15.5 C
Pontevedra
Luns, 29 de Abril de 2024
Máis
    HomeVal MiñorNigránLucenza solicita un ano máis medidas especiais de protección medioambiental para o...

    Lucenza solicita un ano máis medidas especiais de protección medioambiental para o areal de Panxón–Lourido na noite de San Xoán

    Lucenza–Ateneo de Nigrán vén de solicitar oficialmente ao Concello e o Servizo provincial de Costas que este ano se tomen medidas extraordinarias que garantan unha boa xestión medioambiental da festa de San Xoán no areal de Panxón–Area Loura, onde se produce a maior afluencia de persoas e se concentran a maior parte dos impactos negativos sobre os ecosistemas naturais.

    Considera Lucenza que non é incompatible que a xente veña gozar da festa tradicional de Panxón con respectar, como é debido, o medio natural que os acolle. E por iso solicitan ao Concello un bando ou norma regulatoria que prohíba as cacharelas libres e soamente permita a fogueira tradicional de Panxón.

    Neste senso, propoñen que se siga o exemplo do veciño Concello de Vigo, onde as fogueiras, por pequenas que sexan, están prohibidas en todos os areais do municipio.

    Solicitan tamén que se impida o tránsito nesa xornada sobre as zonas máis sensibles do areal, así como os grandes movementos de area que nel se chegan a facer por parte dalgúns participantes da festa.

    Ao efecto, solicítase ás autoridades competentes vixilancia estrita do areal desde primeira hora do día 23 de xuño, para impedir desde un principio que se comecen a facer ditos movementos de area, mesmo co uso de medidas sancionadoras se fose preciso.

    Segundo Lucenza, o acontecido o pasado ano 2023 non debe volver producirse nunca máis, polo que demandan da Dirección Xeral de Costas e do seu servizo provincial que, como responsables dos espazos de dominio-público marítimo-terrestre que son, tomen con urxencia cartas no asunto, esixindo as medidas que máis conveñan para unha defensa efectiva dos ecosistemas naturais que ano tras ano se ven afectados.

    Propón Lucenza, por último, que se faga unha campaña de sensibilización social máis ampla nos seus obxectivos que a que ven sendo realizada polo Concello en anos anteriores, centrada na importancia que ten coidar o areal e comportarse con responsabilidade ambiental durante esta xornada festiva, expresando sen ambigüídades o que non está permitido facer na praia.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.