Mércores, 19 Marzo de 2025

Lucenza-Ateneo Nigrán organiza unha charla sobre ‘A participación dos galegos na loita pola independencia de Cuba‘

Terá lugar ás 20.00 horas deste venres na antiga estación do tranvía da Ramallosa, a cargo de Moncho Fernández Leal e Gustavo Luca de Tena

Lucenza-Ateneo de Nigrán organiza este venres 3 de abril, ás 20.00 horas, na vella estación do tranvía da Ramallosa, unha charla-coloquio que leva por título ‘A participación dos galegos no proceso de independencia cubano’ a cargo do profesor Moncho Fernández Leal e o xornalista Gustavo Luca de Tena.

Ao longo do acto comentaranse diferentes episodios da historia de Cuba e das múltiples relacións dos galegos con este país, intensas nomeadamente durante o tempo da emigración e as últimas décadas do período colonial.

Mincho Leal e Gustavo Luca de Tena

Antes de 1898 e tamén posteriormente aflorarán no longo proceso independentista e revolucionario cubano moitos nomes de galegos e galegas con implicación e papel relevante na historia contemporánea de Cuba.

No marco desta charla será presentado ademais o libro Francisco Villamil. Heroe da guerra de Cuba  e xeneral de división do mambís nacido en Galiza do profesor cubano Eddy E. Jiménez, traducido ao galego e publicado recentemente pola Asociación de Amizade Galego-Cubana ‘Francisco Villamil’ á que pertencen os conferenciantes.

O acto será presentado polo presidente do ateneo, Xabier Méndez.