Mércores, 11 Decembro de 2024

Ponteareas e Cogami asinan un convenio que pon fin á lista de agarda na atención temperá

Incorporáronse novos profesionais cos que se aumenta nun 25 % a capacidade de atención do servizo

O Concello asina o convenio coa Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) que permite rematar coa lista de agarda no servizo de Atención Temperá. No acto, participou a alcaldesa, Nava Castro e a concelleira de Benestar Social, Raquel Plana, así como o presidente e o responsable de COGAMI, Anxo Queiruga e Álvaro García, respectivamente. 

Grazas a este acordo, o Concello aumenta a capacidade de atención nun 25% e atende xa a 44 nenos e nenas que precisan dun programa específico de intervención por presentar algunhas dificultades no seu desenvolvemento. Estas cifras supoñen rematar coa lista de agarda que existía no servizo deAtención Temperá en anos anteriores. 

Para iso, a administración local incorporou novos profesionais especializados en eidos como na neuropsicoloxía ou en trastornos da linguaxe e da audición grazas a unha subvenciónque lle concedeu a Consellería de Política Social por un valor de 144.000 euros. 

Neste sentido, a edil de Benestar Social, Raquel Plana, apuntou que “apostamos por reforzar e ampliar aqueles servizos que dan cobertura ás persoa que precisan dos recursos públicos” e apuntou que “con tes acordo damos un paso máis para conseguir unha sociedade máis equitativa e igualitaria”. 

Pola súa banda, a alcaldesa, Nava Castro, indica que “xuntos e xuntas construímos unha sociedade máis inclusiva na que todas as persoas podemos desenvolver as nosas capacidades” e pon en valor  o traballo dos profesionais deste servizo “que traballan cos nenos e coas nenas así como coas súas familias, acompañándoas no proceso”. 

O presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, indicou que “este acordo co Concello de Ponteareas será un referente a nivel autonómico por ser o primeiro concerto social” agradeceu a “sensibilidade da administración local para facilitarlle a vida das persoas que precisan de axuda”. Ademais, o responsable do servizo, Álvaro García, apuntou que “este acordo permitirá garantir a autonomía dos nenos e das nenas”.