A alcaldesa, Nava Castro, representará a Ponteareas e á provincia de Pontevedra na Comisión de Cultura e Patrimonio da Federación Española de Municipios e Provincia (FEMP). O órgano constituíuse hoxe en Madrid e ten como obxectivo poñer o foco de atención nos asuntos que preocupan ás diferentes localidades no referido a estas materias.
Deste xeito, Castro será membro do órgano que eleve as cuestións relativas ao patrimonio e a cultura ata a Xunta de Goberno da FEMP e fará fincapé naqueles aspectos que teñan que ver co municipio así como coa provincia.
A designación da alcaldesa como parte desta comisión é un recoñecemento nacional cara a súa implicación no coidado e divulgación do legado histórico e da súa capacidade para promover diferentes iniciativas que buscan a promoción da contorna cultural e patrimonial.
A alcaldesa, Nava Castro, agradeceu o seu nomeamento como parte desta Comisión e apuntou que “traballaremos arreo para seguir defendendo o noso patrimonio e promover o acceso á cultura a todos os veciños e as veciñas”.