Luns, 12 Maio de 2025

Ponteareas en Común denuncia a exclusión da oposición da Mesa de Saúde por parte da alcaldía

O goberno actual de Ponteareas, liderado polo Partido Popular, promoveu recentemente unha mesa participativa sobre saúde, na que invitou a asociacións e organismos locais para que expuxesen as súas ideas sobre como mellorar a política relacionada con este ámbito na vila. O obxectivo destas mesas temáticas, que son habituais na administración local, é abrir espazo a todas as voces que conforman Ponteareas para reflexionar e debater posibles medidas e melloras en cada problemática específica.

Porén, a pesar do seu suposto carácter plural, o goberno do Partido Popular excluíu os partidos políticos da oposición desta mesa. Esta decisión suscitou preocupación e descontento por parte de Ponteareas en Común, forza de oposición no concello. Esta formación expresou a súa inquietude ante a omisión deliberada por parte do goberno municipal, pois dende este partido xa se solicitou en reiteradas ocasións participar neste tipo de reunións para poder facer as súas propostas e fiscalizar o seu desenvolvemento, garantindo así a transparencia do tratado nelas e os compromisos adquiridos.

Manoel Ucha, concelleiro de Ponteareas en Común, manifestou que “A ausencia de diálogo e consenso nun tema tan crucial como a sanidade pública reflicte unha clara falta de compromiso coa transparencia e a participación cidadá por parte do PP. Esta decisión evidencia unha actitude antidemocrática que trata de evitar a crítica ao lamentable estado da sanidade pública en Ponteareas polas políticas da Xunta do PP, perpetuando unha situación de precariedade que afecta directamente á calidade de vida dos nosos cidadáns.”

Ponteareas en Común insta ao goberno municipal do PP a rectificar esta exclusión deliberada e a convocar de inmediato a todos os actores políticos e sociais relevantes á mesa de saúde, e conseguintes mesas de natureza similar. Este non é o primeiro caso no que se rexistra esta situación. Xa anteriormente aconteceu con mesas relacionadas coa Nacional 120 e o saneamento de Ribadetea.

Dende Ponteareas en Común denuncian que estas temáticas non se pasan polas comisións informativas oficiais e que se fan a porta pechada, con público seleccionado pola propia comisión de goberno. Consideran que desta maneira a visión plural da vila a nivel de aportacións, así como o exercicio de transparencia, se perde completamente en favor da propaganda partidista dende os canles do propio Concello.

‘LampreBus’, servizo gratuíto de autobús durante os días da Festa da Lamprea

0

Un ano máis o Concello de Arbo, poñerá en marcha un servizo especial de autobuses LampreBus os días 26, 27 e 28 de abril coa celebracion da LXIV Festa dá Lamprea. LampreBus, unha iniciativa creada no ano 2019 que busca “mellorar e facilitar a mobilidade nos días da Festa dá Lamprea, tanto para os veciños como para os visitantes”, tal e como explica o alcalde de Arbo, Horacio Gil.

O LampreBus, recorrera todas as parroquias do municipio de Arbo, así como os concellos limitrofes: A Cañiza, Crecente e As Neves.

Este servizo gratuíto terá saída o venres 26 de abril ás 17:30 horas, ata o domingo 28 de madrugada, e realiza un percorrido circular para dar mellor cobertura aos diferentes barrios de Arbo . Durante os tres días os roteiros serán numerosas, habendo autobús case cada hora desde o venres.

As paradas, ademais das intermediarias existentes en todos os roteiros, serán as seguintes:

A Cañiza: Carballeira, Cacharado

As Neves: Rotonda Montesol

Crecente: Cruce acceso a Igresia

Sela: Praza, Rozas

Arbo: Rial do Pazo

Barcela: Cemiterio

Cequeliños: PO-400

Cabeiras: Cruces

San Juan: PO-400

‘Move’, nova plataforma online da Deputación para promover a economía de proximidade en 19 concellos

A Deputación de Pontevedra acaba de publicar as bases para que comerciantes, hostaleiros e produtores e provedores locais de 19 concellos da provincia se adhiran ánova Rede de Comercio Local Move, que se pon en marcha no marco dos proxectos “Da túa man” (rural I e rural II), que forman parte das convocatorias 2022 e 2023 da liña de axudas para o apoio da actividade comercial en zonas rurais do Plan de Recuperación. O obxectivo desta iniciativa pioneira na provincia de Pontevedra é crear unha plataforma na que todos os axentes do comercio local estreiten vínculos con produtores e provedores e poidan tamén darse a coñecer, compartir e establecer relacións comerciais e novas oportunidades de negocio.

Con Move, por un lado, favorecerase a visibilización dos produtos locais, especialmente no rural, así como os comercios e establecementos hostaleiros locais. E, por outro lado, contribuirase a estreitar relacións comerciais e realizar actuacións para a mellora da rendibilidade e produtividade dos negocios engadindo valor e fortalecendo a cadea de valor, así como axudando na xeración de ideas innovadoras e de establecemento e oportunidades de negocio.

A Rede de Comercio Local Move contará cunha parte pública (en move.gal) na que a cidadanía poderá acceder a contidos xerados polos comercios, hostaleiros e provedores locais, así como a outra información relacionada co fomento de estratexias de economía circular de interese, coma bases e convocatorias de subvencións. Ademais, terá unha parte privada na que os membros da rede poderán compartir información dos produtos locais e establecer relacións comerciais; compartir coñecemento e boas prácticas; acceder aos titoriais; dar a coñecer os negocios e os produtos locais a través de videoexperiencias; ou, entre outras iniciativas, dispoñer de información e accións de formación e sensibilización.

A Rede Move está dirixida aos comercios locais, establecementos hostaleiros dos concellos adheridos aos proxectos Da túa man rural I (Arbo, Campo Lameiro, Cuntis, Forcarei, Meis, Mondariz, As Neves, Rodeiro e Pontecesures) e rural II (A Guarda, A Illa de Arousa, Catoira, Covelo, Crecente, Moraña, Oia, Pazos de Borbén, Portas e Vilaboa) e aos produtores e provedores locais da provincia, que poderán presentar as súas solicitudes de adhesión a través da Sede electrónica de Deputación. Nas bases, que se poden consultar no BOPPO, establécenseas condicións que deben cumprir os establecementos e produtores para unirse á Move.

Salvaterra de Miño abre a inscrición para un segundo curso de manipulación de alimentos

Tras o éxito do anterior curso de Manipulación de Alimentos realizado o pasado venres 5 de abril e ante a demanda de formación entre os veciños e veciñas, a Federación de Mulleres de Pontevedra (FEMUPO) a través do Plan Corresponsables oferta unha segunda data para a formación presencial dirixida a mulleres e homes.

O curso que se celebrará na Biblioteca Municipal de Salvaterra de Miño o 20 de abril de 10:00 h a 13:00 horas ten abertas as inscricións en [email protected] ou no teléfono 629 770 177. Prazas limitadas.

O Porriño acolle a esperada ‘Feira apícola Rías Baixas’ declarada de Interese Turístico de Galicia

A Feira Apícola Rías Baixas chega á súa trixésimo sexta edición con máis forza ca nunca da man dun nutrido programa de actividades dirixidas tanto aos maiores como aos cativos da casa, que nos convidan a vivir unha doce e diferente fin de semana no Porriño. 

Organizada polo Concello do Porriño, xunto coa Agrupación Apícola de Galicia e a Asociación de Apicultores da Provincia de Pontevedra, este evento constitúe un importante encontro cos mellores profesionais do sector e unha cita indispensable para todas aquelas persoas versadas ou afeccionadas ao interesante mundo das abellas. 

A apertura da feira terá lugar este sábado 13 de abril, ás 10 h, cun programa cheo de actividades que se estenderán ata última hora da tarde. As Xornadas Técnicas Internacionais de Apicultura emprazaranse nunha carpa situada no parque do Cristo, entre as 10 h e as 19:30 h. Case o mesmo horario no que permanecerá activo o mercado de artesanía Bee Happy Market e a Feira do Mel, concretamente de 10:30 h a 20 h. As catas, degustacións e obradoiros infantís terán lugar tanto en horario de mañá coma de tarde. A asistencia a calquera das actividades é totalmente de balde, pero contan con aforo limitado. 

Mentres, a ruta hostaleira convídanos a saborear diferentes preparacións e cócteis os días 12 e 13, ao longo de todo o día, nos locais do municipio.

A trixésimo sexta edición desta feira foi presentada hoxe no Concello do Porriño polo alcalde, Alejandro Lorenzo, as concelleiras de Mercados e Turismo, Antía Carrera e Vanessa Ucha, respectivamente, o presidente da Agrupación Apícola de Galicia, José María Seijo, a presidenta da IXP Mel de Galicia, Ester Ordóñez, e Diego Collazo en representación da Asociación de Apicultores da provincia de Pontevedra. 

XXXVI Feira Apícola Rías Baixas: todo o que nos agarda na fin de semana máis meleira de Galicia

Coma o seu propio nome indica, as Xornadas Técnicas Internacionais de Apicultura contarán con profesionais altamente cualificados para abordar as temáticas que máis preocupan ao sector, vencelladas coa conservación das abellas, o futuro da colmea e os retos aos que se enfronta a apicultura.

Baixo o título ‘Abelleiro europeo. Unha realidade no control da Vespa velutina’, José Manuel Fernández, ornitólogo e investigador na Universidade de Alcalá de Henares (Madrid), será o encargado de dar o primeiro relatorio da xornada. Pola súa banda, a Dra. Carme Seijo, catedrática e investigadora da Facultade de Ciencias de Ourense, seguirá a esta intervención con ‘Retos e perspectivas da investigación apícola en Galicia’. O Dr. Ernesto Guzmán, director do Centro de Investigacións en Abellas da Universidade de Guelph (Ontario-Canadá), abordará ‘Varroa destructor: danos ás abellas e control’. Sandra Barbosa, da CITAB · Universidade de Tras Os Montes e Alto Douro (Portugal), explicará o ‘Impacto da produción de própole na rendibilidade da explotación apícola’, seguida da Dra. Ana Diéguez, investigadora da Facultade de Ciencias de Ourense, que apuntará a ‘Mellora da sustentabilidade apícola mediante o uso das novas tecnoloxías e a conservación da abella local, Grupo Operativo SOST APÍCOLA’. Para rematar, o biólogo e apicultor profesional da Agrupación Apícola de Galicia, Rubén Fernández, será o encargado de abordar ‘A importancia da conservación da abella local en Galicia. Queres participar no Grupo Operativo PANEGA coa túa explotación?’.

Unha viaxe sensorial a través dos meles da IXP Mel de Galicia e da DOP Miel de la Alcarria

Tras o éxito das dúas últimas edicións, dous selos de calidade que garanten a orixe do mel únense para realizar unha cata conxunta. Así, ás 12.30 h, na Praza do Concello, temos unha cita coa interesante cata comentada dos distintos tipos de mel da IXP Mel de Galicia e da DOP Miel de la Alcarria. Beatriz Ríos Cebreiros, técnica e formadora do Panel de Cata de Mel de Galicia, e Amelia V. González Porto, directora do Laboratorio de Produtos da Colmea CIAPA-IRIAF, de Castela-A Mancha, serán as encargadas de guiar esta experiencia para un aforo máximo de 40 persoas. 

Posteriormente, os asistentes de todas as idades poderán participar noutra cata comentada, esta vez dos queixos galegos con DOP premiados nas Catas de Queixos de Galicia 2023. Esta actividade correrá a cargo de Salomé Beiroa Fernández, catadora do Panel de Cata da Xunta de Galicia, tamén será de balde e emprazarase no mesmo lugar ás 17 h do sábado.

As compras máis apetecibles no Bee Happy Market e a Feira do Mel!

Mel e artesanía volverán a darse cita no Porriño da man do mercado máis apetitoso. Os amantes do ouro doce da natureza, o bo comer e os produtos artesanais, teñen unha cita ineludible na Praza do Concello co Bee Happy Market que dará comezo ás 10.30 h e pechará ás 20 h

Os nenos e o Mel de Galicia

As actividade para os cativos arrincarán antes da propia Feira. Concretamente o venres 12 de abril, cando o Consello Regulador da IXP Mel de Galicia e a Agrupación Apícola de Galicia teñen previsto achegar o fermoso universo da apicultura aos escolares dos colexios do Porriño. Da súa man, cativas e cativos coñecerán os segredos que gardan as colmeas, os produtos que saen delas e todo o beneficioso que nos aportan as abellas. Ademais, tamén poderán participar nunha degustación comentada para descubrir as claves do Mel de Galicia con IXP.

O propio sábado, haberá dous obradoiros do Mel: os ‘Obradoiros infantís Bee Happy Market’ para nenos a partir de 1 ano, en horario de mañá e tarde (de 11 a 14 h e de 16 h a 19.30 h); e o ‘Obradoiro de elaboración de portamerendas’ con cera de abella, para cativos de entre 3 e 12 anos, ás 18 h.

Tempo de petiscar!

Por se nos sabía a pouco a xornada, súmase a hostalería do O Porriño con propostas gastronómicas e cocteis elaborados con mel, os días venres e sábado nos diferentes locais do concello. 

Festa de Interese Turístico de Galicia

O Goberno Municipal quixo poñer en valor os máis de 35 anos de celebración deste evento propoñendo que sexa declarada como Festa de Interese Turístico de Galicia. Esta feira, que pon en valor tradición apícola do concello e a calidade dos nosos produtos derivados da colmea, é un verdadeiro escaparate da cultura e gastronomía local. 

A Feira Apícola Rías Baixas non só é un evento de interese para os amantes da apicultura e da natureza, senón tamén unha oportunidade para dinamizar o sector turístico e promover a identidade do Porriño como destino turísticoatraendo centos de visitantes cada ano.

O alumnado francés do programa de intercambio do IES Chapela visita o Concello

0

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, recibiu na Casa do Concello, na mañá de onte, aos alumnos e alumnas franceses de intercambio que durante un mes convivirán co alumnado do IES Chapela. Célestine e Kylian incorporáronse este mes ao instituto acompañados polos seus anfitrións Gabriela e Andrés de 1º de Bacharelato, que xa pasaron a súa estancia en Francia.

Os catro estudantes, acompañados do vicedirector do centro, Francisco Javier Silvela, e a profesora de lingua francesa, Ángeles Alemparte, conversaron coa alcaldesa e co concelleiro de Ensino, Iván Valles, sobre esta
experiencia.

Gabriela e Andrés, alumnos do IES Chapela, valoraron dun xeito moi positivo a súa estadía en Francia “nunha rexión rural do interior con moi poucos habitantes”. Os dous destacaron a gran aprendizaxe que supón este intercambio no se que se aloxan coas propias familias “porque se aprende moito sobre o idioma, pero tamén das tradicións e a cultura da zona”.

Para Célestine e Kylian esta é a súa primeira semana en Redondela, e aínda que recoñecen que aínda teñen dificultades co idioma, están moi felices coa experiencia e a boa acollida, seguros de que van a “aprender moito”.

Na visita ao Concello Rivas explicoulles a historia do edificio da Casa Consistorial, e convidounos a coñecer Redondela e as súas parroquias. Tamén se interesou polas súas inquedanzas de cara aos seus estudos no futuro, que no caso de Gabriela e Andrés pasan polo Xornalismo e as Relacións Internacionais, e para Célestine e Kylian pola Literatura e a Arte.

A alcaldesa eloxiou a súa “valentía” á hora de enfrontarse a un reto como o de saír ao estranxeiro, e animounos a aproveitar ao máximo este intercambio “co que non só melloran as súas competencias no idioma, senón que tamén lles servirá como unha experiencia a nivel de autonomía e para seguir formándose”.

O concelleiro de Ensino, Iván Valles, puxo en valor “o gran traballo da directiva e profesorado do IES Chapela, que sempre se implica para ofrecer ao seu alumnado a mellor formación posible, e este programa de intercambio é un exemplo”.

Desde o IES Chapela Francisco Javier Silvela agradeceu o recibimento por parte do Concello do alumnado do programa EDUMOB, e destacou tamén o feito de que Redondela sexa “Cidade Amiga da Infancia” e que escoite sempre “as e necesidades dos máis novos”. O Concello agasallou aos alumnos cuns libros sobre a Batalla de Rande en formato cómic e outro sobre a festa da Coca e o mito do dragón.

En Tomiño a igualdade comeza nas aulas

0

Traballar na igualdade dende as aulas. Ese é o obxectivo dos obradoirosformativos postos en marcha polo Concello e que durante os meses de abril e maio levarán a igualdade aos centros escolares, afondando en temáticas de vixente actualidade que afectan á rapazada e adolescencia e dando resposta á información recollida no Estudo-Diagnose sobre igualdade de xénero e violencia machista no ámbito educativo realizado polo Concello. 

Como remarca a alcaldesa, Sandra González, “esta diagnose permitiunos ter unha fotografía real do que está a acontecer para deseñar e levar a cabo nos centros educativos intervencións como estes talleres, accións o máis enfocadas posible para acadar resultados na promoción da igualdade e na prevención da violencia de xénero traballando de forma directa coas xeracións do presente e do futuro”. 

Dende a pasada semana e ata o vindeiro 8 de maio, máis de 300 nenos e nenas de diferentes centros escolares tomiñeses e do IES Antón Alonso Ríos participarán nesta iniciativa que abordará coa rapazada diversas temáticas. Deste xeito, o alumnado de 6º de Primaria do CEIP Barrantes deu o pistoletazo de saída aos talleres sobre ‘Masculinidades diversas’, no que rapaces rapazas puideron tomar conciencia sobre como os modelos de xénero inflúen na vida e nas relacións e achegarse a unha ollada crítica, construtiva e positiva sobre as necesidades de observar que modelo de xénero queren ser. Este curso tamén se impartirá ao longo das vindeiras semanas ao alumnado do CEIP de Tebra, do CEP Plurilingüe Pedro Caselles Beltrán e do CEIP de Sobrada. 

Pola súa banda, o alumnado de 3º da ESO do IES Antón Alonso Ríos ‘Navega en positivo’ cun obradoiro para un uso responsable das redes sociais dende unha perspectiva de xénero, buscando a reflexión sobre as desigualdades, as identidades, a privacidade ou a seguridade en liña, fomentando o emprego responsable de internet e previndo situacións de risco. Os cursos impartiranse nas primeiras semanas de maio. 

Para rematar, o estudantado de 1º e 2º de Bacharelato tamén se implicará nesta aposta pola igualdade participando na charla ‘Falemos de sexo’, un proxecto de educación afectivo-sexual con enfoque de xénero para adolescentes co que favorecer unhas relacións afectivo-sexuais máis xustas e igualitarias, desmitificar a pornografía ou reflexionar dende o punto de vista do benestar sobre algunhas emocións vinculadas ao desexo como poden ser os celos, o amor posesivo ou a concepción romántica do amor. 

O Concello de Tomiño realizou un estudo-diagnose sobre a igualdade e violencia de xénero nos centros de ensino tomiñeses co obxectivo de poñer o foco de atención na realidade da comunidade educativa tendo en conta todos os niveis formativos, dende infantil, primaria, secundaria ou bacharelato ata a FP Básica e os ciclos formativos. Para iso realizáronse foros, entrevistas persoais e enquisas a alumnado, familias, ANPAs, persoal dos centros educativos e persoal técnico para achegarse á realidade que se estaba a vivir e poñer en marcha medidas coas que seguir traballando para acadar unha igualdade real e efectiva.

Salceda recibe tres estudiantes francesas en intercambio

​O Concello de Salceda recibe nestes días a tres visitantes moi especiais chegadas dende Francia. Trátase de tres alumnas da rexión Grand Est –das cidades de Metz e Nancy– que participan no intercambio educativo EDUMOB da Xunta de Galicia. Este programa busca fomentar a interculturalidade mediante o coñecemento lingüístico e cultural entre alumnado desa rexión e Galicia. Marie, Insaf e Rania pasarán este mes en Salceda asistindo a clases no IES Pedras Rubias, ata o vindeiro 28 de abril.

​Previamente, durante o mes de febreiro, foron tres as alumnas do IES Pedras Rubias que se desprazaron a Francia acompañadas da súa mestra para permanecer nas vivendas das estudiantes que agora chegan a Galicia.

​Este tipo de iniciativas, ta e como sinala a concelleira de Ensino, Selene González, contribúen a “fomentar a interculturalidade na educación é un medio de transformación e adaptación social”. A edil subliñou a súa satisfacción de que “Salceda participe neste programa que está  tendo un alto calado na nosa mocidade e nas súas familias, non só lingüisticamente, senón a nivel cultural e social”

​A implantación do bacharelato no IES Pedras Rubias, trouxo consigo iniciativas tan importantes coma esta. É a primeira vez que o IES participa neste programa dirixido ao alumnado de 1º de bacharelato, que dende o centro valoranmoi positivamente para o desenvolvemento tanto lingüístico como persoal das participantes.

​Loli Castiñeira, alcaldesa de Salceda, fixo fincapé na importancia de “ter bacharelato no noso Concello” o que, engade, “permite levar adiante moitas iniciativas novedosas, e esta é unha delas. Quero trasladarlle os meus parabéns ao equipo directivo do IES por levalas adiante!”

O xornalista Fernando Jáuregui, pregoeiro da Festa da Lamprea

0

Este 27 de abril ás 13:00 h desde o balcón da Casa do concello, Fernando Jáuregui, será o encargado de pregoar as excelencias gastronómicas de Arbo na LXIV Festa da Lamprea.

Un dos aspectos que adquire relevancia na continuidade da Festa da Lamprea é a figura do pregoeiro. Centrados en diferentes campos da vida social e cultural, na súa mayoria recoñecidos personaxes pertenencientes aos medios de comunicación escritos ou audivisuales, deportistas, presentadores, humoristas, xuíces, actores, profesores…. que souberon cativar a unha Praza chea de público coas súas palabras.

Fernando Jáuregui Campuzano, naceu hai 74 anos en Santander, estudou Dereito e Xornalismo (Escola Oficial, promoción 1972) en Madrid. É un recoñecido xornalista, escritor e amigo de Arbo.

Comezou a súa carreira xornalística en Europa Press. Foi correspondente de Presa en Lisboa durante a ‘revolución dos caraveis’, en 1974, e de axencia EFE nas Nacións Unidas (Xenebra) en 1978. Foi correspondente político en Diario 16, correspondente político e diplomático no País (1982-1989), redactor xefe do Xornal de Cataluña, subdirector en YA e colaborador do Correo Español, de ABC e, desde 1998 ata o momento, mantén unha columna diaria, que se publica en diversos xornais galegos e do resto de España, distribuída por Off the Record, de Europa Press.

En radio, foi colaborador en Radio Nacional, Onda Cero, Punto Radio e, actualmente en Cope, colabora nos programas de Carlos Herrera, Angel Expósito e, agora, no matinal e no nocturno de Onda Madrid.

En televisión, foi subdirector de Informativos en Telecinco e director do programa ‘Mesa de redacción’ da mesma cadea. Tamén foi colaborador en varios programas de TVE e na cadea Trece.

Foi subdirector do Gabinete de Prensa do Ministerio de Facenda con Jaime García Añoveros en 1980, director de Comunicación do Concello de Madrid, con Juan Barranco, en 1987 e director de Comunicación da ONCE en 1994.

Na actualidade preside un Foro independente, ‘Periodismo 2030’, no que colaboraron ou colaboran máis de trescentos profesionais da comunicación, que animan un programa titulado ‘Los periodistas cuentan el cambio’, www.periodismo2030.com e colabora en ‘Madrid despierta’ de Telemadrid, e en diversas cadeas rexionais.

Publicou, só ou en colaboración, corenta libros sobre a actualidade política, sobre xornalismo e sobre historia inmediata. Os últimos, La foto del Palace (2022), La Ruptura (2021) e Los abogados que cambiaron España (2019).

Recibiu varios premios ao longo da súa carreira, o último ‘Periodista Independente del Año’, en 2023, outorgado pola Fundación Independente da Universidade Camilo José de Cela. Tamén foi o ‘Periodista del año’ elixido pola Asociación de Xornalistas Estranxeiros, ‘premio Estrañi’, da Asociación da Prensa de Cantabria, premio ‘Degá Roda i Ventura’ do Colexio de Avogados de Barcelona, premio da Fundación Abogados de Atocha, entre outros varios.

Nava Castro representará a Ponteareas e á provincia na comisión de Cultura e Patrimonio da FEMP

A alcaldesa, Nava Castro, representará a Ponteareas e á provincia de Pontevedra na Comisión de Cultura e Patrimonio da Federación Española de Municipios e Provincia (FEMP). O órgano constituíuse hoxe en Madrid e ten como obxectivo poñer o foco de atención nos asuntos que preocupan ás diferentes localidades no referido a estas materias. 

Deste xeito, Castro será membro do órgano que eleve as cuestións relativas ao patrimonio e a cultura ata a Xunta de Goberno da FEMP e fará fincapé naqueles aspectos que teñan que ver co municipio así como coa provincia. 

A designación da alcaldesa como parte desta comisión é un recoñecemento nacional cara a súa implicación no coidado e divulgación do legado histórico e da súa capacidade para promover diferentes iniciativas que buscan a promoción da contorna cultural e patrimonial. 

A alcaldesa, Nava Castro, agradeceu o seu nomeamento como parte desta Comisión e apuntou que “traballaremos arreo para seguir defendendo o noso patrimonio e promover o acceso á cultura a todos os veciños e as veciñas”.

Ponteareas e Cogami asinan un convenio que pon fin á lista de agarda na atención temperá

O Concello asina o convenio coa Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) que permite rematar coa lista de agarda no servizo de Atención Temperá. No acto, participou a alcaldesa, Nava Castro e a concelleira de Benestar Social, Raquel Plana, así como o presidente e o responsable de COGAMI, Anxo Queiruga e Álvaro García, respectivamente. 

Grazas a este acordo, o Concello aumenta a capacidade de atención nun 25% e atende xa a 44 nenos e nenas que precisan dun programa específico de intervención por presentar algunhas dificultades no seu desenvolvemento. Estas cifras supoñen rematar coa lista de agarda que existía no servizo deAtención Temperá en anos anteriores. 

Para iso, a administración local incorporou novos profesionais especializados en eidos como na neuropsicoloxía ou en trastornos da linguaxe e da audición grazas a unha subvenciónque lle concedeu a Consellería de Política Social por un valor de 144.000 euros. 

Neste sentido, a edil de Benestar Social, Raquel Plana, apuntou que “apostamos por reforzar e ampliar aqueles servizos que dan cobertura ás persoa que precisan dos recursos públicos” e apuntou que “con tes acordo damos un paso máis para conseguir unha sociedade máis equitativa e igualitaria”. 

Pola súa banda, a alcaldesa, Nava Castro, indica que “xuntos e xuntas construímos unha sociedade máis inclusiva na que todas as persoas podemos desenvolver as nosas capacidades” e pon en valor  o traballo dos profesionais deste servizo “que traballan cos nenos e coas nenas así como coas súas familias, acompañándoas no proceso”. 

O presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, indicou que “este acordo co Concello de Ponteareas será un referente a nivel autonómico por ser o primeiro concerto social” agradeceu a “sensibilidade da administración local para facilitarlle a vida das persoas que precisan de axuda”. Ademais, o responsable do servizo, Álvaro García, apuntou que “este acordo permitirá garantir a autonomía dos nenos e das nenas”.

Máis de 220 escolares de primaria achéganse á loita en Goián

0

Fomentar a actividade física entre o alumnado e achegalo a diferentes deportes dun xeito entretido, ameno e divertido. Ese é un dos obxectivos da Asociación Deportiva Baixo Miño, Agrudebam, que a pasada semana reuniu no pavillón deportivo de Goián a máis de 220 nenos e nenas de primaria de diferentes centros escolares de Tomiño, O Rosal, Gondomar e Salceda de Caselas nunha xornada de introdución á loita.

Durante toda unha mañá participaron en diferentes actividades os escolares de 4º de primaria do CEIP Plurilingüe de Tebra, do CEIP Barrantes, do CEIP Pintor Antonio Fernández e do CEP Plurilingüe Pedro Caselles Beltrán tomiñeses. Ademais, ata as instalacións deportivas tamén se desprazaron para participar alumnos e alumnas do CPI Manuel Suárez Marquier do Rosal, así como do CEP Altamira de Salceda de Caselas e do CEP Neira Vilas de Gondomar, convidado por Agrudebam.

Nesta xornada competiron un total de 25 equipos en cinco lonas dispostas no pavillón deportivo de Goián, no que cativos e cativas puideron gozar da loita nunha competición simultánea con probas moi variadas. A competición, denominada ‘Xogaloita’, procura “achegar dunha forma moi lúdica ao alumnado aos deportes de agarre, como poden ser a loita ou o judo. E faise a través dunha competición na que se busca diversión e axilidade e que as e os participantes poidan desfrutar mentres se inician nestes deportes”, salientan dende a organización.

Así, equipos mixtos formados por entre 5 e 9 xogadoras e xogadores van rotando entre as distintas probas nas que deben tentar vencer ao equipo contrario. Entre as actividades que máis chamaron a atención da rapazada foi ‘Dar a volta á tortilla’, unha proba na que un dos ou das competidoras ten que tentar en menos de 10 segundos darlle a volta completamente á persoa contrincante, que estaba colocada boca abaixo sobre a lona. 

Loita de xeonllos no tapiz agarrados polos cóbados tentando derrubar á persoa rival sen soltar o agarre, roubar un balón de baloncesto empregando só as palmas das mans ou coller a cola de cabalo, tentando roubar o rabo do equipo rival sen saír dun círculo, foron algunhas das probas coas que o alumnado desfrutou dunha entretida xornada deportiva e de convivencia. As actividades completáronse co xogo de expulsar da zona, nos que armadas e armados cuns escudos brandos debían empurrar á ou ao rival para tentar botalo fóra do círculo, ou co ‘Sogatira’, no que catro xogadoras e xogadores cada equipo tentan gañar traendo a corda cara ao seu lado do tapiz. 

Esta foi a segunda xornada do ‘Xogaloita’ co que Agrudebam achega o deporte de contacto á rapazada. A primeira celebrouse o pasado mes de marzo en Tui, onde competiron máis de 130 participantes do CEIP de Sobrada de Tomiño e do CEIP de Guillarei, CEIP de Rebordáns, CEIP de Randufe, CEIP Plurilingüe Número 1 e CEIP Plurilingüe Número  2 de Tui. 

Toda a información sobre as xornadas deportivas celebradas e os seus resultados publicarase en breve na web de Agrudebam, así como un pequeno vídeo sobre cada un dos encontros celebrados. A Agrupación Deportiva Baixo Miño quere amosar o seu agradecemento ao Club de Loita de Vila de Cruces, que achegou este deporte ao mestrado da zona hai uns anos e a partir do que Agrudebam deseñou o esquema da competición e recompilou o material e as lonas necesarias para poñer en marcha a actividade “que é referencia para outras agrupacións deportivas”.

‘Xogaloita’ está enmarcada nas actividades deportivas que se organizan dende Agrudebam para os concellos de Tomiño, O Rosal, Tui e Salceda de Caselas ao abeiro do programa Xogade da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, unha iniciativa que busca achegar o deporte ao alumnado galego.

Máis de 250 palilleiros e palilleiras participaron na «II Mostra de Palilleiras Concello da Cañiza» de Valeixe

0

O primeiro domingo de abril e no recinto da ‘Irmandade’ de Valeixe celebrouse a a «II Palillada da Cañiza», unha iniciativa organizada pola Asociación de Mulleres Rurais de Valeixe AMURUVA que contaba coa colaboración do Concello e de establecementos e comercios da Cañiza.

  • O alcalde cañicense, Luis Piña, quixo felicitar á organización polo éxito de participación –con máis de 250 palilleiros e palilleiras–, e de visitas durante unha xornada na que o bo tempo axudou a que o certame se saldara con récord de asistencia. Cabe salientar que, ademais, a Palillada de Amuruva é a única que se celebra nas Comarcas do Condado e da Paradanta.

Todo un éxito de organización, segundo manifestaron as 20 mulleres de AMURUVA que fixeron posible este evento e que tamén quixeron agradecer a participación das asociacións da provincia e a asistencia dos veciños da Cañiza.

Unha concentración na que participaron 267 mulleres e homes que amosaron os seus traballos e a súa maestría no arte do encaixe de bolillos.

A Palillada comezou ás 10 da mañá coa benvida da organización, seguida do saúda do Alcalde e a visita por todos os postos.

Ao remate desta visita, o Alcalde entregou un agasallo do Concello aos representantes de todas as asociacións participantes, ás que agradeceu a súa asistencia.

Luis Piña felicitou tamén ás organizadoras de AMURUVA polo éxito conseguido, especialmente ás alumnas e á profesora de encaixe de bolillos. Tamén agradeceu a colaboración prestada polo comercio local e polo grupo de Pandereteiras Santa Cristina de Valeixe que actuou durante esta xornada festiva.

Unha palillada única

A PALILLADA DE VALEIXE É A ÚNICA QUE SE CELEBRA NA COMARCA

Ademáis esta mostra é a única que se celebra no Condado e A Paradanta. Segundo manifestaron dende a organización “na actualidade nestas Comarcas non se celebra ningunha mostra de encaixe de bolillos, a excepción desta da Cañiza que celebrou a súa primeira edición na primavera de 2019”.

“Hai uns anos celebrábase un evento similar no Concello de Salvaterra pero dende hai anos a Palillada de Valeixe é a única. De ahí a importancia de visibilizar este Arte que forma parte da Cultura Galega”, engaden dende a organización.

O BNG advirte que o capricho de Nava Castro dun novo mercado sairá caro a Ponteareas

O BNG reaccionou ao anuncio da licitación da redacción do proxecto dun novo mercado en Ponteareas, a instalar na Nave de Aceiros na Avenida de Galicia advertindo que “o cese da actividade no actual Mercado suporá un grave prexuízo a todo o sector comercial do centro da vila, xa que provocará a perda de vitalidade nesta contorna”.

Ademais, o Bloque lembra que “xa existía un anteproxecto para transformar o Mercado actual nun novo espazo comercial para persoas produtoras e emprendedoras locais, referente de toda a comarca e adaptado ás necesidades actuais, con aparcadoiro interior, novos espazos gastronómicos, aulas de formación para comerciantes e unha estética moderna e funcional”.

Esta reforma integral estaba proxectada “tras unha profunda diagnose coa participación de todos os axentes implicados” polo que “o PP e Nava Castro, co seu capricho apoiado polos independentes, están tirando ao lixo un traballo completo que foi pagado co diñeiro de todas e todos só porque foi ideado por un goberno do BNG”.

O Bloque lembra que na súa etapa á fronte do goberno conseguiu fondos europeos, logrou as autorizacións e puxo en marcha a rehabilitación da Nave de Aceiros para transformala nun novo equipamento sociocultural, cunha gran praza cuberta para a celebración de eventos ou feiras e con espazos pechados para aulas, salas de ensaio, conferencias, reunións ou obradoiros. “O PP e os independentes preferiron solicitar unha modificación do proxecto e cambiarlle o uso para facer outro Mercado, perdendo tempo e diñeiro”, sinala a formación nacionalista

Éxito do Serán Solidario x Palestina en Redondela

0

Este pasado venres, día 5 de Abril, o público encheu o Auditorio do Multiusos, para atender o Serán Solidario organizado polo Colectivo Pro Palestino de Redondela, e que xuntou diversas músicas, poemas e danzas sobre o escenario, para reivindicar xustiza para o pobo palestino.

Contouse coa participación de Anaquiños (grupo folclórico) que amenizou a entrada ao evento, o recital a cargo de Poéticas Diversas, Xoel Fernández e Carlos “Saja”; danza a cargo da compañía Danza Africana de Redondela Izzy Mousso, e as sentidas actuacións de músicos como Circus, Mr. Jorge, Marlom, Zeltia Irevire e Antón Ke.

A cantidade recadada nesta poxa será doada íntegramente á UNRWA, a Axencia das Nacións Unidas para os Refuxiados de Palestina en Oriente Próximo.

Doutra banda, hoxe domingo 7 de abril, será o derradeiro para poxar polas máis de 100 pezas artísticas –pictóricas, fotográficas, escultóricas, cerámicas– que se atopan expostas no Multiusos da Xunqueira, en Redondela (horario de 12 h a 14 h e de 16 h a 21 h). Esta exposición, organizada polo Colectivo Pro-Palestino de Redondela, conta coa doazón de obras de máis de 70 artistas, entre elas: Nito Pereiro, Luis Davila, Ramón Trigo, Chelo Rielo, Antón Sobral, Ricardo Grobas, Breikus…

Ademais, hai que mencionar que existe a posibilidade de mercar pezas como libros, CD’s, postais… doados por afamadas escritoras, ilustradoras e músicas, que queren colaborar coa causa. Todas as persoas que asistan á exposición, e así do desexen, tamén poden facer unha doazón.

A alcadesa de Salvaterra de Miño valora “moi positivamente” a sentenza do TSXG sobre o polígono industrial ‘Chan da Ponte’

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia vén de dar a razón ao Concello de Salvaterra de Miño fronte á comunidade de montes veciñais en man común de Salvaterra que tiña presentado unha demanda pola propiedade dunha parcela no polígono industrial de ‘Chan da Ponte”. O fallo do Tribunal, a entender da alcaldesa Marta Valcárcel, “da seguridade xurídica ao polígono e aos centos de postos de traballo que este xera”. A sentenza emitida o 02/04/2024 é firme é desestima a demanda interposta pola CCMM de Salvaterra de Miño.

Dende que no ano 2020 a Comunidade de Montes de Salvaterra tramitara a denuncia formal ao Concello pola parcela de Bouza do Viso en Chan da Ponte, e os diferentes actos de conciliación aos que estaba instando a diferentes empresas que desenvolven a súa actividade no Polígono Municipal estaban xerando unha situación de confusión, incertidume e medo entre os empresarios. Esta sentenza pon punto e final a esta situación e reafirma que Chan da Ponte é municipal.

O 9/12/20 era admitida a demanda interposta pola CCMM de Salvaterra de Miño contra o Concello de Salvaterra de Miño onde pedían que se declarara a parcela de monte denominada Bouza do Viso –en Chan da Ponte–, como propiedade da Comunidade de Montes, por vir facendo un uso inmemorial dela os veciños e veciñas da parroquia de Salvaterra na forma prevista na lei 13/1989.

Despois que a xuíza do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución nº 3 de Ponteareas ditara sentenza o 7/06/2022 desestimando integramente a demanda interposta pola CCMM de Salvaterra de Miño, alegando a falta de prova do aproveitamento e a imposibilidade de determinar a extensión, límites e sobre todo a situación do monte Chan da Ponte. Sinalando que o descoñecemento da situación do monte impedía afirmar que a parcela discutida encontrábase dentro de dito monte e manifestando que a CCMM tampouco conseguira acreditar o uso inmemorial da parcela polos veciños da parroquia de San Lorenzo, e a Sección Terceira da Audiencia Provincial de Pontevedra dictara entenza con data 27/04/2023 estimando o recurso da CCMM ao entender que aínda que no se coñecesen os lindeiros do monte comunal, a parcela Bouza do Viso atopábase enclavada dentro de dito monte, resultando innecesario acreditar o uso que se viña facendo da mesma, nin a revisión da ubicación do monte.

Agora o Tribunal Superior de Xustiza ven a ditar con data 2/04/2024 nova sentenza (en este caso firme) que deixa sen efecto a de Audiencia, confirmando a de primeira instancia, reiterando e insistindo en que a CCMM non acreditou en ningún momento o uso consuetudinario da parcela Bouza do Viso reclamada.

Con elo se ven a estimar o recurso de casación interposto polo Concello de Salvaterra de Miño a través da súa asesoría xurídica. A sentenza do TSXG pode descargarse nesta ligazón.

A Xunta destina máis de 27.000 euros ao cofinanciamento dos comedores escolares no Baixo Miño

0

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou o CEIP Número 2 de Tui, onde se reuniu con varios representantes da ANPA As Olivas con motivo da axuda de case 14.000 euros que a Xunta lles outorgou para o cofinanciamento dos servizos do comedor escolar.

Xunto ao director do centro, o delegado destacou o compromiso da Xunta coa mellora continua dos centros educativos e dos seus servizos e agradeceu o traballo desinteresado de “todos os membros da ANPA, que están sempre pendentes do traballo que se leva a cabo nas escolas e que coas súas peticións e suxestións nos axudan a mellorar”.

Cabe destacar que a Xunta distribuíu, grazas a esta orde, preto de 270.000 euros en axudas por toda área territorial, dos cales máis de 27.000 corresponden á comarca do Baixo Miño.

O delegado aproveitou a visita para coñecer máis a fondo o Colexio CEIP Número 2 e, en concreto, para comprobar os bos resultados da obra de reforma de dous aseos levada a cabo pola Xunta, que contou cun orzamento de máis de 45.000 euros.

Este centro escolar acumula varias actuacións de mellora dende o ano 2009, uns traballos nos que a Xunta investiu máis de 200.000 euros e que reverteron directamente a favor do alumnado. Contando as actuacións levadas a cabo nos demais centros escolares do concello o importe alcanza os 2 millóns de euros.

Reguera rematou a visita explicando que desde o goberno autonómico “somos conscientes de que sempre quedan cousas por mellorar” e lembrou que “é imprescindible que as institucións cumpran co seu compromiso nun ámbito tan sensible como o da educación. Tanto a Xunta mellorando e renovando as condicións deste edificio que vai cumprir medio século, como o concello realizando o mantemento necesario para coidar e protexer as infraestruturas”.

Nigrán investirá máis de medio millón de euros no asfaltado de 33 rúas de todo o municipio

0

O Concello de Nigrán iniciou o asfaltado de 33 rúas de todo o municipio cun investimento de 515.353,77 a cargo do Plan Concellos 2022. Estes súmanse aos realizados a inicios de ano en 51 estradas das 7 parroquias cun custe de 633.127 € ou ás humanizacións da rúa Mestra Emérita  (309.127 €) e Otero Pedrayo (en curso, 1’3 millóns).

Entre as novas figuran algunhas especialmente demandadas pola veciñanza, como poden ser Don Marcial, Mámoa e Cova en Priegue; Montecastelo, Cabaleiros e Das Agullas (acceso ao CEE Juan María) en Parada; Pontillón e Igrexa en San Pedro; ou Cacholeiro e Escontriño en Panxón. As obras, adxudicadas á UTE Oresa-Anfisa, estarán rematadas en menos de 3 meses.

“Seguiremos sumando máis plans ata chegar a todas as rúas que o precisen; no que vai de 2024 acadamos case cen, un fito que nunca se deu na Historia de Nigrán, e así continuaremos”, explica o alcalde, Juan González, en referencia a este investimento total de 2,6 millóns de euros en 86 rúas en menos de 6 meses. “Non pararemos de asfaltar para  mellorar a calidade de vida de toda a veciñanza e a seguridade viaria do municipio”, insiste.

Estas 33 estradas seleccionadas teñen en común o mal estado do firme coa conseguinte demanda de renovación por parte da veciñanza. Así, segundo recolle o proxecto redactado polo enxeñeiro Roberto Aya, todas se atopan en moi mal estado de conservación e a solución adoptada é un reforzo do firme cunha nova capa de aglomerado asfáltico (existen tramos en terra, así que nestes camiños o cambio será aínda máis substancial). Ademais, renovarase a sinalización horizonal e se intalarán reductores de velocidad nos tramos máis sensibles. “En definitiva, suporá un cambio radical na mellora da seguridade viaria e na propia calidade de vida de cada barrio”, resume o rexedor.

Camiños comprendidos no plan de asfaltados

  • Priegue
    • Rúa da Cova
    • Outeiro
    • Eidos
    • Don Marcial
    • Recosto-Penedo
    • Camiño do Monte
    • Mámoa
  • Panxón
    • Costa da Barxa
    • Patos-Camiño da Fonte
    • Cacholeiro
    • Escontriño
    • Zoila
  • Nigrán
    • Teixugueira
    • Pedregal
    • Piñeiro-Nogueira
    • Pombal
    • Torriña
    • Cabalo
  • San Pedro
    • Praia América
    • Carballal
    • Igrexa
    • rúa da Foz
    • Sarmiento
    • Ana Isabel Costas
    • Valle Inclán
    • Torrente Ballester
    • Pontillón
  • Parada
    • Agullas
    • Casanova
    • Igrexa
    • Cabaleiros 

Lucenza solicita un ano máis medidas especiais de protección medioambiental para o areal de Panxón–Lourido na noite de San Xoán

0

Lucenza–Ateneo de Nigrán vén de solicitar oficialmente ao Concello e o Servizo provincial de Costas que este ano se tomen medidas extraordinarias que garantan unha boa xestión medioambiental da festa de San Xoán no areal de Panxón–Area Loura, onde se produce a maior afluencia de persoas e se concentran a maior parte dos impactos negativos sobre os ecosistemas naturais.

Considera Lucenza que non é incompatible que a xente veña gozar da festa tradicional de Panxón con respectar, como é debido, o medio natural que os acolle. E por iso solicitan ao Concello un bando ou norma regulatoria que prohíba as cacharelas libres e soamente permita a fogueira tradicional de Panxón.

Neste senso, propoñen que se siga o exemplo do veciño Concello de Vigo, onde as fogueiras, por pequenas que sexan, están prohibidas en todos os areais do municipio.

Solicitan tamén que se impida o tránsito nesa xornada sobre as zonas máis sensibles do areal, así como os grandes movementos de area que nel se chegan a facer por parte dalgúns participantes da festa.

Ao efecto, solicítase ás autoridades competentes vixilancia estrita do areal desde primeira hora do día 23 de xuño, para impedir desde un principio que se comecen a facer ditos movementos de area, mesmo co uso de medidas sancionadoras se fose preciso.

Segundo Lucenza, o acontecido o pasado ano 2023 non debe volver producirse nunca máis, polo que demandan da Dirección Xeral de Costas e do seu servizo provincial que, como responsables dos espazos de dominio-público marítimo-terrestre que son, tomen con urxencia cartas no asunto, esixindo as medidas que máis conveñan para unha defensa efectiva dos ecosistemas naturais que ano tras ano se ven afectados.

Propón Lucenza, por último, que se faga unha campaña de sensibilización social máis ampla nos seus obxectivos que a que ven sendo realizada polo Concello en anos anteriores, centrada na importancia que ten coidar o areal e comportarse con responsabilidade ambiental durante esta xornada festiva, expresando sen ambigüídades o que non está permitido facer na praia.

O Pleno da Cañiza aproba por unanimidade o marco para a constitución da ‘Eurocidade do Miño’

0
  • O Pleno da Corporación Municipal da Cañiza vén de aprobar, na súa reunión desta mañá, o Protocolo de cooperación transfronteiriza entre os concellos de Arbo, Melgaço, Crecente, As Neves e A Cañiza que permitirá constituir a nova ‘Eurocidade do Miño’.
  • Cómpre lembrar que o Pleno xa aprobara en xullo de 2022 a adhesión da Cañiza á Declaración de Interese para a creación desta Eurocidade  así como a Carta de Irmandamento e Amizade que selou o compromiso inicial de colaboración transfronteirizo.
  • Segundo o alcalde, Luis Piña, a Eurocidade “será unha nova vía de cooperación que terá como fin acompañar, promover, coordinar, apoiar e executar actividades transfronteirizas aproveitando as ligazóns xeográficas, estructurais, económicas, sociais e culturais que unen aos 5 concellos”. 
  • “Trátase de aproveitar toda esta potencialidade para favorecer e fortalecer o territorio e establecer múltiples canles productivas que beneficiarán a unha zona de influencia directa de máis de 30.000 persoas”, engadiu o rexedor local.

A «Eurocidade do Miño», quinta eurocidade da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Un amplo territorio, formado polo Val do Miño cunha identidade común, longa tradición de cooperación entre os Concellos e cunha mesma estratexia de futuro.

Unha colaboración que segundo se recolle na súa declaración constitucional « é un dos medios máis eficaces para a aproximación das poboacións fronteirizas; suprimindo as dificultades que implican todas as fronteiras, promocionando un maior achegamento institucional entre todos, fomentando o desenvolvemento económico, social, cultural, ambiental destas rexións, así como os servizos comúns que servirán como instrumento dinamizador da convivencia e o benestar da nosa veciñanza».

Luis Piña explicou tras a celebración do Pleno que logo de ter aprobado o Protocolo e as directrices xurídicas establecidas por España e Portugal, o Acordo será remitido á Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea da Xunta de Galicia para que informe e emita proposta dirixida ao Ministerio de Exteriores, Unión Europea e Cooperación do Goberno de España, para a súa validación por tratarse dun marco internacional.

Ao remate deste procedemento, dará lugar a constitución do Mandato que contará cunha directiva integrada por Presidente, Vicepresidente e órganos de dirección nas que os Alcaldes irán ocupando os cargos de xeito rotativo e por orden alfabético. No primeiro mandato da Eurocidade este orden rómpese para deixar ao Presidente da Cámara de Melgaço, Manoel Batista a 1ª presidencia. No caso da Cañiza, tócalle asumir á Presidencia no 3º mandato.

Tres días de actividades na Concentración Cabalar de Telmo en Tui

0

Durante tres días celebrarase este ano a tradicional e secular Concentración Cabalar de San Telmo na rúa Loureiro, coincidindo coas festas patronais de San Telmo. Esta actividade, que reúne cada ano a miles de persoas, foi gañando nos últimos anos en calidade e seguridade, coma explicaba o concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, quen salienta a aposta do concello por este evento no que conta coa colaboración de Hípica Marcos e de Equigalia.

A programación comezará o sábado ás 16 h co Concurso de Salto Hípico San Telmo organizado por Equigalia. No mesmo participarán clubs hípicos de toda Galicia nas modalidades de barritas, cruzadas, 0,5, 0,8 e 1 metros.  

O domingo o programa abrirase, ás 10.30 h, coa Copa San Telmo de Horseball cun triangular sub 21 e un dobre sub 13. Proseguirá ás 12.30 h cun concurso de saltos, e tras o xantar popular, continuará ás 17 h con exhibición de enganche, para dar paso, ás 19.30 h ao espectáculo ecuestre de Miguel da Fonseca, que por vez primeira participa na concentración tudense.

O luns, festivo local en Tui, a actividade comezará ás 8 h coa compra-venda de gando. Este ano introdúcese coma novidade unha exhibición de labranza cun arado de vertederatirado por mulas. Pola mañá realizarase unha xincana tanto infantil coma para adultos cuxa final será ás 17 h. 

Novamente o luns volverase a contar co espectáculo de Miguel da Fonseca ás 14 h e ás 19.30 h. Pola tarde, ás 18 h, celebrarase un concurso exhibición de arrastre con varias categorías. 

Haberá tamén outras actividades coma o Poni Club o domingo de 17 a 19 h e o luns de 11 a 13 h. Na concentración outorgaranse premios especiais ao mellor xinete, amazona, poni, carruaxe, burro, mula, e xinete e amazona máis novos. Tamén haberá galardóns para o tratante con máis cabezas, burros, ponis e cabalos. 

Miles de persoas se agardan que participen na Concentración Cabalar de San Telmo, que cada ano é das máis concorridas de Galicia.

O PSdeG-PSOE pide explicacións ao goberno de Luis López polo atraso na aprobación das subvencións ao deporte

O Grupo provincial do PSDG-PSOE na Deputación de Pontevedra pide “una explicación coherente ao goberno provincial” ante o retraso na aprobación e concesión das axudas ao deporte da provincia que son indispensables para o desenvolvemento de competicións e actividades de clubs, asociacións e deportistas, tal e como sinalou nunha pregunta o deputado provincial Gorka Gómez no pleno do pasado martes.

A portavoz do grupo socialista, Ana Laura Iglesias, cualificou hoxe de incompresible esta demora “que está suscitando moita preocupación entre dirixentes e deportistas de diferentes modalidades que compiten nesta provincia na que o deporte é unha sinal de identidade que nos enche de orgullo e que sempre contaron co respaldo inequívoco da Deputación de Pontevedra, “alo menos nos últimos oito anos”. Nese sentido, a portavoz recordou que as axudas ao deporte do anterior goberno de Carmela Silva sempre foron unha prioridade “como o demostra que os recursos tiñan luz verde nos primeiros meses do ano porque era a forma de que contaran con esas subvencións para poder facer os seus orzamentos e planificar sen sustos a temporada”.

A deputada citou como exemplo como no ano 2022 os recursos para  o deporte federado se aprobaron o 1 de marzo, situación que incluso se adiantou en 2023 coa aprobación das axudas o 3 de febreiro para o deporte con competicións no ámbito estatal, o 9 de febreiro para a organización de campionatos e actividades, ou o 16 de marzo para todo o deporte náutico. “Xa estamos en abril e ninguén sabe nada que pasa con estes recursos polo que unha vez máis instamos ao presidente e ao goberno a que se poñan as pilas e se ocupen desta situación que ten en vilo a milleiros de deportistas na provincia”.

Este sábado cita coa Mostra de Produtos de Covelo, co teatro e coa música en directo

0

O Concello de Covelo celebra este sábado día 6 a súa Mostra de Produtos de Covelo. Como cada primeiro sábado de mes, e sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan, a praza Cerviño do centro urbano acolle esta feira na que se dan cita produtores locais, postos de produtos ecolóxicos e de segunda man, folclore, gastronomía e todo tipo de actividades de lecer pensadas para todos os públicos.

De 10 da mañá á 14 horas e de xeito ininterrumpido a praza recibirá a todas aquelas persoas que desexen facer compras, sociabilizar, bailar ou degustar postres e comida da casa mentres gozan das distintas actividades gratuítas que o Concello ten programado.

De 11:30 a 13:30 Teatro Lambe, Lambe presenta o seu espectáculo ‘A Bailarina. ¿Dónde está el alma?’ unha adaptación do conto ‘A Bailarina’ de K.Gibran e textos de Joaquín Araújo. Esta novidosa proposta de teatro de animación con bonecos e obxectos que, acompañados dun relato e/ou música dentro dunha caixa escénica, representan, en non máis de 5 min, situacións secretas que son apreciadas por só 1 ou 2 espectadores á vez que se colocan os auriculares e observan a obra a través dunha diminuta fiestra. A sesión vermouth virá acompañada da música popular das As Retranqueiras de Barcia de Mera e Sons do Suído.

Un pulpeiro e postos con produtos de alimentación completarán a oferta de lecer da feira de de Covelo na que produtores, veciñanza e visitantes comparten e intercambian coñecementos, experiencias e inquedanzas.

A Mostra de Produtos de Covelo celébrase grazas ao apoio da Deputación de Pontevedra e dentro da programación estable de actividades de dinamización cultural e de lecer que oferta de xeito gratuíto o Concello de Covelo.

O pleno da Deputación abre o proceso para adxudicar o mantemento das estradas provinciais para os vindeiros cinco anos

A Deputación de Pontevedra aprobou este martes nunha sesión plenaria extraordinaria o expediente de contratación para o servizo de conservación integral da rede viaria das estradas de titularidade provincial. Un contrato que está dividido en tres lotes (norte, centro e sur) e conta cun orzamento anual de 9,7 millóns de euros para un máximo de catro anos e a posibilidade dunha prórroga, o que supón un importe total de 38,9 millóns de euros. O pleno serviu tamén para aprobar a delegación de competencias en materia de recadación de impostos na Deputación por parte dos concellos de Sanxenxo, O Porriño, Silleda e Valga, así como a modificación puntual dos proxectos aprobados previamente e financiados ao abeiro do plan provincial PON2030 para o acondicionamento da contorna da estación do tren de Pontecesures e a humanización da rúa da Forca, en Salvaterra do Miño. Do mesmo xeito, a corporación deu luz verde á modificación do cadro de persoal da Deputación.

O pleno tamén deu luz verde á moción presentada polo grupo bprovincial do Partido Popular para solicitar ao Ministerio de Transportes a elaboración dun proxecto integral, cun orzamento suficiente e un cronograma detallado, para acometer a mellora, reforma e modernización das once estradas de titularidade estatal que transcorren pola provincia de Pontevedra. Mentres que a petición do grupo socialista para reclamar que a Deputación mellore o transporte regular por estrada foi rexeitada. Esta sesión serviu tamén para aprobar o nomeamento da vicepresidenta Luisa Sánchez como representante da Deputación en diversos órganos colexiados, así como a ampliación da relación de cargos con dedicación exclusiva. 

O principal punto da orde do día desta sesión plenaria correspondente ao mes de marzo, que se adiou ao mes de abril por mor da Semana Santa, centrouse na aprobación do expediente de contratación do servizo de conservación integral da rede viaria da Deputación. Un acordo que contou co apoio dos deputados dos grupos do PP e o BNG para iniciar o procedemento de adxudicación dun servizo que contempla un orzamento total de 38,9 millóns de euros para os cinco anos de vixencia do mesmo. Un contrato que se divide en tres lotes (norte, centro e sur) cunha dotación de 13,9; 13 e 12 millóns de euros respectivamente. Do mesmo xeito, o acordo contempla a autorización do gasto por importe de 3,2 millóns de euros con cargo ao orzamento actual que se corresponde co curso deste servizo para o que resta de ano. As cantidades correspondentes aos exercicios de 2025, 2026, 2027 e 2028 quedan condicionadas á aprobación dos orzamentos correspondentes, cunha estimación dun desembolso de 9,7 millóns ao ano para manter as estradas provinciais en perfecto estado de conservación.

Mal estado das estradas nacionais

Seguindo co debate sobre o estado da rede viaria, tamén saíu adiante co voto favorable de populares e nacionalistas a moción do grupo popular para instar ao Goberno central a cumprir coa súa obriga de mantemento das once estradas nacionais que transcorren pola provincia. Neste sentido, o acordo contempla a reclamación ao Ministerio de Transportes da elaboración dun proxecto integral, a determinación dun cronogramaáxil e a reserva orzamentaria suficiente para levar a cabo a mellora, reforma e modernización das estradas N-550, N-525, N-640, N-554, N541, N-552, N-555, N-556, N-551, N-120 E N-559. A demanda fai especial fincapé na necesidade de actuar no firme e pavimentación destes viarios para corrixir o seu mal estado e favorecer a mobilidade e seguridade viaria dos usuarios. 

Os concellos delegan na Deputación

Por unanimidade aprobouse nesta sesión plenaria a delegación de competencias na Deputación do Concello de Sanxenxo e do Porriño para a xestión, recadación voluntaria e executiva e inspección da taxa pola utilización privativa ou aproveitamento especial do dominio público local das instalacións de transporte e distribución de enerxía eléctrica, gas, auga e hidrocarburos ou similares. O mesmo ocorreu co Concello de Silleda e as súas facultades de xestión tributaria e recadación do Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM), que inclúe a facultade de liquidación previa á primeira matriculación. Así como as facultades do Concello de Valga de Inspección da liquidación provisional da taxa por tendidos, tubaxes e galerías para as conducións de enerxía eléctrica, auga, gas ou calquera outro fluído incluídos os postes para liñas, cables, palomillas, caixas de amarre de distribución ou de rexistro, transformadores, raís, básculas, aparellospara a venda automática e outros análogos que se establezan sobre vías públicas ou outros terreos de dominio público municipal ou voen sobre os mesmos.

Outro acordo plenario centrouse na aprobación da modificación do cadro de persoal e da relación de postos de traballo da Deputación para a creación dun posto de mestre composteiro, de dúas prazas de técnico medio da administración xeral e dunha praza de administrativo. Do mesmo xeito, acordouse a amortización dunha praza de oficial de imprenta, de técnico da administración xeral e de informático, así como a modificación de nivel na xefatura de Benestar. Tamén en materia de persoal, o pleno deu o visto bo á solicitude dunha empregada pública da Deputación para compatibilizar o seu posto coa docencia na Universidade de Vigo e a concesión dunha nova dedicación exclusiva.

Tomiño achégase a novas experiencias na recollida de residuos en Portugal

0

Tomiño continúa a dar pasos no seu compromiso co medio ambiente e a sostibilidade, tamén na xestión de residuos urbanos. Unha delegación municipal composta pola alcaldesa, Sandra González; concelleiros e concelleiras e equipo técnico visitaron varias instalacións da área metropolitana do Porto para coñecer in situ ossistemas de recollida de residuos que se están a empregar e o seu posterior tratamento.

A rexedora reafirmou o compromiso do Concello “por facer de Tomiño un municipio aínda máis verde, unha implicación que se reflicte nesta viaxe formativa na que participou todo o Goberno municipal para coñecer de primeira man novas experiencias e explorar alternativas innovadoras na xestión dos residuos, impulsando a sostibilidade e a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas”.

A primeira parada da delegación tomiñesa foron as instalacións de Lipor, unha asociación de concellos fundada en 1982 que xestiona, valoriza e trata as máis de 500.000 toneladas de residuos urbanos producidas polo millón de habitantes dos oito municipios que forman parte da entidade: Espinho, Gondomar, Maia, Matosinhos, Porto, Póvoa de Varzim, Valongo e Vila do Conde. 

Durante a visita á planta de tratamento do lixo, a delegación coñeceu de primeira man todas as iniciativas postas en marcha por Lipor nos últimos anos, como a implantación de sistemas para a recollida porta a porta, para a recollida selectiva ou incluso para o tratamento de biorresiduos. Alcaldesa, edís e equipo técnico puideron ver tamén en funcionamento o sistema informático de recollida implantado nestes oito concellos e que permite ter información actualizada do peso de residuos recollidos, da súa tipoloxía ou das diferentes rutas realizadas polos camións. 

O percorrido completouse cunha visita a Maia, o concello con maior grado de implantación do sistema porta a porta (90 % da súa poboación), no que a delegación puido coñecer in situ o funcionamento deste tipo de recollida. Ademais de asistir ao funcionamento cotiá deste sistema, puideron falar cos operarios e operarias municipais para debullar todos os detalles da súa implantación, seguimento, posibles incidencias que se atopan durante a recollida e mesmo a forma de solucionalas. A visita rematou cun percorrido pola central para ver o funcionamento do sistema informático que usan para o reporte de información, que recompila datos tan variados como as rutas de recollida dos camións ou o tipo de lixo que tira cada veciño e veciña na recollida porta a porta. 

Para a concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro, esta visita “foi moi enriquecedora, xa que nos permitiu consolidar a nosa visión da xestión de residuos, con sistemas integrados que nos permita minimizar o lixo depositado nos vertedoiros e xestionar os residuos dun xeito sostible ambiental, económica e socialmente”. A edil remarca o “compromiso que ten este Concello cos ODS e a Economía Circular vai máis aló de plasmalo nun papel e, agora que estamos redactando uns novos pregos para a xestión dos residuos, é o momento de decidirse por un sistema que nos permita conseguir obxectivos. Eses obxectivos veñen marcados dende Europa para os estados membros, que os trasladarán as Comunidades Autónomas e estas a súa vez aos Concellos polo que debemos estar preparados e ter datos de calidade”. 

O Concello leva anos traballando en mellorar a xestións de residuos municipais. Neste camiño, Tomiño xa participara hai dous anos na viaxe realizada ao abeiro do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra a Navarra, País Vasco e Cataluña para coñecer e estudar no terreo sistemas de recollida de residuos tipo porta a porta ou de pago por xeración e visitar diferentes instalacións de compostaxe mixto de biorresiduos agrogandeiros e municipais.

Ponteareas somete a información pública o proxecto da segunda fase do saneamento de Ribadetea

O Concello continúa avanzando no proceso de dotar á parroquia de Ribadetea dunha rede de saneamento que se sitúe á altura das necesidades da veciñanza e somete a información pública o proxecto construtivo da segunda fase que abrangue os núcleos de O Portal de dentro, Barxela e A Barronca. O Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra publica hoxe o anuncio correspondente. 

A actuación conta cun orzamento de algo máis de 1.300.000 euros e consiste na construción da rede de saneamento de tres núcleos da parroquia. Esta infraestrutura conectarase coa primeira fase e as augas conduciranse ata a EDAR de Ponteareas. Ademais, o proxecto inclúe unha nova estación de bombeo en Barxela que se sumará ás de A Freixa e Mourade. 

Cómpre lembrar que a Xunta de Galicia xa licitou a construción da primeira fase, cun orzamento de 1,7 millóns de euros cofinanciados xunto co Concello, cuxas obras comezarán no segundo semestre do ano. Nesta intervención, actuarase nos núcleos de A Freixa, O Souto e O Eido. 

Neste sentido, o tenente da alcaldesa, Juan Carlos González, indica que “continuamos dando pasos para que a parroquia de Ribadetea conte cun servizo esencial que ademais permitirá reducir os riscos de contaminación” e apunta que “apostamos polos veciños e as veciñas do noso rural, que levan anos reclamando unha infraestrutura axeitada ao século XXI”. 

Pola súa banda, a alcaldesa, Nava Castro, apunta que “cumprimos cos máis de 1.000 veciños e veciñas da parroquia de Ribadetea porque marcamos como prioridade responder a súa demanda histórica para dotalos dunha rede de saneamento eficiente” e indicou que “a licitación da primeira fase xa recibiu 26 ofertas de diferentes empresas e agora damos un novo paso coa publicación do proxecto da segunda fase”. 

A veciñanza e as persoas interesadas xa poden consultar o proxecto no portal de transparencia da web do Concello así como na oficina técnica da administración local desde as 09:00 horas ata as 14:00 horas de luns a venres.

O Concello de Redondela habilita un sistema de cita previa na oficina de información do PXOM

0

O Concello de Redondela habilita un sistema de cita previa na oficina de información do Plan Xeral de Ordenación Municipal, na rúa Reveriano Soutullo. A oficina, situada no antigo conservatorio, está aberta ao público desde o pasado 21 de marzo de luns a venres de 8:30 h a 14:30 horas.

Pasados xa un días e en vista de que en certos tramos horarios hai unha maior afluencia de público, desde a Concellería de Urbanismo decidiuse establecer un sistema de cita previa “co obxectivo de facilitar a información á veciñanza e evitar esperas”, explica o concelleiro Antonio Cabaleiro.

A partir do próximo martes, 9 de abril, as persoas que o desexen poden solicitar a súa cita no Concello de Redondela, de xeito presencial, ou vía telefónica chamado ao 986 400 300 ou facelo desde a páxina web do Concello.

O goberno de Digna Rivas manifestou desde a aprobación inicial do PXOM que facilitaría á cidadanía “todos os medios dispoñibles para que a veciñanza coñeza o plan e poida facer as súas alegacións”, compromiso que os levou tamén a ampliar ata tres meses o prazo de exposición pública. Para facilitar o acceso a toda esta información relativa ao PXOM tamén está na web do Concello un visor dixital onde buscar as parcelas “dun xeito cómodo e cun funcionamento moi sinxelo e intuitivo”.

Reunións informativas nas parroquias en abril e maio

Tal como se comprometeu o goberno local, o equipo redactor do Plan Xeral celebrará reunións informativas en todas as parroquias “para resolver dúbidas e atender as inquedanzas da veciñanza”, afirma a alcaldesa. Realizaranse neste mes de abril e tamén en maio, en datas xa acordadas cos propios centros parroquiais m para facilitar a asistencia da veciñanza. En todos os casos as xuntanzas realizaranse en horario de tarde, de 17.00 h a 19.00 horas.

A primeira das reunións será o martes 9 de abril na Escola Vella de Saxamonde, e o mércores 10 de abril no Centro Cultural de Quintela. O luns 15 de abril a xuntanza será no Centro Cultural de San Estevo de Negros, o martes 16 de abril no de Cabeiro e o 17 de abril no de Vilar. O luns 22 de abril será a reunión no Centro Cultural de Saramagoso, no Viso, o martes 23 en Ventosela e o mércores 24 en Reboreda.

No mes de maio as reunións serán o luns día 6 no Centro Cultural de Cesantes, o martes 7 no de Trasmañó, e o mércores 8 en Cedeira. No Multiúsos do Piñeiral de Chapela será o martes 21 de maio e no Multiúsos da Xunqueira de Redondela o mércores 22.

Nigrán duplicará o investimento do ‘Servizo de Axuda no Fogar’ ata chegar aos 1,3 millóns de euros anuais

0

O Concello de Nigrán duplicará o investimento no ‘Servizo de Axuda no Fogar’ pasando dos 580.000 €/ano actuais a 1,3 millóns de euros/ano co obxectivo de dar cobertura a todos os grandes dependentes do municipio. Trátase dunha suba dun 700 % con respeto ao contrato que rexeu ata 2021 (165.000 €/ano) e dun 125 % con respeto ao actual.

O goberno local aprobou no pleno ordinario desta mañá a delegación de competencias na alcaldía para axilizar a tramitación dun contratoque aumenta de 30.000 a 56.760 as horas ao ano e que, polo tanto, permitirá eliminar a actual lista de agarda de 23 dependentes de grado 3 e dar cobertura a todos os desta condición que poidan cursar nos vindeiros 5 anos (a duración será de 2 anos prorrogables a 3 ano a ano).  Ao supor a contíaun 10 % máis dos recursos ordinarios do orzamento do  Concello, a tramitación tivo que someterse aopleno, rexeitando PP e BNG esta delegación de competencias na Alcaldía.

​“Por vez primeira na Historia do Concello de Nigrán ímos garantir a asistencia a todas aquelas persoas que precisan axuda para tarefas tan intrínsecas na súa rutina diaria como asearse, vestirse, alimentarse ou deitarse. Este é o ‘Nigrán para todos’ ao que sempre nos referimos”, explica o alcalde, Juan González, quen incide en que actualmente o servizo chega a 41 persoas en grado 3 e 6 en grado 2 (os que non requiren apoio permanente). “O contrato arrancaría antendendo cun 50 % máis de beneficiarios e coa previsión orzamentaria suficiente para atender a todas as novas altas que xurdan durante a súa vixencia”, incide o rexedor. 

​”Este servizo, totalmente prioritario na nosa política municipal, é compatible con outros como ‘Xantar na Casa’, polo que resulta clave para que as persoas dependentes que o desexen poidan seguir vivindo nos seus domicilios ben atendidos e sen caer na exclusión social”, resalta o alcalde, Juan González.

​Desde a Concellalía de Servizos Sociais apostaron por que se valorase máis na adxudicación a calidade do servizo (51 puntos) que a oferta económica da empresa (49 puntos). Así, puntúan prestacións de mellora no servizo como poden ser fisioterapia, podoloxía, perruquería básica, limpezas ‘de choque’ (especialmente importante nos casos que cursan con dióxene para poder empezar xa sen esta problemática), cursos de formación para os coidadores que complementen á axuda profesional e eviten o síndrome do ‘coidador queimado’ ou tamén cursos cara o persoal técnico. Ademais, valóranse tamén apoios técnicos como poden ser grúas, camas, asentos xiratorios de bañeira, cadeiras de ducha, bandexas de lavado de cabeza, colchóns antiescaras, pastilleiros…​Así como o salario das traballadoras, que sube mínimo de 16,96 €/hora a 22,38 €/hora (ambos sen IVA). “Collemos todas as melloras do anterior contrato, como que primase a calidade sobre o prezo, e introducimos novidades que, pola experiencia, sabemos que serán outro salto cualitativo”, resume González.

​O Servizo de Axuda no Fogar está dirixido a mellorar a calidade de vida das persoas usuarias (dependentes ou persoas maiores con déficits de autonomía) favorecendo a autonomía no seu domicilio mantendo as súas redes de relación familiar e social, retardando ou evitando a institucionalización ou exclusión social. Para elo, o usuario recibe axuda nas actividades da súa vida diaria (hixiene persoal, apoio en cambios posturais, supervisión do réxime alimenticio ou de medicación…), de acompañamento para consultas ou tratamentos ou xestións e de necesidades domésticas da vivenda (limpeza, compra ou preparación de alimentos, lavado de prendas…), de atención psicosocial e educativo.

Redondela denuncia actos de vandalismo contra o alumeado público

0

O departamento de Infraestruturas e Sostibilidade do Concello de Redondela vén de denunciar os actos vandálicos reiterados contra as luminarias da vía pública. Nos últimos días recistráronse varios casos de roturas en lámpadas de farois causadas por disparos de escopetas de aire comprimido.

Os últimos aconteceron en Santo Paio de Arriba, na parroquia de Reboreda, e no barrio Cruceiro, en Cedeira.

O concelleiro Roberto Villar lamenta o prexuízo que estes actos irresponsables están á causar á cidadanía e ás arcas públicas, “xa que a substitución de cada unha destas lámpadas supón un gasto duns 300 euros”.

Villar explica que non se trata da primeira vez m que se dan este tipo de casos, e advirte do problema que supón para o conxunto da cidadanía “que algúns se dediquen a facer prácticas de puntería contra o equipamento m público”.

A Xunta convoca axudas á rehabilitación e mellora de vivendas de promoción pública por 1 millón de euros

A Xunta de Galicia destinará este ano 1 millón de euros para a reparación, rehabilitación e/ou adaptación de vivendas de promoción pública (VPP), tal e como explicou a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións, Ángeles Vázquez.

Segundo a convocatoria que publica o Diario Oficial de Galicia, poderán beneficiarse destas axudas as comunidades de propietarios de inmobles promovidos polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) que teñan máis de 10 anos de antigüidade ou nos que o réxime de protección se extinguira nos tres anos anteriores.

Durante unha visita a unha actuación levada a cabo en Ponteareas ao abeiro destas axudas, na que estivo acompañada do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, a vicepresidenta segunda en funcións subliñou que a contía da subvención poderá chegar ata o 60% do orzamento das obras, cun importe máximo de 6.000 euros por vivenda. 

Nesa liña, logo de salientar que preto de 4.700 vivendas resultaron beneficiadas con estas axudas desde 2016, Ángeles Vázquez avanzou que as comunidades interesadas poderán presentar as súas solicitudes a partir de mañá, mércores 3 de abril, ata o vindeiro 3 de xullo.

Entre as actuacións subvencionables, inclúense as necesarias para levar a cabo a adecuación ás condicións de seguridade e de habitabilidade. Deste xeito, poderán recibir financiamento obras que garantan a estabilidade, resistencia e solidez estrutural e construtiva do inmoble, así como aquelas relativas á seguridade contra incendios e fronte a accidentes ou sinistros. Así mesmo, tamén se inclúen actuacións que proporcionen estanquidade ao inmoble fronte á choiva e á humidade, illamento térmico e acústico, ou mellora das instalacións de calefacción.

A maiores, poden ser obxecto de subvencións obras para a supresión de barreiras arquitectónicas co obxectivo de mellorar a accesibilidade do inmoble -instalación de ascensores, ramplas ou dispositivos adaptados ás necesidades de persoas con discapacidade sensorial-.

Ademais, tamén poden recibir financiamento obras de adecuación funcional que proporcionen ao edificio unha mellora dos accesos aos servizos xerais de auga, gas, electricidade, telefonía, saneamento, etc.

Neste senso, cómpre indicar que as actuacións deberán axustarse á normativa técnica vixente no momento da súa execución e poderán estar iniciadas no momento de solicitar a subvención, pero non rematadas.

No caso dos dous inmobles visitados hoxe pola vicepresidenta segunda en funcións, as comunidades de propietarios recibiron 300.000 euros ao abeiro desta liña de subvencións para levar a cabo melloras na fachada, nos patios e nas medianeiras. E, a maiores, cómpre salientar que, para estas obras, estas comunidades tamén recibiron outros 300.000 euros ao abeiro do Programa de axudas para actuacións de rehabilitación enerxética (PREE).

Lucenza-Ateneo Nigrán organiza unha charla sobre ‘A participación dos galegos na loita pola independencia de Cuba‘

0

Lucenza-Ateneo de Nigrán organiza este venres 3 de abril, ás 20.00 horas, na vella estación do tranvía da Ramallosa, unha charla-coloquio que leva por título ‘A participación dos galegos no proceso de independencia cubano’ a cargo do profesor Moncho Fernández Leal e o xornalista Gustavo Luca de Tena.

Ao longo do acto comentaranse diferentes episodios da historia de Cuba e das múltiples relacións dos galegos con este país, intensas nomeadamente durante o tempo da emigración e as últimas décadas do período colonial.

Mincho Leal e Gustavo Luca de Tena

Antes de 1898 e tamén posteriormente aflorarán no longo proceso independentista e revolucionario cubano moitos nomes de galegos e galegas con implicación e papel relevante na historia contemporánea de Cuba.

No marco desta charla será presentado ademais o libro Francisco Villamil. Heroe da guerra de Cuba  e xeneral de división do mambís nacido en Galiza do profesor cubano Eddy E. Jiménez, traducido ao galego e publicado recentemente pola Asociación de Amizade Galego-Cubana ‘Francisco Villamil’ á que pertencen os conferenciantes.

O acto será presentado polo presidente do ateneo, Xabier Méndez.

O grupo socialista denuncia no pleno da Deputación “o desastre do transporte regular por estrada”

O Grupo provincial do PSdeG-PSOE denunciou hoxe no pleno da Deputación o “desastre do transporte regular por estrada na provincia” que está a provocar centos de queixas e denuncias cidadás e que achacou directamente “á inoperatividade da  Xunta de Galicia e á falta de control sobre as concesionarias que, como lembrou o deputado Javier Mougán, “día si e día tamén temos autobuses cheos, que abandonan persoas nas paradas provocando problemas graves laborais e persoais á cidadanía. A falta de horarios, de liñas e as continuas irregularidades esixen que a Deputación se poña as pilas fronte á inacción da Xunta e defenda as necesidades desta provincia”. Por elo, apelou ao goberno a instar á Xunta a corrixir as deficiencias e a máis inspeccións para sancionar con dureza ás empresas que incumpren.

O grupo socialista lamentou o voto en contra do PP á moción e lembrou a recente reunión do presidente Luis López cos alcaldes e alcaldesas para falar da Axencia Urbana “onde os concellos falaron da necesidade urxente e inaprazable de mellorar a situación do transporte regular e, máis, cando o Estado puxo en marcha bonificacións históricas achegando o 25% do custo dos billetes obrigando ás comunidades autónomas a achegar outro tanto, algo que a Xunta terminou aceptando a regañadentes”. Por elo, instou a crear una comisión que analice as necesidades do servizo na provincia e a manter a bonificación autonómica unha vez que rematen as estatais.

Igualmente, o PSdeG-PSOE criticou o voto negativo do goberno da Deputación á emenda socialista para engadir á moción do PP, na que esixía a mellora de 11 vías da rede estatal, “a lamentable situación das estradas autonómicas na provincia e a recuperación do investimento nas estradas provinciais”. O deputado Gregorio Agís, responsable de infraestruturas no anterior goberno daDeputación, lamentou que o executivo de Luis López “dimitira desde o principio nunha materia na que fomos referente en todo o Estado e o PP teña agora a cara dura de pedir actuacións de mellora do firme e de seguridade viaria nas once estradas da rede estatal esquecendo adrede o desastre das vías autonómicase o hachazo que meteron no orzamento provincial. Non entendemos, dixo Agís, como esta Deputación non defendetamén a necesidade dunha reforma integral e a modernización de toda a rede da Xunta salvo por interese partidista”

Ante o rexeitamento do PP á emenda socialista o deputadoinformou da abstención do seu grupo á moción, insistiu na necesidade de recuperar os convenios con todos os concellos, “e non so cos que goberna o PP”, e a desenvolver “dunha vez o Plan Estratéxico de Vías Provinciais 2030 que era a auténtica folla de ruta para modernizar a rede provincial de estradas”

Alcaldías do GDR Terra e Auga abordan con expertos o proxecto supramunicipal de transición enerxética Xera

Favorecer a transición ecolóxica do territorio do Grupo de Desenvolvemento Rural Terra e Auga é un dos obxectivos transversais da estratexia de desenvolvemento local 23-27 “Reverdecendo” que guiará o futuro dos concellos de A Cañiza, As Neves, Arbo, Covelo, Crecente, Mondariz, Mondariz Balneario, Ponteareas, Salceda de Caselas e Salvaterra de Miño.

Centrados en mellorar os estándares de calidade de vida e na conservación e mellora do medio ambiente o GDR Terra e Auga celebrará unha xornada formativa e informativa sobre a transición enerxética no seu territorio este venres día cinco. As nove e media da mañá no Centro de Emprendemento Dinamización Empresarial de Ponteareas (CEDEP) daranse cita as dez alcaldías para coñecer o papel das entidades locais nas comunidades enerxéticas locais (CEL) da man do Catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Vigo, director de transferencia do CISPAC e coordinador do proxecto LIFE EC4RURAL, Xabier Simón. 

Tamén afondarán no papel do sector empresarial local na transición enerxética e nas sinerxias e posibles alianzas coas entidades locais con Alfonso Fernández, enxeñeiro industrial e director executivo da enxeñaría especializada en transición enerxética LUMEA. 

Unha vez informados, alcaldesas e alcaldes, moderados polo xerente do GDR Terra e Auga, Paco González, participarán xunto aos poñentes nunha mesa redonda arredor do proxecto Xera, a definición e planificación dunha estratexia supramunicipal para a transición enerxética no territorio.

“Protexer e pór en valor o patrimonio natural do noso territorio é un dos piares da nosa estratrexia de crecemento por iso é fundamental abordar de xeito conxunto e a nivel supramunicipal a transición enerxética como un beneficio para a toda a cidadanía dos dez concellos que contribúe á vez na mitigación do cambio climático”, explica o xerente do GDR Terra e Auga.

O Porriño paga aos seus provedores “antes que nunca”

O Concello do Porriño pechou o  cun ano cun período medio de pago de 42,81 días tal e como reflicten os últimos datos publicados polo Ministerio de Facenda no último trimestre do exercizo económico do 2023 que recolle o periodo medio de pago a provedores (PMP) das entidades locais. 

Así, en dous anos e medio o executivo que preside Alejandro Lorenzo baixou en 458 días a cifra, reducindoporcentaxe de morosidade no pago a provedores nun 91%. A máis baixa de toda a serie histórica. 

Alejandro Lorenzo, “O periodo medio de pago a provedores é un dos principais medidores da saúde financieira dun Concello, ademais dun indicador de solvencia e credibilidade”

O balance arroxa máis datos económicos positivos para o municipio, cunha ratio de operacións pagadas de 44,3 días mentres a ratio de operacións pendentes de pago se sitúa en 26, 80 días. O importe de pagos realizados no último cuatrimestre supera os 6 M de euros fronte aos 573.000 pendentes. 

“O periodo medio de pago a provedores é un dos principais medidores da saúde financieira dun Concello, ademais dun indicador de solvencia e credibilidade”, explicou o alcalde. Neste sentido cabe destacar que as contas da entidade local gozan de boa saúde unha vez tramitado o pago das facturas atrasadas de 2017 a 2020, tras un proceso de fiscalización, depuración e revisión, que lastraban estes datos ao inicio de ano. Moitas delas foron devoltas por non cumplir cos requisitos de contratación pública, estar duplicadas, etc. 

Os datos económicos actuais tradúcense nunha vantaxe competitiva para o Concello que lle permite un maior aforro e seguir sendo o concello con menor presión fiscal sobre a veciñanza da provincia. “Seguimos traballando para que continúe baixando o tempo que tardan en cobrar os nosos provedores e estabilizar un contexto económico que promova o desenvolvemento do Porriño”.

Nigrán ofrece unha excursión a Padrón o domingo 14 de abril

0

O Concello de Nigrán, dentro do seu programa de turismo social para a veciñanza da terceira idade, abre a inscrición este venres 5 de abril de 9:30 a 12:30 no Pavillón Municipal de Panxón para participar o domingo 14 de abril nunha excursión a Padrón (A Coruña), onde se celebra un dos mercados dominicais máis concurridos de Galicia xa desde a Idade Media (por iso se realiza a excursión neste día).

O prezo é de 25 €/persoa e inclúe transporte, visita á feira, comida no restaurante Scala (empanada, pescada á romana con cachelos e ensalada, tenreira asada, postre e bebidas) e baile no mesmo lugar ata as 18:00 horas. A excursión está destinada a veciñanza xubiladaempadroada en Nigrán e a inscrición será por rigorosa orde de chegada ata un  máximo de 2 inscritos/persoa e ata esgotarse as prazas dispoñibles.

O Concello de Ponteareas consegue que a ITV inclúa de novo a inspección de vehículos agrícolas sen sair do municipio

O Concello recupera a posibilidade de que as persoas propietarias de vehículos agrícolas poidan realizar a inspección técnica sen saír do municipio. A área de Seguridade realizou esta reclamación á empresa que xestiona este servizo logo de comprobar que a vila non aparecía no listado para este ano 2024. Deste xeito, as persoas que o precisen xa poden solicitar a cita para os días 12, 15, 16 e 17. 

Así, os profesionais da empresa que xestiona a Inspección Técnica de Vehículos (ITV) agrícolas desprazaranse ata a explanada do campo de fútbol de Pardellas o 12 e o 17 de abril desde as 09:00 horas ata as 13:30 horas así como os días 15 e 16 de abril en horario tanto de mañá como de tarde. As persoas propietarias deste tipo de vehículos poden solicitar unha cita previa a través da páxina web e no caso de que precisen axuda para realizar o trámite, poderán acudir ás oficinas do Concello. 

O edil de Seguridade, Juan Carlos González, indica que “na actualidade hai algo máis de 1.500 unidades agrícolas polo que non podíamos permitir que os nosos veciños e veciñas se desprazaran ata O Porriño para pasar a revisión, sobre todo, porque o traslado encarece este proceso” e apunta que “para o Concello é importante que se leven a cabo estas inspeccións porque iso repercute de forma moi positiva na seguridade de todos e de todas”. De igual xeito, avanza que “continuaremos atentos para que o municipio continúe contando con este servizo para a nosa poboación”

As cifras de visitantes na Semana Santa confirman un marzo de récord en Tui

0

A Semana Santa impulsou os datos turísticos do mes de marzo en Tui, tal e coma constatan as estatísticas da Oficina Municipal de Turismo de Tui, no paseo da Corredoira. Durante o mes pasado neste punto de información turística foron atendidos  1.191 visitantes, unha cifra que supera nun 60% á rexistradas no mesmo mes de 2023.  

Do total de 1.191 persoas que demandaron información na Oficina de Turismo 303 eran peregrinos e peregrinas e 888 turistas. 

Das persoas que estaban realizando Camiño Portugués, a meirande parte eran estranxeiros, 174 persoas, procedentes principalmente de Alemaña, Portugal, Reino Unido, Australia ou Estados Unidos. 129 eran de nacionalidade española provenientes de Madrid, Barcelona, Las Palmas ou Murcia. 

Mentres o turismo foi maioritariamente nacional xa que dos 888 turistas, 835 eran españois procedentes principalmente de Madrid, Asturias, León ou Biscaia, e 53 eran estranxeiros de Estados Unidos, Reino Unido ou México. 

A concelleira de Turismo Ana María Núñez, destaca que “estes datos de usuarios da Oficina Municipal de Turismo sinalan as tendencias neste sector pero non reflicten a realidade do auxe nas cifras turísticas que vive a nosa cidade, toda vez que as novas tecnoloxías e a facilidade no acceso á información reduce considerablemente a interacción do turista ou visitante coa oficina de turismo”.  

É importante, tamén, o auxe que no mes de marzo experimentou o Camiño Portugués, do que a nosa cidade é a porta de entrada en Galicia de tres rutas xacobeas (o Camiño Portugués histórico ou central, o Camiño Portugués da Costa e o Camiño Torres, que dende Salamanca e Braga chega a Valença e Tui). Así segundo os datos publicados pola Oficina do Peregrino da Catedral de Santiago foron 4.695 os peregrinos e peregrinas que en marzo realizaron o Camiño Portugués. Así o incremento foi dun 88% con respecto a marzo de 2023, en parte debido á coincidencia da Semana Santa neste mes. Deste total de 4.695 peregrinos o 59%, 2.410 persoas, eran de procedencia internacional, principalmente de Portugal (674), Alemaña (343), Estados Unidos (175) ou Brasil (133).  O 41%, 1.948 persoas, eran nacionais que chegaron  de Andalucía (515), Madrid (377), Castela A – Mancha (178), Canarias (160) ou Castela -León (159).

Aínda en referencia co Camiño Portugués cómpre destacar que Tui foi en marzo o primeiro lugar escollido polos peregrinos do Camiño Portugués para iniciar a súa peregrinación con 1.870 peregrinos, seguida de Porto (1.105) ou Valença (968). No cómputo de todos os Camiñosunicamente Sarria, no Camiño Francés, con 9.329 peregrinos supera á cidade como punto de inicio da peregrinación.

Nos tres primeiros meses deste ano 2024 foron 5.932 os peregrinos que teñen realizado o Camiño Portugués, dos que 3.327 foron estranxeiros e 2.267 españois. Esta cifra supón un incremento do 55% en relación ao ano pasado. España, Portugal, Alemaña, Estados Unidos e Brasil foron os principais puntos de orixe das persoas que no que levamos deste ano realizaron o Camiño Portugués.

A concelleira de Turismo, Ana Núñez, salienta coma este datos “recollen a crecente desestacionalización da afluencia de peregrinos e turistas e o importante dinamismo que move ao sector turístico tudense que nesta Semana Santa -a pesar das inclemencias meteorolóxicas- tivo unha alta ocupación”. Engade que “esta circunstancia evidencia que camiñamos no sentido correcto, sen presa pero sen pausa, apostando por  aunar esforzos na promoción turística da nosa cidade e poñendo en valor os recursos naturais e patrimoniais que atesoura a cidade, así como deseñando e potenciando as experiencias turísticas que o sector no seu conxunto ofrece ao visitante ao tempo”. A concelleira sinala que “é preciso continuar avanzando na profesionalización, na mellora continua e na innovación do sector turístico e gastronómicopara ofrecer a mellor experiencia turística posible aos nosos visitantes pois sempre recordamos ou  queremos volver a aqueles lugares onde vivimos experiencias que se gravaron na nosa memoria”.

Luis López apela á importancia da colaboración entre a Deputación e entidades para mellorar a calidade de vida das persoas con necesidades especiais

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, amosou o recoñecemento da Deputación aolabor pola inclusión social das persoas que presentan algún tipo de trastorno do espectro autista (TEA) que realizan os profesionais da Asociación Autismo Bata durante unha visita á sede desta entidade en Vilagarcía. Acompañado pola deputada de Igualdade e Benestar Social, Sandra Bastos, o mandatario provincial reafirmou o apoio do goberno provincial ás iniciativas que esta entidade ten en marcha como oprograma de apoio en contextos naturais dirixido a persoas no espectro do autismo, as súas familias e aos centros educativos. Un proxecto doque se benefician preto de 65 usuarios de xeito directo, así como as persoas do seu círculo, en todo o territorio da provincia. 

Despois de percorrer as instalacións desta asociación en Vilagarcía e escoitar as explicacións sobre o traballo que realizan nestas aulas e as necesidades que presenta a entidade e os seus usuarios, o mandatario provincial deixou clara a vontade da Deputación de manter a colaboración coa Asociación Autismo Bata en todo o que sexa posible para que continúen ofrecendo un servizo que mellora non só a calidade de vida das persoas con trastorno do espectro autista, senón que tamén favorece a súa integración na sociedade e mesmo facilita a conciliación da vida familiar e laboral dos seus familiares.

Neste sentido, Luis López puxo en valor a importancia deste colectivo fundado no ano 1989 como unha “ponte” imprescindible para conectar ás persoas, neste caso TEA, cos recursos que ofrecen as distintas Administracións. Unha colaboración que presta a Deputación a entidades como Bata para contribuír a integración dos seus usuarios na sociedade e a poñer a súa disposición o servizo especializado e de calidade que requiren estas persoas e os seus familiares.

É por iso que Luis López quixo darlles os parabéns e expresar o agradecemento do goberno provincial polo seu labor a todas as persoas que dan forma ao colectivo Autismo Bata. Do mesmo xeito, reiterou o compromiso da Deputación para manter a colaboración nas súas iniciativas. 

Compromiso coa inclusión

A visita do presidente da Deputación á sede deste colectivo, enmárcase nunha serie de visitas con entidades sociais que traballan a prol da inclusión social e laboral de todas as persoas. Despois de garantir o apoio ao labor de Down Pontevedra Xuntos, Luis López confirma a colaboración con Autismo Bata como reflexo do goberno provincial co tecido asociativo pontevedrés para mellorar a atención ás persoas que presenten calquera tipo de necesidade especial.  

O Porriño impulsa a declaración da ‘Festa dos Callos, e a ‘Feira apícola Rías Baixas’ como festas de Interese Turístico de Galicia

O Concello do Porriño iniciará os trámites necesarios para declarar a Festa dos Callos e a Feira Apícola Rías Baixas, dous emblemáticos eventos da localidade, como Festas de Interese Turístico de Galicia, en recoñecemento á súa importancia cultural, gastronómica e turística para a rexión. 

Festa dos Callos é un evento enraizado na cultura e tradición do municipio que este chegará xa á súa trixésimo primeira edición. Esta festividade, que se celebra anualmente os meses de setembro/outubro, é unha ocasión única para exaltar os sabores da gastronomía local e para compartir momentos de convivencia e fraternidade coa comunidade e visitantes. “A Festa dos Callos, ademais de ser unha celebración gastronómica, é unha oportunidade para poñer en valor os nosos produtos e os nosos artesáns, así como para dinamizar a nosa economía local e promover o turismo na nosa rexión”, expuxo a concelleira de Turismo, Vanessa Ucha, “Cada ano, a festa atrae a un gran número de visitantes, que quedan cautivados pola autenticidade e o ambiente festivo que se vive nas nosas rúas”. Neste sentido, a declaración da Festa dos Callos como Festa de Interese Turístico de Galicia non só recoñecería o valor e a trascendencia desta festa para O Porriño, senón que tamén abriría novas oportunidades para a súa promoción e difusión a nivel rexional e nacional. “Ademais, esta declaración contribuiría a reforzar a nosa identidade cultural e turística e a poñer en valor os nosos recursos gastronómicos e turísticos”, continuou a edil. 

Unha declaración á que aspirará tamén a Feira Apícola Rías Baixas, un evento emblemático en toda a rexión que se celebra cada ano na vila do Louro. Esta feira, que pon en valor tradición apícola do concello e a calidade dos nosos produtos derivados da colmea, é un verdadeiro escaparate da cultura e gastronomía local. 

A Feira Apícola Rías Baixas non só é un evento de interese para os amantes da apicultura e da natureza, senón tamén unha oportunidade para dinamizar o sector turístico e promover a identidade do Porriño como destino turístico. Cada ano, a feira atrae a un gran número de visitantes, que gozan das actividades, exposicións e degustacións que se organizan durante os días do evento. 

“A súa declaración como Festa de Interese Turístico de Galicia tamén nos permitiría reforzar o noso compromiso co turismo sostible e responsable e poñer en valor os nosos recursos naturais e gastronómicos”, concluíu a concelleira. 

O primeiro paso para iniciar a solicitude deuse hoxe no pleno da corporación, onde as propostas do executivo foron aprobadas, sumándose á do Xogo da Ola que se está a tramitar tamén.

As alfombras florais de Ponteareas, candidatas a Patrimonio Cultural Inmaterial da Unesco

O Ministerio de Cultura do Goberno de España, presentou a mediados de marzo, a candidatura de “A tradición da creación de alfombras florais e composicións rituais con materiais naturais” á Unesco na súa sede de Paris, para entrar na lista representativa do Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade, que será avaliada en 2025.

É unha candidatura Internacional impulsada por varios países, Bélxica, México, Italia, Malta e España. A proposta da Xunta de Galicia as alfombras do Corpus Christi de Ponteareas, única con expediente BIC, son as que representasen a Galicia dentro desta candidatura Internacional.

A localidade de Ponteareas, no sur da provincia de Pontevedra, alcanzou especial fama pola celebración da festa de Corpus Christi, onde os veciños confeccionan artísticas alfombras de flores naturais para o paso da procesión do Santísimo Sacramento desde fai máis de douscentos anos, sendo pois a celebración máis antiga da península ibérica.

Trátase dunha obra colectiva que expresa a cultura popular das xentes de Ponteareas que, ao longo de douscentos anos, souberon conservar e promover esta celebración, recoñecida como “Festa de Interese Turístico Internacional”.

No domingo de Corpus son máis de vinte alfombras as que enchen as rúas e prazas de Ponteareas, nunha profusión de colorido, creatividade e beleza que enfeitizan a propios e visitantes. Más dun quilómetro de alfombras con miles de flores, matas e arbustos, coidadosamente esfolladas e mesturadas para obter unha auténtica obra de arte efémera. Vi

A importancia do patrimonio cultural inmaterial non estriba na manifestación cultural en si, senón no acervo de coñecementos e técnicas que se transmiten de xeración en xeración e iso prodúcese nolos nosos Portais do Corpus. As Alfombras de Flores do Corpus Christi de Ponteareas son de seu, patrimonio cultural inmaterial que recolle prácticas e expresións vivas herdadas dos nosos antepasados e transmitidas aos nosos descendentes.

Ao redor das alfombras atopámonos cun elemento aglutinador onde se traballa na preparación do material das mesmas, pero tamén onde os máis novos aprenden, desde moi temperá idade, e onde se transmiten eses coñecementos de xeración en xeración.

Desde a Asociación de Alfombristas Do Corpus Christi de Ponteareas queren agradecer á Xunta de Galicia “por elixir ás Alfombras de flores de Ponteareas como representante de Galicia nesta candidatura internacional que promove o Ministerio de Cultura do Goberno de España”.