O Concello continúa avanzando no proceso de dotar á parroquia de Ribadetea dunha rede de saneamento que se sitúe á altura das necesidades da veciñanza e somete a información pública o proxecto construtivo da segunda fase que abrangue os núcleos de O Portal de dentro, Barxela e A Barronca. O Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra publica hoxe o anuncio correspondente.
A actuación conta cun orzamento de algo máis de 1.300.000 euros e consiste na construción da rede de saneamento de tres núcleos da parroquia. Esta infraestrutura conectarase coa primeira fase e as augas conduciranse ata a EDAR de Ponteareas. Ademais, o proxecto inclúe unha nova estación de bombeo en Barxela que se sumará ás de A Freixa e Mourade.
Cómpre lembrar que a Xunta de Galicia xa licitou a construción da primeira fase, cun orzamento de 1,7 millóns de euros cofinanciados xunto co Concello, cuxas obras comezarán no segundo semestre do ano. Nesta intervención, actuarase nos núcleos de A Freixa, O Souto e O Eido.
Neste sentido, o tenente da alcaldesa, Juan Carlos González, indica que “continuamos dando pasos para que a parroquia de Ribadetea conte cun servizo esencial que ademais permitirá reducir os riscos de contaminación” e apunta que “apostamos polos veciños e as veciñas do noso rural, que levan anos reclamando unha infraestrutura axeitada ao século XXI”.
Pola súa banda, a alcaldesa, Nava Castro, apunta que “cumprimos cos máis de 1.000 veciños e veciñas da parroquia de Ribadetea porque marcamos como prioridade responder a súa demanda histórica para dotalos dunha rede de saneamento eficiente” e indicou que “a licitación da primeira fase xa recibiu 26 ofertas de diferentes empresas e agora damos un novo paso coa publicación do proxecto da segunda fase”.
A veciñanza e as persoas interesadas xa poden consultar o proxecto no portal de transparencia da web do Concello así como na oficina técnica da administración local desde as 09:00 horas ata as 14:00 horas de luns a venres.