O xoves 14 de maio tivo lugar unha sesión extraordinaria da Mesa Local de Comercio, na que ademais do alcalde e as concelleiras de Facenda e Desenvolvemento Local, participaron os/as representantes das catro asociacións vinculadas a este sector, a Asociación de Consumidores Aldraman, así como os/as portavoces do resto de grupos políticos.
Durante esta sesión deuse conta de todas as medidas económicas e de dinamización comercial adoptadas polo Concello desde o inicio da pandemia ata agora, e entre as que se inclúen retrasos ou exoneración de taxas municipais para negocios, aceleración de pagos a provedores/as, difusión durante o confinamento dos establecementos comerciais con servizo de entrega a domicilio e dos establecementos de hostalaría abertos durante a desescalada, ou campañas de sensibilización para o consumo local, entre outras.
Unha das medidas que máis curiosidade provocou nos/as asistentes foi a da creación do “market place” da Guarda no que calquera comercio, praceiro/a, restaurante ou autónomo/a do sector primario, poderá vender os seus produtos online, tanto a nivel local, como no resto de España e Portugal.
O alcalde Antonio Lomba aproveitou o punto número dous da orde do día para facer unha mención especial e expresar o seu agradecemento a todas as empresas que, desde o primeiro momento, achegaron a súa colaboración desinteresada doando todo tipo de material de protección ou elaborando mascarillas de tea. Pola súa parte, o Concello puxo a disposición da cidadanía aquel material do que se ía dispoñendo ou se fabricaba en cada momento, dada a dificultade que tiveron tanto empresas como particulares durante o confinamento para conseguir mascarillas, luvas, xel ou pantallas.
Por último abordouse o punto máis importante da sesión: a intención por parte do Concello de elaborar un plan de dinamización económica axustado ás nosas particularidades, e para o que se contratará unha empresa consultora con experiencia no asesoramento a entidades locais e no deseño deste tipo de medidas. Neste momento estanse valorando as ofertas e propostas de tres empresas que ofrecen este tipo de servizos e a mediados da semana que ven tomarase a decisión de cal se considera a máis axeitada para levar a cabo esta importante misión.
A concelleira de Desenvolvemento Local, Fátima Rodríguez, destacou que a única vía para saír adiante será traballar unidas e unidos, e asegura que desde o equipo de goberno existe o firme compromiso de que cada evento, actividade e iniciativa teñan como principal obxectivo a reactivación, e polo tanto acaben revertendo economicamente nos negocios locais.
Tamén neste punto a concelleira de Facenda, Montserrat Magallanes, destacou que se traballará neste plan de xeito colaborativo tanto co comercio, a hostalaría ou o turismo, pero sen esquecer a outro tipo de empresas da localidade como poderían ser aquelas do sector da pesca, e que resultan vitais para o pobo.
Para rematar a sesión abriuse unha rolda de preguntas na que o Alcalde a as dúas edís responderon a todas aquelas cuestións relacionadas cos temas abordados durante a mañá, e o Alcalde finalizou cunha metáfora a modo de reflexión defendendo que o Concello non ten a obriga de dar o pan feito ás empresas, pero facilitará os ingredientes e a maquinaria para que elas sexan quen de elaboralo por si mesmas.