O Concello de Redondela habilita un sistema de cita previa na oficina de información do Plan Xeral de Ordenación Municipal, na rúa Reveriano Soutullo. A oficina, situada no antigo conservatorio, está aberta ao público desde o pasado 21 de marzo de luns a venres de 8:30 h a 14:30 horas.
Pasados xa un días e en vista de que en certos tramos horarios hai unha maior afluencia de público, desde a Concellería de Urbanismo decidiuse establecer un sistema de cita previa “co obxectivo de facilitar a información á veciñanza e evitar esperas”, explica o concelleiro Antonio Cabaleiro.
A partir do próximo martes, 9 de abril, as persoas que o desexen poden solicitar a súa cita no Concello de Redondela, de xeito presencial, ou vía telefónica chamado ao 986 400 300 ou facelo desde a páxina web do Concello.
O goberno de Digna Rivas manifestou desde a aprobación inicial do PXOM que facilitaría á cidadanía “todos os medios dispoñibles para que a veciñanza coñeza o plan e poida facer as súas alegacións”, compromiso que os levou tamén a ampliar ata tres meses o prazo de exposición pública. Para facilitar o acceso a toda esta información relativa ao PXOM tamén está na web do Concello un visor dixital onde buscar as parcelas “dun xeito cómodo e cun funcionamento moi sinxelo e intuitivo”.
Reunións informativas nas parroquias en abril e maio
Tal como se comprometeu o goberno local, o equipo redactor do Plan Xeral celebrará reunións informativas en todas as parroquias “para resolver dúbidas e atender as inquedanzas da veciñanza”, afirma a alcaldesa. Realizaranse neste mes de abril e tamén en maio, en datas xa acordadas cos propios centros parroquiais m para facilitar a asistencia da veciñanza. En todos os casos as xuntanzas realizaranse en horario de tarde, de 17.00 h a 19.00 horas.
A primeira das reunións será o martes 9 de abril na Escola Vella de Saxamonde, e o mércores 10 de abril no Centro Cultural de Quintela. O luns 15 de abril a xuntanza será no Centro Cultural de San Estevo de Negros, o martes 16 de abril no de Cabeiro e o 17 de abril no de Vilar. O luns 22 de abril será a reunión no Centro Cultural de Saramagoso, no Viso, o martes 23 en Ventosela e o mércores 24 en Reboreda.
No mes de maio as reunións serán o luns día 6 no Centro Cultural de Cesantes, o martes 7 no de Trasmañó, e o mércores 8 en Cedeira. No Multiúsos do Piñeiral de Chapela será o martes 21 de maio e no Multiúsos da Xunqueira de Redondela o mércores 22.