A recente decisión do Concello de Mos de regularizar o padrón para o pago da taxa por recollida de residuos sólidos urbanos, xunto co incremento impositivo sufrido estes últimos anos e que afecta directamente o tecido empresarial, reactivaron a demanda da Asociación de Empresarios de Mos de que este tipo de medidas teñan un claro reflexo na mellora de servizos e infraestruturas municipais.
Ao parecer, un gran número de firmas radicadas neste termo municipal non figuraban no citado padrón para o abono da taxa de lixos, polo que agora estáselles empezando a reclamar a débeda acumulada do últimos catro anos.
Moitas destas empresas pertencen a Aemos e directivos da asociación mantiveron un encontro estes días con representantes do Concello para reclamarlles flexibilidade á hora de aplicar esa regularización.
Desde Aemos enténdese que a Administración local debe ter certo grao de condescendencia nese proceso, “sobre todo ante pequenas compañías que se topan agora cunha débeda moi elevada en relación á súa envergadura e que en ningún momento mostraron indicios de que houbese mala fe”.
Neste sentido, a asociación ofrece a súa mediación ao Concello ante os seus asociados, pero non só para interceder en favor desa flexibilización, senón tamén para resolver casos nos que se está detectando que a reclamación por un servizo de recollida de lixos chega ao mesmo tempo a distintas entidades mercantís dependentes dunha mesma firma empresarial e radicadas nun único inmoble.
En definitiva, como xa fixese meses atrás por mor de facerse público o incremento impositivo municipal de Mos para o 2024, Aemos insiste na súa demanda de melloras en servizos e infraestruturas tanto nos propios polígonos como nas zonas nas que se asintan as empresas e que se atopan afastadas destes enclaves de concentración industrial. Se naquela ocasión dirixiu as súas principais peticións a algún polígono industrial especificamente, agora incide na necesidade de que esas melloras cheguen a calquera punto do termo municipal en que haxa actividade empresarial. O obxecto desas actuacións sería non só a recollida de lixos, senón tamén saneamento, abastecemento, infraestruturas viarias ou telefonía, entre outras.
De igual forma, desde a Asociación de Empresarios de Mos, AEMOS, insístese en ofrecer os seus servizos técnicos e xurídicos para atender as consultas oportunas e asistir, no seu caso, ao empresariado ante a administración local competente.