13.5 C
Pontevedra
Martes, 30 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTomiñoTomiño achégase a novas experiencias na recollida de residuos en Portugal

    Tomiño achégase a novas experiencias na recollida de residuos en Portugal

    Unha delegación municipal encabezada pola alcaldesa visitaron Maia e as instalacións de Lipor, unha agrupación que xestiona, valoriza e trata os residuos urbanos producidos polos 8 concellos que a integran

    Tomiño continúa a dar pasos no seu compromiso co medio ambiente e a sostibilidade, tamén na xestión de residuos urbanos. Unha delegación municipal composta pola alcaldesa, Sandra González; concelleiros e concelleiras e equipo técnico visitaron varias instalacións da área metropolitana do Porto para coñecer in situ ossistemas de recollida de residuos que se están a empregar e o seu posterior tratamento.

    A rexedora reafirmou o compromiso do Concello “por facer de Tomiño un municipio aínda máis verde, unha implicación que se reflicte nesta viaxe formativa na que participou todo o Goberno municipal para coñecer de primeira man novas experiencias e explorar alternativas innovadoras na xestión dos residuos, impulsando a sostibilidade e a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas”.

    A primeira parada da delegación tomiñesa foron as instalacións de Lipor, unha asociación de concellos fundada en 1982 que xestiona, valoriza e trata as máis de 500.000 toneladas de residuos urbanos producidas polo millón de habitantes dos oito municipios que forman parte da entidade: Espinho, Gondomar, Maia, Matosinhos, Porto, Póvoa de Varzim, Valongo e Vila do Conde. 

    Durante a visita á planta de tratamento do lixo, a delegación coñeceu de primeira man todas as iniciativas postas en marcha por Lipor nos últimos anos, como a implantación de sistemas para a recollida porta a porta, para a recollida selectiva ou incluso para o tratamento de biorresiduos. Alcaldesa, edís e equipo técnico puideron ver tamén en funcionamento o sistema informático de recollida implantado nestes oito concellos e que permite ter información actualizada do peso de residuos recollidos, da súa tipoloxía ou das diferentes rutas realizadas polos camións. 

    O percorrido completouse cunha visita a Maia, o concello con maior grado de implantación do sistema porta a porta (90 % da súa poboación), no que a delegación puido coñecer in situ o funcionamento deste tipo de recollida. Ademais de asistir ao funcionamento cotiá deste sistema, puideron falar cos operarios e operarias municipais para debullar todos os detalles da súa implantación, seguimento, posibles incidencias que se atopan durante a recollida e mesmo a forma de solucionalas. A visita rematou cun percorrido pola central para ver o funcionamento do sistema informático que usan para o reporte de información, que recompila datos tan variados como as rutas de recollida dos camións ou o tipo de lixo que tira cada veciño e veciña na recollida porta a porta. 

    Para a concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro, esta visita “foi moi enriquecedora, xa que nos permitiu consolidar a nosa visión da xestión de residuos, con sistemas integrados que nos permita minimizar o lixo depositado nos vertedoiros e xestionar os residuos dun xeito sostible ambiental, económica e socialmente”. A edil remarca o “compromiso que ten este Concello cos ODS e a Economía Circular vai máis aló de plasmalo nun papel e, agora que estamos redactando uns novos pregos para a xestión dos residuos, é o momento de decidirse por un sistema que nos permita conseguir obxectivos. Eses obxectivos veñen marcados dende Europa para os estados membros, que os trasladarán as Comunidades Autónomas e estas a súa vez aos Concellos polo que debemos estar preparados e ter datos de calidade”. 

    O Concello leva anos traballando en mellorar a xestións de residuos municipais. Neste camiño, Tomiño xa participara hai dous anos na viaxe realizada ao abeiro do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra a Navarra, País Vasco e Cataluña para coñecer e estudar no terreo sistemas de recollida de residuos tipo porta a porta ou de pago por xeración e visitar diferentes instalacións de compostaxe mixto de biorresiduos agrogandeiros e municipais.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.