Mércores, 11 Decembro de 2024

O Porriño acolle a esperada ‘Feira apícola Rías Baixas’ declarada de Interese Turístico de Galicia

A trixésimo sexta edición da recoñecida feira organizada pola Agrupación Apícola de Galicia xunto co Concello do Porriño e a Asociación de Apicultores da Provincia de Pontevedra, terá lugar o vindeiro 13 de abril no parque do Cristo e contará cun extenso programa de actividades para toda a familia que se artellarán entre as 10 h e as 19:30 h

A Feira Apícola Rías Baixas chega á súa trixésimo sexta edición con máis forza ca nunca da man dun nutrido programa de actividades dirixidas tanto aos maiores como aos cativos da casa, que nos convidan a vivir unha doce e diferente fin de semana no Porriño. 

Organizada polo Concello do Porriño, xunto coa Agrupación Apícola de Galicia e a Asociación de Apicultores da Provincia de Pontevedra, este evento constitúe un importante encontro cos mellores profesionais do sector e unha cita indispensable para todas aquelas persoas versadas ou afeccionadas ao interesante mundo das abellas. 

A apertura da feira terá lugar este sábado 13 de abril, ás 10 h, cun programa cheo de actividades que se estenderán ata última hora da tarde. As Xornadas Técnicas Internacionais de Apicultura emprazaranse nunha carpa situada no parque do Cristo, entre as 10 h e as 19:30 h. Case o mesmo horario no que permanecerá activo o mercado de artesanía Bee Happy Market e a Feira do Mel, concretamente de 10:30 h a 20 h. As catas, degustacións e obradoiros infantís terán lugar tanto en horario de mañá coma de tarde. A asistencia a calquera das actividades é totalmente de balde, pero contan con aforo limitado. 

Mentres, a ruta hostaleira convídanos a saborear diferentes preparacións e cócteis os días 12 e 13, ao longo de todo o día, nos locais do municipio.

A trixésimo sexta edición desta feira foi presentada hoxe no Concello do Porriño polo alcalde, Alejandro Lorenzo, as concelleiras de Mercados e Turismo, Antía Carrera e Vanessa Ucha, respectivamente, o presidente da Agrupación Apícola de Galicia, José María Seijo, a presidenta da IXP Mel de Galicia, Ester Ordóñez, e Diego Collazo en representación da Asociación de Apicultores da provincia de Pontevedra. 

XXXVI Feira Apícola Rías Baixas: todo o que nos agarda na fin de semana máis meleira de Galicia

Coma o seu propio nome indica, as Xornadas Técnicas Internacionais de Apicultura contarán con profesionais altamente cualificados para abordar as temáticas que máis preocupan ao sector, vencelladas coa conservación das abellas, o futuro da colmea e os retos aos que se enfronta a apicultura.

Baixo o título ‘Abelleiro europeo. Unha realidade no control da Vespa velutina’, José Manuel Fernández, ornitólogo e investigador na Universidade de Alcalá de Henares (Madrid), será o encargado de dar o primeiro relatorio da xornada. Pola súa banda, a Dra. Carme Seijo, catedrática e investigadora da Facultade de Ciencias de Ourense, seguirá a esta intervención con ‘Retos e perspectivas da investigación apícola en Galicia’. O Dr. Ernesto Guzmán, director do Centro de Investigacións en Abellas da Universidade de Guelph (Ontario-Canadá), abordará ‘Varroa destructor: danos ás abellas e control’. Sandra Barbosa, da CITAB · Universidade de Tras Os Montes e Alto Douro (Portugal), explicará o ‘Impacto da produción de própole na rendibilidade da explotación apícola’, seguida da Dra. Ana Diéguez, investigadora da Facultade de Ciencias de Ourense, que apuntará a ‘Mellora da sustentabilidade apícola mediante o uso das novas tecnoloxías e a conservación da abella local, Grupo Operativo SOST APÍCOLA’. Para rematar, o biólogo e apicultor profesional da Agrupación Apícola de Galicia, Rubén Fernández, será o encargado de abordar ‘A importancia da conservación da abella local en Galicia. Queres participar no Grupo Operativo PANEGA coa túa explotación?’.

Unha viaxe sensorial a través dos meles da IXP Mel de Galicia e da DOP Miel de la Alcarria

Tras o éxito das dúas últimas edicións, dous selos de calidade que garanten a orixe do mel únense para realizar unha cata conxunta. Así, ás 12.30 h, na Praza do Concello, temos unha cita coa interesante cata comentada dos distintos tipos de mel da IXP Mel de Galicia e da DOP Miel de la Alcarria. Beatriz Ríos Cebreiros, técnica e formadora do Panel de Cata de Mel de Galicia, e Amelia V. González Porto, directora do Laboratorio de Produtos da Colmea CIAPA-IRIAF, de Castela-A Mancha, serán as encargadas de guiar esta experiencia para un aforo máximo de 40 persoas. 

Posteriormente, os asistentes de todas as idades poderán participar noutra cata comentada, esta vez dos queixos galegos con DOP premiados nas Catas de Queixos de Galicia 2023. Esta actividade correrá a cargo de Salomé Beiroa Fernández, catadora do Panel de Cata da Xunta de Galicia, tamén será de balde e emprazarase no mesmo lugar ás 17 h do sábado.

As compras máis apetecibles no Bee Happy Market e a Feira do Mel!

Mel e artesanía volverán a darse cita no Porriño da man do mercado máis apetitoso. Os amantes do ouro doce da natureza, o bo comer e os produtos artesanais, teñen unha cita ineludible na Praza do Concello co Bee Happy Market que dará comezo ás 10.30 h e pechará ás 20 h

Os nenos e o Mel de Galicia

As actividade para os cativos arrincarán antes da propia Feira. Concretamente o venres 12 de abril, cando o Consello Regulador da IXP Mel de Galicia e a Agrupación Apícola de Galicia teñen previsto achegar o fermoso universo da apicultura aos escolares dos colexios do Porriño. Da súa man, cativas e cativos coñecerán os segredos que gardan as colmeas, os produtos que saen delas e todo o beneficioso que nos aportan as abellas. Ademais, tamén poderán participar nunha degustación comentada para descubrir as claves do Mel de Galicia con IXP.

O propio sábado, haberá dous obradoiros do Mel: os ‘Obradoiros infantís Bee Happy Market’ para nenos a partir de 1 ano, en horario de mañá e tarde (de 11 a 14 h e de 16 h a 19.30 h); e o ‘Obradoiro de elaboración de portamerendas’ con cera de abella, para cativos de entre 3 e 12 anos, ás 18 h.

Tempo de petiscar!

Por se nos sabía a pouco a xornada, súmase a hostalería do O Porriño con propostas gastronómicas e cocteis elaborados con mel, os días venres e sábado nos diferentes locais do concello. 

Festa de Interese Turístico de Galicia

O Goberno Municipal quixo poñer en valor os máis de 35 anos de celebración deste evento propoñendo que sexa declarada como Festa de Interese Turístico de Galicia. Esta feira, que pon en valor tradición apícola do concello e a calidade dos nosos produtos derivados da colmea, é un verdadeiro escaparate da cultura e gastronomía local. 

A Feira Apícola Rías Baixas non só é un evento de interese para os amantes da apicultura e da natureza, senón tamén unha oportunidade para dinamizar o sector turístico e promover a identidade do Porriño como destino turísticoatraendo centos de visitantes cada ano.