O Concello de Redondela, abría o pasado 24 de abril, un proceso de participación para que o sector produtivo do municipio, asociacións e partidos políticos, puideran presentar medidas específicas para a reactivación da economía local, logo da parálise sufrida como consecuencia da crise sanitaria da COVID-19 e estado de alarma decretado.
A ‘Mesa de Reactivación Local de Redondela’ nace como un foro de participación no que poidan ter voz os principais axentes económicos, sociais, e políticos do municipio como as asociacións empresariais, confraría de pescadores, federacións veciñais ou partidos.
O 4 de maio abríase o prazo para que, cada unha das entidades representadas presentara as súas propostas por escrito e, ata á data recibíronse máis de 100 accións concretas a implementar para reactivar a economía do municipio.
O Goberno local lamentou que, entre as máis de cen iniciativas, “non haxa ningunha do Partido Popular que parece estar máis ocupado en poñer pedras no camiño e paus nas rodas, que de arrimar o ombro no que debe ser o obxectivo común e prioritario de todos e todas: a recuperación da economía local e a dinamización do noso comercio, empresas e autónomos”.
Agora, as propostas presentadas serán analizadas polo equipo de Goberno que valorará aspectos como a viabilidade técnica, o marco de competencias, a dotación orzamentaria e a non duplicidade con medidas similares postas en marcha por outras administracións, entre outras.
Unha vez analizadas e valoradas, estas iniciativas definirán os diferentes programas e accións concretas que formarán parte do Plan de Reactivación Local de Redondela.
A alcaldesa Digna Rivas, que agradeceu a “enorme implicación de todo tecido económico e social de Redondela neste proxecto”, subliñou a importancia de ter estratexias de actuación “perfectamente definidas” que permitan que o municipio recobre o seu pulo económico e comercial “no menor tempo posible”.
As crises como á que estamos a vivir, sinalou a alcaldesa redondelá, “deben servir para facernos ver a importancia do traballo en común como elemento que fortalece á nosa sociedade. Cunha meta e obxectivos comúns e co implicación de todos e todas, sen ningún tipo de distinción, sairemos máis fortes desta situación”