11.7 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeVal MiñorNigránPrimeiro pleno telemático na historia de Nigrán para aprobar o seu...

    Primeiro pleno telemático na historia de Nigrán para aprobar o seu orzamento máis social

    Nunhas contas que chegan ata os 14.064.655 € para o ano 2020, o maior incremento vai para a partida de Axuda a Domicilio que pasa dos 165.000 € a 580.000 €

    A corporación municipal de Nigrán celebraba onte, por primeira vez na súa historia, un pleno telemático para aprobar os orzamentos do 2020. Pero se por algo van quedar marcados eses orzamentos, non é polo feito de terse celebrado coa axuda das novas tecnoloxías, senón porque son sen dúbida, e como resposta á actual situación de crise sanitara e social provocada pola COVID-19, os orzamentos máis sociais.

    A sesión, aberta polo alcalde de Nigrán, Juan González, arrancou con 1 minuto de silencio por todas as vítimas do Covid-19, o policía local Víctor Lomba e todos aqueles falecidos en Nigrán neste tempo sen poder ser despedidos convintemente polas súas familias debido ás circunstancias derivadas do Estado de Alarma. Asemesmo, o rexedor expresou no seu discurso inicial o seu especial agradecemento aos sanitarios, traballadoras de axuda no fogar, forzas de Seguridade, Protección Civil, funcionarios, ao tecido empresarial e as persoas solidarias ou aos traballadores de servizos esenciais que tiveron que redoblar os seus esforzos estando na primeira liña de contaxio.

    O documento orzamentario –que contou coa abstención do PP– pasa de 15.676.749 € no 2018 aos 14.064.655 actuais ao retirarse das contas a partida destinada á construción da Biblioteca Municipal (1,8 millóns de euros) cantidade que se incorporará ao orzamento una vez aprobado, xa que a nova Biblioteca, en fase de contratación aínda que parada polo COVID-19, segue a ser unha prioridade.

    As contas municipais do Goberno que preside Juan González, dánlle a máxima prioridade aos Servizos Sociais rexistrándose o maior incremento na partida de Axuda a Domicilio, que pasa de 165.000 € a 580.000 €, un 251 % máis. “O motivo é que queremos incluír a máis persoas beneficiarias e que os novos plegos de contratación reflexen unha suba do prezo por hora, o que sen dúbida repercutirá na calidade do servizo prestado”, explica González, quen incide que o contrato da concesionaria finaliza este ano.

    “Cremos que, unha vez máis, teremos as mellores contas para Nigrán ao situar o benestar das persoas como eixo prioritario, aspecto fundamental nestes intres tendo en conta a forte crise económica que leva aparellada o Covid-19″, sinala o rexedor local quen recriminou que a proposta do Partido Popular constase de subir o gasto en tódolos capítulos e baixar todos os impostos ao mínimo, “algo que non se sostén en si mesmo, que non é fatible”.

    Priorizando a atención as persoas

    Acorde co carácter progresista do goberno local e a súa política de inclusión real, as contas deixan patentes unha vez máis a prioridade na atención ás persoas incrementando os investimentos non só en Atención a Domicilio, senon tamén en emerxencia social un 50% (de 20.000 € a 35.000 €) e incorporando epígrafes novos como un campamento inclusivo co Juan María por 2.500 €, o programa Xacobeo-Autismo con Menela por 4.000 € ou unha partida de 20.000 € para a adquisición de máis equipamento deportivo adaptado que se sumará as bicicletas para persoas con diversidade. Tamén son novos os apartados que contemplan unha subvención ás comunidades de augas (10.000 €), obras de abastecemento (25.000 €), axuda á protectora Baisenpulgas (4.000 €), Xeodestino Ría de Vigo (5.650 €) ou Escolas Deportivas (35.000 €).

    A aposta pola cooperación internacional do Concello maniféstase na partida de 4.000 € de axuda ao pobo saharaui, xa que a causa do Covid-19 non se realizará o programa ‘Vacacións en Paz’ que permitía traer nenos a Nigrán e a toda España no periodo estival, por este motivo o Concello decide investir eses cartos cos que sufragaba os billetes de avión (e aumentalos de 2.500 € a 4.000 €) para destinalo a axuda humanitaria aos campamentos de refuxiados en Arxelia. “Estes nenos vivirán o verán nunhas condicións climáticas extremas que se unen a súa situación de pobreza; na súa estancia en Nigrán con familias non só acudían a revisións médicas e recibían tratamentos ou unha alimentación equilibrada, se non que levaban consigo moitos agasallos de roupa, material escolar etc. Desde o Concello de Nigrán non podemos pechar os ollos a esta realidade e abandonalos cando máis o precisan, por iso consideramos que debíamos manter a partida e aumentala co fin de achegar material humanitario a través da caravana que realizará Solidariedade Galega co Pobo Saharaui”, explica González.

    A maiores, e dentro do Plan Concellos, se inclúe a reforma do paseo marítimo de Panxón por 122.332 €; os saneamentos de Carreiro, Carousa, PO-552 e Carrasca (incluíndo abastecemento) por 320.472 € en total; a restauración de sete lavadoiros (131.082 €) ou a reforma das antigas casas dos mestres de Vilameán en centro de ocio para maiores.

    O coidado do Medio Ambiente é tamén unha prioridade do Concello, polo que se reflexa no borrador aumentando de 6.000 € a 15.000 € o apartado destinado á limpeza subsidiaria de fincas para evitar lumes; o mesmo sucede co eido da Igualdade a través do Centro de Información á Muller (CIM) pasando a 20.000 € (5.000 € máis que no 2018).

    O Pleno telemático da Corporación aprobou tamén o recoñecemento extraxudicial de crédito para o pago de 100.676 € correspondentes a 141 facturas de traballos convintemente realizados, punto que tamén contou coa abstención do grupo municipal do PP.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.