11.8 C
Pontevedra
Martes, 23 de Abril de 2024
Máis
    HomeVal MiñorNigránNigrán festexa as Letras Galegas lembrando a Carvalho Calero cunha postal e...

    Nigrán festexa as Letras Galegas lembrando a Carvalho Calero cunha postal e bolsa de agasallo ao pequeno comercio

    O goberno local repartirá entre as librerías e os establecementos de cara ao público que o soliciten a comunicacion@nigran.org un lote de bolsas e postais para que poidan agasallar con elo á súa clientela máis fiel

    O Concello de Nigrán festexará o Día das Letras Galegas este ano recordando a figura de Ricardo Carvalho Calero a través das librerías do municipio e o pequeno comercio. Pese as circunstancias derivadas do Covid-19 que obrigaron a trocar as datas de homenaxe oficial ao autor, o Concello de Nigrán quere celebrar a súa figura neste 17 de Maio que a el lle correspondería.

    Así, o goberno local entregará gratuítamente entre as librerías e os establecementos de cara ao público que o soliciten a comunicacion@nigran.org un lote de postais deseñadas ex profeso para a ocasión que resumen a súa biografía e conteñen unha extracto da súa obra ‘A Xente na Barreira’ (primeira novela en galego da posguerra, 1951). Estas postais irán, ademais, acompañadas dunha bolsa de algodón ilustrada a tinta marrón co emblemático mosaico romano de Panxón reaparecido no 2019 nun anticuario de New York (EEUU) e que o goberno local trata de repatriar tras 20 anos en paradeiro descoñecido. O obxectivo é que os comerciantes agasallen con estes dous obsequios a súa clientela máis fiel. As peticións e conseguintes entregas se realizarán ao longo de todo o mes de Maio, prestando especial atención a aqueles comercios que abren as súas portas este domingo para que o poidan entregar o mesmo día 17.

    “Este é un ano diferente pero non por iso queríamos deixar de festexar as Letras Galegas, por iso quixemos homenaxear a figura de Carvalho Calero a través precisamente do comercio de proximidade, eles son os que dan vida ás nosas rúas e os que máis apoio e motivación precisan agora mesmo para saír adiante”, explica o alcalde, Juan González, quen incide en que “o mesmo que Carvalho Calero é patrimonio universal da literatura galega, o mosaico romano de Panxón é esencial na Historia de Nigrán e da Península e queremos seguir promovendo a súa existencia e a necesidade de devolvelo a súa terra”, incide. Este mosaico mide un metro cadrado e representa un gran muxo de 77 centímetros, unha parella de ameixas e varias decoracións abstractas e xeométricas. Está insertado nuha mesa de castaño tras atopalo a finais do século XIX nunha excavación no chamado castro de Panxón e decidir a familia De Puga conservar así ese fragmento. “É a primeira vez que se emprega este mosaico como imaxe promocional de Nigrán e así o seguiremos a facer, porque consideramos que temos que manter viva a súa existencia e loitar xuntos para que regrese”, incide González.

    Carvalho Calero

    A Real Academia Galega adica as Letras Galegas de 2020 a Ricardo Carballo Calero (Ferrol, 1910 – Santiago de Compostela, 1990), que dende o ano 1981 asinou as súas obras e escritos como Carvalho Calero.

    Carvalho Calero foi un dos maiores intelectuais galegos do século XX, tanto como ensaísta e creador como por ser un incansábel galeguista. Interesoulle desde cedo a literatura e a política; estudou na Universidade de Santiago e participou na redacción do Estatuto de Autonomía de Galicia. A Guerra Civil frustra a súa traxectoria e despois de loitar no bando republicano é represaliado pola ditadura franquista. En 1965 tórnase o primeiro profesor de galego da Universidade. A partir de 1975 comeza a defender as posicións reintegracionistas para o galego, o que provocaría que fose marxinado polas institucións. Membro da Real Academia Galega, destacou tanto no ámbito da creación literaria como na crítica e na investigación filolóxica, converténdose en 1972 no primeiro catedrático de Lingua e Literatura Galegas.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.