A escola infantil A Galiña Azul do Rosal xa ten aberto desde este mesmo luns 18 de maio o seu proceso de admisión de alumnado para o curso 2020/21. O prazo de presentación de solicitudes rematará o 29 de maio, como recolle a Resolución do 27 de abril pola que se convoca este procedemento para as escolas infantís 0-3 dependentes do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.
Con motivo da situación actual que se está a vivir por mor do COVID-19, as solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica, tanto para a renovación de praza como para os novos ingresos. Toda a información relativa ao proceso así como os formularios normalizados do procedemento BS404B e BS404A poderán consultarse e descargarse na páxina web da rede de escolas infantís de Galicia A Galiña Azul.
Naqueles casos que non sexa posible a presentación da solicitude por vía telemática, o persoal da escola infantil atenderá ao público de forma presencial de 10.00 a 14.00 h, sempre con cita previa e favorecendo a maior parte de información e dúbidas vía telefónica ou online para poder preservar a seguridade de todas as persoas. En caso de acudir ao centro, deberá ir soamente unha persoa por familia e sempre cumprindo as medidas de seguridade.
O contacto telefónico realizarase a través do número 986 625 121, mentres que o contacto vía correo electrónico será a través do enderezo [email protected].
Se se precisa axuda para a presentación electrónica da solicitude, as persoas interesadas poden chamar á propia escola infantil ou aos servizos centrais do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar (646 443 056 / 881 996 479 / 881 996 480 / 881 996 474 / 881 996 473 / 881 996 483), onde as guiarán para a súa presentación a través da sede da Xunta.