Luns, 24 Marzo de 2025

Baiona esixe da Xunta de Galicia a gratuidade da AG-57 como “medida dinamizadora” do turismo de proximidade

O alcalde de Baiona e presidente da Mancomunidade de Municipios do Val Miñor, Carlos Gómez, esixiu hoxe á Xunta de Galicia a gratuidade da AG-57, unha medida “que servirá como elemento dinamizador do turismo de proximidade” do que, afirma o rexedor local, “depende en gran medida a recuperación económica dos concellos no prazo máis inmediato”.

A crise sanitaria provocada polo COVID-19, as fases do desconfinamento “que dependerán da evolución da pandemia” e a imposibilidade de facer longos desprazamentos fai que, nestes momentos, “o turismo interior, sobre todo o máis próximo, sexa o que permita aos concellos de Baiona, Nigrán e Gondomar iniciar unha recuperación da economía local, cando menos no prazo máis inmediato”.

Para que iso sexa posible, indica Gómez, “é preciso que as persoas poidan desprazarse con liberdade, algo que en este momento, impide unha peaxe elevada da AG-57”. A medida da gratuidade contribuiría a evitar, en gran medida, as longas retencións nas vías tradicionais que provocan “que ese turismo de proximidade opte por buscar outros destinos de máis fácil acceso”.

Non estaría de máis, afirma o rexedor baionés, que “xa que o sr. Feijóo estivo escondido durante todo este tempo delegando nos concellos competencias que son propias da Xunta de Galicia e obrigando ás administracións locais a facer un enorme sobre esforzo, amosara agora certa gratitude e correspondera a ese sacrificio realizado por Baiona, Nigrán e Gondomar, botando unha man nun asunto que entra, de cheo, nas súas competencias”.

Este sería, apunta o rexedor baionés, o xeito no que a Xunta de Galicia podería colaborar con Baiona e concellos do Val Miñor e amosar que “de verdade e con feitos lle interesa e preocupa a recuperación económica dos concellos e o benestar dos seus veciños e veciñas”.