Luns, 4 Novembro de 2024

Tomiño convida a Margarita Ledo e a Méndez Ferrín a colaborar na conmemoración do Día das Letras Galegas

A Concellería de Cultura e a OMIX ofrecen pasar un domingo diferente con concertos e xogos relacionados coa lingua, a través das redes sociais

O Concello de Tomiño convidou a Margarita Ledo e Xosé Luís Méndez Ferrín, dous grandes persoeiros da lingua e cultura galegas, a gravar unha mensaxe de vídeo coa que conmemorar dun xeito moi especial as Letras Galegas 2020.

A primeira, Catedrática de Comunicación Audiovisual na Facultade de Ciencias da Información de Santiago de Compostela, e membro da Real Academia Galega (RAG), aceptou o reto e gravou un vídeo que poderá verse nas redes sociais do Concello, o vindeiro domingo.

Méndez Ferrín, pola súa banda, fixo chegar unha agarimosa resposta á alcaldesa Sandra González, explicando que estaría encantado de poder participar, pero que por razóns persoais, non podería facelo esta vez. Aínda así, o escritor, político, Doctor en Filoloxía e expresidente da RAG, fixo chegar ao Concello, “Apertas e múltiples felicitacións polo voso traballo municipal que sigo con atención. Tamén don Daniel Calzado e o siñor Afranio, aplaudirían o voso labor se estivesen no mundo”.

Ademais o Concello de Tomiño conmemorará a festividade das Letras Galegas, con concertos musicais e outras actividades de carácter lúdico.

Ás 19.00 horas, en directo, o grupo “CÉ ORQUESTRA PANTASMA”, ofrecerá dende a súa páxina de Facebook , ao pé dun carballo, un concerto para toda a familia, co que pretende homenaxear a Carvalho Calero, persoeiro a quen se lle adica este ano o Día das Letras Galegas.

Asemade, compartirase a través de mailing, whatsapp, web e redes sociais, un par de xogos en liña sobre a lingua e literatura galegas; un divertido xogo de dardos na palabra realizado coa colaboración do grupo de voluntariado da OMIX.

Dende o Concello agradecen moi especialmente a colaboración de todas as persoas implicadas na organización destas actividades.

Camisetas e bolsas alusivas

As camisetas conmemorativas deste ano, cuxo logo pertence a Saskia Díaz Castro, serán repartidas de balde entre as persoas que acudan á libraría tomiñesa Novidades para mercar UN LIBRO EN GALEGO, a partir do 17 de maio.

Por outra banda, despois de recoller centos de palabras galegas escritas polos usuarios e usuarias das nosas redes sociais, reuníronse as vinte palabras máis votadas a través da páxina web do Concello, que serán impresas nas “tote bags” (bolsas de tea 100 % algodón), que se repartirán tamén de balde ao longo deste mes. Haberá cinco deseños diferentes serigrafiados coas seguintes verbas: changarella, afouteza, coliño, aperta, chouchiña, bágoa, ruliña, quérote, sentidiño, bico, riquiña, bolboreta, aloumiño, fedello, morriña, agarimo, toxo, xoaniña, amodiño e enxebre.