Sábado, 25 Xaneiro de 2025

Máis de 250 palilleiros e palilleiras participaron na «II Mostra de Palilleiras Concello da Cañiza» de Valeixe

O primeiro domingo de abril e no recinto da ‘Irmandade’ de Valeixe celebrouse a a «II Palillada da Cañiza», unha iniciativa organizada pola Asociación de Mulleres Rurais de Valeixe AMURUVA que contaba coa colaboración do Concello e de establecementos e comercios da Cañiza.

  • O alcalde cañicense, Luis Piña, quixo felicitar á organización polo éxito de participación –con máis de 250 palilleiros e palilleiras–, e de visitas durante unha xornada na que o bo tempo axudou a que o certame se saldara con récord de asistencia. Cabe salientar que, ademais, a Palillada de Amuruva é a única que se celebra nas Comarcas do Condado e da Paradanta.

Todo un éxito de organización, segundo manifestaron as 20 mulleres de AMURUVA que fixeron posible este evento e que tamén quixeron agradecer a participación das asociacións da provincia e a asistencia dos veciños da Cañiza.

Unha concentración na que participaron 267 mulleres e homes que amosaron os seus traballos e a súa maestría no arte do encaixe de bolillos.

A Palillada comezou ás 10 da mañá coa benvida da organización, seguida do saúda do Alcalde e a visita por todos os postos.

Ao remate desta visita, o Alcalde entregou un agasallo do Concello aos representantes de todas as asociacións participantes, ás que agradeceu a súa asistencia.

Luis Piña felicitou tamén ás organizadoras de AMURUVA polo éxito conseguido, especialmente ás alumnas e á profesora de encaixe de bolillos. Tamén agradeceu a colaboración prestada polo comercio local e polo grupo de Pandereteiras Santa Cristina de Valeixe que actuou durante esta xornada festiva.

Unha palillada única

A PALILLADA DE VALEIXE É A ÚNICA QUE SE CELEBRA NA COMARCA

Ademáis esta mostra é a única que se celebra no Condado e A Paradanta. Segundo manifestaron dende a organización “na actualidade nestas Comarcas non se celebra ningunha mostra de encaixe de bolillos, a excepción desta da Cañiza que celebrou a súa primeira edición na primavera de 2019”.

“Hai uns anos celebrábase un evento similar no Concello de Salvaterra pero dende hai anos a Palillada de Valeixe é a única. De ahí a importancia de visibilizar este Arte que forma parte da Cultura Galega”, engaden dende a organización.