Domingo, 23 Marzo de 2025

A decisión de Abanca de abrir nas Neves só dous día á semana causa aglomeracións e atrasos de máis dunha hora nas xestións

O Goberno local das Neves amosou hoxe o seu “desacordo total” coa decisión da dirección da oficina de Abanca da vila de non abrir ao público de luns a venres e seguir atendendo ás veciñas e veciños que son clientes desta entidade só dous días á semana.

De xeito reiterado, dende o inicio do ‘Estado de Alarma’, o propio alcalde contactou cos responsábeis de Abanca para que se modificaran os días de apertura, “facéndoos coincidir cos días de mercado” e insistindo tamén para que a apertura “estendésese aos 5 días da semana”.

A dirección da oficina, explica o Concello que preside Xosé Manuel Rodríguez Méndez, “non amosou disposición algunha de modificar a situación actual”, algo que o Goberno local considera inxustificado, “considerando que hai outra entidade financeira nas Neves que si abre os cinco días da semana” polo que consideran que esta actitude é “un menosprezo ás veciñas e veciños e un agravio con respecto a outros concellos nos que Abanca si atende nas súas oficinas de luns a venres”.

Dende o Concello lembran que “estamos diante dun servizo moi necesario, aínda máis atendendo á tipoloxía da poboación das Neves, o que non fai factible remitir aos seus clientes á ‘banca electrónica’ ou ao caixeiro automático”.

Aglomeracións e demoras de máis dunha hora

Cada un dos dous días nas que abre a oficina –martes e venres– prodúcense aglomeracións e colas, que fan que  sexa moito máis difícil cumprir coas medidas sanitarias e que causan que calquera xestión tarde máis dunha hora, algo que, afirma o Goberno local das Neves, “non se produciría se a sucursal abrise os cinco días laborais da semana”.

Por todo isto, o Goberno municipal insta aos responsábeis de Abanca a adaptar as instalacións da oficina das Neves “para que cumpran coas medidas hixiénico sanitarias establecidas e a abrir ao público de luns a venres no seu horario habitual”.