Mércores, 13 Novembro de 2024

O Pleno da Cañiza aproba por unanimidade o marco para a constitución da ‘Eurocidade do Miño’

  • O Pleno da Corporación Municipal da Cañiza vén de aprobar, na súa reunión desta mañá, o Protocolo de cooperación transfronteiriza entre os concellos de Arbo, Melgaço, Crecente, As Neves e A Cañiza que permitirá constituir a nova ‘Eurocidade do Miño’.
  • Cómpre lembrar que o Pleno xa aprobara en xullo de 2022 a adhesión da Cañiza á Declaración de Interese para a creación desta Eurocidade  así como a Carta de Irmandamento e Amizade que selou o compromiso inicial de colaboración transfronteirizo.
  • Segundo o alcalde, Luis Piña, a Eurocidade “será unha nova vía de cooperación que terá como fin acompañar, promover, coordinar, apoiar e executar actividades transfronteirizas aproveitando as ligazóns xeográficas, estructurais, económicas, sociais e culturais que unen aos 5 concellos”. 
  • “Trátase de aproveitar toda esta potencialidade para favorecer e fortalecer o territorio e establecer múltiples canles productivas que beneficiarán a unha zona de influencia directa de máis de 30.000 persoas”, engadiu o rexedor local.

A «Eurocidade do Miño», quinta eurocidade da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Un amplo territorio, formado polo Val do Miño cunha identidade común, longa tradición de cooperación entre os Concellos e cunha mesma estratexia de futuro.

Unha colaboración que segundo se recolle na súa declaración constitucional « é un dos medios máis eficaces para a aproximación das poboacións fronteirizas; suprimindo as dificultades que implican todas as fronteiras, promocionando un maior achegamento institucional entre todos, fomentando o desenvolvemento económico, social, cultural, ambiental destas rexións, así como os servizos comúns que servirán como instrumento dinamizador da convivencia e o benestar da nosa veciñanza».

Luis Piña explicou tras a celebración do Pleno que logo de ter aprobado o Protocolo e as directrices xurídicas establecidas por España e Portugal, o Acordo será remitido á Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea da Xunta de Galicia para que informe e emita proposta dirixida ao Ministerio de Exteriores, Unión Europea e Cooperación do Goberno de España, para a súa validación por tratarse dun marco internacional.

Ao remate deste procedemento, dará lugar a constitución do Mandato que contará cunha directiva integrada por Presidente, Vicepresidente e órganos de dirección nas que os Alcaldes irán ocupando os cargos de xeito rotativo e por orden alfabético. No primeiro mandato da Eurocidade este orden rómpese para deixar ao Presidente da Cámara de Melgaço, Manoel Batista a 1ª presidencia. No caso da Cañiza, tócalle asumir á Presidencia no 3º mandato.