cápita familiar superior a 6.000,01 e igual ou inferior a 10.000 euros: 140 euros (no presente curso o tramo ía dos 5.400,01 aos 9.000 euros e a contía era de 90 euros)

Así mesmo, no caso do alumnado matriculado en educación especial, en centros específicos ou en unidades de educación especial en centros ordinarios, así como o que presente unha discapacidade igual ou superior ao 65%, que solicite a axuda e que cumpra os requisitos recibirá un importe de 275 euros (25 máis que os 250 establecidos agora), con independencia da renda per cápita familiar.

Ademais, o alumnado de 1º e 2 de Primaria que se encontre en situación de garda ou tutela da Xunta de Galicia recibirá a axuda máxima (210 euros fronte aos 170 actuais), e non terá que acreditar os datos da unidade familiar nin o nivel de renda.

Fondo solidario

No Fondo solidario de libros pode participar o alumnado matriculado en 3º, 4º, 5º e 6º de primaria, e en 1º, 2º, 3º e 4º de ESO. A asignación de libros de texto farase, ao igual que cursos anteriores, por orde inversa á renda per cápita da unidade familiar. En calquera caso, terá preferencia o alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65%, con independencia da súa renda familiar.

De non alcanzar os libros dispoñibles no fondo solidario para dar unha cobertura igual á que se presta en función da renda nos cursos cubertos pola convocatoria de axudas, o centro adquirirá os libros complementarios que sexan necesarios.

Neste caso tamén se flexibilizan á alza os treitos de renda per cápita. Así, o alumnado con renda per cápita igual ou inferior a 6.000 euros (ata o de agora situábase en 5.400 euros), ou que estea en situación de garda ou tutela da Xunta ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65% (nestes dous últimos casos con independencia da renda) ten garantido o acceso a 6 libros. Pola súa banda, as familias con tramos de renda per cápita entre 6.000,01 e 10.000 euros (ata o de agora o tramo ía de 5.400,01 a 9.000) terán acceso a 4 manuais.

Cómpre lembrar que será requisito fundamental para acceder ao fondo solidario ou recibir as axudas para libros ou material escolar ter devolto os libros dos cursos anteriores.

Axudas para material escolar

O destinatario das axudas para material escolar é todo o alumnado matriculado en educación primaria e en ESO cunha renda per cápita familiar igual ou inferior a 6.000 euros (ata o de agora o límite era de 5.400 euros), e a contía da axuda mantense a mesma, isto é, 50 euros/alumno.

O alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta de Galicia, o alumnado de educación especial ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65% será beneficiario desta axuda con independencia da renda.

Trámites por vía telemática

As solicitudes poderán presentarse por vía electrónica (preferentemente) empregando a aplicación informática “fondolibros” (https://www.edu.xunta.es/fondolibros) a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, ou ben presencialmente nos propios centros docentes, así como en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo.

O muíño de San Xoán será obxecto de obras de reparación dos desperfectos causados por vandalismo

0

O muíño de San Xoán, un dos elementos patrimoniais do concello de Arbo, será reparado logo dos danos producidos por actos vandálicos levados a cabo por persoa ou persoas descoñecidas. Os intrusos prenderon lume no interior o que queimou as mederas de chan e teito, amais de destrozar a porta de entrada e romper xanelas e cristais.

O deterioro pode afectar a estrutura do inmoble, o que suporía unha perda moi importante para o patrimonio etnolóxico arbense, xa que dito muiño data do século XV e, a súa vez, tamén fixo de serradoiro.

Esta actuación conta con financiamento ao 100 % con cargo aos fondos propios do Concello, tras ingreso da compañía aseguradora realizado o día 1 de abril de 2020, que deu lugar ao correspondente expediente de contratación que se viu parado polo Estado de Alarma.

Os perigos que se aprecian na zona son evidentes, e, aínda que o Concello adoptou as medidas necesarias de seguridade poñendo enreixado para evitar o acceso ao mesmo e sinalando a zona, foron varias as ocasións nas que as mesmas estaban movidas ou desapareceron do lugar, informa o alcalde Horacio Gil, que condena estos feitos e recorda “que os bens municipais son de todos os arbenses, e debemos coidalos”.

O Rexedor tamén informa que será unha empresa local a que se ocupara da mellora das intalacións, “sendo sempre prioridade deste concello a contratación de obras, sempre que sexa de aplicación a normativa, a empresas locais o que supón nestes momentos todavía de crise, unha reactivación da económia local”.

Nigrán remata a humanización da praza da Carrasca

0

O Concello de Nigrán vén de rematar as obras de humanización da Praza da Carrasca, na parroquia de Parada, tras un atraso como consecuencia do parón polas medidas de prevención adoptadas ante a expansión do Covid-19. Estes traballos, adxudicados a Audeca por 73.595 € con cargo ao Plan Concellos 2018, estarán rematados tras o asfaltado que se realizará mañá despois de fresar toda a superficie.

O obxectivo do Concello é mellorar a praza estéticamente reordenando o tráfico neste núcleo e dotándoa dun pavimento de pedra máis acorde coa contorna, xa que era de asfalto a pesar de considerarse zona verde. Trátase dunha actuación moi demandada por parte dos veciños de Parada-A Carrasca, por este motivo, o Concello xa contratara o proxecto en xuño de 2017, demorándose por todos os informes sectoriais necesarios para iniciar a tramitación, xa que este núcleo constitúe unha das poucas carballeiras “urbanas” que hai en Nigrán.

O acondicionamento da praza implicou a demolición e levantado do pavimento existente, escavación para poñer o novo firme, colocación de bordos graníticos e pavimentado mediante lastras (13×13 cm) e lousas tamén de pedra (60×40 cm) asentados sobre morteiro e base de formigón.

“Na actualidade non hai unha ordenación do núcleo que ordene o tráfico dunha forma eficiente e segura e o pavimento de asfalto non é acorde á zona verde na que se asenta, o obxectivo é humanizar a contorna e poñela en valor como gran punto de encontro e de lecer da parroquia”, incide o alcalde, Juan González. Neste sentido, como parte da primeira fase, acondicionouse previamente a zona do xogo de bolos e rehabilitouse integralmente o parque.

Un taller de costura do Rosal confecciona 1.000 máscaras hixiénicas reutilizables

0

Voluntarios de Protección Civil distribuirá as máscaras entre o comercio local, que será o encargado de repartilas entre á veciñanza O Concello do Rosal colabora con costureiras rosaleiras e co comercio local para repartir 1.000 mascarillas hixiénicas reutilizables entre a veciñanza. Varias costureiras foron as encargadas de confeccionar estas máscaras no taller de María Araújo en Viso dos Eidos.

Todas elas están feitas co tecido requerido por normativa para máscaras, pero non se trata dun dispositivo sanitario de acordo ao Regulamento UE/2017/745 nin un EPI de acordo ao Regulamento UE/2016/425, senón que son mascarillas hixiénicas reutilizables de acordo co establecido na norma UNE 0065:2020 e deben empregarse xunto con todas as medidas de prevención que recomendan as autoridades competentes.

Voluntarios de Protección Civil serán os encargados de distribuír o material entre o comercio local a partir deste mércores 20 de maio en colaboración coa asociación de comerciantes do Rosal e as mascarillas estarán a disposición dos veciños e veciñas en diferentes establecementos dende o xoves 21 de maio.

No reparto destas mascarillas darase prioridade as persoas maiores e persoas de risco e dende o Concello chámase á responsabilidade a toda a veciñanza, pedindo que soamente as vaian recoller persoas que realmente as precisen e soamente unha unidade por veciño ou veciña.

Dende o Concello quérese agradecer “a solidariedade amosada por todas e todos, xa que soamente colaborando e achegando cada un o seu gran de area poden facerse grandes cousas, sobre todo en tempos tan complicados como o que estamos a vivir. Moitas grazas por afrontar todos os retos con ilusión e gañas”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández.

Salceda de Caselas recupera a normalidade comercial

O Concello de Salceda de Caselas, xunto coas dúas asociacións de comerciantes existentes no municipio, veñen de facer unha valoración positiva da primeira semana de apertura de comercio minorista e terrazas. O maior movemento notouse, sen dúbida, no casco urbano, pero noutras zonas comerciais como a da Tabernanova tamén se empeza a notar esa volta á nova normalidade pouco a pouco.

A concelleira de Comercio, Verónica Tourón, subliñou a ausencia de incidencias “nunha volta ao traballo organizada” e felicitou ao comercio polo seu bó traballo “á hora de adaptarse ás novas necesidades e á nova realidade que se está a instaurar”

Durante esta primeira semana volveron a abrir as súas portas en torno a un 90 % dos comercios minoristas de Salceda que permanecían pechados, e que se suman deste xeito aos comercios considerados de primeira necesidade que mantiveron abertas as súas portas dende o inicio da crise: supermercados, froiterías, droguerías, etc.

Destacou sen dúbida, nesta primeira semana, a intensa actividade que tiveron os salóns de perruquería e estética, todos eles cumprindo e facendo cumprir as máis estritas medidas de seguridade, que foron acollidas con total normalidade e comprensión por parte da clientela.

En canto ás terrazas, inicialmente abriron en torno a un 60% das existentes no municipio, aínda que esa cifra foi aumentando segundo avanzaba a semana e chegaba o bo tempo, ata situarse en torno ao 70%. Sen dúbida este está a ser o sector que carrexa máis preocupación ao comité de seguimento do COVID 19, incidindo dende o mesmo na enorme importancia de que a veciñanza siga a manter a distancia física de seguridade e as medidas de hixiene precisas, e que por parte do sector hostaleiro se incida sobre a súa clientela para que así sexa, pois a posibilidade de desfrutar das terrazas está levando consigo en moitas ocasións que as persoas se esquezan por momentos de que segue a ser máis importante que nunca manter as medidas de seguridade.

A hostalería conta co apoio do Concello, que tendo en conta as limitacións coas que van a seguir contando as terrazas durante moito tempo, veñen de adoptar o acordo de eximir ao sector de pagar a taxa de terrazas durante o que resta de ano, e que ven a sumarse ás demais medidas adoptadas no Plan de medidas económicas aprobado o 25 de Marzo, 11 días despois de decretarse o estado de alarma: suspensión e aprazamento dalgunhas taxas, posta en marcha dunha plataforma online, servizo de asesoramento directo a persoas autónomas, campañas de apoio ao comercio, etc…, así como a posta en marcha da campaña “o teu comercio de sempre, con toda a seguridade” que luce na maioría do comercio de Salceda. Tamén ACISA traballa en iniciativas de fomento do comercio local que verán a luz nos vindeiros días.

Loli Castiñeira, alcaldesa de Salceda, insistía unha vez máis na importancia da “responsabilidade individual” nesta nova. “Rematamos a fase 0 con un total de 10 casos en Salceda, e é un moi bo dato que só é posible manter se actuamos con conciencia e precaución”, concluíu Castiñeira.

Nigrán da licenza a Zona Franca para ampliar Porto do Molle con 14 naves de talleres e oficinas

0

O Concello de Nigrán ven de outorgar licenza a Zona Franca de Vigo para a ampliación do parque empresarial Porto do Molle con 14 novas naves de oficinas e talleres situados nunha parcela de 10.710 metros cadrados (6.02 e 6.03) entre rúa das Pontes e rúa Montes da Barxa (frente al Centro de Negocios) e cun orzamento de execución de 4,4 millóns de euros. O propio alcalde de Nigrán, Juan González, comunicoullo persoalmente ao delegado de Zona Franca, David Regades, nunha reunión esta mañá no Concello.

Esta licenza se suma así á outorgada a semana pasada á ‘Sociedad Gallega de Carretillas Elevadoras , S.A.’ para construír no mesmo polígono unha nave industrial cun orzamento de 1.861.381 €. En ambos casos foi posible continuar a tramitación pese ao Estado de Alarma grazas á que Alcaldía aprobou un decreto o 13 de maio para habilitar ao departamento de Servizo Urbanos a que continuase informando sobre os expedientes esenciais ou con vontade de continuidade administrativa, como son estes dous casos.

“En só unha semana de reactivación do Servizo de Urbanismo para cuestións esenciais que no prexudiquen aos intereses dos veciños, como é o caso da información de licencias, temos dúas moi boas novas. Estas licencias levan aparellado xerar traballo, emprego e recursos económicos ao Concello de Nigrán, que sigue contando co Polígono Terciario de Porto do Molle como o seu gran activo”, sinala González.

Este novo proxecto, firmado polo arquitecto Pablo Menéndez (MAM Arquitectura), contempla a construción de 14 módulos (conteñen 28 talleres e 14 oficinas) que responden á tipoloxía de nave adosada e se basen na repetición dun módulo que, nalgúns casos, sufre pequenas variacións para adaptarse ás necesidades de uso ou da contorna. O obxectivo desta proposta é ofrecer unha visión unificada e de conxunto aportando un deseño moderno, luminoso, optimista e atractivo que, en definitiva, supoña un valor engadido para as futuras empresas usuarias e visitantes. Todos estes módulos, destinados ao aluguer e de entre 300 e 500 metros cadrados, constan de espazos diferenciados: nave na planta baixa con acceso para camións, talleres na planta baixa e primeira con acceso peonil e vinculados á nave anexa para unha mellor operatividade, e o espazo adicado a oficinas na planta segunda con acceso independiente desde a zona común, onde se desenvolven os usos administrativos dos establecementos industriais situados nas plantas inferiores. Sen embargo, é un sistema flexible con gran capacidade de adaptación ao cambio, que permite mesturar e conectar naves entre si, tanto no sentido lonxitudinal como transversal para que sexa posible adaptar o espazo ás necesidades da empresa que o ocupe.

Estas dúas parcelas unificadas albergarán as 14 naves adosadas situadas no sentido lonxitudinal da mesma, cunha orientación noroeste-sureste aproveitando o vial público existente, ademáis, ábrese un novo vial no interior da mesma para permitir duplicar de 7 a 14 as naves pero en orientación noroeste. Estes accesos facilitan a circulación en toda a contorna e melloran o servizo de carga e descarga.

Actualmente Porto do Molle conta con 125 empresas instaladas na súa superficie de 1.028.780 metros cadrados e da emprego a 2.800 persoas.

A Deputación amplía o seu apoio aos concellos cun novo servizo da súa plataforma informática: a cita previa para atención cidadá

A Deputación de Pontevedra continúa a mellorar a súa Plataforma Informática para ofrecer novos servizos aos 53 concellos da provincia e tres mancomunidades que están adheridos á administración electrónica para que poidan dar resposta ás novas necesidades de xestión municipal derivadas do COVID-19. Despois de que en abril a institución provincial facilitase a través desta plataforma aos concellos a posibilidade da celebración telemática das súas sesións colexiadas, agora amplía o servizo para que os municipios poidan asumir con total garantía a atención cidadá nas novas circunstancias, co establecemento a través da sede electrónica dun sistema de cita previa, que ofrece a posibilidade de contactar coas oficinas municipais de xeito presencial ou por videoconferencia telemática.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, remitiu hoxe unha carta aos concellos para informarlles desta nova prestación, que xa teñen operativa e que será fundamental para que poidan planificar o control de aforo nas oficinas municipais, a fin de axudar “a manter a distancia de seguridade da cidadanía que precise acudir ás dependencias do concello, evitando así colas e aglomeracións”.

Coa nova ferramenta, a cidadanía que queira dirixirse ao seu concello para a realización dalgunha xestión terá a opción de facer clic na Cita Previa na sede electrónica e na solicitude poderá elixir se a cita será presencial, telefónica ou por videoconferencia. Será o concello o que decida que servizos e departamentos terán cita previa e cando esixirá aos veciños e veciñas facer a súa reserva, se a través de certificado ou simplemente con cumprimentar un formulario. Así, os concellos tamén poderán organizar diferentes axendas (por exemplo para o rexistro, padrón ou para outros departamentos) e configurar diferentes franxas horarias de atención ao público. O novo servizo estará dispoñible a través de tablets e dispositivos móbiles. Nesta semana, os concellos recibirán asesoramento por parte do persoal para que poidan aplicar esta nova función da súa sede electrónica, e están programados a tal efecto varios seminarios web, coa posibilidade, se é preciso, de organizar novas sesións de formación.

Este novo servizo complementa os que xa podían realizar os 53 concellos adheridos á administración electrónica coa ferramenta virtual habilitada dun xeito totalmente gratuíto pola Deputación, en concreto a celebración de sesións telemáticas dos órganos colexiados, así como reunións e plenos virtuais, mesas de contratación a distancia, así como traballo colaborativo entre persoal funcionario. Amais, o sistema, ao que se pode acceder a través de ordenadores e dispositivos móbiles, permite retransmisións en directo a través da propia sede electrónica ou plataformas nas redes sociais, garantindo unha maior transparencia.

Máis polo miúdo, os concellos que están adheridos a este servizo ofrecido pola Deputación son: Poio, Tui, Cambados, O Rosal, Tomiño, Baiona, Vila de Cruces, Mos, A Cañiza, Bueu, Cangas, Redondela, A Estrada, Lalín, A Guarda, Salceda, O Porriño, Moaña, A Illa de Arousa, Soutomaior, Ponte Caldelas, Ponteareas, Meaño, Gondomar, Salvaterra, O Grove, Silleda, Caldas, Valga, Vilaboa, Meis, Cuntis, Mondariz, Moraña, As Neves, Barro, Forcarei, Catoira, Portas, Pontecesures, Pazos, Oia, Arbo, Rodeiro, A Lama, Covelo, Agolada, Crecente, Campo Lameiro, Fornelos, Dozón, Mondariz-Balneario e Cerdedo-Cotobade, amais das Mancomunidade do Salnés, do Val Miñor e do Morrazo.

A Concellería de Emprego do Porriño realiza unha sondaxe para coñecer as necesidades de empresas e autónomos

O Concello do Porriño está a realizar unha sondaxe entre empresas e autónomos porriñeses para coñecer as súas demandas de axuda para reiniciar a a súa actividade económica “e polo tanto para axudarnos a definir que tipo de axudas pode prestar a administración municipal dentro das súas competencias”, explica David Alonso, concelleiro responsable de Emprego.

Persoal de ‘Porremprego’, organismo que depende do Concello porriñés, realizan a dende este luns, as enquisas mediante chamadas telefónicas “co fin de reunir información sobre o estado, as perspectivas e as necesidades das empresas e autónomos do Porriño ante a actual crise”.

“Con isto o que pretendemos é que as medidas que poida adoptar o Concello para reactivar a economía local sexan dirixidas a resolver as necesidades que nos manifestan empresas e autónomos do Porriño”, engadiu David Alonso.

Eliminación de franxas horarias

Toda a poboación do Porriño beneficiarase da plena mobilidade sen franxas horarias coa nova orde do Goberno que retira as limitacións para os núcleos de menos de 10.000 habitantes, segundo anunciou onte o presidente do Goberno, Pedro Sánchez.

Coa entrada en vigor desta nova instrución, a mobilidade sen franxas horarias chegará tamén ao centro da vila é á parroquia do Porriño que ten unha poboación de 9.057 habitantes. O centro da vila quedara ao marxe cando o pasado 8 de maio, elimináronse as franxas horarias para os habitantes de núcleos de menos de 5.000 persoas, medida que beneficiou a Torneiros, Atios, Pontellas, Budiño, Mosende, Chenlo e Cans, ademais do núcleo de Carracido.

A humanización da praza de Figueiró, en Tomiño, “recupera para as persoas” este espazo central da parroquia

0

O Concello de Tomiño está a levar a cabo as obras de ‘Acondicionamento da contorna da Praza de Figueiró’, co obxecto de convertir este espazo central da parroquia de Figueiró, nun espazo de uso peonil, accesible e seguro. A intervención, cun orzamento total de 440.000 euros, recuperará para as persoas máis de 2000 m2 de espazo público que se atopaba pavimentado con aglomerado asfáltico, usándose coma aparcadoiro e sen ofrecer seguridade e uso para as persoas.

Polo tanto, son condicionantes das obras “xerar un ámbito espacialmente atractivo, que invite á xente utilizar a praza dun xeito seguro e accesible, potenciando así actividades de ocio, comercio e restauración e poñendo en valor a arquitectura existente neste espazo público”, sinala o Concello tomiñés.

O proxecto, redactado polo estudio de arquitectura Cendón-Vázquez, recurre a uns acabados suaves, naturais, acordes co uso de preferencia peonil, e xa utilizados noutros espazos públicos do concello, coma a Praza do Seixo, xerando así unha identidade propia dos espazos públicos de Tomiño recuperados para as persoas.

Outro aspecto importante é ainstalación dunha Iluminación harmónica que poña en valor o espazo e a arquitectura do lugar. Asimesmo, tamén se levarán acabo a revisión dos servizos de auga e saneamento existentes, canalización de cableado e instalación de novo mobiliario urbano e sinalización.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, manifesta “a súa satisfacción por esta importante obra, recuprando para as persoas unha das prazas máis fermosas do Concello, un exemplo de como o noso modelo dos espazos públicos, xa implantado e recoñecido nos núcleos urbanos, tamén se estenderá aos espazos publicos centrais das nosas parroquias”.

A Feira Semanal de Vila Nova de Cerveira reanuda a súa actividade cun plan de continxencia que prima a seguridade

A CIM Alto Miño consensuou, este luns, o reinicio da actividade das feiras en todos os concellos do distrito a partir do día 25 de maio, unha vez que o Goberno luso incluíu este sector na 2ª fase do plan de desconfinamento da Covid-19. Con todo, este regreso vén marcado por un conxunto de medidas restritivas plasmadas nun plan de continxencia.

Así, a Feira Semanal de Vila Nova de Cerveira estará de volta na Praza da Galiza da vila fronteiriza o sábado, día 30 de maio, nun espazo totalmente pechado, con dous puntos de entrada e de saída, con uso obrigatorio de máscara de protección para feirantes e persoas usuarias, cupo controlado e hixienización de todo o espazo antes e despois da súa realización.

A pesar dos prexuízos financeiros que representa para a Câmara Municipal, “pero consciente do momento difícil que o sector atravesa”, sinalan fontes oficiais, o Concello de Vila Nova de Cerveira, á semellanza do que fixo para a última quincena de marzo, e nos meses de abril e mario en que feira non se realizou, vai prolongar a exención do pagamento das taxas a todo o mes de xuño, contribuíndo “a minimizar a falta de ingresos dos feirantes”.

O Rosal implicouse para celebrar o seu Día das Letras Galegas máis dinámico e participativo

0

Balance moi positivo da celebración do Día das Letras Galegas no Rosal. A pesar das dificultades que se están a vivir por mor da crise sanitaria, o Concello do Rosal quixo facer un especial fincapé na conmemoración desta data dun xeito diferente, virtual e participativo con #Dálleálingua, un programa cargado de actividades culturais, lúdicas e de lecer que se puideron seguir a través da web e das redes sociais municipais e que remataron o propio 17 de maio cunha morea de sorpresas. Un programa de actividades para render homenaxe ao escritor Ricardo Cavalho Calero e potenciar o uso da lingua galega que puido levarse a cabo sen dúbida grazas á colaboración e participación activa de todo o tecido asociativo rosaleiro e de toda a veciñanza.

Máis de 65 persoas sacaron á lingua polo seu idioma para facer un mosaico dentro da actividade #Estaéamiñalingua e outras tantas colaboraron enviando frases para a elaboración dunhas fermosas bolsas para o comercio local, que finalmente se repartiron co lema Agarima co galego e Enreda coa lingua. Foron escollidas entre todas as frases recibidas, frases como ‘Gústame como soa en galego’, ‘Fala, ca túa lingua ben erguida’, ‘Alíate coa túa lingua, goza do seu uso’, ‘Falade meniños, falade galego’, ‘A nosa lingua: nin máis, nin menos’, ‘Sen o galego os agarimos non serían tan doces’, ‘Estar fóra de Galicia, escoitar falar galego e sentir morriña’… todas elas cheas de creatividade, agarimo e orgullo polo idioma.

A Agrupación Musical do Rosal foi a encargada de poñerlle banda sonora ao Día das Letras Galegas a través das actuacións protagonizadas por varios dos seus membros, 13 pequenas pezas que foron o preludio do gran concerto final virtual protagonizado pola Coral, a Banda e a Agrupación Musical do Rosal acompañados do grupo Lirolai o propio 17 de maio.

Impresionante a implicación de persoas representantes de diferentes ámbitos como o cultural, deportivo, político, educativo, empresarial, veciñal, musical… Grazas a eles e elas e á lectura espectacular que fixeron dos poemas de Ricardo Carvalho Calero os rosaleiros e rosaleiras puideron achegarse un pouco máis á obra do autor ferrolán. Obra á que puxo colofón final o vídeo do escultor Marcos Escudero, que narrou de forma máxica o conto As pitas baixo a chuvia a través de debuxos de area e con música de Sandra e José Manuel González, da Agrupación Musical do Rosal.

O Concello do Rosal quixo facer chegar o seu agradecemento “a todas as persoas que colaboraron con ilusión en todas e cada unha destas actividades, facendo do Día das Letras Galegas 2020 unha data especial e diferente, interactiva e na que todos e todas tiveron cabida”.

Deputación e Delegación do Goberno coinciden en reclamar á Xunta que convoque aos entes locais cara ao plan de reconstrucción para Galicia

“Á Xunta de Galicia remitimos ata tres cartas e despois de mes e medio seguimos sen obter aínda resposta” destacou Silva quen insistiu en reclamar ao presidente da Xunta de Galicia, “que agora está enredado coas eleccións, que convoque de forma inmediata ás catro deputacións provinciais de Galicia para a posta en marcha dun plan de reconstrución para a comunidade”.

Tanto Carmela Silva como Javier Losada reclamaron que a cogobernanza entre o Estado e as Comunidades Autónomas descenda destas tamén aos gobernos locais e deputacións provinciais. Ao respecto ambos fixeron fincapé en que a saída da crise ten que darse xuntas e xuntos: “a Xunta –manifestou Silva– ten que nos convocar xa para dar resposta á reconstrución de Galicia”, algo no que incidiu Losada ao asegurar que “a administración autonómica debe establecer o seu potencial económico en coordinación coas deputacións e gobernos locais, as administracións máis próximas que teñen moito que dicir neste proceso. A cogobernanza, engadiu, non se acaba en San Caetano e Moncloa. O mesmo que Feijoo reclama do goberno central debe aplicalo en Galicia”.

No transcurso do encontro, Silva e Losada repasaron todas as medidas postas en marcha polo Goberno de España para facer fronte ás consecuencias sociais e económicas do coronavirus e “que ninguén se quede atrás”, tal e como destacou Losada. “Nunca antes se puxeran en marcha tantas decisións, axudas e recursos para facer fronte a unha crise”, dixo Carmela Silva, quen incidiu na importancia de trasladar á cidadanía a información para “que poida ter unha posición crítica e realista”. Deste xeito, no encontro detalláronse algunhas das axudas chegadas do Estado a Galicia como os ata 238 millóns de euros que reciben ao mes as persoas en ERTE na comunidade, dos cales 88 chegan á provincia de Pontevedra. En canto ás persoas autónomas, distribuíronse xa 80,7 millóns de euros en Galicia dirixidos a 68.400 autónomos e autónomas, e no que respecta a avales para dotar de liquidez ás empresas, os recursos ascenden xa a 1.795 millóns de euros que se completarán con novas axudas, máis de 20.000 millóns de euros que, tal e como informou Losada, deu a coñecer o presidente do goberno a pasada fin de semana.

Neste exercicio de transparencia e información pública, a presidenta provincial e o delegado do goberno instaron ao presidente da Xunta de Galicia a que “informe de cantos dos recursos que recibiu do goberno do Estado estanse destinando a facer fronte ás necesidades sociais e económicas en Galicia, detallando datos por provincias”. Tamén reclamaron a Feijóo que dea conta dos 19 millóns de euros que achegou o goberno de España para medidas sociais. “Ten que explicar, sinalou a presidenta provincial, onde se están investindo eses cartos porque temos constancia de que eses recursos non están chegando en moitos casos aos gobernos locais”.

Finalmente, durante o encontro telemático, no que o Delegado do Goberno agradeceu “a posición proactiva da Deputación de Pontevedra, tamén se afondou en cuestións como o superávit, os remanentes, as modificacións no teito de gasto e de diversas leis “para tomar decisións áxiles e facer fronte a novas necesidades que temos tanto a nivel económico como social”. No caso dos pasos transfronteirizos, o Delegado de Goberno confirmou que, tras a entrevista co Director da AECT e deputado provincial Uxío Benítez, a demanda dos concellos galegos e portugueses da raia xa foi trasladada aos Ministerios de Exteriores e Interior que están a traballar para acadar medidas e atopar unha solución.

Aberto o proceso de admisión de alumnado na escola infantil A Galiña Azul do Rosal

0

A escola infantil A Galiña Azul do Rosal xa ten aberto desde este mesmo luns 18 de maio o seu proceso de admisión de alumnado para o curso 2020/21. O prazo de presentación de solicitudes rematará o 29 de maio, como recolle a Resolución do 27 de abril pola que se convoca este procedemento para as escolas infantís 0-3 dependentes do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

Con motivo da situación actual que se está a vivir por mor do COVID-19, as solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica, tanto para a renovación de praza como para os novos ingresos. Toda a información relativa ao proceso así como os formularios normalizados do procedemento BS404B e BS404A poderán consultarse e descargarse na páxina web da rede de escolas infantís de Galicia A Galiña Azul.

Naqueles casos que non sexa posible a presentación da solicitude por vía telemática, o persoal da escola infantil atenderá ao público de forma presencial de 10.00 a 14.00 h, sempre con cita previa e favorecendo a maior parte de información e dúbidas vía telefónica ou online para poder preservar a seguridade de todas as persoas. En caso de acudir ao centro, deberá ir soamente unha persoa por familia e sempre cumprindo as medidas de seguridade.

O contacto telefónico realizarase a través do número 986 625 121, mentres que o contacto vía correo electrónico será a través do enderezo [email protected].

Se se precisa axuda para a presentación electrónica da solicitude, as persoas interesadas poden chamar á propia escola infantil ou aos servizos centrais do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar (646 443 056 / 881 996 479 / 881 996 480 / 881 996 474 / 881 996 473 / 881 996 483), onde as guiarán para a súa presentación a través da sede da Xunta.

As Neves inicia o cambio de céspede do campo de fútbol ‘Pepe Capón’ moi danado polos incendios do 2017

0

O Concello das Neves comezou este venres pasado, día 15 de maio, os traballos de substitución do céspede do campo de fútbol ‘Pepe Capón’, que estaba seriamente danado debido ao incendio de 2017.

O cambio dos 6.842 metros cadrados da actual herba artificial por céspede coa certificación FIFA Quality Pro, foi adxudicada á empresa Mondo Ibérica por un orzamento de 126.868,50 €, que se financiarán coa axuda para bens públicos danados polo incendio de 2017 achegada polo Ministerio de Política Territorial e Función Pública (19 %), a aseguradora MAPFRE (23 %) e Fondos Propios (28 %).

Óscar González, segundo tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, indica que as obras terán unha duración mínima de tres semanas, “que pode variar en función da meteoroloxía pois a chuvia dificulta estes traballos”.

A Deputación continua a coordinar a volta á provincia do alumnado do Practicum Depo dende cidades europeas

A Deputación de Pontevedra segue a coordinar co Goberno de España a repatriación voluntaria á provincia do alumnado que estaba a desenvolver a súa mobilidade en cidades europeas e que solicitou a volta ao país pola crise xerada polo Covid19. Trátase de alumnas e alumnos de centros de Formación Profesional da provincia de Pontevedra que, desde fai uns meses, están a realizar as súas prácticas en empresas e centros de investigación de distintos países europeos coas bolsas do programa Practicum Depo.

Ata o momento, do total de 35 alumnas e alumnos, 12 decidiron retornar a Pontevedra. Así, catro estudantes tiñan previsto o regreso ó seu domicilio esta semana. En concreto, trátase dunha rapaza que realizou unha estadía en Cork (Irlanda), dun alumno e unha alumna cuxo destino foi Italia e, finalmente, dunha estudante que complementou a súa formación con prácticas laborais en Portugal. Ademais, outro dos beneficiarios do programa de mobilidade provincial aínda non decidiu as datas do seu regreso de Italia.

Deste xeito, a Deputación continúa traballando para coordinar as próximas voltas do alumnado, que se realizarán a partir do 31 de maio. Das 23 bolseiras e bolseiros restantes, 9 seguen en cidades de Italia, 5 en Portugal, 2 en Malta, 2 en Finlandia e 5 en Irlanda. Estas alumnas e alumnos estudan nos seus centros de FP da provincia ciclos medios de Conservación de medio natural, Produción agroecolóxica, Telecomunicacións, Actividades Comerciais, Electromecánica, Acuicultura, Actividades Físico-Deportivas, Xestión Administrativa, Sistemas Microinformáticos e Redes, Coidados de Enfermería, Xardinería e Florería, ou Instalacións Eléctricas e Automáticas.

O proceso de repatriación voluntaria está a ser coordinado pola Deputación co Goberno de España ao través do Ministerio de Exteriores e o de Universidades, que están a organizar os voos e a garantir a seguridade e a protección de todos os participantes nestas bolsas europeas. Desde o inicio da crise sanitaria, a institución provincial co SEPIE, o Servizo Español para a Internacionalización da Educación, están a manter o contacto e seguimento diarios do alumnado a quen, amais, se lle transmite a información das medidas de contención en cada país así como a organización das repatriacións para facilitar a volta daquelas e daqueles estudantes que así o requiran.

A rápida intervención de dous axentes da Policía Local de Redondela evita un incendio nunha cociña de Cedeira

0

A rapidez de resposta de dous axentes da Policía Local de Redondela na mañá de hoxe, fixo que o que podía ter sido un grave suceso, quedara tan só nun susto sen danos materiais nin persoais.

Un particular alertaba á Policía que na rúa Estación, moi preto da estación de ferrocarril de Redondela, se lle pechara a porta da vivenda e, non interior, quedara un cazo fervendo ao lume.

Unha vez persoados no lugar dos feitos, os axentes puideron comprobar como, dende o interior do inmoble, saía unha fumareda así como un forte cheiro a queimado polo que procederon a abrir con rapidez a porta observando, como no interior, cheo de fume, estaba a arder a cazola que foi sofucada de inmediato.

Esta rápida intervención fixo que non se produciran danos nin materiais nin persoais e o que podería terse convertido nun grave suceso, quedou nun susto.

O Concello de Redondela colaborará cos centros escolares ante o reinicio do curso en bacharelato

0

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, mantivo esta semana unha reunión telemática coas equipas directivas dos centros escolares de Redondela, na que se puxo de manifesto “as reticencias que directivas e profesorado teñen ante un reinicio do curso sen antes garantir, ao cen por cen, a seguridade sanitaria tanto dos rapaces e rapazas coma dos e das docentes”, explicou a alcaldesa.

Segundo unha comunicación da Xunta de Galicia, o vindeiro día 25 de maio, deberían retomarse as clases presenciais para o alumnado de 2º de bacharelato, nunha medida cualificada polo Goberno local redondelán como “ambigua” xa que deixa á elección dos alumnos e alumnas asistir ou non ás clases.

A medida supón, para alcaldesa de Redondela, “unha maneira de eludir responsabilidades facéndoa recaer sobre os rapaces e rapazas”. No decurso da reunión, o Concello púxose á disposición dos institutos para colaborar no que precisasen “na medida das nosas posibilidades e asumindo competencias que son da propia Xunta de Galicia”.

Así, o Concello colaboraría na limpeza dos centros escolares, “limpeza que non desinfección”, aclara a alcaldesa de Redondela, “porque para esa desinfección a fondo o Concello non ten os medios necesarios e, ademais, é unha competencia exclusiva da Consellería de Educación”.

Tanto a alcaldesa como as e os directores dos centros escolares amosaron o seu escepticismo sobre o reinicio do curso escolar ao existir, sinalaron as dúas partes “incerteza na evolución da COVID-19 e, sobre todo, dúbidas á hora de garantir a saúde dos rapaces e rapazas” que, segundo Digna Rivas, “debe ser total e absoluta e a única prioridade por encima de calquera outra consideración”.

Nese sentido a alcaldesa de Redondela é rotunda ao sinalar que o curso “non debería reiniciarse en tanto non se teña absolutamente garantida a seguridade do alumnado”.

Digna Rivas chamou a atención sobre a “rapidez e efectividade” das medidas adoptadas pola Concellería de Ensino do Concello de Redondela que dirixe Olga García Ballesteros, nos centros que son da súa competencia, “aos que dende o primeiro momento dotóuselles de material desinfectante, luvas e máscaras de protección, para que o profesorado puidera seguir desenvolvendo o seu traballo”.

Estas medidas, que mereceron a felicitación unánime da comunidade educativa, “contrastan co ‘pasotismo’ da Xunta de Galicia nos centros que lle competen” descargando nos concellos “esa responsabilidade, que non é nosa, pero que asumimos con gran esforzo porque a nosa primeira prioridade é a seguridade da nosa veciñanza”.

Doutra banda a alcaldesa de Redondela adiantou que mantén “continuo contacto” co reitor da Universidade de Vigo de cara a que os rapaces e rapazas que teñen que facer as probas da ABAU (Avaliación de Bacharelato para o Acceso á Universidade) –a antiga Selectividade– as poidan realizar en Redondela.

“Evitaríamos desa forma –explica Digna Rivas– que as nosas mozas e mozos e o alumnado de Soutomaior, teñan que desprazarse, co risco sanitario que neste momentos supón”, e poidan realizar as probas nunha instalación por determinar que, posiblemente, podería ser o pavillón de deportes, “no que se poderían garantir as condicións de espaciamento entre postos, desinfección e seguridade que serían desexables”, concluíu a rexedora local redondelá.

Baiona esixe da Xunta de Galicia a gratuidade da AG-57 como “medida dinamizadora” do turismo de proximidade

0

O alcalde de Baiona e presidente da Mancomunidade de Municipios do Val Miñor, Carlos Gómez, esixiu hoxe á Xunta de Galicia a gratuidade da AG-57, unha medida “que servirá como elemento dinamizador do turismo de proximidade” do que, afirma o rexedor local, “depende en gran medida a recuperación económica dos concellos no prazo máis inmediato”.

A crise sanitaria provocada polo COVID-19, as fases do desconfinamento “que dependerán da evolución da pandemia” e a imposibilidade de facer longos desprazamentos fai que, nestes momentos, “o turismo interior, sobre todo o máis próximo, sexa o que permita aos concellos de Baiona, Nigrán e Gondomar iniciar unha recuperación da economía local, cando menos no prazo máis inmediato”.

Para que iso sexa posible, indica Gómez, “é preciso que as persoas poidan desprazarse con liberdade, algo que en este momento, impide unha peaxe elevada da AG-57”. A medida da gratuidade contribuiría a evitar, en gran medida, as longas retencións nas vías tradicionais que provocan “que ese turismo de proximidade opte por buscar outros destinos de máis fácil acceso”.

Non estaría de máis, afirma o rexedor baionés, que “xa que o sr. Feijóo estivo escondido durante todo este tempo delegando nos concellos competencias que son propias da Xunta de Galicia e obrigando ás administracións locais a facer un enorme sobre esforzo, amosara agora certa gratitude e correspondera a ese sacrificio realizado por Baiona, Nigrán e Gondomar, botando unha man nun asunto que entra, de cheo, nas súas competencias”.

Este sería, apunta o rexedor baionés, o xeito no que a Xunta de Galicia podería colaborar con Baiona e concellos do Val Miñor e amosar que “de verdade e con feitos lle interesa e preocupa a recuperación económica dos concellos e o benestar dos seus veciños e veciñas”.

A Deputación, preparada para o remate da desescalada cara á atención ao público e á reorganización do traballo interno

A Deputación de Pontevedra xa ten todo preparado, cara ao remate da desescalada, para a aplicación das novas normas de protección e seguridade e dos criterios de organización, tanto na atención ao público como para o funcionamento interno da institución provincial. A presidenta, Carmela Silva, asinará unha nova resolución presidencial que contemplará a nova normativa a implementar en todas as dependencias e organismos, da que xa se falou cos grupos políticos e cos sindicatos con representación na Deputación.

A atención ao público, a parte máis visible na nova cultura organizativa da Deputación, vai cambiar sustancialmente a partir da Fase 2, prevista en principio para o día 25 de maio, coincidindo coa progresiva reincorporación do persoal ao traballo presencial. Continuará facéndose por vía telefónica ou telemática, pero tamén poderá ser presencial para as persoas que soliciten cita previa individual na sede electrónica.

Haberá moitos cambios na fisonomía da Deputación a fin de atender ao máximo a seguridade. Así, a persoa que se achegue ao Pazo Provincial, ao Edificio Administrativo, ao Palacete das Mendoza, a sede central de ORAL ou a sede da Deputación en Vigo, se atopará con medidas moi exhaustivas para garantir a protección de todas e todos.

No acceso se instalarán alfombras de desinfección para o calzado e fontes dispensadoras de hidroxel para as mans que se accionarán co pe. A persoa visitante pasará despois polo control de temperatura que, nun primeiro momento se fará con cámaras termógrafas e progresivamente con arcos de medición. Unha vez cumpridas estas medidas de protección, a persoa visitante disporá de atención personalizada para guiala ata a dependencia á que se dirixa. Para elo se utilizarán circuítos peonís independentes de entrada e saída, evitando sempre a formación de colas, e quedará prohibido permanecer nas zonas comúns de paso. O uso dos ascensores quedará restrinxido ás persoas con dificultades de mobilidade.

Todas as estancias disporán de carteis con indicacións de carácter hixiénico e mantemento da distancia social, controlaranse os fluxos de movemento e haberá máscaras e luvas en tódolos servizos provinciais. Elementos como as mamparas, biombos e outros elementos separadores pasarán a formar parte dos espazos de atención ao público e os propios centros de traballo nos que sexa imposible gardar a distancia de 2 metros entre o persoal.

Para a petición da cita previa no caso do Registro e da sede Central de ORAL, establécese un novo programa informático que ofrecerá tramos horarios para escoller o que máis conveña á persoa solicitante. En canto á documentación, deberá ser entregada en formato electrónico e, só no caso no que sexa imposible, admitirase en formato físico cun protocolo específico de hixiene das mans e da mesa onde se produza o intercambio.

Outros organismos ou dependencias esenciais da Deputación de Pontevedra disporán de protocolos propios e específicos de protección, hixiene, desinfección e seguridade. É o caso do Centro Príncipe Felipe, do Museo-Sexto edificio e outras instalacións como os Castelos de Soutomaior e Sobroso

Reorganización funcionamento interno

En canto ao funcionamento interno da Deputación, a novidade máis importante será a progresiva reincorporación do persoal ao traballo presencial, tendo en conta que ata agora preto de 600 traballadoras/es están a desenvolver o seu labor de forma telemática. De feito, poñerase en marcha un modelo de reorganización do traballo en catro modalidades distintas, que van dende a presencial á telemática, pasando pola mixta e polo traballo principalmente en remoto, e que irá encaixando en función das necesidades de cada servizo, así como as características dos distintos colectivos laborais. Os/as traballadores/as con enfermidades graves, as embarazadas e os/as maiores de 60 anos con algunha patoloxía serán persoas vulnerables a efectos da organización laboral.

Desde o inicio da Fase 2 a reincorporación na modalidade presencial será parcial, introducindo quendas de traballo con rotacións semanais para garantir que se respecten as distancias interpersoais. De feito, fíxose un completo estudo de avaliación de distancias e espazos. A fin de facer posible a distribución das quendas, ampliarase o horario de oficina ata o abano que vai das 7.00 ás 21.00 horas. Durante esta etapa traballarán presencialmente os traballadores/as con responsabilidade de xestión, encargados/as de atención ao público, persoal de oficios ou de arquivos, ademais daqueles que, polas características do espazo no que desempeñan as súas funcións, poidan facelo con seguridade. Na modalidade mixta estarán os demais. Xa para a Fase 3, prevista inicialmente para o 8 de xuño, a Deputación ten previsto que a modalidade de traballo para todo o cadro de persoal poda ser presencial, agás nos casos nos que non sexa posible respectar as medidas de precaución.

As medidas de seguridade, protección, hixiene e desinfección serán extremas para garantir a saúde do persoal da Deputación de Pontevedra. A limpeza interior farase dúas veces na xornada. Ademais, queda establecido que os baños deben hixienizarse 6 veces ao día, e o aire de cada estancia deberá renovarse por completo en tempo máximo de 5 minutos. Finalmente, ordenarase a limpeza periódica dos filtros de aire. Para os casos de útiles ou equipos informáticos utilizados por varias persoas obrígase á súa desinfección entre quendas.

As xuntanzas telemáticas internas pasarán a ser norma na Deputación e, para os casos nos que non sexa posible, determínase que as salas deberán quedar completamente recollidas e desinfectadas cando varíen os asistentes. As actividades formativas presenciais quedan prohibidas agás que resulten imprescindibles e, finalmente, limítase a dúas persoas a presencia en vehículos oficiais.

En canto ás probas selectivas en marcha, queda fixado que cando finalice a suspensión dos prazos administrativos, deberán ser pospostas para evitar a concorrencia masiva de persoas e, en todo caso, deberán respectarse as normas de distancia de seguridade.

Arbo desinfecta gratuitamente os taxis con ozono

0

O Concello de Arbo, contratou a pasada semana os servizos dunha empresa especializada para a desinfección con ozono dos vehículos municipais, o camión do lixo e os taxis do municipio.

O Concello quepreside Horacio Gil puxo a disposición dos servizos publicos a desinfección con ozono como unha medida de prevención de contaxio do COVID-19. O ozono é, segundo o Concello de Arbo, “clave para loitar contra a COVID-19” porque é un desinfectante natural que elimina virus, fungos e bacterias.

O Concello de Arbo está a desenvolver un plan de loita contra o coronavirus, repartindo pantallas protectoras, xel, luvas e outro material de protección entre todos os colectivos e o comercio local, que teñen que permanecer o público, cun seguimento a todos os sectores.

Agora, con este servizo de desinfección, garántese a mobilidade de todos os veciños e veciñas de Arbo de forma segura en taxi. O Goberno local amosou a súa intención de “seguir axudando aos que están todos os días nesa primeira ou segunda liña de loita contra o coronavirus”, di o alcalde Horacio Gil.

“Seguiremos traballando pouco a pouco e poñendo todo o noso esforzo en axudar a todos os colectivos e ao comercio local para así entre todos superar esta crise sanitaria”, engade o alcalde de Arbo.

Patos reabre o seu mercado con 20 postos agroalimentarios

0

O Concello de Nigrán autorizou esta semana a reapertura do tradicional mercado ao aire libre de Patos para retomar a actividade este sábado despois de dous meses pechados pola crise sanitaria do Covid-19. Así, a feira arrancarou con vinte postos agroalimentarios convintemente delimitados para que permitisen gardar distancias de seguridade, tal e como se regula nesta Fase 1 de desconfinamento.

A apertura coincide co inicio este luns da popular feira de Sabarís en Baiona, polo que os principais mercados da comarca regresan a unha nova normalidade (o téxtil todavía non está permitido).

“Pouco a pouco iremos retomando a normalidade se seguimos mantendo as máximas medidas de prevención, temos unha cidadanía responsable e estou segura de que seguirá sendo así porque xa o amosaron amtes nos seus paseos ou coa apertura de comercios e terrazas”, explica o alcalde, Juan González.

Redondela celebra o Día das Letras Galegas con distintas iniciativas a través das redes sociais

0

A Concellería de Normalización Lingüística do Concello de Redondela, que xestiona a alcaldesa Digna Rivas, vén de anunciar a posta en marcha distintas propostas coa finalidade de celebrar a Semana das Letras Galegas. As iniciativas desenvolveránse través das redes sociais de cara a afondar sobre a figura do homenaxeado este ano, Ricardo Carvalho Calero, a pesar das restricións que impón a actual situación de crise sanitaria da COVID-19.

Cada día haberá propostas de actividades, para crianzas e adultos, co fin de celebrar estas datas “dun xeito diferente pero sempre co propósito de defensa e promoción da lingua de Galicia”, apunta o SNL que, ao mesmo tempo, adianta que a programación prevista para estas xornadas, antes do confinamento, “quedará adiada a outubro, cando, o día 31, a Real Academia Galega celebre o Día das Letras Galegas, tal e como informou a propia RAG”.

Polo tanto, no perfil de Facebook do SNL de Redondela, haberá documentos históricos que recollen entrevistas a Ricardo Carvalho Calero. A isto, súmanselle fichas didácticas para cativos e cativas, textos de Carvalho Calero musicados e outras propostas lúdicas que nos sirvan para coñecer mellor o autor.

A maiores, o Servizo de Normalización Lingüística pon en marcha unha iniciativa denominada ‘Con acento e coñecemento’. Trátase da gravación de minivídeos (1-2 minutos de duración) nos cales as persoas maiores ensinen as crianzas contos, lendas, nomes de flores, adiviñanzas ou calquera experiencia que se queira compartir.

Estes minivídeos compartiranse no perfil de Facebook do SNL durante todo o mes de maio. O traballos deberán enviarse ao enderezo electrónico normalizació[email protected].

O PSdeG-PSOE de Ponteareas lamenta a oposición “irresponsable e mentireira” do PP ponteareán

Os socialistas de Ponteareas veñen de denunciar o que cualifican de “última falcatruada” dos concelleiros do PP de Ponteareas difundindo entre o persoal municipal “a mentira de que o Goberno Municipal coa colaboración de ACIP” tiña a intención de baixarlle o soldo os traballadores “atrevéndose incluso a dicirlles que ían quedar sen paga extra”, afirma o PSdeG-PSOE.

“O PP de Ponteareas xa nos ten acostumados a súa falla de compromiso cos veciños e veciñas de Ponteareas” afirman os socialistas, pero en este proceso de gran dificultade para o conxunto da poboación “esperábamos que polo menos estivesen a altura das circunstancias, o cal lamentablemente non está sendo así”.

Estas afirmacións “interesadas son sempre denunciables”, pero na actual situación “son simplemente miserables, xa que non se pode deliberadamente trasladarlle unha preocupación inexistente o conxunto dos traballadores do concello que tan bo traballo están a facer en esta situación de dificultade que estamos a vivir”, sinala o PSOE ponteareán.

Os socialistas aconsellan que se realmente os populares están preocupados polos seus veciños e veciñas “é non pola estratexia electoral do seu líder o Sr. Feijoo, o que ten que facer e reclamarlle a Xunta de Galicia presidida polos seus amigos, que asuman as súas competencias en materia de sanidade, educación, economía é emprego, etc… xa que o que non pode ser é que sexamos os concellos os que esteamos a paliar as deficiencias da Xunta de Galicia para que os nosos veciños non queden desprotexidos”.

Finalmente, o PSdeG-PSOE de Ponteareas “invita” aos concelleiros do PP “a que recuperen a sensatez é se unan o esforzo colectivo para axudar os nosos veciños”.

Redondela leva repartidas máis de 12.000 máscaras de protección entre o comercio de todo o municipio

0

O Concello de Redondela ven de rematar a distribución de máscaras cirúrxicas entre todos os comercios do municipio de cara a que poidan retomar a súa actividade coa maior seguridade posible. Para ese fin distribuíronse máis de 12.000 máscaras de protección nunha iniciativa enmarcada na campaña de protección e concienciación ‘Faino por Todxs’ Redondela Segura.

Nesa mesma liña, a comezos da vindeira semana rematará tamén o proceso de entrega de máscaras cirúrxicas á veciñanza do municipio, unha vez que o Concello de Redondela recibiu xa o resto das máscaras encargadas hai case que un mes e que, explica o Goberno local, “supuxo un enorme esforzo dados os problemas que as empresas subministradoras tiñan para facer fronte á enorme demanda”.

A entrega deste material de protección a veciñanza estase a realizar por correo nos maiores núcleos de poboación –Redondela e Chapela– mentres que nos núcleos rurais, realízase ‘porta a porta’ por parte dos voluntarios e voluntarias de Protección Civil.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, salientou a importancia desta actuación que permite, dixo, “que a cidadanía poida contar cos elementos de protección necesarios para afrontar a Fase 1 da forma máis segura”.

A rexedora local insistiu, como o ven facendo ao longo destes días, na necesidade “de extremar as medidas de prevención” xa que a entrada na Fase 1 pode xerar unha “falsa seguridade e pensar que todo pasou cando o certo é que a COVID-19 segue aí”.

Ese é precisamente o obxectivo da campaña ‘Faino por Todxs’ posta en marcha polo executivo local. É, explica Rivas, “unha chamada de atención para non baixar a garda e, ao mesmo tempo, unha guía de actuación para combater o coronavirus da única forma que se pode facer: a prevención a través do cumprimento dunhas normas básicas de seguridade”.

O PP de Ponteareas solicita ao Concello que “axilice” os pagos de facturas pendentes e que non pasen os 30 días

O PP de Ponteareas, dentro da batería de propostas que están a facer ao Goberno local para afrontar a crise derivada da COVID-19, vén de propoñar que se axilicen os pagos a provedores “e abónense as facturas pendentes”, xa que os datos facilitados, do último trimestre, aseguran os populares, “reflicten que a administración local atrásase no pago unha media de 54 días, cando a lei establece que deben ser menos de trinta días”.

O PP considera que o alcalde como responsable de Facenda, ten que axilizar estes pagos e liquidar as facturas correspondentes ao ano 2019, por importe de 600.000 euros. “Actualmente ten facturas sen contabilizar e sen pagar por valor de máis de 600.000 euros. Son facturas de 2019 polo que, no mellor dos casos, pertencen ao mes de decembro. É dicir, despois de 150 días seguen sen pagarse. A contabilidade destas facturas incrementaría a media de pago do noso Concello en ata 100 días, moito máis que os 54 publicados no último informe trimestral”, explican os populares.

Os populares solicitan ao Goberno local que “tome nota da proposta” e melloren xa o prazo de pago, porque senón os autónomos e empresas que facturan ao Concello van verse gravemente afectadas nestes meses. “Solicitamos que se cumpra a lei. Que fagan fronte aos pagos cumprindo os prazos establecidos”.

Dupliar a partida orzamentaria para paliar os efectos da COVID-19

Doutra banda, os populares piden do Goberno local que duprique o investimento previsto para paliar os efectos da COVID-19 de 500.000 euros, xustamente ao dobre, un millón de euros. Aseguran “estar sorprendidos” ao coñecer a situación financeira do Concello, que a pesar do pouco investimento realizado en 2019, “pechou o exercicio incrementando os gastos e perdendo o remanente acumulado en 2018”.

Os populares viñan reclamando no último mes que se crease un Fondo Especial, utilizando precisamente o Remanente de Tesourería, que son os aforros do Concello, para afrontar a situación derivada da crise de COVID-19 e agora, que se publicaron os datos, “entenden que non será posible”. Afirma o PP que o Goberno “gastouse o remanente existente e opta por facer unha modificación orzamentaria de máis dun millón de euros. Tendo en cuenta que o destinado a axudas serán 500.000 euros chámanos a atención que a modificación sexa moito maior, sobre todo cando acaban de aprobar un orzamento para este ano que segundo o Goberno local recollía todas as partidas necesarias”, explican os populares.

Por iso, o Partido Popular solicita ao Goberno local a división do expediente. “Queremos que se reflicta o importe exacto que será destinado a axudas derivadas do COVID-19 e coñecer a que se destina o resto da modificación”.

Por outra banda, os populares insisten en incrementar as axudas a autónomos, empresarios e veciños “ata polo menos un millón de euros”, o dobre do proposto polo Goberno porque ao entender do PP “cun orzamento de 22 millóns de euros non é de recibo destinar tan só un 2% a axudas”.

“Esperamos que tanto o Goberno local como o grupo ACIP coincidan connosco en ampliar esta axuda ata un millón de euros” e acusan aos independentes liderados por Juan Carlos González Carrera, de “aliñarse” co alcalde “priorizando os intereses partidistas ao interese xeral dos nosos veciños”.

O BNG de Redondela, satisfeito polo compromiso de urbanizar a estrada ao colexio Portocabeiro

0

Xoán Carlos González, voceiro municipal do BNG de Redondela amosou a súa satisfacción “por teren conseguido o compromiso de que, nos vindeiros orzamentos, se recolla unha partida co fin de urbanizar esta estrada de acceso ao colexio de Portocabeiro, na parroquia de Vilar de Infesta”.

Un dos puntos que se levou ao Pleno do mes de abril prantexaba o convenio entre o Concello e a Deputación para a urbanización do treito final da estrada do Galleiro, na parroquia de Vilar de Infesta. Dun total de 400.000 € para a obra, as arcas municipais aportarían uns 120.000 €.

Segundo manifestou o voceiro do BNG, “xa sabemos a canto ascende o desvío de fondos públicos perpetrado polo PP de Javier Bas e Louzán quen dispuxeron de 1’2 millóns de euros para toda a obra, e deixaron un terzo da mesma sen executar”. Para sinalar que novamente, os populares amosaron a súa peor faciana, propoñendo que a obra quedara sen rematar.

No transcurso do debate, segundo o edil nacionalista, “prantexamos a necesidade de que o goberno municipal se compremetara a urbanizar e humanizar a estrada de acceso ao colexio de Portocabeiro. Unha demanda que dende hai anos tanto a comunidade educativa como a Asociación de Veciñ@s, teñen prantexado”, sinala.

Xustifica a súa decisión o voceiro do BNG, pois “ante a falla de orzamento deste Goberno, tal como se comprometeron no acordo de investidura de Digna Rivas como alcaldesa, non nos quedou máis remedio que prantexar a actuación na parroquia de Vilar”, aclara.

O vial sufre un importante movemento de tráfico pesado. “Consideramos que se trata dunha oportunidade para desenvolver os camiños escolares, para que se poida acceder e saír do centro educativo dun xeito seguro”, polo que lle damos grande valor a este compromiso.

A Mesa Local de Comercio da Guarda reúnese para estudar as medidas tomadas polo Concello para o sector

0

O xoves 14 de maio tivo lugar unha sesión extraordinaria da Mesa Local de Comercio, na que ademais do alcalde e as concelleiras de Facenda e Desenvolvemento Local, participaron os/as representantes das catro asociacións vinculadas a este sector, a Asociación de Consumidores Aldraman, así como os/as portavoces do resto de grupos políticos.

Durante esta sesión deuse conta de todas as medidas económicas e de dinamización comercial adoptadas polo Concello desde o inicio da pandemia ata agora, e entre as que se inclúen retrasos ou exoneración de taxas municipais para negocios, aceleración de pagos a provedores/as, difusión durante o confinamento dos establecementos comerciais con servizo de entrega a domicilio e dos establecementos de hostalaría abertos durante a desescalada, ou campañas de sensibilización para o consumo local, entre outras.

Unha das medidas que máis curiosidade provocou nos/as asistentes foi a da creación do “market place” da Guarda no que calquera comercio, praceiro/a, restaurante ou autónomo/a do sector primario, poderá vender os seus produtos online, tanto a nivel local, como no resto de España e Portugal.

O alcalde Antonio Lomba aproveitou o punto número dous da orde do día para facer unha mención especial e expresar o seu agradecemento a todas as empresas que, desde o primeiro momento, achegaron a súa colaboración desinteresada doando todo tipo de material de protección ou elaborando mascarillas de tea. Pola súa parte, o Concello puxo a disposición da cidadanía aquel material do que se ía dispoñendo ou se fabricaba en cada momento, dada a dificultade que tiveron tanto empresas como particulares durante o confinamento para conseguir mascarillas, luvas, xel ou pantallas.

Por último abordouse o punto máis importante da sesión: a intención por parte do Concello de elaborar un plan de dinamización económica axustado ás nosas particularidades, e para o que se contratará unha empresa consultora con experiencia no asesoramento a entidades locais e no deseño deste tipo de medidas. Neste momento estanse valorando as ofertas e propostas de tres empresas que ofrecen este tipo de servizos e a mediados da semana que ven tomarase a decisión de cal se considera a máis axeitada para levar a cabo esta importante misión.

A concelleira de Desenvolvemento Local, Fátima Rodríguez, destacou que a única vía para saír adiante será traballar unidas e unidos, e asegura que desde o equipo de goberno existe o firme compromiso de que cada evento, actividade e iniciativa teñan como principal obxectivo a reactivación, e polo tanto acaben revertendo economicamente nos negocios locais.

Tamén neste punto a concelleira de Facenda, Montserrat Magallanes, destacou que se traballará neste plan de xeito colaborativo tanto co comercio, a hostalaría ou o turismo, pero sen esquecer a outro tipo de empresas da localidade como poderían ser aquelas do sector da pesca, e que resultan vitais para o pobo.

Para rematar a sesión abriuse unha rolda de preguntas na que o Alcalde a as dúas edís responderon a todas aquelas cuestións relacionadas cos temas abordados durante a mañá, e o Alcalde finalizou cunha metáfora a modo de reflexión defendendo que o Concello non ten a obriga de dar o pan feito ás empresas, pero facilitará os ingredientes e a maquinaria para que elas sexan quen de elaboralo por si mesmas.

A decisión de Abanca de abrir nas Neves só dous día á semana causa aglomeracións e atrasos de máis dunha hora nas xestións

0

O Goberno local das Neves amosou hoxe o seu “desacordo total” coa decisión da dirección da oficina de Abanca da vila de non abrir ao público de luns a venres e seguir atendendo ás veciñas e veciños que son clientes desta entidade só dous días á semana.

De xeito reiterado, dende o inicio do ‘Estado de Alarma’, o propio alcalde contactou cos responsábeis de Abanca para que se modificaran os días de apertura, “facéndoos coincidir cos días de mercado” e insistindo tamén para que a apertura “estendésese aos 5 días da semana”.

A dirección da oficina, explica o Concello que preside Xosé Manuel Rodríguez Méndez, “non amosou disposición algunha de modificar a situación actual”, algo que o Goberno local considera inxustificado, “considerando que hai outra entidade financeira nas Neves que si abre os cinco días da semana” polo que consideran que esta actitude é “un menosprezo ás veciñas e veciños e un agravio con respecto a outros concellos nos que Abanca si atende nas súas oficinas de luns a venres”.

Dende o Concello lembran que “estamos diante dun servizo moi necesario, aínda máis atendendo á tipoloxía da poboación das Neves, o que non fai factible remitir aos seus clientes á ‘banca electrónica’ ou ao caixeiro automático”.

Aglomeracións e demoras de máis dunha hora

Cada un dos dous días nas que abre a oficina –martes e venres– prodúcense aglomeracións e colas, que fan que  sexa moito máis difícil cumprir coas medidas sanitarias e que causan que calquera xestión tarde máis dunha hora, algo que, afirma o Goberno local das Neves, “non se produciría se a sucursal abrise os cinco días laborais da semana”.

Por todo isto, o Goberno municipal insta aos responsábeis de Abanca a adaptar as instalacións da oficina das Neves “para que cumpran coas medidas hixiénico sanitarias establecidas e a abrir ao público de luns a venres no seu horario habitual”.

ACiP negocia do Goberno local o incremento das partidas económicas para a reactivación comercial de Ponteareas

O portavoz do grupo municipal de Alternativa Ciudadana de Ponteareas, ACiP, anunciou hoxe o acordo acadado co Goberno local de cara a incrementar as partidas económicas destinadas ás axudas a empresas e autónomos que están a pasar unha complicada situación.

A negociación realizada por ACiP mirarase reflectida no pleno do próximo luns, onde, sinala Alternativa Ciudadana de Ponteareas, “aprobarase unha modificación orzamentaria por importe de 622.000 €”, e que conta co voto favorable dos Concelleiros independentes “por recoller parte das iniciativas presentadas polo noso grupo”, apunta González Carrera.

Dende ACiP deixamos claro desde o principio desta situación de alarma sanitaria, explica o portavoz da formación independente “que apoiariamos todas as propostas que sexan de beneficio para a cidadanía, realizando achegas viables e reais para poder axudar aos nosos veciños”.

Nesta modificación apróbasense partidas económicas importantes como o incremento económico ao centro municipal de repartición de alimentos, cun aumento de 24.000 euros para axuda directa a veciños que entran en situación de vulnerabilidade. Increméntase tamén a partida de ‘Axuda no Fogar’ con máis de 24.000 euros “para a demanda de asistencia aos nosos maiores”.

Doutra banda, o acordo contempla a creación dunha partida de 180.000 euros para a posta en marcha do programa de axuda de reactivación da economía local, “que abarca a todas as actividades económicas do noso Concello, que cabe lembrar, superan as 3.000 entre autónomos e empresas”, explica González Carrera.

Outra das medidas que se levarán ao Pleno do luns será o incremento de 180.000 euros na partida para as axudas directas “que están en vigor para as actividades que estiveron pechadas, e as que tiveron perdas, que se suman aos 50.000 euros existentes”.

Programas de Bono comercio para comercio local, creación dunha plataforma para promoción do noso comercio, melloras no CIM, adaptación de medidas do COVI-19, son outras medidas a poñer en marcha “e chegamos ao resultante de 620.000 euros, máis os 50.000 euros postos en marcha a pasada semana”, afirma o portavoz de ACiP.

González Carrera asegurou que seguirá presentando propostas nos próximos plenos como as de solicitar a anulación dos impostos municipais ás actividades que estiveron pechadas, e todas as que se viron afectadas pola situación que estamos a vivir.

ACiP asegura que o Concello “debe estar á altura, e poder axudar á reactivación do noso tecido industrial. Non queremos un pobo fantasma sen actividade comercial, por iso sempre apoiaremos medidas que vaian nese camiño”.

“Non é momento de ideoloxías, é momento de achegar o que nos une”, afirma González Carrera que lembra que “o noso único compromiso é Ponteareas, e así seguiremos traballando”.

Tomiño convida a Margarita Ledo e a Méndez Ferrín a colaborar na conmemoración do Día das Letras Galegas

0

O Concello de Tomiño convidou a Margarita Ledo e Xosé Luís Méndez Ferrín, dous grandes persoeiros da lingua e cultura galegas, a gravar unha mensaxe de vídeo coa que conmemorar dun xeito moi especial as Letras Galegas 2020.

A primeira, Catedrática de Comunicación Audiovisual na Facultade de Ciencias da Información de Santiago de Compostela, e membro da Real Academia Galega (RAG), aceptou o reto e gravou un vídeo que poderá verse nas redes sociais do Concello, o vindeiro domingo.

Méndez Ferrín, pola súa banda, fixo chegar unha agarimosa resposta á alcaldesa Sandra González, explicando que estaría encantado de poder participar, pero que por razóns persoais, non podería facelo esta vez. Aínda así, o escritor, político, Doctor en Filoloxía e expresidente da RAG, fixo chegar ao Concello, “Apertas e múltiples felicitacións polo voso traballo municipal que sigo con atención. Tamén don Daniel Calzado e o siñor Afranio, aplaudirían o voso labor se estivesen no mundo”.

Ademais o Concello de Tomiño conmemorará a festividade das Letras Galegas, con concertos musicais e outras actividades de carácter lúdico.

Ás 19.00 horas, en directo, o grupo “CÉ ORQUESTRA PANTASMA”, ofrecerá dende a súa páxina de Facebook , ao pé dun carballo, un concerto para toda a familia, co que pretende homenaxear a Carvalho Calero, persoeiro a quen se lle adica este ano o Día das Letras Galegas.

Asemade, compartirase a través de mailing, whatsapp, web e redes sociais, un par de xogos en liña sobre a lingua e literatura galegas; un divertido xogo de dardos na palabra realizado coa colaboración do grupo de voluntariado da OMIX.

Dende o Concello agradecen moi especialmente a colaboración de todas as persoas implicadas na organización destas actividades.

Camisetas e bolsas alusivas

As camisetas conmemorativas deste ano, cuxo logo pertence a Saskia Díaz Castro, serán repartidas de balde entre as persoas que acudan á libraría tomiñesa Novidades para mercar UN LIBRO EN GALEGO, a partir do 17 de maio.

Por outra banda, despois de recoller centos de palabras galegas escritas polos usuarios e usuarias das nosas redes sociais, reuníronse as vinte palabras máis votadas a través da páxina web do Concello, que serán impresas nas “tote bags” (bolsas de tea 100 % algodón), que se repartirán tamén de balde ao longo deste mes. Haberá cinco deseños diferentes serigrafiados coas seguintes verbas: changarella, afouteza, coliño, aperta, chouchiña, bágoa, ruliña, quérote, sentidiño, bico, riquiña, bolboreta, aloumiño, fedello, morriña, agarimo, toxo, xoaniña, amodiño e enxebre.

Nigrán festexa as Letras Galegas lembrando a Carvalho Calero cunha postal e bolsa de agasallo ao pequeno comercio

0

O Concello de Nigrán festexará o Día das Letras Galegas este ano recordando a figura de Ricardo Carvalho Calero a través das librerías do municipio e o pequeno comercio. Pese as circunstancias derivadas do Covid-19 que obrigaron a trocar as datas de homenaxe oficial ao autor, o Concello de Nigrán quere celebrar a súa figura neste 17 de Maio que a el lle correspondería.

Así, o goberno local entregará gratuítamente entre as librerías e os establecementos de cara ao público que o soliciten a [email protected] un lote de postais deseñadas ex profeso para a ocasión que resumen a súa biografía e conteñen unha extracto da súa obra ‘A Xente na Barreira’ (primeira novela en galego da posguerra, 1951). Estas postais irán, ademais, acompañadas dunha bolsa de algodón ilustrada a tinta marrón co emblemático mosaico romano de Panxón reaparecido no 2019 nun anticuario de New York (EEUU) e que o goberno local trata de repatriar tras 20 anos en paradeiro descoñecido. O obxectivo é que os comerciantes agasallen con estes dous obsequios a súa clientela máis fiel. As peticións e conseguintes entregas se realizarán ao longo de todo o mes de Maio, prestando especial atención a aqueles comercios que abren as súas portas este domingo para que o poidan entregar o mesmo día 17.

“Este é un ano diferente pero non por iso queríamos deixar de festexar as Letras Galegas, por iso quixemos homenaxear a figura de Carvalho Calero a través precisamente do comercio de proximidade, eles son os que dan vida ás nosas rúas e os que máis apoio e motivación precisan agora mesmo para saír adiante”, explica o alcalde, Juan González, quen incide en que “o mesmo que Carvalho Calero é patrimonio universal da literatura galega, o mosaico romano de Panxón é esencial na Historia de Nigrán e da Península e queremos seguir promovendo a súa existencia e a necesidade de devolvelo a súa terra”, incide. Este mosaico mide un metro cadrado e representa un gran muxo de 77 centímetros, unha parella de ameixas e varias decoracións abstractas e xeométricas. Está insertado nuha mesa de castaño tras atopalo a finais do século XIX nunha excavación no chamado castro de Panxón e decidir a familia De Puga conservar así ese fragmento. “É a primeira vez que se emprega este mosaico como imaxe promocional de Nigrán e así o seguiremos a facer, porque consideramos que temos que manter viva a súa existencia e loitar xuntos para que regrese”, incide González.

Carvalho Calero

A Real Academia Galega adica as Letras Galegas de 2020 a Ricardo Carballo Calero (Ferrol, 1910 – Santiago de Compostela, 1990), que dende o ano 1981 asinou as súas obras e escritos como Carvalho Calero.

Carvalho Calero foi un dos maiores intelectuais galegos do século XX, tanto como ensaísta e creador como por ser un incansábel galeguista. Interesoulle desde cedo a literatura e a política; estudou na Universidade de Santiago e participou na redacción do Estatuto de Autonomía de Galicia. A Guerra Civil frustra a súa traxectoria e despois de loitar no bando republicano é represaliado pola ditadura franquista. En 1965 tórnase o primeiro profesor de galego da Universidade. A partir de 1975 comeza a defender as posicións reintegracionistas para o galego, o que provocaría que fose marxinado polas institucións. Membro da Real Academia Galega, destacou tanto no ámbito da creación literaria como na crítica e na investigación filolóxica, converténdose en 1972 no primeiro catedrático de Lingua e Literatura Galegas.

Os socialistas denuncian o abandono “á súa sorte” do ensino público e as residencias de maiores durante a crise sanitaria

O PSdeG-PSOE da provincia de Pontevedra acordou, na xuntanza do Comité Executivo Provincial (CEP) celebrada hoxe, expresar a súa máxima preocupación pola situación de abandono educativo do alumnado dos centros de ensino público, polo esquecemento da clase traballadora e o desamparo ao que están sometidas as persoas das residencias de maiores. En palabras do secretario xeral provincial, David Regades, “a Xunta, coa súa frialdade burocrática habitual, está a perpetrar un ataque a colectivos especialmente sensibles nesta crise”. A Executiva dedicou a súa primeira sesión telemática a facer un completo repaso á xestión e aos efectos da pandemia de Covid19. O primeiro acordo foi expresar o pesar polos falecementos durante a crise.

O secretario xeral pontevedrés, David Regades, considera que cunha Xunta de Galicia homologable en termos de sensibilidade social, este non debería selo momento de falar de Eleccións, senón o de estar, todos a unha dende as Administracións Públicas, na defensa da saúde e dos servizos públicos. Ao tempo expresou a súa decepción co papel que está a xogar o presidente da Xunta de Galicia: “Feijoo converteuse nun “cronista de sociedade”, un líder que opta por non facer nada, por renegar das súas competencias para que nada lle critiquen, e que dedica o seu tempo a facer aparicións públicas televisadas para botarlle as culpas a outros”.

Os socialistas pontevedreses valoraron o traballo diario do Goberno de España, que cualifican como excepcional. E moi especialmente, o “escudo social” con medidas como a protección da clase traballadora cos ERTE, prohibición de despidos, de cortes de servizos básicos, de desafiuzamentos, as moratorias no pago das hipotecas, apoio como nunca aos autónomos, ás peme e a inminente Renda Social para as familias con menores ingresos. “Todo pode mellorarse”, concluíu Regades, “pero a diferencia de xestión desta crise coa de 2008 por parte do PP está ben clara”.

“A realidade é que son os concellos os que andan repartindo tabletas e portátiles e pagando as conexións á Internet ás familias sen recursos, porque a Xunta está ‘missing’, repartindo mascarillas con logotipo e pensando nas Eleccións”

Os socialistas consideran que a Covid19 deixa un dano, aínda por aflorar na súa verdadeira dimensión, no alumnado de Primaria e Secundaria do Ensino público galego. A Xunta de Galicia fixo un desleixo absoluto da súa obriga de garantir o ensino a centos de miles de estudantes. Denuncian que o estudantado dos centros públicos foi privado do seu dereito a unhas aulas virtuais cun horario regular e homoxéneo para toda Galicia. Na meirande parte dos casos os nenos/as e mozos/as están a recibir só dúas clases ao día nun claro agravio comparativo con outras realidades. David Regades pregúntase onde estivo agochada a conselleira de Educación, Carmen Pomar. Considera absolutamente escandaloso que a Consellería de Educación non aprobase, nin publicase ningunha normativa específica para regular e ordenar as clases online, garantindo así a calidade educativa durante o curso. “Asistimos, coa escusa da Covid19, a un novo intento de danar o Ensino público e seguir apostando polo privado, polos amigos, polo modelo que tanto gusta ao Partido Popular e ao señor Feijoo”, conclúe.

Regades esixe xa un plan de reforzo do profesorado, prevendo que no próximo curso tamén pode haber aulas telemáticas. Tras anos continuos de recortes, esixe da Xunta a contratación de máis docentes para garantir o dereito á Educación pública ao 100%. Ao tempo, considera urxente a elaboración “dunha foto fixa da brecha dixital”, unha listaxe dos estudantes que carecen de acceso a Internet en banda ancha e/ou de equipos informáticos nos seus fogares para que estes nenos e nenas dispoñan dos medios necesarios o próximo mes de setembro e con cargo aos Orzamentos da Xunta. “A realidade é que son os concellos os que andan repartindo tabletas e portátiles e pagando as conexións á Internet ás familias sen recursos, porque a Xunta está “missing”, repartindo mascarillas con logotipo e pensando nas Eleccións”.

De igual maneira, a Executiva pontevedresa expresou a súa máxima preocupación polo drama que varreu as Residencias de Maiores nestes últimos dous meses, froito dunha década de xestión privatizadora. Os socialistas pontevedreses afirman que é un clamor o pasotismo da Xunta no control das Residencias e a falta de inspeccións rigorosas. O resultado é que unha cuarta parte das persoas falecidas pola Covid19 en Galicia estaban nunha residencia. Os socialistas esixen cambios lexislativos e un plan de medicalización inmediato e homologable, tanto nos centros públicos como nos privados “para que isto non volva suceder”.

A Executiva Provincial do PSdeG-PSOE considera que esta crise sociosanitaria puxo sobre a mesa a urxencia imperiosa de defender os servizos públicos esenciais e non calar diante da dereita, que entende as privatizacións do Ensino, a Sanidade e a atención aos nosos maiores como un xeito eficiente de gobernar, “cando non son outra cousa que a concepción do público como oportunidade de negocio para os amigos e amigas das empresas de sempre”.

A ‘Mesa de Reactivación Local de Redondela’ recolle máis de 100 propostas para o estímulo económico do municipio

0

O Concello de Redondela, abría o pasado 24 de abril, un proceso de participación para que o sector produtivo do municipio, asociacións e partidos políticos, puideran presentar medidas específicas para a reactivación da economía local, logo da parálise sufrida como consecuencia da crise sanitaria da COVID-19 e estado de alarma decretado.

A ‘Mesa de Reactivación Local de Redondela’ nace como un foro de participación no que poidan ter voz os principais axentes económicos, sociais, e políticos do municipio como as asociacións empresariais, confraría de pescadores, federacións veciñais ou partidos.

O 4 de maio abríase o prazo para que, cada unha das entidades representadas presentara as súas propostas por escrito e, ata á data recibíronse máis de 100 accións concretas a implementar para reactivar a economía do municipio.

O Goberno local lamentou que, entre as máis de cen iniciativas, “non haxa ningunha do Partido Popular que parece estar máis ocupado en poñer pedras no camiño e paus nas rodas, que de arrimar o ombro no que debe ser o obxectivo común e prioritario de todos e todas: a recuperación da economía local e a dinamización do noso comercio, empresas e autónomos”.

Agora, as propostas presentadas serán analizadas polo equipo de Goberno que valorará aspectos como a viabilidade técnica, o marco de competencias, a dotación orzamentaria e a non duplicidade con medidas similares postas en marcha por outras administracións, entre outras.

Unha vez analizadas e valoradas, estas iniciativas definirán os diferentes programas e accións concretas que formarán parte do Plan de Reactivación Local de Redondela.

A alcaldesa Digna Rivas, que agradeceu a “enorme implicación de todo tecido económico e social de Redondela neste proxecto”, subliñou a importancia de ter estratexias de actuación “perfectamente definidas” que permitan que o municipio recobre o seu pulo económico e comercial “no menor tempo posible”.

As crises como á que estamos a vivir, sinalou a alcaldesa redondelá, “deben servir para facernos ver a importancia do traballo en común como elemento que fortalece á nosa sociedade. Cunha meta e obxectivos comúns e co implicación de todos e todas, sen ningún tipo de distinción, sairemos máis fortes desta situación”

O Monte Real Club de Iates reabre as súas instalacións con novos protocolos de seguridade e hixiene fronte á COVID-19

0

Tras dous meses prestando os servizos mínimos establecidos polo goberno para os portos deportivos, o Monte Real Club de Iates de Baiona reabre hoxe venres parte das súas instalacións con novos protocolos de seguridade e hixiene fronte ao coronavirus.

A cafetería e restaurante do club prestarán servizo desde este venres aos socios desde as doce do mediodía ata as oito da tarde, aínda que o farán unicamente na zona das terrazas e coa redución e separación de mesas esixida polas autoridades. Serviranse consumicións e tamén comidas, limitadas estas últimas a 40 menús ao día e sempre con reserva previa.

Na área da mariña, á que socios e usuarios poden acceder desde hai días para saír a navegar ou revisar o estado das súas embarcacións, traballa xa todo o equipo de mariñeiría ao completo. Durante as últimas semanas, cos impedimentos para acceder aos pantaláns e as restricións á navegación, o equipo quedara reducido ao máximo, pero xa está plenamente operativo, dedicado ao mantemento e posta a punto anual das embarcacións e pantaláns. Aínda que a zona da mariña estará plenamente operativa, os vestiarios permanecerán pechados e os aseos só poderán ser usados de forma individual.

Foto ©MRCYB

En canto ao persoal de oficina, leste seguirá teletrabajando como ata o de agora, cumprindo así coas medidas laborais aprobadas polo goberno, que recomendan o traballo a distancia con carácter preferente sempre que sexa posible.
Apelando á responsabilidade individual, desde o Monte Real recomendan a todas aquelas persoas que tivesen contacto con alguén diagnosticado co virus nos últimos 15 días ou que presenten síntomas de febre e/ou tose seca, que se absteñan de ir ao club. Con todo, aos usuarios que queiran acceder ao club tomaráselles a temperatura antes de entrar e en caso de superar os 37,5 graos, non se lles permitirá o acceso.

Así mesmo, e como ampliación ás medidas de seguridade e hixiene, no club colocáronse diversos puntos con xabóns e xeles hidroalcohólicos para a limpeza de mans, e haberá tamén máscaras ao dispor de todos aqueles que non teñan unha propia.

Tres regatas aprazadas e as próximas aínda no aire

Coa situación xurdida por mor da crise sanitaria do Covid-19, o Monte Real Club de Iates viuse obrigado a aprazar, a unha data aínda por determinar, os seus tres primeiras competicións do ano deportivo.

A primeira en caer do calendario foi o Trofeo Comunica, que estaba previsto celebrar o pasado 25 de abril na ría de Vigo. O club tamén se vió obrigado a aprazar o Trofeo Repsol – Regata de Primavera, que se ía a disputar entre o 1 e 3 de maio.

En ambos os casos, as competicións víronse afectadas polas restricións derivadas do Estado de Alarma, que prohibiron todo tipo de actividades deportivas de lecer, como probas e exhibicións náuticas.

O Monte Real tampouco poderá organizar de momento o Campionato Galego de Solitarios e A Dous–VI Memorial Rafael Olmedo, marcado no calendario para o próximo 6 de xuño. A Real Federación Galega de Vela elixira un ano máis (o noveno ano consecutivo) ao club baionés para organizar a proba, e ambas as entidades deberán buscar agora a data máis adecuada para a súa celebración.

A esperanza de retomar a Escola de Vela no verán

A Escola de Vela é outro dos apartados do club que se viron máis afectados polas restricións do Estado de Alarma e as medidas que se foron aprobando para a desescalada. Polo momento, todas as clases, tanto de vela lixeira como de #ver cruceiro, e tamén os cursos de vela adaptada para persoas con discapacidade, quedaron paralizados.

Desde o Monte Real esperan poder ir retomando a actividade aos poucos, aínda que non se expón un regreso ao completo polo menos ata o verán. A evolución da crise sanitaria e as imposicións das autoridades serán as que vaian ditaminando os pasos para dar e como serán as clases unha vez que se retome a actividade. Desde o club teñen claro que nada será o mesmo, polo menos durante un tempo, pero cren que a Escola, aplicando máis medidas de seguridade, poderá ir retomando aos poucos as súas rutinas.

Alfombristas de Ponteareas participan nun programa mundial de arte efémera

Un grupo de alfombristas de Ponteareas participaron no Proxecto ‘Momento de solidariedade’, organizado pola Coordinadora Internacional de Entidades de Arte Efémera, coa confección de dúas alfombras, realizadas en domicilios dos alfombristas.

Este proxecto é único e innovador no ámbito alfombrista e foi pensado e creado pola Comisión de Proxectos da Coordinadora, especialmente para a campaña do confinamento: #QuedateEnCasa. Desta maneira, cada alfombrista elaborou unha alfombra para expresar na súa arte aqueles sentimentos que desexa compartir.

Este proxecto vai dedicado a todas as persoas que fan traballos esenciais en favor da comunidade, ás familias que perderon un ser querido, aos enfermos, aos anciáns que senten sós e a todos os alfombristas do mundo. Baixo o lema: De lonxe, unidos no corazón, as nosas alfombras expresan a proximidade e o abrazo solidario que compartimos e mandamos ao mundo.

Ponteareas, berce internacional do Corpus Christi cunha tradición de mais de 200 anos, tiña que estar presente neste evento, compartindo a nosa tradición co mundo, ao mesmo tempo que se demostra a solidariedade e corazón das súas xentes.

Os alfombristas de Ponteareas, neste caso da asociación Corpus As Monxas, quixeron plasmar un relevante amor “a todas as persoas que sufriron con esta pandemia, a todos aqueles e aquelas que estiveron velando pola nosa saúde e seguridade e as nosas familias que sufriron de primeira man o confinamento e o distanciamento”.

Neste enlace recóllese o video confeccionado cos traballos de todas as asociacións e cidades.

O mercado ao aire libre de Patos, Nigrán, reabre este sábado só con postos agroalimentarios

0

O Concello de Nigrán vén de autorizar a reapertura do tradicional mercado ao aire libre de Patos para este sábado 16 de maio despois de dous meses pechados pola crise sanitaria do Covid-19. Así, a feira arrancará con vinte postos agroalimentarios convintemente delimitados para que permitan gardar distancias de seguridade, tal e como se regula nesta Fase 1 de desconfinamento.

A apertura coincide co inicio este luns da popular feira de Sabarís en Baiona, polo que os principais mercados da comarca regresan a unha nova normalidade (o téxtil todavía non está permitido).

“Pouco a pouco iremos retomando a normalidade se seguimos mantendo as máximas medidas de prevención, temos unha cidadanía responsable e estou segura de que seguirá sendo así porque xa o amosaron amtes nos seus paseos ou coa apertura de comercios e terrazas”, explica o alcalde, Juan González.

Indignación na Guarda pola descrición realizada no programa “El Hormiguero” das Festas do Monte

0

O alcalde da Guarda, Antonio Lomba, vén de remitir unha carta á dirección do programa ‘El Hormiguero’ de Antena 3 despois do malestar e disconformidade postos de manifesto na emisión do pasado martes día 12 de maio de 2020, onde o colaborador habitual do programa ‘Marrón’, fixo unas declaracións sobre as Festas do Monte Santa Trega que “en nada exemplifican a esencia das festas, identificando erroneamente as arraigadas tradicións das mesmas”, explica o alcalde guardés.

Chama a atención que o colaborador do programa de Antena 3, que asegura ter asistido “varios anos” á Festa do Monte, afirma que unha das tradicións é a de “arrancarse la ropa a mordiscos unos a otros” cando o persoal xa está “empapado en alcohol“.

Un, que tivo a oportunidade de ir en máis dunha ocasión ás Festas do Monte acompañado da familia, logo de escoitar esta descrición, –engadida á de unha baixada “desnudo e empapado“– faime pensar que un dos dous –el ou eu– equivocámonos de festa, de monte, ou de ámbalas dúas cousas á vez, porque, dende logo, esas non son as Festas do Monte que lembro.

O Concello da Guarda que considera que a liberdade de expresión é un dereito non pode permitir que, baixo esa bandeira, se dea en Antena 3 unha imaxe totalmente distorsionada da festa máis importante da vila da Guarda e da comarca, unha festa centenaria que, subliña o alcalde da Guarda, “está declarada como Festa de Interese Turístico de Galicia, e non precisamente polo que ‘Marrón’ destacou coma tradicións.

[su_image_carousel source=”media: 4611,2729,2728,2727,15162,15161,15160″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Unha romaría popular

Tal e como manifestou o edil, as Festas do Monte Santa Trega son unha romaría popular que se celebra dende fai 108 anos, dende que ‘La Sociedad Pro-Monte Santa Tecla’ organizara a primeira merenda na cima do Monte Santa Trega e, aínda que nas súas primeiras edicións tiñan só un carácter familiar e relixioso, pronto gañaron unha gran popularidade na comarca do Baixo Miño e resto de Galicia, inclusive nestes intres, a nivel Nacional.

Antonio Lomba quixo destacar na misiva que, o carácter desta Festa, ao son da percusión das 20 Bandas Mariñeiras, das cales a mais veterana ten xa 53 anos, “é familiar e fraternal”. Na cima do Monte Santa Trega (Declarado Monumento Histórico Artístico Nacional e Ben de Interese Cultural no ano 1931), “veciños, familiares e coñecidos, reivindican o seu pasado castrexo e orgullo guardés de nacemento ou adopción”, explica o rexedor local. Así, estas festas son compartidas por todos os asistentes, dende os nonatos (que senten o sons e a percusión nas barrigas das súas nais) ata os centenarios. “É a festa de tod@s”, indicou Lomba.

Tal e como todo o pobo da Guarda coñece, a celebración comeza á primeira hora da mañá coa Subida ao Monte, cada un coa súa banda ou o seu grupo de amigos e familiares, coa alegría de todos os romeiros, tocando bombos, caixas e gaitas o “toque” representativo de cada banda ao son da música tradicional. Celebrase despois un “xantar popular” onde as familias guardesas comparten marisco, empanada, rosca de xema e demais viandas típicas da nosa gastronomía. Durante a tarde, os romeiros tocan e danzan incansablemente e se procede á “Xura” coa que se promete e pide volver o ano seguinte e onde se ten un recordo para os que xa non están. É certo, matiza Lomba, que dita ‘xura’ realízase con garrafóns de viño tinto, “pero faise de maneira organizada e controlada por cada banda e convidando aos foráneos a participar tamén nela”.

Xa á tardiña os romeiros baixan de novo cara á vila, despois de pasar un día que é a nosa sinal de identidade e á que se aferran cada ano todos os guardeses para poder volver a repetir ao seguinte ano. Moitos Baixomiñotos que están fora, regresan á localidade para celebrala.

O alcalde da Guarda insistiu en que non se pode permitir que se fale das Festas do Monte Santa Trega coas palabras que falou ‘Marron’ e por iso solicitase dende o consistorio local que se faga unha corrección de carácter público, xa que, coa súa descrición, “poido crearse unha imaxe que non é a que corresponde ao carácter destas Festas, e que está a causar un malestar enorme na comunidade guardesa”.

“As Festas do Monte Santa Trega son un símbolo da tradición e do Patrimonio Inmaterial das xentes da Comarca do Baixo Miño, e tamén un sentimento de fraternidade profundo que se leva por dentro, esa é a verdadeira simboloxía das Festas do Monte e así quere o pobo da Guarda que continúe a ser”, conclúe o alcalde da Guarda.