O Concello de Salceda recibe nestes días a tres visitantes moi especiais chegadas dende Francia. Trátase de tres alumnas da rexión Grand Est –das cidades de Metz e Nancy– que participan no intercambio educativo EDUMOB da Xunta de Galicia. Este programa busca fomentar a interculturalidade mediante o coñecemento lingüístico e cultural entre alumnado desa rexión e Galicia. Marie, Insaf e Rania pasarán este mes en Salceda asistindo a clases no IES Pedras Rubias, ata o vindeiro 28 de abril.
Previamente, durante o mes de febreiro, foron tres as alumnas do IES Pedras Rubias que se desprazaron a Francia acompañadas da súa mestra para permanecer nas vivendas das estudiantes que agora chegan a Galicia.
Este tipo de iniciativas, ta e como sinala a concelleira de Ensino, Selene González, contribúen a “fomentar a interculturalidade na educación é un medio de transformación e adaptación social”. A edil subliñou a súa satisfacción de que “Salceda participe neste programa que está tendo un alto calado na nosa mocidade e nas súas familias, non só lingüisticamente, senón a nivel cultural e social”
A implantación do bacharelato no IES Pedras Rubias, trouxo consigo iniciativas tan importantes coma esta. É a primeira vez que o IES participa neste programa dirixido ao alumnado de 1º de bacharelato, que dende o centro valoranmoi positivamente para o desenvolvemento tanto lingüístico como persoal das participantes.
Loli Castiñeira, alcaldesa de Salceda, fixo fincapé na importancia de “ter bacharelato no noso Concello” o que, engade, “permite levar adiante moitas iniciativas novedosas, e esta é unha delas. Quero trasladarlle os meus parabéns ao equipo directivo do IES por levalas adiante!”