15.5 C
Pontevedra
Luns, 29 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTomiñoEn Tomiño a igualdade comeza nas aulas

    En Tomiño a igualdade comeza nas aulas

    Máis de 300 estudantes de primaria e secundaria participan en abril e maio en talleres formativos con enfoque de xénero

    Traballar na igualdade dende as aulas. Ese é o obxectivo dos obradoirosformativos postos en marcha polo Concello e que durante os meses de abril e maio levarán a igualdade aos centros escolares, afondando en temáticas de vixente actualidade que afectan á rapazada e adolescencia e dando resposta á información recollida no Estudo-Diagnose sobre igualdade de xénero e violencia machista no ámbito educativo realizado polo Concello. 

    Como remarca a alcaldesa, Sandra González, “esta diagnose permitiunos ter unha fotografía real do que está a acontecer para deseñar e levar a cabo nos centros educativos intervencións como estes talleres, accións o máis enfocadas posible para acadar resultados na promoción da igualdade e na prevención da violencia de xénero traballando de forma directa coas xeracións do presente e do futuro”. 

    Dende a pasada semana e ata o vindeiro 8 de maio, máis de 300 nenos e nenas de diferentes centros escolares tomiñeses e do IES Antón Alonso Ríos participarán nesta iniciativa que abordará coa rapazada diversas temáticas. Deste xeito, o alumnado de 6º de Primaria do CEIP Barrantes deu o pistoletazo de saída aos talleres sobre ‘Masculinidades diversas’, no que rapaces rapazas puideron tomar conciencia sobre como os modelos de xénero inflúen na vida e nas relacións e achegarse a unha ollada crítica, construtiva e positiva sobre as necesidades de observar que modelo de xénero queren ser. Este curso tamén se impartirá ao longo das vindeiras semanas ao alumnado do CEIP de Tebra, do CEP Plurilingüe Pedro Caselles Beltrán e do CEIP de Sobrada. 

    Pola súa banda, o alumnado de 3º da ESO do IES Antón Alonso Ríos ‘Navega en positivo’ cun obradoiro para un uso responsable das redes sociais dende unha perspectiva de xénero, buscando a reflexión sobre as desigualdades, as identidades, a privacidade ou a seguridade en liña, fomentando o emprego responsable de internet e previndo situacións de risco. Os cursos impartiranse nas primeiras semanas de maio. 

    Para rematar, o estudantado de 1º e 2º de Bacharelato tamén se implicará nesta aposta pola igualdade participando na charla ‘Falemos de sexo’, un proxecto de educación afectivo-sexual con enfoque de xénero para adolescentes co que favorecer unhas relacións afectivo-sexuais máis xustas e igualitarias, desmitificar a pornografía ou reflexionar dende o punto de vista do benestar sobre algunhas emocións vinculadas ao desexo como poden ser os celos, o amor posesivo ou a concepción romántica do amor. 

    O Concello de Tomiño realizou un estudo-diagnose sobre a igualdade e violencia de xénero nos centros de ensino tomiñeses co obxectivo de poñer o foco de atención na realidade da comunidade educativa tendo en conta todos os niveis formativos, dende infantil, primaria, secundaria ou bacharelato ata a FP Básica e os ciclos formativos. Para iso realizáronse foros, entrevistas persoais e enquisas a alumnado, familias, ANPAs, persoal dos centros educativos e persoal técnico para achegarse á realidade que se estaba a vivir e poñer en marcha medidas coas que seguir traballando para acadar unha igualdade real e efectiva.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.