14.6 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeLouriñaSalceda de CaselasO Concello de Salceda reabre as súas portas con tódalas medidas de...

    O Concello de Salceda reabre as súas portas con tódalas medidas de seguridade

    A Casa do Concello de Salceda e a Casa da Cultura Castelao volven abrir as súas portas ao público este xoves 21 de maio, unha vez que se conte con tódalas medidas de seguridade precisas tanto para salvagardar o cadro de persoal como a veciñanza. En ámbolos dous edificios só se atenderá con cita previa, que se pode solicitar a través de teléfono ou empregando a sede electrónica.

    Tal e como sinala a alcaldesa de Salceda, Loli Castiñeira, o Goberno local está a traballar en coordinación cos sindicatos e a empresa de prevención, “para que a seguridade de veciñanza e cadro de persoal estea garantida”.

    Para garantir a seguridade á que fai referencia a alcaldesa, as citas serán preferentemente telefónicas ou telemáticas, realizando tan só de xeito presencial as imprescindibles, que terán un tempo máximo de 15 minutos. Para estes casos, a veciñanza deberá acudir provista de máscara de protección e traendo sempre un bolígrafo propio, minimizando deste xeito todo risco de contaxio. Ademais realizarán a desinfección de mans na fonte de xel instalada na entrada do edificio do Concello, e mediráselles a temperatura corporal comprobando que non supere os 37 graos tal como está establecido. Habilitaranse tamén portas de entrada e saída diferenciadas, evitando deste xeito o cruce de persoas.

    No caso da Casa da Cultura Castelao, reábrense os servizos de préstamo e devolución de libros, e atención nas oficinas de OMIC e OMIX. Polo de agora non está permitida a recuperación da actividade da sala de estudio, que se volverá ofrecer cando as normas así o permitan e se poidan garantir as medidas de seguridade.

    O Concello de Salceda organizou durante estes últimos días a volta ao traballo do seu cadro de persoal, contando cos servizos dunha empresa de prevención de riscos, e co asesoramento do delegado sindical de prevención e saúde. Adquiríronse máscaras FPP2 e os EPIS precisos para o persoal, así como a instalación de mamparas nos diferentes departamentos, nos que se contará ademais con xeles hidroalcohólicos e outros sistemas de desinfección, ademais do reforzo no servizo de limpeza.

    Por último a alcaldesa Loli Castiñeira pide “comprensión á veciñanza nesta fase da desescalada, na que nos toca ser pacientes e extremar as medidas de seguridade. É un paso máis, pero non é aínda unha volta á normalidade”

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.