Luns, 9 Decembro de 2024

Tomiño dá os primeiros pasos para adherirse a Atenpro, un servizo de atención ás vítimas de violencia de xénero

A alcaldesa, Sandra González, e o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, presidiron o venres a Xunta Local de Seguridade

Tomiño continúa a súa loita contra a violencia de xénero. O Concello xa está a dar os primeiros pasos para adherirse a Atenpro, un servizo de atención ás vítimas de violencia de xénero que ofrece ás usuarias protección e atención inmediata ante as posibles eventualidades que poidan sufrir as 24 horas ao día os 365 días ao ano. Así o transmitiu a alcaldesa, Sandra González, ao subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, e ao resto dos representantes de Policía Local e Garda Civil que o pasado venres participaron nun novo encontro da Xunta Local de Seguridade. 

“Dende o Concello traballamos día a día para facer de Tomiño un municipio libre de violencias machistas, apostando pola concienciación e a formación, pero tamén debemos ser quen de dar resposta para protexer a aquelas mulleres, nenos e nenas que sofren unha lacra como a violencia de xénero. Para o Goberno municipal loita contra as violencias machistas é unha prioridade na axenda de problemas públicos”, resaltou a rexedora. 

Atenpro é un servizo que usa as tecnoloxías de telefonía móbil e de telelocalización para que ausuaria poida poñerse en contacto co Centro de Atención premendo tan só un botón. As mulleres usuarias están atendidas durante todo o ano por persoal especificamente preparado para dar unha resposta axeitada e rápida a calquera situación ou emerxencia que poida suceder tanto con medios propios como mobilizando outros recursos humanos ou materiais.

Menos delitos contra o patrimonio, máis ciberdelincuencia

Durante o encontro, a Xunta Local de Seguridade abordou tamén os datos de delincuencia en Tomiño durante o pasado 2023, no que se rexistrou un significativo descenso no número de delitos e incidencias. Así, durante o ano pasado rexistráronse 343 infraccións, un 17,35% menos que no ano anterior, o que deixa a Tomiño cunha taxa xeral de criminalidade de apenas 24,75 delitos por cada 1.000 habitantes, menos da metade da media de España, que supera as 51 infraccións por cada 1.000 persoas. 

Os representantes da Xunta Local de Seguridade destacaron a baixada dos delitos contra o patrimonio (roubos, furtos…) no municipio durante o último ano, aínda que chamaron á precaución á veciñanza ante o aumento de ciberestafas, especialmente salientable en épocas de moita actividade como ocorreu a principios de xaneiro coas compras de Nadal.