O Grupo provincial do PSDG-PSOE na Deputación de Pontevedra pide “una explicación coherente ao goberno provincial” ante o retraso na aprobación e concesión das axudas ao deporte da provincia que son indispensables para o desenvolvemento de competicións e actividades de clubs, asociacións e deportistas, tal e como sinalou nunha pregunta o deputado provincial Gorka Gómez no pleno do pasado martes.
A portavoz do grupo socialista, Ana Laura Iglesias, cualificou hoxe de incompresible esta demora “que está suscitando moita preocupación entre dirixentes e deportistas de diferentes modalidades que compiten nesta provincia na que o deporte é unha sinal de identidade que nos enche de orgullo e que sempre contaron co respaldo inequívoco da Deputación de Pontevedra, “alo menos nos últimos oito anos”. Nese sentido, a portavoz recordou que as axudas ao deporte do anterior goberno de Carmela Silva sempre foron unha prioridade “como o demostra que os recursos tiñan luz verde nos primeiros meses do ano porque era a forma de que contaran con esas subvencións para poder facer os seus orzamentos e planificar sen sustos a temporada”.
A deputada citou como exemplo como no ano 2022 os recursos para o deporte federado se aprobaron o 1 de marzo, situación que incluso se adiantou en 2023 coa aprobación das axudas o 3 de febreiro para o deporte con competicións no ámbito estatal, o 9 de febreiro para a organización de campionatos e actividades, ou o 16 de marzo para todo o deporte náutico. “Xa estamos en abril e ninguén sabe nada que pasa con estes recursos polo que unha vez máis instamos ao presidente e ao goberno a que se poñan as pilas e se ocupen desta situación que ten en vilo a milleiros de deportistas na provincia”.