13.5 C
Pontevedra
Martes, 30 de Abril de 2024
Máis
    HomeComarcasRedondelaO alumnado francés do programa de intercambio do IES Chapela visita o...

    O alumnado francés do programa de intercambio do IES Chapela visita o Concello

    A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, recibiu na Casa do Concello, na mañá de onte, aos alumnos e alumnas franceses de intercambio que durante un mes convivirán co alumnado do IES Chapela. Célestine e Kylian incorporáronse este mes ao instituto acompañados polos seus anfitrións Gabriela e Andrés de 1º de Bacharelato, que xa pasaron a súa estancia en Francia.

    Os catro estudantes, acompañados do vicedirector do centro, Francisco Javier Silvela, e a profesora de lingua francesa, Ángeles Alemparte, conversaron coa alcaldesa e co concelleiro de Ensino, Iván Valles, sobre esta
    experiencia.

    Gabriela e Andrés, alumnos do IES Chapela, valoraron dun xeito moi positivo a súa estadía en Francia “nunha rexión rural do interior con moi poucos habitantes”. Os dous destacaron a gran aprendizaxe que supón este intercambio no se que se aloxan coas propias familias “porque se aprende moito sobre o idioma, pero tamén das tradicións e a cultura da zona”.

    Para Célestine e Kylian esta é a súa primeira semana en Redondela, e aínda que recoñecen que aínda teñen dificultades co idioma, están moi felices coa experiencia e a boa acollida, seguros de que van a “aprender moito”.

    Na visita ao Concello Rivas explicoulles a historia do edificio da Casa Consistorial, e convidounos a coñecer Redondela e as súas parroquias. Tamén se interesou polas súas inquedanzas de cara aos seus estudos no futuro, que no caso de Gabriela e Andrés pasan polo Xornalismo e as Relacións Internacionais, e para Célestine e Kylian pola Literatura e a Arte.

    A alcaldesa eloxiou a súa “valentía” á hora de enfrontarse a un reto como o de saír ao estranxeiro, e animounos a aproveitar ao máximo este intercambio “co que non só melloran as súas competencias no idioma, senón que tamén lles servirá como unha experiencia a nivel de autonomía e para seguir formándose”.

    O concelleiro de Ensino, Iván Valles, puxo en valor “o gran traballo da directiva e profesorado do IES Chapela, que sempre se implica para ofrecer ao seu alumnado a mellor formación posible, e este programa de intercambio é un exemplo”.

    Desde o IES Chapela Francisco Javier Silvela agradeceu o recibimento por parte do Concello do alumnado do programa EDUMOB, e destacou tamén o feito de que Redondela sexa “Cidade Amiga da Infancia” e que escoite sempre “as e necesidades dos máis novos”. O Concello agasallou aos alumnos cuns libros sobre a Batalla de Rande en formato cómic e outro sobre a festa da Coca e o mito do dragón.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.