O Concello de Nigrán vén de rematar as obras de humanización da Praza da Carrasca, na parroquia de Parada, tras un atraso como consecuencia do parón polas medidas de prevención adoptadas ante a expansión do Covid-19. Estes traballos, adxudicados a Audeca por 73.595 € con cargo ao Plan Concellos 2018, estarán rematados tras o asfaltado que se realizará mañá despois de fresar toda a superficie.
O obxectivo do Concello é mellorar a praza estéticamente reordenando o tráfico neste núcleo e dotándoa dun pavimento de pedra máis acorde coa contorna, xa que era de asfalto a pesar de considerarse zona verde. Trátase dunha actuación moi demandada por parte dos veciños de Parada-A Carrasca, por este motivo, o Concello xa contratara o proxecto en xuño de 2017, demorándose por todos os informes sectoriais necesarios para iniciar a tramitación, xa que este núcleo constitúe unha das poucas carballeiras “urbanas” que hai en Nigrán.

O acondicionamento da praza implicou a demolición e levantado do pavimento existente, escavación para poñer o novo firme, colocación de bordos graníticos e pavimentado mediante lastras (13×13 cm) e lousas tamén de pedra (60×40 cm) asentados sobre morteiro e base de formigón.
“Na actualidade non hai unha ordenación do núcleo que ordene o tráfico dunha forma eficiente e segura e o pavimento de asfalto non é acorde á zona verde na que se asenta, o obxectivo é humanizar a contorna e poñela en valor como gran punto de encontro e de lecer da parroquia”, incide o alcalde, Juan González. Neste sentido, como parte da primeira fase, acondicionouse previamente a zona do xogo de bolos e rehabilitouse integralmente o parque.