O Concello felicita á Banda de Música Unión de Guláns polo seu recente premio da Cultura Galega na categoría de música. O mércores os diferentes integrantes da agrupación recibiron o recoñecemento da man do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, nun acto que tivo lugar no Convento de Santa Clara, en Pontevedra.
Desta maneira, a lonxevidade da Banda de Música Unión de Guláns acadou un dos maiores recoñecementos do eido da cultura da comunidade ao cumprirse 150 anos desde o seu nacemento. A Xunta destacou a súa escola propia coa que conta desde hai máis de 100 anos. Un dato que a sitúa como unha das formacións máis antigas de Galicia e da que xurdiron recoñecidos talentos a nivel instrumentista como directores e compositores con nomes tan destacados como Rogelio Groba.
Neste sentido, o tenente de alcalde e edil da área, Juan Carlos González, apuntou que “é un orgullo que a Banda de Música Unión de Guláns reciba un recoñecemento de tanta importancia como o Premio da Cultura Galega” e que “somos conscientes que espalla o nome da vila por todos os recunchos polo que desde a concellería de Cultura seguiremos apoiando a súa actividade”.
A Banda de Música Unión de Guláns foi un dos protagonistas na gala de entrega de premios xunto cos demais premiados como a escritora Yolanda Castaño, o Museo do Gravado á Estampa Dixital, PistaCatro, a produtora Portocabo, o programa Ponte…nas Ondas! e no eido do Patrimonio Cultural e proxección exterior, Eduardo Pardo de Guevara e os Cursos de verán Galego sen fronteiras, respectivamente.
A oferta de instalacións deportivas municipais amplíase cun novo parque de calistenia en Chapela. O primeiro abriuse en Redondela, na zona da Marisma en 2021 atendendo as peticións da mocidade. Desde a súa posta en marcha na zona da Marisma son moitos os rapaces e tamén adultos os que utilizan estas instalacións a diario. Agora xa está en funcionamento o segundo parque destas características do municipio en Chapela, no paseo marítimo, a escasos metros do Centro de Deportes Acuáticos.
O concelleiro de Deportes, Iván Valles, constata que este novo parque “está a ter tamén moi boa acollida entre a veciñanza e é moi frecuentado por mozos e adultos que practican deporte”. A proximidade do parque de calistenia coas instalacións do club de remo de Chapela permitirá tamén aos rapaces e rapazas do club completar alí os seus adestramentos.
Elementos de exercicio inclusivos
As novas instalacións contan con todos os elementos requiridos para a práctica da calistenia cun total de nove elemento, dous deles adaptados para persoas con mobilidade reducida. A alcaldesa, Digna Rivas, sinala que ao igual que no parque da Marisma para o goberno local era “fundamental que parte dos elementos destas instalacións fosen inclusivos, para que poidan utilizalos persoas con mobilidade reducida”.
O parque conta con espaleira, escaleira horizontal, mesas de lumbares, dominadas, anellas, barra fixa, paralelas, monkey e snake bar. Nunha zona con solo adaptado e accesible están a escaleira horizontal inclinada de integración de 1500 a 900 mm e paralelas simples inclinadas de integración.
O recito conta tamén con paneis informativos coas de recomendación de uso na zona de xogos. Con este novo parque de calistenia a oferta de instalacións deportivas municipais amplíase para toda á veciñanza, e en especial á mocidade, “de lugares de ocio nos que desenvolver actividades deportivas ao aire libre”. O orzamento destas instalacións ascendeu a 17.923 euros financiados polo Plan Concellos.
O Concello de Covelo abre o prazo para inscribirse na xornada de interpretación astronómica ‘Ceo de inverno. 4 estacións Starlight’. Enmarcada na programación de actividades anuais que oferta o Concello de xeito estable e gratuíto, a actividade desenvolverase no conxunto xeográfico do Faro de Avión o vindeiro venres 16 de febreiro aberta a tódolos públicos incluso para aquelas que teñan mobilidade reducida. O punto e hora de encontro será na contorna da igrexa da Xestosa, na parroquia de San Salvador de Prado, dende 30 minutos antes do ocaso e 1/1,5 horas logo do solpor.
Acompañadas/os do monitor starlight da Fundación Starlight, Julio Eiroa, terán a oportunidade de contemplar as estrelas máis brillantes, aprenderán a orientarse e descubrirán constelacións. Covelo aposta así pola observación do firmamento como parte do seu patrimonio natural, paisaxístico, cultural e científico posionándose como un dos Concellos de referencia para o coñecido “turismo das estrelas”.
Protexido da tensión da contaminación lumínica e caracterizado pola limpeza do seu ceo, o Concello de Covelo recibe a centos de visitantes cada ano que gozan de actividades nas que aprender e tamén deixar voar a imaxinación.
Ceos despexados, excelente claridade e a transparencia do aire son as condicións fundamentais requeridas para as observacións astronómicas e as actividades de turismo estelar que deben contan con ingredientes tan imperceptibles pero fundamentais como o brillo do ceo, a nitidez (seeing), a transparencia e a cobertura de nubes (tempo útil).
As persoas interesadas deberán inscribirse no número de teléfono 654 500 652 ao ser esta unha actividade con prazas limitadas. O grupo gozará tamén dun petisco e a organización infroma que poderá verse aprazada a actividade por cuestións meteorolóxicas.
A programación de actividades de promoción turística e cultural do Concello de Covelo conta co apoio da Deputación de Pontevedra.
Tomiño adiará o seu tradicional Venres de Foliada dúas semanas. O Concello trasladará o desfile ao vindeiro venres 23 de febreiro, unha nova data establecida contando co parecer das comparsas e adaptando o agardado encontro a unha data na que non interrompera outras actividades xa axendadas por parte das entidades participantes.
“A borrasca Karlotta non nos permitirá desfilar este venres e dar o pistoletazo de saída ao Entroido en toda a comarca, pero xa traballamos para organizar o Venres de Foliada en dúas semanas. Somos conscientes de que son unhas semanas de moita actividade, por iso dende o Concello decidimos consensuar coas propias comparsas participantes a data que mellor se adaptara a elas”, salienta a alcaldesa, Sandra González.
A pesar do cambio de data, o desfile de treboadas e comparsas manterá o seu horario e percorrido habitual. O Venres de Foliada arrancará ás 21.30 horas dende o CEP Plurilingüe Pedro Caselles Beltrán para percorrer a rúa Gondomar e rematar na Pedra. Tras o encontro, a Praza do Seixo acollerá o concerto de balde do grupo Adredde, con parte das súas e os seus integrantes procedentes de Tomiño, para continuar animando a noite.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, reuniuse co director artístico da Fira Mediterrània de Manresa, Jordi Fosas, co obxectivo de abrir novas vías de colaboración co mercado catalán e incrementar as sinerxías creadas entre os sectores culturais de Galicia e Cataluña coa Fira como evento estratéxico de relevancia para avanzar na proxección exterior da música e a danza de Galicia.
No encontro, no que tamén participou a presidenta da Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), Patricia Hermida, valoráronse os resultados obtidos na pasada edición do evento, no que ofreceron cadanseu showcase musical Caamaño&Ameixeiras, Mario G. Cortizo, Fillas de Cassandra, Os do Fondo da Barra e Caldo, ademais da compañía de danza de Fran Sieira.
Para a Fira de 2024, que terá lugar no mes de outubro, a finalidade é intensificar as accións apoiadas directamente pola Xunta, como foi en 2023 a actuación do grupo Caldo, que acudiu a Manresa no marco dun intercambio artístico co Encontro Profesional de Música MUMi e que contou coa colaboración económica da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades.
Tras o seu paso por Manresa, as seis propostas galegas conseguiron pechar diferentes contratacións en festivais como Rubrifolkum (Sant Boi de Llobregat), Tradicionàrius (Barcelona), Poesia i més (Caldas d’Estrac), SoNna (Huesca), Festa Major de Olot ou Festival Rerelteló (Porqueres, Girona) ou a feira Classical Next (Berlín) e asentaron canles de relación con entidades tan relevantes como a Fundación La Caixa.
Tamén asistiron á Fira 2023 unha ducia de responsables de festivais e axencias musicais galegas, como PlayPlan, Culturactiva, Urdime, Festiletras, Antonio Prado, SceneOff, Aritmar, Tremendo Audiovisual, MusicArte, Artyc e Luneda. Precisamente, a aposta por apoiar a presenza de programadores galegos no evento é outra das dinámicas que se tiveron en consideración durante a xuntanza de traballo en Santiago de Compostela.
Novos mercados para a industria musical galega
O director de Industrias Culturais da Xunta fixo fincapé nos principais obxectivos que se perseguen coa colaboración coa Fira Mediterrània, a través da que se busca “mellorar o coñecemento da música e da danza de Galicia no ámbito estatal e internacional, así como facilitar a contratación dos nosos artistas máis aló das nosas fronteiras”
Pola súa banda, Jordi Fosas destacou o “gran momento” que está a vivir Galicia no ámbito da creación e da interpretación nos ámbitos da música e das artes do movemento, as dúas disciplinas nas que precisamente se centra o evento que dirixe na localidade barcelonesa.
A feira catalá recibiu máis de 30 propostas de música e danza de Galicia para participar na súa vindeira edición. O número de candidaturas mostra o interese por parte dos artistas galegos en dar a coñecer os seus traballos neste mercado e reforza os resultados da promoción realizada no encontro profesional Focus Galicia que a Xunta de Galicia celebrou o pasado outono, e no que participou activamente o director da Fira Mediterrània de Manresa.
A programación de Entroido na Guarda está articulada fundamentalmente en torno ás actividades infantís e de animación musical, de xeito que entre o sábado e o luns á tarde haberá unha actividade festiva dirixida ás crianzas e familias seguida de animación musical a cargo dunha charanga da nosa contorna e o sábado á noite, Festa DJ a partir das 23.30 h, centralizándose toda a actividade na Alameda. As adversas previsións meteorolóxicas fixeron preciso trasladar as actividades que se ían celebrar noutros lugares á carpa situada na centrica alameda guardesa.
SABADO 10
A programación comeza o sábada á tarde coa realización dunha Festa – Baile que incorpora un pequeno concurso de Disfraces, a disputar entre os asistentes. O Concurso contempla tres categorías diferentes: ao Mellor disfrace, ao Mellor disfrace en familia e ao Disfrace mais divertido. E para participar só hai que inscirbirse ao chegar ao recinto.
A continuación, a charanga Os Charamujas percorrerá as rúas da vila levando música, baile e diversión dende a propia Praza do Reló ata a Alameda. Será pola noite, a partir das 23.30 h é momento da Festa DJ na Alameda, a partir das 23.30 h a cargo de DJ Christian Pereira
DOMINGO 11
O domingo instalarese un pequeno circo para representar o espectáculo “O Show de Fifo”, que presenta unha proposta participativa na que o paiaso Fifo non sabe se vive nun soño ou se sempre ten sono e coa axuda dos nenos a través de xogos, bailes, gags e risas, descubrirá se vive nun mundo certo ou se é mellor espertar, creando un espectáculo de interacción constante co público moi divertido.
Tralo remate do espectáculo a Murgha Airiños do Cerixo ainmará a festa e o baile na Alameda, e se o tempo o permite percorrerá algunhas rúas.
LUNS 12
O luns de Entroido haberá en cambio unha dobre sesión de actividades, composta por un obradoiro de sombreiros de Entroido, para que os rapaces da Guarda podan facerse un sombreiro similar aos que se levan nalgunhas localidades galegas e a continuación a actuación do famoso Home Orquestra “Cé Orquestra Pantasma” (18:00 h)
O Entroido non remata aquí, xa que queda aínda o Desfile de Entroido, que este ano cambiou a data e o percorrido, e que esperamos o tempo nos deixei celebrar o venres 16 de febreiro ás 20:00 h entre a Alameda e o Porto da Guarda.
O vindeiro 21 de febreiro o IES Salvaterra de Miño en colaboración co Concello de Salvaterra de Miño, a ANPA, a Comunidade de Montes de Lira e o Distrito Forestal XVII, organiza unha plantación de árbores destinada ao de 1º ESO e 3º ESO, do grupo Titoría entre Iguais (TEI), e para 1º de FPB Madeira. En total serán preto de 300 rapaces e rapazas do centro educativo que xunto ó grupo de pandereteiras do IES Salvaterra que participarán dende as 14:00 h ata a 18:10 h na plantación de máis de 100 árbores en Formarigo e Cernadas na parroquia de Lira.
O IES Salvaterra de Miño leva seis anos conmemorando o día da árbore dun xeito totalmente colaborativo xunto as diferentes Comunidades de Montes do Concello, e este ano tocou en Lira. Unha iniciativa que conta coa colaboración do profesorado, ANPA, Comunidade de Montes, Distrito Forestal, dos alumnos e alumnas de Forestal do Obradoiro de Emprego e do Concello de Salvaterra de Miño.
“O plan aprobado pola Xunta e moi positivo para a cidade de Tui e cambiará para sempre o casco histórico. Hai que valóralo como moi positivo porque é algo moi bo para Tui e, hai que ser honestos, e recoñecer o traballo do director do Instituto de Vivenda da Xunta, ao que temos que trasladarlle a nosa gratitude porque sempreprestou moito interese por este proxecto”. Deste xeito, o presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López, replicou as mesmas palabras do alcalde socialista de Tui, Enrique Caballeiro, ao que lle agradeceu os seus eloxios públicos ao traballo da Xunta e amosou a súa convicción en que iso debe plasmarse nun “apoio masivo” dos tudenses a Alfonso Rueda o vindeiro 18 de febreiro.
“Que a Xunta o fai ben en Tui, como en toda Galicia, é algo que se ve e que sinten os galegos, pero se ata o alcalde Enrique Cabaleiro o afirma, creo que os veciños deben facerlle caso e votar masivamente ao Partido Popular naseleccións autonómicas. É de agradecer a súa sinceridade, e máis cando louvou inequivocamente á Xunta a poucos días da votación, pero cremos que é tan obvio que o PP fai moiben as cousas que ás veces é imposible non recoñecelo. Por elo, e para seguir colaborando deste xeito con Tui, cremosque Alfonso Rueda e o PP é a mellor opción para gobernar Galicia os próximos catro anos”, indicou López.
Ademais, o presidente provincial indicou que as boas palabras do alcalde tudense “non se limitaron só ao Rexurbe, xa que tamén se amosou esperanzado cos investimentos nacárcere vella e que están pendentes dun novo convenio con Turismo de Galicia para a súa rehabilitación con 3 millónsmáis”.
Luis López, que realizou estas manifestacións nun percorridopolo casco histórico en compañía do candidato Moisés Rodríguez, o voceiro Nico Montes e a secretaria xeral, Luisa Piñeiro, puxo en valor que o programa Rexurbe de rexeneración urbana, “vai ser un investimento histórico e récord para a cidade, xa que, cos seus 23,4 millóns de euros, vai superar incluso o custo do enlace de Areas, que está a piques de ser rematado”.
En concreto, esta iniciativa de interese autonómico aprobada pola Xunta é un instrumento de planificación plurianual no que se integran actuacións a nivel arquitectónico e urbanístico dirixidas a fomentar políticas de rehabilitación e mellora de espazos e equipamentos públicos e outras que buscan a reactivación económica, demográfica e social desteámbito histórico do centro de Tui.
O Concello quintuplica a capacidade de atención a usuarios e a usuarias do programa “Xantar na Casa”. Deste xeito, a administración local aumenta o número de persoas beneficiarias deste servizo ata as 50 fronte as 10 de anos anteriores. O convenio asinárono esta mañá a alcaldesa, Nava Castro e o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, no Salón de Plenos.
Co obxectivo de atender a un maior número de persoas maiores e dependentes do municipio, a rexedora solicitou estenovo acordo e, tras o visto e prace do Consorcio, garantirase unha alimentación equilibrada a medio cento de usuarios e usuarias que así o precisan. Son os técnicos municipais dos Servizos Sociais quen, logo da correspondente avaliación, achegan a relación dos beneficiarios.
No acto de sinatura do convenio, a alcaldesa, Nava Castro, apuntou que “con este acordo chegamos a un maior número de persoas que precisan dos servizos municipais. Medio cento de usuarios e usuarias terán garantida unha alimentación equilibrada, de calidade e adaptada aos seus gustos e hábitos”. Agradeceu a implicación do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar da Consellería de Política Social e puxo en valor “os bos resultados que acadamos cando as administracións traballan de maneira conxunta”.
A edil de Benestar, Raquel Plana, indicou que “os nosos maiores merecen toda a nosa atención como a administración local que lle podemos facilitar o seu día a día. O novo convenio resulta de vital importancia para continuar ao lado das persoas que nos necesitan”.
O acordo co Concello, que ten unha duración de catro anos prorrogables a outros catro anos, inclúe a supervisión por parte de persoas técnicas especializadas en nutrición e a realización dunha enquisa de calidade con carácter periódico. Ademais, o Consorcio garante ás persoas beneficiarias do programa a entrega de, cando menos, unha vez á semana no domicilio indicado do xantar para os sete días da semana durante o período en que se atopen de alta do servizo.
O programa de “Xantar na Casa” da Xunta de Galicia consiste nun servizo de comida a domicilio co que se pretende facilitar e garantir unha alimentación equilibrada e de calidade adaptada ás necesidades das persoas maiores ou dependentes que, por diversas razóns, non poden valerse por si mesmas para cubrir as súas necesidades básicas relacionadas coa compra ou a elaboración dos menús.
A deputada de Turismo, Nava Castro, visitou esta tarde en Pontevedra a mostra itinerante “A camelia, flor das galegas e dos galegos” que durante dez días encherá de cor a Praza de Santa María. Trátase dunha exposición que, tralo seu paso por Pontevedra, percorrerá os concellos da provincia nos que se organizan mostras sobre a camelia para “achegar a toda a cidadanía información sobre esta flor, dende a súa historia ata os seus coidados; a economía que xira a carón dela; a súa relación coas artes, a gastronomía ou a moda; os produtos da camelia ou a ruta que se pode realizar pola nosa xeografía arredor desta flor”, asegurou a deputada provincial.
“Trátase dunha experiencia 100%Rías Baixas” remarcou Nava Castro xa que a camelia é “un símbolo para as galegas e galegos, algo que nos identifica e co que tamén nós nos sentimos moi identificados”. Tamén detallou a deputada o poder da camelia como “revulsivo turístico cunha capacidade desestacionalizadora moi importante” e a súa amplitude de usos ao “aproveitarse todo dela. Desde aceite para cociñar ata para a pel, produtos para o pelo, tés das súas follas, a súa madeira…. na Estación Fitopatolóxica Areeiro traballan arreo para sacarlle partido a esta marabillosa flor que está chea de sorpresas”, subliñou.
“A camelia, flor das galegas e dos galegos”, impulsada pola Sociedade Española da Camelia en colaboración coa Deputación de Pontevedra”, conta con 14 tótems nos que se recollen os segredos e curiosidades desta flor a través dun percorrido ao aire libre ameno e visualmente atractivo. Os paneis presentan información sobre a historia e as variedades de camelia, os xardíns destacados desta flor en Galicia, os nomes das camelias, os seus coidados, a economía desta flor e os seus derivados, a aplicación da camelia na gastronomía tanto a través de aceite como de marmeladas, vermú ou galletas, a relación da flor coas artes e as figuras destacadas relacionadas coa camelia, con fotografías de persoas de diferentes ámbitos que teñen relación coa flor.
O Concello de Tomiño incorporará este ano ao seu persoal a 20 traballadoras e traballadores contratados a través dunha subvención da Deputación de Pontevedra para a activación do emprego. Como sinala a alcaldesa, Sandra González, estas novas incorporacións “supoñen unha oportunidade laboral para os tomiñeses e tomiñesas que están nestes intres na busca de emprego ao tempo que permitirán reforzar e mellorar diferentes departamentos municipais que precisan máis persoal de forma puntual ou nos que se realizan traballos estacionais”.
Con estas contratacións cubriranse ata nove postos diferentes con persoal temporal contratado a xornada completa por un tempo de entre 6 e 9,5 meses de duración, dependendo do posto. Así, está prevista a incorporación de:
11 peóns de xardinaría (tres durante 9,5 meses e oito con contrato de 7 meses).
1 peón da construción (6 meses).
2 condutores/as-operadores/as de retroescavadora (un cun contrato de 8 meses de duración e outro de 6 meses).
1 instalador/a electricista en xeral (9,5 meses).
1 mecánico/a de mantemento e reparación de automoción en xeral (7 meses).
1 soldador/a de estruturas metálicas lixeiras (7 meses).
1 técnico/a administrativo/a en xeral (9 meses).
1 traballador/a social (7,5 meses).
1 enxeñeiro/a técnico/a forestal ou biólogo/a (6 meses).
As persoas candidatas deberán estar empadroadas en Tomiño, desempregadas e inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia como demandantes non ocupados e que estean dispoñibles para o emprego, tanto no momento da sondaxe como no da contratación.
O Servizo Público de Emprego de Galicia será o encargado de realizar a primeira selección das e dos aspirantes. Na selección terán preferencia persoas desempregadas de longa duración; mulleres con baixa cualificación; persoas con máis de 45 anos ou mozas, especialmente con baixa cualificación; persoas con discapacidade recoñecida igual ou superior ao 65% ou persoas con discapacidade que presenten maiores dificultades de acceso ao mercado de traballo, sempre que esta permita a realización das funcións propias do posto; vítimas de violencia de xénero; ou familias monoparentais con fillos a cargo.
A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Guarda vén de lembrarlle ao goberno local e á Consellería de Sanidade que a veciñanza guardesa “leva anos esixindo a cobertura de todas as vacantes e baixas do centro de saúde, a dupla equipa de urxencias no PAC e unha ambulancia medicalizada no Baixo Miño”.
Desta xeito a Plataforma sae ao paso das declaracións de ambas institucións arredor da construción dun novo CIS na Guarda. “Sabendo da necesidade de adecuar as instalacións e a infraestrutura sanitaria do noso concello, remarcamos que a máis imperante das urxencias é a dotación de persoal das mesmas” asegura a Plataforma polo que consideran “este anuncio do PP como unha manobra desesperada de electoralismo, nada máis que fume, como é habitual en datas de campaña electoral”.
Lembra a Plataforma que na actualidade existen dous cupos médicos na Guarda sen médico asignado, que seguen a ter unha soa equipa no PAC e a ambulancia medicalizada máis próxima, no concello de Mos.
“Se o Partido Popular quere de verdade fortalecer a dotación sanitaria na comarca do Baixo Miño, ten na súa man cumprir coas medidas que a Plataforma leva anos demandando. Tomen nota do manifestado pola cidadanía galega o pasado 4 de Febreiro en Santiago de Compostela”, conclúe.
A figura do Meco deste 2024 amosa cun claro “Non é non” o rexeitamento do entroido redondelán ao machismo e aos abusos de poder representados na figura de Luis Rubiales. Na figura pódese ver ao ex presidente de Real Federación Española de Fútbol coa cabeza dunha muller entre as mans facendo o xesto de querer bicala. O meco deste Entroido 2024 pon así o foco nun tema de gran relevancia do pasado ano “non só no mundo do deporte, senón na sociedade en xeral, e do que se fixeron eco medios de comunicación de todo o mundo”, sinala a concelleira de Cultura, Rita Pérez.
O fito histórico de que a selección feminina de fútbol gañase o Mundial de Australia viuse relegado a un segundo plano polo bico non consentido de Rubiales á xogadora Jenni Hermoso durante a celebración. O feito de que o ex directivo da Federación presionase logo á futbolista para que dixese que o bico fora consentido “é un exemplo máis dos abusos de poder aos que se ven sometidas moitas mulleres” salienta a alcaldesa Digna Rivas. O entroido é tradicionalmente unha época “de escarnio e sátira social” e a figura elixida este ano “representa totalmente este sentimento”.
A figura foi realizada por Rubén Casal, autor redondelán especializado neste tipo de representacións artísticas que leva xa varios anos facéndose cargo do Meco. Na escultura non falta detalle, conta co seu traxe feito a medida e está revestido cun tratamento “para que resista calquera inclemencia meteorolóxica” explica o artista.
A queima do Meco será o Martes de Entroido, día 13, como manda a tradición. Será ás 19.00 horas co espectáculo “Lume” de Troula Animación. A animación na rúa comezará xa ao mediodía, xa que un día de moita celebración en Redondela e que conta coa participación de veciños e veciñas de todas as idades. Rita Pérez sinala a importancia desta xornada “que reúne a grupos de amigos e familias completas con nenos e adultos que viven o Entroido na rúa”.
Ás 17.00 horas comezará o Desfile-Concurso de Disfraces individual e colectivo. As inscricións para participar poderán facerse nos soportais do Concello desde as 16.00 horas e a entrega de premios será ás 18.45 horas. Os máis pequenos terán o seu espazo na Alameda Castelao con diferentes obradoiros desde as 17.00 e ata as 19.30 horas e as rúas contarán con moita animación da man da Batucada Brassica Rapa, unha “brass band” feminina que interpreta grandes éxitos do pop, a música tradicional ou bandas sonoras de películas. A festa continuará pola noite desde as 20.30 horas coa música da discoteca móbil da Duendeneta na rúa Alfonso XII.
“O 18F só hai dúas alternativas: un goberno cun presidente gris como Rueda, que deixa un país en retroceso tras 14 anos de desleixo, ou o goberno da ilusión, dunha presidenta do BNG, Ana Pontón, capaz de poñer en marcha a mellor Galiza”. Esa foi a escolla que o cabeza de lista por Pontevedra, Luís Bará, deixou clara no seu mitin de campaña onte en Ponteareas.
Acompañado das tamén candidatas pola comarca Cristina Fernández e Rocío Barreiro, así como do concelleiro Miguel Bouzó, o nacionalista fixo unha chamada á participación e á concentración “das ganas de cambio” na papeleta do Bloque, dúas claves necesarias para facer historia o 18-F.
Salientou que as sensacións cara o BNG son moi boas na rúa e nas enquisas, sobre todo despois do debate da TVG no que Ana Pontón saíu reforzada, pero subliñou que non hai nada feito. Advertiu que “o cambio galego é imparable e está ao alcance das nosas mans, pero só se non se perde ningún voto”, lembrando que a única forza con posibilidades de arrebatar a Presidencia ao PP é o Bloque.
Explicou Bará que as eleccións do 18-F “van de Galiza, de ter unha presidenta coas mans libres para defender os intereses dos galegos e das galegas, ao servizo da xente do país, e non das empresas do IBEX e as portas xiratorias coas que agora goberna en coalición o Partido Popular”. Destacou que con Ana Pontón á fronte da Xunta daráselle pulo a proxectos estratéxicos para a comarca do Condado e para Ponteareas que ata agora están aparcados e sen atención por parte do PP.
Mellora do saneamento, promovendo a ampliación da rede ás parroquias que non teñen servizo; instalacións deportivas dignas cun novo pavillón que responda ás necesidades; instalación educativas en condicións, amplidando os centros de ensino que a día de hoxe non teñen ximnasio ou comedor; e garantir unha vellez activa ás persoas maiores cunha residencia e un centro de día no rural, así como a posta en marcha dunha nova escola infantil, foron algúns dos compromisos que puxo sobre a mesa con Ponteareas a facer realidade tras o 18F.
Fixo fincapé Bará en que as eleccións do 18F, igual que a manifestación do pasado domingo, tamén son para defender unha sanidade de calidade, “na que se entre con esta tarxeta, coa tarxeta do SERGAS, e non con esta, a tarxeta de crédito”, dixo sacándo ambas da carteira.
Pola súa banda, Cristina Fernández, afirmou que todas as persoas que escollan a papeleta do BNG “terán unha oportunidade para conseguir que cada unha de nós teña as máximas oportunidades na nosa terra cunha presidenta que ten a cabeza e o corazón postos no país, Ana Pontón”.
Subliñou que “cando necesitamos a Ana, atopámola reivindicando o feminismo e a igualdade, ao carón das persoas máis vulnerables, apoiando ás traballadoras de empresas en perigo… Unha Ana Pontón cunha especial sensibilidade cara ás profesionais do ensino e da sanidade pública, ou en defensa das nosas costas para reclamar os nosos dereitos como país ante unha autopista mariña internacional que usa a Galiza como vertedoiro. E por suposto… Atopámola na mellora dos coidados das persoas e colectivos máis vulnerables”, salientou.
Destacou que o BNG é garantía de prosperidade nos gobernos dende os que traballa e lembrou como mudou a fisionomía de Ponteareas en oito anos e como en tan só seis meses o PP está a rebentar todos os avances conseguidos. “Desembarcaron o 19 de xuño pasado nunha vila vangardista, sostible e lugar de encontro amable, para voltar a estar invadida polos vehículos deixando as persoas recluídas nas súas casas. Nunca o PP priorizou as necesidades das veciñas e veciños”, criticou.
A tamén candidata Rocío Barreiro, pola súa banda, fixo fincapé en que o BNG ten previsto mobilizar máis 100.000 hectáreas de terra agraria de cara a 2030, apoiar a innovación industrial en procesos e produtos para aumentar o seu valor engadido e pechar o ciclo produtivo no país, así como mellorar os transportes, poñendo en marcha unha tarifa plana de transporte intermodal de 30 euros ao mes para bus, tren, barco ou taxi rural a demanda, entre outras melloras.
O concelleiro Miguel Bouzó, finalmente, destacou que Ponteareas non recibiu da Xunta nos últimos anos ningunha nova infraestrutura nin servizo que solucione as principais necesidades das veciñas e veciños, nin sequera aquelas da súa competencia. “Temos aulas nas que chove dentro e nas que as nenas e nenos pasan frío porque o PP se negou a acometer obras de rehabilitación a pesar de que o goberno do BNG tiña o proxecto e lograra unha subvención para executalo. O PP negouse a aportar 70.000 euros e impediu que o concello fixera a obra. Nin fan, nin deixan facer”, criticou.´
Puxo tamén de relevo a odisea que ten que vivir calquera persoa que, co transporte, teña que chegar á Universidade de Vigo ou ao Cunqueiro fola falta de frecuencias e de conexións de autobuses. En materia sanitaria, Bouzó afeou ao PP que estea a utilizar como cortina de fume a construción do novo centro de saúde para ocultar a súa política de desmantelamento da sanidade pública.
“Prefiren seguir mantendo en condicións precarias o centro de saúde actual mentres apuran para beneficiar coa localización dos novos terreos a unha concelleira do seu partido que figura na candidatura ás eleccións galegas”, denunciou, explicando que as novas instalacións construirase nun espazo con vínculos familiares coa concelleira do PP Raquel Plana, en lugar de facelos nos que o Concello comprara na contorna dunha clínica privada coa que ela garda relación. “A desvergoña do PP non ten límites”, dixo
O Plan de Voluntariado do Concello de Redondela xa está en marcha e a finais deste mes de febreiro, logo de toda a tramitación regulamentaria, xa será oficial. A concelleira de Medio Ambiente e Maiores e Infancia, Pilar Martínez, fai un chamamento a todas aquelas persoas que desexen participar a informarse e inscribirse neste programa. A edil está segura de que será “todo un éxito” e que servirá para concienciar á cidadanía da importancia de colaborar en accións de voluntariado “e facer entre todos e todas unha sociedade máis xusta e solidaria”.
A concelleira explica que os voluntarios e voluntarias terán varias áreas de actuación e que os participantes recibirán formación específica segundo o ámbito de intervención na que queiran colaborar. Unha das áreas será a de atención e acompañamento a maiores e persoas dependentes “para paliar as horas de soidade non desexada”. Pilar Martínez explica que existen moitos maiores con problemas de mobilidade, “o que non lles permite socializar todo o que quixeran e a labor dos voluntarios e voluntarias nestes casos pode ser de gran axuda para eles”. Isto é algo que desde o Programa de Voluntariado tamén se fará extensible ás parroquias, “onde a veciñanza se coñece mellor e saben cales son as necesidades dos seus maiores”. Con todo, advirte que “non se trata de suplir a labor dos traballadores e traballadoras” senón de “complementar” as funcións dos profesionais con outro tipo de actividades de ocio ou acompañamento por parte do voluntariado.
Outra das áreas de actuación será o voluntariado medioambiental, dirixido sobre todo a mozos e mozas “que están moi concienciados no problema que supón a contaminación e a crise climática”. Neste sentido a formación e a actuación coordinada coas administracións é fundamental, e desde o Programa de Voluntariado poderán vertebrarse este tipo de accións.
Para Pilar Martínez este programa será un xeito de artellar “unha participación activa dos veciños e veciñas que o desexen, un xeito de vertebrar a sociedade en termos de solidariedade, colaboración e axuda”. A edil advirte que hoxe máis que nunca é preciso “fuxir do individualismo para vivir nunha sociedade real, na que todos nos necesitamos uns a outros”. “Ninguén é imprescindible, pero todos somos necesarios para que a sociedade avance, e esa é a liña de traballo do goberno de Digna Rivas”, asegura a concelleira.
No Programa de Voluntariado poden inscribirse xa todas as persoas maiores de idade, e as menores a partir dos 16 anos con autorización de pais, nais ou titores. Poden facelo no Concello de Redondela e nos Multiúsos de Redondela e Chapela. Máis información nos teléfonos 986 400 300 ou 670 910 488.
A inexistencia de residencias públicas para a terceira idade ou o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), son exemplos significativos do desinterese da Xunta de Galicia polas políticas sociais na comarca da Paradanta, onde son os concellos os que manteñen en pé o precario modelo de atención ás persoas. Foi a denuncia onte na Cañiza da candidata ás eleccións do 18F Elena Espinosa, número 1 na lista do PSdeG-PSOE na provincia. Acompañada do alcalde Luis Piña e integrantes da Agrupación Local socialista, Espinosa cualificou de “desastrosa a política social do PP, que non puxo en marcha unha soa residencia pública en 15 anos de goberno na Xunta o que é especialmente grave nas comarcas do interior da provincia cun elevado grao de envellecemento da poboación”.
“Cantas familias poden pagar máis de 1500 euros ao mes cando unha persoa maior e dependente xa non pode ser atendida na casa?”, preguntou a candidata. “É indecente que isto estea ocorrendo e que o PP mire cara ao outro lado. Destas cousas é do que vai votar o vindeiro día 18”. Espinosa animou á veciñanza a “apostar de forma clara e masiva a Besteiro que xa se comprometeu coas persoas maiores como unha das súas grandes prioridades cando chegue á Xunta”.
Pola súa banda, Luis Piña cualificou como unha “unha sangría económica” o que supón o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) para os concellos, “un verdadeiro regalo envelenado da Xunta, como dixo recentemente un alcalde do propio PP como o da Estrada”. O alcalde da Cañiza lembrou tamén a alta porcentaxe de poboación que nesta comarca está por enriba da idade de xubilación e o elevado número de persoas dependentes. A atención a este colectivo faise fundamentalmente a través dun SAF “que se mantén en pé gracias aos concellos”. Piña recordou que o custo por hora deste servizo na Cañiza supera os 21 euros e a Xunta só está achegando 12 euros por hora. E, por enriba, engadeu, “é unha ganga para eles, porque dos 12 euros que achega só pon en realidade en torno a 6, porque o resto son transferencias do Estado”.
“O SAF, dixo o alcalde da Cañiza, é o exemplo máis claro de desidia da Xunta de Galicia, pois é o servizo clave na atención á Dependencia e trátase dunha competencia autonómica que estamos a pagar os concellos. É un servizo especialmente valioso pero é a Xunta quen debe asumir a xestión, ou financialo ao 100%”. Piña rematou pedindo o apoio á candidatura do PSDG- PSOE, con Besteiro, porque o que si está perfectamente acreditado é que o PP é o partido dos recortes nos servizos públicos esenciais e o partido que abandonou ás persoas maiores”.
Escolares de Camos e Chandebrito comezaron os traballos para crear unha gran área cortalumes natural no futuro parque forestal ‘Os Matos-Río Táboas’ do Concello de Nigrán. Así, o alumnado de 5 e 6 de Primaria do CEIP A Cruz e de 5 do Colegio Estudio plantou en 2 hectáreas situadas nun miradoiro na intersección das dúas parroquias 150 árbores autóctonas (nogueiras, sobreiras, cerdeiras, carballos, abeleiras e bidueiras) baixo a dirección da brigada mediombiental municipal e de axentes medioambientais da Xunta. O Concello ten previsto completar a reforestación desta zona con 650 árbores máis o sábado 17 de febreiro empregando a axuda da veciñanza. En total, investíronse 8.000 € na compra destas 800 árbores de preto de 2 metros de altura e que se diseminarán por estas 2 hectáreas ateigadas antes de especies invasoras , fundamentalmente eucalipto e acacia.
“
O futuro parque comprende 420.000 m² calcinados nos incendios de Camos e Chandebrito e inclúe a eliminación de toda a especie invasora para recuperar o bosque autóctono, preservar a fraga do río Táboas e por en valor e os seus elementos etnográficos
“Trátase de vincular afectivamente á rapazada e aos veciños co futuro parque forestal, de que o vexan medrar sentíndose partícipes do mesmo. Eles velarán despois polo seu benestar, o defenderán e o gozarán no seu máximo esplendor”, explica o alcalde, Juan González sobre este tipo de iniciativas educativas, ao tempo que explica que toda a contorna da zona e a propia marxe da estrada será limpada de invasoras e maleza para formar un anel de protección previo a esta área cortalumes chea de especies autóctonas que frean a propagación dos incendios, tal e como xa se fixo nas zonas de vivendas de Camos e Chandebrito.
Estes mesmos escolares, tamén a través da brigada medioambiental do Concello e do programa de hortas escolares municipais contratado a ‘Somos Terra’, sementaron hai dúas semanas landras para fornecer ao viveiro do parque de carballos e, ademais, aprenderon a inocular shiitakes en eucaliptos (traballo que repetirán nas vindeiras semanas nos tocóns desta mesma área, conseguindo ao mesmo que a árbore rebrote).
Parque Forestal
Este espazo natural, vertebrado pola fraga do río Táboas, ubícase en 42 hectáreas (420.000 m²) de terreo totalmente calcinadas nos incendios de 2017, 30 delas pertencen á Comunidade de Montes de Camos (parcelas de Castelo e As Chans) e 12 á de Chandebrito (As Rozadas) e foron cedidas ao consistorio con este fin. O obxectivo das tres entidades é crear un espazo de recreo libre e público, con valores naturais, culturais e paisaxísticos únicos que serán recuperados, conservados e promocionados, ademais deservir de barreira protectora fronte ao lume. O investimento total do Concello será de 400.000 € e os traballos os leva adiante a súa propia Brigada Medioambiental baixo a dirección técnica de ‘Landra’.
“Despois dos incendios, tanto dende o Concello como dende as dúas comunidades, quixemos por en valor este espazo e darlle unha función social; ademais, servirá de protección fronte ao lumes para os núcleos de poboación máis próximos”, resume o rexedor, Juan González.
O proxecto contempla nunha primeira fase a erradicación completa das especies invasoras (fundamentalmente eucaliptos e acacias) e a realización de plantacións autóctonas e, nunha segunda fase, á creación de espazos públicos, restauración dun muíño de auga, posta en valor dos petroglifos…
O grave incendio de 2017 asolou todo este terreo, tanto a masa arborada de eucaliptos con aproveitamento madereiro coma o bosque autóctono de ribeira e as pantacións de coníferas e frondosas. Actualmente o terreo presenta un rexenerado natural de piñeiros, eucaliptos, carballos e castiñeiros. O obxectivo é que, grazas á intervención humana, se recupere o bosque autóctono galego propio desta fraga, cun inmenso atractivo pola gran variedade e biodiversidade de especies vexetais e animais que o forman. Así, todos os traballos iríán destinados a restaurar a cuberta arbórea a manter asó o seu microclima húmido.
O parque forestal contempla medidas naturais de prevención e defensa contra os incendios (faixas de xestión da biomasa); de posta en valor dos elementos patrimoniais e culturais (protección dos xacementos, fundamentalmente petroglifos; ou restauración do coñecido como ‘Muíño do medio de Táboas); medidas de posta en valor dos elementos sociais e de uso público contemplando a accesibilidade para todos (creación dunha área recreativa en O Serradouro e As Rozadas, a pimeira delas inclúe zona de aparcamento); acondicionamento do miradoiro de O Castelo ou creación dunha ruta de subida ao mesmo; medidas de sinalización, promoción e interpretación dos valores do parque forestal (paneis, pictogramas, sinalizacións, códigos QR…)
O Cruceiro de Fonte da Pedra, lugar emblemático na loita carnavaleira de Castro Barreiro e A Feira, foi o marco escollido para a presentación da festa de Entroido de Salceda de Caselas. Estes dous barrios levan máis de 130 anos enfrontándose ano tras ano nestas datas, convertendo a Salceda no centro neurálxico do Entroido no sur da provincia de pontevedra.
Representantes de ámbolos dous barrios acompañaron hoxe ao equipo de goberno na presentación do evento, facendo público un cartaz no que se reflexa o enfrontamento entre o “castrón” de Castro Barreiro e a “vella” da Feira.
Nese sentido, a alcaldesa de Salceda, Loli Castiñeira, animou tanto á veciñanza como a persoas doutros municipios “a achegarse e gozar dun Entroido diferente e tradicional, con máis de 130 anos de historia, que nos converte en referente en toda a provincia”.
Como cada ano, foi imposible que ningún dos dous barrios desvelase nin dese a máis mínima pista sobre as temáticas que protagonizarán a loita nesta ocasión, reservando o que definen como “información confidencial” para o seu día grande: o martes de Entroido. E para iso están os equipos de espionaxe de ámbolos dous barrios, para tentar conseguir información do rival, aínda que parece que nesta ocasión o hermetismo é absoluto. No que si coincidiron Castro Barreiro e a Feira é que nesta ocasión a xente está moi animada a participar, e que as compasas serán máis grandes que nunca. Haberá que agardar a martes a ver se o que din é certo ou só é un “dardo envenenado” para o rival.
A rivalidade entre os barrios é sen dúbida a cita destacada do Entroido de Salceda, pero non a única. Os actos comezan xa o venres co desfile escolar que acollerá a máis de 1500 nenos e nenas de 0 a 18 anos, e co desfile de carrozas e comparsas o domingo con máis de 1200 persoas de 9 agrupacións. O martes será a quenda de Castro Barreiro e a Feira co desfile das súas carrozas e comparsas, pero xa o luns quecerán motores coas multitudinarias verbenas en cada un dos seus torreiros de festas. Ademais a programación complétase con actos para os nenos e nenas ou concertos tan agardados como o da Banda Cultural, o sábado no Auditorio Municipal. Tamén a mañá do domingo acollerá unha importante cita nestas datas, como é a presentación do Rancho de Entroido da Feira acompañado dos tradicionais cabaleiros.
Alex Rodríguez, concelleiro de Cultura e Festas asegurou que Salceca “está preparada para acoller un ano máis a milleiros de persoas na nosa festa máis tradicional”. O Entroido, lembrou Rodríguez, “é un referente no noso Concello e é moita a xente e os colectivos implicados para que todo saia adiante sen incidencias”.
A Deputación de Pontevedra mantén aberto o prazo para solicitar actuacións ao abeiro do novo programa “Culturea”, cuxo principal obxectivo consiste en espallar e manter viva a cultura popular e as tradicións en todo o territorio da provincia. O programa, dotado cun millón de euros, un 20% máis que o destinado no 2023, pon a disposición de asociacións de veciños e comisións de festas un catálogo que reúne máis de 1.300 profesionais da cultura e que se configura como un inventario de grupos, artistas e compañías de diferentes disciplinas artísticas, como música, teatro ou danza, entre outras.
As asociacións de veciños e comisións de festas da provincia poderán solicitar un dos grupos incluídos no Catálogo para as súas actividades culturais realizadas durante o ano 2024, que deberán ir dirixidas ao público en xeral e ser de entrada libre. A Deputación, con cargo a este programa, retribuirá as actuacións dos grupos cun importe máximo que vai dos 200 aos 800 euros, dependendo da modalidade na que se insiran, mentres que o resto do caché deberá aboalo a entidade solicitante.
As solicitudes de actuacións poderán presentarse a través da Sede electrónica da Deputación cunha antelación mínima de 15 días de antelación con respecto á data de realización da actuación. Á hora de adxudicar as actuacións apostarase polo equilibrio territorial e pola diversificación das categorías na repartición de fondos daquelas solicitudes que reúnan os requisitos. Ademais, as entidades interesadas poderán solicitar un único evento mensual, ata un máximo de seis ao ano.
A candidatura socialista con Carlos Font, número 2 da lista, e Leticia Gallego, número 5, acompañados da alcaldesa de Redondela, Digna Rivas e militantes da Agrupación Local visitaron onte a feira onde animaron á cidadanía “a votar de forma clara a José Ramón Gómez Besteiro para rematar dunha vez coa permanente discriminación da Xunta do PP a Redondela”.
“Falamos da cuarta cidade da provincia de Pontevedra que desde que o PP non ten a Alcaldía se ve sometida a unha continua marxinación por parte da Xunta de Rueda”, dixo Carlos Font. O candidato cualificou de “vergoñento” o trato destes anos á veciñanza da vila “que se ve continuamente discriminada, con incumprimentos sostidos pola Xunta desde que o PP perdeu o goberno local”. Font citou o caso “aberrante” do proxecto da Avenida Mendiño, que foi comprometido e presentado “a bombo e platillo” pola consellería de Infraestruturas co anterior alcalde en 2019 e que 5 anos despois aínda seguen sen comezar as obras. “Non poder haber concellos de primeira e de segunda dependendo de si gobernan eles ou non. Están castigando á xente de Redondela e iso ten pouco que ver cunha actitude democrática e decente. Con Besteiro na Xunta a Avenida Mendiño será unha realidade”, subliñou.
Neste senso, a alcaldesa Digna Rivas sinalou que “a veciñanza de Redondela merece un respecto que a Xunta non lle ten” e cualificou de “deslealdade institucional o esquecemento do proxecto nun tramo urbano dun vial de titularidade autonómica, que presenta un absoluto deterioro, de enorme intensidade de tráfico e circulación de persoas, principal acceso á praia de Cesantes e que conecta o pobo con zonas de servizos como o centro de saúde, centros educativos, ou instalacións deportivas”.
“Non pode ser, dixo a alcaldesa, que un proxecto que incluso foi presentado pola Xunta a todo trapo cando gobernaban Redondela fai cinco anos, siga agora parado e sen que movan unha pedra. De feito, engadeu, incluso rexeitaron incluílo nos orzamentos o pasado ano”. “Ese é o PP de Rueda, subliñou, pero este tamén é o momento en que a veciñanza ten nas súas mans, co seu voto, devolver a decencia á Xunta de Galicia e que con Besteiro proxectos de seguridade viaria coas persoas no centro como o de Mendiño sexan por fin unha realidade”.
Rivas recordou que o Concello “fixo todos os seus deberes” e incluso actualizou a memoria do proxecto que entregaron á conselleira no pasado novembro, “cando por fin se dignou a recibirnos. Desde entón seguimos esperando unha resposta que continua sen chegar”.
O presidente do PP Provincial de Pontevedra, Luis López, solicitoulles aos veciños da Cañiza un “apoio masivo” a Alfonso Rueda e ao Partido Popular nas eleccións autonómicas do 18 de febreiro, “xa que, sen dúbida, somos a mellor opción para manter as elevadas cifras de investimentos que se realizaron desde a Xunta durante estes catro anos”.
Luis López lembrou que o compromiso do PP coa Cañiza “é medible e non opinable”, xa que cifrou os investimentos da Xunta nesta lexislatura en 16.922.248 euros en infraestruturas, achegas municipais para obras e servizos e axudas para actuacións nos sectores da empresa, o comercio, a hostalería e o sector agrogandeiro. Ademais, garantíu que, en caso de que o PP revalide o Goberno galego, vaise superar esta alta cifra de investimentos, “que se sitou nunha media de 4,2 millóns de euros por ano e rebasou os 800 euros por habitante cada exercicio”.
O presidente provincial participou, nesta quinta xornada de campaña, nun percorrido pola feira da Cañiza xunto á secretaria provincial, Luisa Piñeiro; o voceiro municipal, Miguel Domínguez; e outros membros do PP local.
“Alfonso Rueda coñece perfectamente A Cañiza, un concello onde comezou a súa traxectoria profesional, onde coñece a todo o mundo e que visita asiduamente desde hai décadas, polo que ten unha sensibilidade especial por esta terra e polas demandas e necesidades dos seus veciños. Polo tanto, e co aval dos elevados investimentos que o noso presidente impulsou desde a Xunta na Cañiza ao longo destes catro anos e a garantía de que vai seguir atendendo a este concello como se merece, creo que é a mellor opción para os veciños da capital da Paradanta fronte a un posible multipartito de esquerdas que sempre abandona por completo aos concellos do rural e do interior, xa que teñen as súas preferencias e intereses noutros territorios”, aseverou Luis López.
No Porriño xa está todo listo para dar a benvida ao Entroido e desta vez dunha maneira moi especial: co acendido das primeiras Luces de Entroido que dará paso a unha semana de festas con propostas para todas as idades, música, animación moita cor e ritmo. Será hoxe ás 19 h na praza Arquitecto Antonio Palacios e os encargados de premer o botón que acenderá a vila serán os nenos e nenas gañadores do III Concurso de Carteis de Nadal, Carmen –a autora do cartel do Entroido 24–, Lucas, Xiana, Mara, Carla, Naira, Xabier, Johan e Icía. Mara, en nome de todos os seus compañeiros e compañeiras convidou a “todo o mundo a acompañarnos neste momento e dar benvida xuntos ao Entroido do Porriño”.
O fixo no acto de presentación da programación de Entroido que tivo lugar esta mañá no Concello e no que tamén estiveron presentes o alcalde, Alejandro Lorenzo, concelleiros e concelleiras, os nenos e nenas gañadores do concurso de carteis, hostaleiros, comerciantes, asociacións e como non podía ser doutra maneira, os pregoeiros e pregoeiras destas festas: os usuarios e usuarias de AFAGA no Porriño. Como xa anunciamos, subirán ao balcón da casa consistorial a dar o inicio oficial do Entroido do Porriño o sábado 10 ás 12 h. “Para nós é unha honra e fainos moita ilusión e unha forma fantástica de festexar o noso 30 aniversario”, explicou Jesús María Andrea, terapeuta ocupacional da unidade de AFAGA no Porriño, “O Entroido é unha festa atemporal, na que non hai idades e na que nenos e maiores ilusionámonos e celebramos xuntos”.
Na mesma liña se manifestou o alcalde, Alejandro Lorenzo, confesando sentirse “especialmente emocionado porque todos e todas, dende os máis pequenos aos maiores, disfrutemos xuntos da nosa vila e da vida, enchendo de cor O Porriño”. “Para min é unha honra que os nenos e nenas poñan a luz e os maiores queden para sempre na historia do Porriño e na nosa memoria”, concluíu o rexedor.
Lorenzo destacou que este ano volvemos facer historia cunha participación masiva nas actividades. “Serán 19 comparsas e máis de 1700 participantes os que desfilen polas rúas do Porriño o sábado –ás 18 h– e o martes –19 h–, ás so nos queda pedir que a choiva nos respete e nos deixe vivir a tope este momento”, engadiu concluíndo coa expresión que xa non pode faltar en ningún acto secundada por todos os presentes: “VIVA O PORRIÑO, VIVA O ENTROIDO DO PORRIÑO”.
Na programación atópase tamén o tradicional Xogo da Ola, que este ano chega á súa 80 edición, o velorio e enterro da Sardiña que pechará como cada ano o pasarrúas “Lume” de Troula, animación de rúa, festas e obradoiros infantís, concertos de La Patrulla, Gin Toni´s, Orquestra América, Dj´s… entre outras.
A Deputación de Pontevedra está a avanzar na creación de +Renovables, a oficina de transformación comunitaria para apoiar ás comunidades enerxéticas da provincia. Instalarase, de xeito piloto ata o 30 de setembro de 2025, no Viveiro de Empresas da Deputación en Barro e conta cun orzamento de preto de 750.000 € dos que a Unión Europea achega 500.000 € a través dos fondos NextGenerationEU.
O principal obxectivo desta oficina, que ademais da sede de Barro contará con oficinas itinerantes, é fomentar e impulsar a creación e desenvolvemento de comunidades enerxéticas en todas as comarcas da provincia, sendo o medio rural, especialmente os concellos de reto demográfico, a súa prioridade. Para conseguilo, o proxecto contempla actividades de difusión, acompañamento, asesoramento, así como a creación dunha rede de comunidades enerxéticas provincial e diferentes iniciativas de formación e investigación.
No que respecta á difusión está prevista a realización de charlas nos concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes para dar a coñecer os servizos de +Renovables e a figura das comunidades enerxéticas, así como de dúas xornadas anuais (unha este ano e outra no 2025) para expoñer casos de éxito, problemáticas e oportunidades a carón das comunidades enerxéticas. Ademais, organizarase de cara ao vindeiro ano un congreso provincial para poñer en común a experiencia obtida polas comunidades enerxéticas creadas e para analizar desenvolvementos futuros.
+Renovables tamén realizará acompañamento daquelas entidades interesadas en crear unha comunidade enerxética. Deste xeito, e unha vez formalizada a solicitude, realizarase un completo asesoramento tanto na fase de constitución das comunidades enerxéticas, como na de desenvolvemento do proxecto e na de explotación. Axudaráselles a deseñar un proxecto de xeración, ben térmico ou eléctrico, para dar cobertura aos participantes na comunidade enerxética, e tamén prestarase asesoramento económico sobre créditos e fórmulas de financiación. Ademais realizaranse estudos e informes previos e iniciais de cara á implantación de comunidades enerxéticas, desde estudos de análise de capacidade produtiva de enerxía ata económico-financeiros, para analizar a viabilidade financeira dos proxectos, ou informes legais e xurídicos.
O proxecto contempla tamén a posta en marcha dunha rede de comunidades enerxéticas da provincia de Pontevedra e o observatorio provincial de comunidades enerxéticas, que recollerá datos dos proxectos para elaborar un inventario que permita calcular o aforro enerxético xerado polas comunidades, así como a redución da dependencia enerxética do exterior e o descenso nas emisións de gases de efecto invernadoiro. Ademais +Renovables impartirá formación dirixida, inicialmente, a todo aquel persoal das entidades locais e comunidades enerxéticas, para que sexan capaces de xestionar e levar a bo porto os seus proxectos de produción e consumo de enerxía. Tamén contempla desenvolver actividades de formación en función das necesidades que vaian xurdindo entre as diferentes persoas implicadas na xestión destas comunidades.
Tomiño vestiuse de gala para premiar e poñer en valor o talento deportivo do municipio. O auditorio de Goián converteuse esta fin de semana no escenario da Gala do Deporte de Tomiño, que celebrou a súa sétima edición con moitas gañas de recoñecer a todas aquelas e aqueles deportistas, clubs, asociacións, entidades e empresas que se esforzan día a día para levar ao deporte tomiñés ao máis alto. Un evento participativo no que por primeira vez se contou coa colaboración de clubs e veciñanza para propoñer candidaturas ás diferentes categorías premiadas.
A alcaldesa, Sandra González, e o concelleiro de Deportes, Rubén García, entregaron algúns dos premios da noite, case unha ducia de galardóns que foron dende os e as mellores deportistas absolutas ata o premio Inclusión no Deporte, que se incorpora por primeira vez aos galardóns e que recaeu no Club Motonáutica Baixo Miño polo seu labor para achegar o deporte a todas as persoas.
“Non podemos máis que estar orgullosos e orgullosas do esforzo, dedicación e implicación diaria dos nosos e nosas deportistas, tomiñeses e tomiñesas que traballan duramente para que o deporte de base sexa máis importante cada día e para levar o nome do noso concello por todo o mundo”, salientou a rexedora.
A piragüista Uxía Rodríguez e o canoísta David Mella foron recoñecidos durante a gala como mellor deportista feminina e masculino absoluto, respectivamente, polos innumerables éxitos que ambos os dous recolleron durante toda o 2023. Pola súa banda, as irmás Leira e Nerea Álvarez, integrantes do Club Deportivo Miño – Teixugos, compartiron o galardón Mellor Promesa Feminina. O atleta Sergio Silva, da Sociedade Atlética do Trega, fíxose co premio á Mellor Promesa Masculina.
Na categoría Mellor Club de Base, pensada para recoñecer á xente que traballa día a día co deporte de base, recaeu na Sociedade Atlética do Trega. Mentres, o Premio Fomento Deporte Feminino foi parar ao Tomiño Feminino F.C. Este ano, a gala contou co Premio á Entidade que Fomenta o Deporte Tradicional, un recoñecemento especial a aqueles clubs que mesturan o deporte coa integración e reúna os valores que promove a actividade deportiva de solidariedade, compañeirismo e solidariedade. O galardón recaeu no Club de Bolos Celtas Forcadela.
Roberto Millán, do Club Trasno de tiro con arco recolleu o premio ao Mellor Adestrador, e o Spartan Team alzouse co premio ao Mellor Evento Deportivo pola organización e celebración do seu Campionato de Kick Boxing. Como ven sendo habitual en cada edición, entregouse un premio Patrocinador a Informática Jaime por toda unha traxectoria protexendo e axudando a dinamizar o deporte tomiñés.
O concelleiro de Deportes salientou a presenza de colectivos, asociacións, clubs e público xeral na gala para render homenaxe a todas as persoas deportistas de Tomiño e lembrou a vontade do Goberno municipal de “continuar premiando ao deporte tomiñés, poñendo en valor traballo de clubs e deportistas, que cada ano nos sorprenden polos seus grandes éxitos nas disciplinas máis variadas”.
O Concello de Nigrán aforrará desde este 1 de febreiro máis de 300.000 € ao ano en electricidade tras contratar o subministro a través da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). Concretamente, o Concello adheríuse á Central de Contratación da FEMP para formar parte do Acordo Marco ao respecto, sendo a empresa adxudicataria Iberdrola por un importe anual de 646.468’12 € (a duración do contrato podería ampliarse un ano máis, polo que a redución de custes superaría os 600.000 €).
“É a primeira vez na Historia do Concello de Nigrán que se contrata de xeito global todo o subministro de electricidade de alta e baixa tensión, polo que o aforro será moi importante”, sinala o alcalde, Juan González, quen destaca a facilidade que supuxo facelo a través da FEMP ao tratarse “dun procedemento administrativo especialmente complexo”. Así, o Concello deixará de recibir desde este mes 1.847 facturas individuais correspondentes a cada un dos subministros para abonar só unha que englobará absolutamente todo o consumo municipal e a un prezo máis competitivo do que rexe no mercado xeral.
“
Juan González: “É a primeira vez na historia do Concello de Nigrán que se contrata de xeito global todo o subministro de electricidade de alta e baixa tensión, polo que o aforro será moi importante”
O Concello de Nigrán consume unha media de 3,5 millóns de kWh ao ano que se traduxeron no 2023 en 1 millón de euros en facturas e, tendo en conta a revisión de prezos que supón esta contratación, o importe se rebaixará en máis de 300.000 €.
A maiores, ao corresponder o 81% do consumo enerxético do Concello de Nigrán a alumeado público, a previsión é que se poida reducir aínda máis a factura ao continuar o goberno local co plan para substituír todas as vellas lámpadas de sodio por tecnoloxía LED (os trocos realizados nos últimos 6 anos permitiron pasar dun consumo de 4,8 millóns de kWh/ano aos 3’5 millóns actuais, cuantificándose o aforro en máis de 62.000 €). Neste sentido, compre destacar que o Concello de Nigrán forma parte do ‘Pacto Europeo de Alcaldes polo Clima e a Enerxía’ para acadar unha reducción das emisións de CO2 nun 40% de aquí a 2030 (isto suporá que o municipio deixe de lanzar 23.271 toneladas de CO2 á atmósfera tomando como referencia as cifras do ano 2017).
“Con este paso acadamos un importante aforro económico para as arcas municipais e regularizamos o subministro de electricidade, pero adicionalmente, continuaremos traballando para reducir o consumo e, con elo, minimizar o impacto ambiental dacordo aos propios Obxectivos de Desenvolvemento Sostible”, conclúe González.
O Concello inviste preto de 15 000 euros na recuperación dun espazo público situado nas beiras do río Tea. Trátase do Regato da Venda, un itinerario que presenta na actualidade un avanzado estado de deterioro logo de dous anos sen que se acometera ningún tipo de tarefa relacionada co seu mantemento.
Así, co obxectivo de recuperar este espazo de lecer para a veciñanza, o Concello acometerá diferentes obras como a recomposición dos distintos tramos das pasarelas ou o arranxo do peche perimetral do parque infantil. Ademais, para potenciar a súa posta en valor, a administración local vén de solicitar a limpeza das augas á Confederación Hidrográfico do Miño-Sil. A petición trasladouse hai máis de tres meses polo que o goberno municipal agarda que se poidan levar a cabo nos próximos días.
De igual xeito, esta actuación inclúe a colocación de táboas antiesvaramento para garantir unha maior protección dos usuarios e das usuarias desta infraestrutura que percorre un dos atractivos do municipio así como o acondicionamento do tellado que protexe o lavadoiro, mediante a substitución de tellas rotas por outras da mesmas características.
A alcaldesa, Nava Castro, apunta que “continuamos co noso obxectivo de recuperar os espazos públicos, neste caso coa posta en valor do Regato da Venda, para que estea ao servizo dos nosos veciños e veciñas. Ademais, supón unha infraestrutura que funciona como un dos reclamos para os visitantes”
Os alcaldes de Arbo, Horacio Gil; Crecente, Julio César García-Luengo Pérez e As Neves, José Manuel Alfonso González, mantiveron a pasada semana unha xuntanza co xefe do Servizo de Emerxencias da Xunta, Miguel Ángel Pérez Dubois, e outros axentes do servizo, de cara a axilizar a posta en marcha da Agrupación de Voluntarios e Voluntarias de Protección Civil ‘Ribeira do Miño’ que dará cobertura aos tres concellos e que se espera que estea plenamente operativa neste 2024.
A nova Agrupación denominarase Agrupación de Voluntarios/as de Protección Civil de Ribeira do Miño e actuará indistintamente no territorio dos tres concellos, para colaboración desinteresada na protección das persoas, os bens e o medio ambiente en situacións de risco e de emerxencias.
É fundamental que Arbo, Crecente e As Neves, conten cunha agrupación de Protección Civil, cuxo fin é axudar aos veciños, especialmente nas circunstancias máis difíciles –manifestan os tres alcaldes dos municipios– e agradecen a disposición e colaboración da Xunta para a posta en marcha da Agrupación e aseguran que os tres Concellos e a Xunta irán da man para que se dispoña canto antes de este servizo e dotalo dos mellores medios para atender aos cidadáns, concluíron os rexedores.
A experiencia de compostaxe que se desenvolve no concello de Tui dentro do Plan de Compostaxe Municipal foi dada a coñecer hai un días en Asturias coma exemplo de boas prácticas. A mestra composteira de Tui, Sara Luque, representando ao Concello de Tui, presentou a experiencia tudense nas xornadas inaugurais da Campaña de Compostaxe Doméstico e Comunitario de COGERSA, Consorcio para la Gestión de los Residuos Sólidos de Asturias.
A mestra composteira tudense describiu o plan de xestión de Tui como exemplo de éxito na xestión de biorresiduos. Así detallou coma o Plan de Compostaxe Municipal de Tui ten nestes momentos máis de 600 composteiros individuais rexistrados nas distintas parroquias tudenses aos que se suman os seis Centros de Compostaxe Comunitaria situados no lateral e traseira do edificio Francisco Sánchez, a carón da praza de Abastos, e nas rúas Ourense, Mártires de Sobredo e Tenencia; e o Centro de Compostaxe Veciñal situado na Pousa do Bispo. Tamén deu conta do servizo de cesión de uso de biotrituradoras para a cidadanía que ten en marcha o concello de Tui e que permite facer unha xestión axeitada dos restos de poda
Tras a intervención da técnica de Tui as persoas asistentes manifestaron o seu interese no Plan de xestión de biorresiduos de Tui, e formularon diversas consultas para aclarar dúbidas co fin de implantar un programa de compostaxe nos seus municipios.
Nas xornadas participaron a xerente de COGERSA, Paz Orviz explicando os obxectivos desta actividade, así coma o director general de Calidade Ambiental do Principado de Asturias,Pablo Luis Álvarez Cabrero, que expuxo o marco legal e as medidas que ía adoptar o Principado para a aplicación da normativa na xestión de biorresiduos. Outras ponencias correron a cargo de Ricardo Rodríguez Herrero, xestor de COGERSA encargado do programa de compostaxe comunitario do consorcio; ou Helena Fernández, xefa de sostibilidade de COGERSA; que abordaron tanto as accións para facilitar a implantación de áreas de compostaxe comunitaria nas entidades locais, coma o programa de compostaxe doméstico do consorcio que nos últimos 15 anos entregou 17 mil composteiros individuais.
A concelleira de Formación e Emprego, Lourdes Enes, informa a todas e todos os interesados que xa está aberto o prazo para inscribirse nos primeiros cursos de formación do VIII Programa Municipal de Formación 2024 Concello de Covelo. Os cursos, deseñados e programados logo dun proceso de participación e consenso, buscan mellorar a inserción laboral das persoas participantes.
Así, logo de analizar o mercado laboral con empresas de formación, oficinas de emprego e veciñanza o Concello lanza os tres primeiros cursos do 2024.
Nestes intres e ata o 15 de febreiro está aberta a inscrición para o curso de “Inglés xeral, comercio e turismo” que se impartirá do 20 de febreiro ao 11 de xuño cunha duración total de 64 horas. Ata o 19 de febreiro as persoas empadroadas poderán inscribirse no de procura activa de emprego que terá lugar o 22, 23, 26 e 27 de febreiro cun total de 20 horas de formación. Tamén se oferta o curso de almacén e picking programado para os días 1, 4, 5, 6 e 7 de marzo que manterá o prazo de inscrición aberto ata o 23 de febreiro.
“Comezamos o plan de formación con tres cursos moi demandados non só no mercado laboral tamén polo propio tecido da hostalaría que ten a necesidade de aprender idiomas para dar un bo servizo á clientela que, cada vez máis, elixe Covelo para gozar de experiencias vacacionais vencelladas á saúde e ao contacto coa natureza”, explica a concelleira.
Módulo de Igualdade (ODS 5)
Doutra banda cómpre subliñar que o Concello de Covelo da un paso máis na calidade dos contidos dos cursos e inclúe un módulo de igualdade en cada un deles avanzando así no seu compromiso cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) –concretamente co ODS 5 Igualdade de Xénero– promovendo o acceso en igualdade de condicións e oportunidade a un traballo digno.
Segundo explica a concelleira de Igualdade, María José Valiñas, os contidos que se tratarán forman parte do material de sensibilización para a corresponsabilidade e novas masculinidades dos proxectos realizados polo Concello de Covelo en materia de igualdade, neste caso con financiamento a través do Plan Corresponsables.
O Concello vén de dar conta da perda dunha subvención de algo máis de 33.000 euros para un vehículo da policía local, polo que cualifican de “nefasta xestión do anterior goberno”. Segundo o goberno que preside Nava Castro “a ineficacia e a falta de compromiso coas arcas municipais dos últimos mandatos fan agora que a administración local teña que asumir esta contía coa que se renovou o parque móbil da Policía Local”.
Co obxectivo de que os axentes realizaran o seu labor de vixilancia e protección dunha maneira máis eficiente, o goberno galego cofinanciaba as cotas do sistema “renting” dun vehículo híbrido dentro da liña de axudas do Fondo de Compensación Ambiental. O compromiso que adquiriu a administración local, liderada entón polo BNG, para recibir esta subvención foi o de adxudicar o contrato para a adquisición do coche antes do 31 de decembro do 2022. Con todo, o contrato non se adxudicou ata o 11 de xaneiro e non se formalizou ata o día 17 de xaneiro de 2023.
Deste xeito, por mor do incumprimento dos prazos que recollía a liña de axudas da Xunta de Galicia, a través de Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, o Concello perde esta achega de 33.600 euros coa que se adquiriu un vehículo híbrido que empregan os axentes da Policía Local e deberá asumir agora a totalidade da contía.
Neste sentido, o tenente de alcalde, Juan Carlos González, indica que “a nefasta xestión do anterior goberno, fai que o Concello perda unha subvención necesaria para fortalecer os servizos que se ofrecen á cidadanía” e apunta que “temos que asumir un novo gasto por mor da ineficacia do anterior executivo local”. Con todo, insiste en que “malia os atrancos que nos atopamos, derivados da nula capacidade de traballo dos anteriores mandatarios, continuaremos apostando polo fortalecemento da Policía Local xa que a dotaremos de novos axentes e recursos que se sitúen á altura das necesidades dos veciños e das veciñas”.
Un ano máis e como ven sendo habitual nesta época do ano, o Concello de Salvaterra de Miño vén de lanzar unha campaña de concienciación ante o grave problema que supón a vespa velutina polo que a partires do día 8 de febreiro, poñerá a disposición da veciñanza 150 trampas e 300 doses de líquido atraínte para loitar contra a súa proliferación.
Así, o Concello fai unha chamada á poboación sobre a importancia do trampeo neste momento, xa que é o momento de coller ás raíñas, e cun simple xesto, colocando unha trampa, se poderá facer moito para loitar contra a expansión desta praga que afecta moi seriamente á apicultura.
Todas as persoas interesadas poderán pasar polo Concello a recoller a súa trampa e a dose de líquido a partir deste xoves 8 de febreiro en horario de 09:00 h a 14:00 horas.
O auditorio da Xunqueira acolleu onte a presentación do novo Programa integrado de Emprego, no que participan un cento de veciños e veciñas de Redondela. O obxectivo do plan en mellorar a formación destas persoas para que se incorporen ao mercado laboral. A alcaldesa, Digna Rivas, participou no acto xunto ao concelleiro de Emprego Antonio Cabaleiro e as orientadoras Ana Concheiro e Mónica Reinaldo.
A rexedora deulles a benvida e tamén os felicitou por formar parte deste programa “porque todos e todas tedes un gran potencial e co voso esforzo e a formación que ides recibir será posible acadar o obxectivo de atopar un emprego”. Rivas recoñeceu que “non será doado”, pero amosouse convencida que “con gañas e esforzo será posible”.
O programa, cunha duración inicial dun ano, te como obxectivo acadar o 45% de inserción laboral doa participantes. O perfil dos participantes é moi variado, xa que se cobren prazas reservadas especialmente para parados con discapacidade, persoas en risco de exclusión social, menores de 30 anos con ou sen cualificación, maiores de 45 anos, mulleres ou parados de longa duración, pero tamén para persoas desempregadas que non están incluídas en ningún dos grupos anteriores.
As e os participantes recibirán orientación e asesoramento, formación en novas tecnoloxías e idiomas, técnicas de busca de traballo e fomento da capacidade emprendedora, entre outras cuestións. A formación práctica está tamén moi presente, con prácticas profesionais non laborais en empresas. Ademais os demandantes de emprego participantes reciben ofertas de traballo emparelladas co seu perfil.
O programa está financiado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e o Servizo Público de Emprego Estatal e co cofinanciamento do Concello de Redondela.
A Asociación de Empresarios e Comerciantes do Val Miñor –OVALMI– e o Concello de Gondomar, traballan arreo para a celebración da Feira de Oportunidades do Val Miñor, ‘Portobelo’ que se celebrará o vindeiro domingo día 25 de febreiro na Praza Paradela de Gondomar e que, con esta, acada a súa décimo oitava edición.
A Feira, de carácter multisectorial, celébrase coa finalidade de promocionar aos comercios da comarca, reforzar o contacto cos clientes habituais, xerar outros novos, así como liquidar stocks dos establecementos.
Aquelas persoas que estean interesadas en participar nesta nova edición de Portobelo ou que precisen máis información, poden poñerse en contacto coa Asociación OVALMI no teléfono 986 366 730 ou no correo electrónico [email protected] antes do 19 de febreiro.
A ficha de inscrición pode descargarse nesta ligazón.
Na tarde de onte unha discusión entre unha parella na praia de Cesantes levou a varios veciños que paseaban pola zona a alertar ás forzas de seguridade. Antes da chegada dos axentes a parella abandonou o lugar nun turismo que, posteriormente, saíase da vía provocando danos no mobiliario urbano e dándose o condutor á fuga.
Axentes da Policía Local falaron coa muller quen lles confirmou que mantivera unha discusión coa súa parella e que fora agredida, polo que os axentes comezaron os traballos de busca, localizando ao home agochado nunha finca próxima e procedendo a súa detención.
Ante os síntomas de atoparse en estado de embriaguez foi sometido ás probas de alcoholemia cun resultado positivo de 0.79 e 0.81mg/l e, ao non ter permiso de conducir en vigor, tamén está investigado por dous presuntos delitos cotra a seguridade viaria.
Na intervención tamén participou a Policía Nacional, que se fixo cargo do traslado do detido ao centro médico e posteriormente a comisaría.
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o alcalde da Guarda, Roberto Álvarez Carrero, acompañados do xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente, asinaron hoxe un protocolo de colaboración para a execución das obras de construción do novo Centro Integral de Saúde (CIS) da Guarda, contemplado na fase 1 do Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria aprobado pola Xunta en novembro de 2021.
De xeito inmediato á aprobación do Plan, a Xunta remitiu a todos os concellos presentes no mesmo unha solicitude de parcelas para iniciar os trámites de construción nestes centros. O Concello da Guarda remitiu a súa proposta este mes de xaneiro tras varias reunións técnicas do actual equipo de goberno local con persoal do Sergas nos últimos meses, que validaron finalmente a proposta elixida polo Concello: uns terreos na zona das Coutadas, próximos á base do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES).
Coa sinatura deste protocolo, o Concello da Guarda comprométese a modificar o plan urbanístico e a realizar os trámites oportunos para a transmisión en pleno dominio e libre de cargas e gravames das parcelas necesaria para a construción do Centro Integral de Saúde coa cualificación urbanística idónea. Pola súa parte, o Servizo Galego de Saúde levará a cabo os trámites necesarios e as obras do novo Centro Integral de Saúde do concello. Neste momento, a sinatura deste protocolo dará cobertura ao goberno local para iniciar o proceso de adquisición do terreo e os trámites urbanísticos para poñer a disposición do Sergas a parcela coa cualificación necesaria.
Centro Integral de Saúde de referencia para o Baixo Miño
Os centros integrais de saúde son un modelo de centro sanitario que o Servizo Galego de Saúde quere promover para integrar atención primaria ordinaria (en todas as súas categorías), a atención urxente e distintos servizos especializados. É un modelo que está a desenvolverse en cidades como Lugo ou Vigo, pero que tamén se estendeu a comarcas como a do Deza, coa construción en marcha do CIS de Lalín.
O Plan de Infraestruturas aprobado esta lexislatura permitiu, a través dun estudo elaborado polo Instituto de Estudos do Territorio da Xunta, localizar os puntos que, concentrando máis poboación, estaban a máis distancia do seu hospital de referencia para valorar a construción dun CIS. Segundo os datos do Instituto, identificouse a comarca de Baixo Miño como unha zona óptima para un centro destas características e a Xunta elixiu A Guarda para a súa localización, dada a necesidade deste concello de renovar a súa infraestrutura sanitaria, cun centro que conta con máis de 30 anos de antigüidade e que necesita espazos para poder integrar servizos como fisioterapia ou saúde bucodental, actualmente separados do centro e localizados na Casa do Mar.
Deste xeito, o novo Centro Integral de Saúde suporá duplicar a superficie respecto ao actual, ao pasar de 1.904 m2 a máis de 4.156 m2 do novo, o que permitirá integrar os servizos de fisioterapia e de saúde bucodental ou a base do 061.
Plan funcional
Así, o plan funcional que a Xunta compromete desenvolver neste novo centro inclúe 16 consultas de adultos, 1 consulta de farmacia, área bucodental, despacho de traballo social, área de infecciosos, 6 salas polivalentes, sala de toma de mostras, área pediátrica con 8 consultas, área da muller con 1 consulta, área de fisioterapia, sala de educación sanitaria, 2 despachos de coordinación e área de radiodiagnóstico.
Tamén se desenvolverá a área de urxencias, onde se instalará o PAC con 2 consultas de medicina, 2 de enfermaría, sala de reanimación, sala de observación e dormitorios e vestiarios para o persoal; así como a base o 061.
Finalmente, haberá unha área de especialistas con 4 consultas para que profesionais da área sanitaria de Vigo se poidan desprazar para dar atención máis próxima á veciñanza da comarca do Baixo Miño.
O Concello do Porriño, a través da concellería de Xuventude, que dirixe Antonio Barros, fai un chamamento para as familias, as persoas maiores de 18 anos ou menores acompañados que estean interesadas en botar unha man, participen como voluntarias/os na plantación de árbores, actividade de restauración ambiental que ten como obxectivo a recuperación do ecosistema fluvial do río Couso, no seu treito final antes de chegar ao río Louro.
O río Couso é un afluente do río Louro que se estende ao longo duns poucos quilómetros polas parroquias de Cans e Atios no concello do Porriño. No seu tramo final, entre a liña de tren Porriño-Tui e o punto no que desemboca no río Louro, alberga unha elevada biodiversidade, algo habitual nos cursos de auga próximos ao Louro. Pero nos últimos anos sufriu a expansión de varias especies exóticas invasoras (EEI) que provocaron o desprazamento de especies autóctonas, alterando significativamente o ecosistema.
Para a súa restauración ambiental, o Concello do Porriño colabora coa asociación ecoloxista Verdegaia. “As intervencións que se levarán a cabo, estarán supervisadas por membros desta asociación que contan cunha ampla experiencia en actividades de restauración ambiental e de eliminación de especies invasoras”, explicou o concelleiro, “No final de 2023 realizamos varias actividades nese treito centradas na recollida de lixo no leito e nas marxes do río e na eliminación dalgunhas especies invasoras. Dado o éxito da actividade entre os participantes, pretendemos continuar este ano coa recuperación deste espazo natural”.
Así, o sábado 10 de febreiro en horario de 11 h a 13 h, no punto de encontro: rúa Leandro Diz, 5 (ao lado do paso inferior), continuarase coa plantación dalgunhas árbores na marxe do río co obxectivo de recuperar o ecosistema e fixar o solo de modo que se minimice a erosión. En concreto plantaranse ramas de salgueiro e vimieiro, que enraízan facilmente e son moi acaídas como árbores de ribeira.
As prazas están limitadas a 20 voluntarios/as por xornada.
Dende a OMIX agradecen a colaboración e solidariedade da veciñanza do Porriño. Aquelas persoas interesadas en formar parte do equipo de voluntariado para esta actividade, poderán informarse e/ou inscribirse no teléfono 986337624 (ext. 1) ou nos correos electrónicos [email protected] , [email protected] , ata o día 9 de febreiro de 2024.
A Deputación de Pontevedra acaba de sacar a licitación as obras de mellora da eficiencia enerxética en edificios municipais das Neves ao abeiro do proxecto de instalacións de aerotermia sostibles, enmarcado no programa de axudas para investimentos a proxectos singulares locais de enerxía limpa en municipios de reto demográfico (Programa DUS 5000). A actuación será financiada ao 85 % polo IDAE, ao 8 % pola Deputación de Pontevedra e ao 7 % polo concello.
O obxectivo destas obras, nas que se investirán 62.500 euros, é realizar as instalacións de aproveitamento da enerxía aerotérmica na Casa do Concello e o Centro Cultural das Neves. Con isto, a Deputación busca favorecer o desenvolvemento de proxectos que reduzan as emisións de CO2, implantando medidas de aforro e eficiencia enerxética, e tamén favorecer o uso de fontes de enerxía renovables que contribúan ao desenvolvemento económico local. Ademais, tamén se reformarán as instalacións hidráulicas e eléctricas existentes.
En concreto, a instalación consistirá na instalación dunha unidade exterior común, tamén con sistema de caudal de refrixerante variable, cunha potencia calorífica de 63 kW e frigorífica de 56 kW. A nova instalación permitirá que as emisións se reduzan nun 55% na Casa do Concello e nun 56% no Centro Cultural, pasando de 32,9 a 14,8 kg de CO2 por metro cadrado ao ano, no primeiro caso, e de 36,1 a 15,7, no segundo. Deste xeito, a cualificación enerxética pasará de C a A.
As empresas interesadas en concorrer á licitación da asistencia técnica de ambos proxectos teñen de prazo ata 16 de febreiro ás 10:00 horas, e poderán facelo a través do portal de licitación electrónica da Deputación de Pontevedra.
A transformación do principal acceso á vila de Redondela xa é unha realidade. Os condutores xa poden facer uso do novo aparcadoiro disuasorio en Vilavella, que conta cunha superficie de 3.896 m² con 110 prazas para coche, das que 6 están reservadas para persoas con mobilidade reducida, así como 3 prazas de moto e 8 para bicicletas.
A alcaldesa Digna Rivas sinala que “os paus nas rodas que algúns puxeron non impediron acadar o obxectivo de transformar Redondela para beneficio da veciñanza”. Para o goberno local foi un gran reto poñer en marcha este gran proxecto, que implicou a compra da vella nave anexa ao convento e o seu derrube. Converter esta gran área “nun espazo amable para o cidadán, intervindo neste espazo público, eliminando a nave e conectando as zonas de forma accesible supuxo un gran esforzo, pero pagou a pena”, afirma Rivas.
Este aparcadoiro disuasorio non só mellora a habitabilidade da zona de Vilavella, senón que tamén repercute de xeito positivo no resto da vila “ao reducir a cantidade de vehículos que transitan polo núcleo urbano, o que supón máis seguridade para o peón, menos ruído e menos contaminación”, apunta o concelleiro de Infraestruturas e Sostibilidade, Roberto Villar. O edil engade que se instalou un sistema de iluminación “eficiente e de baixa intensidade” para a zona de aparcadoiro. Villar non oculta que “conxugar as prazas de estacionamentos coas zonas verdes e o arborado supuxo un gran esforzo para poder acadar o mellor resultado posible”.
O estacionamento non só ofrece o maior número posible de prazas para aparcar no acceso a Redondela, senón que supón “a transformación integral do espazo urbano, elimina barreiras arquitectónicas, pon en valor o Convento de Vilavella e mellorar a relación do espazo co río Maceiras”, explica o concelleiro de Urbanismo Antonio Cabaleiro. Un dos obxectivos prioritarios deste proxecto era que todos os espazos fosen accesibles para todas as persoas, especialmente para as que teñen mobilidade reducida “e ese obxectivo está cumprido”.
As persoas que desexen presentar as súas propostas para o concurso que escollerá o cartel do Corpus Christi deste ano dispoñen ata o próximo 8 de febreiro para formalizar a súa solicitude. Deberán entregar os traballos no rexistro de entrada do Concello e para garantir o anonimato, estarán asinados baixo un pseudónimo. O certame está dotado cun premio de 1.000 euros.
Poderá participar calquera persoa física, individual ou en equipo, maiores de 18 anos cun máximo dunha obra de creación propia, orixinal e inédita e cunha técnica libre. A temática deberá estar relacionada coa festividade do Corpus Christi e os seus tapices florais así como cos materiais que se empregan, trazados ou deseños, entre outras cuestións. O tamaño dos carteis que se presenten será en A3. Pódese consultar máis información sobre as bases na páxina web do Concello.
O grupo municipal do PP de Tui vén de censurar, no pleno municipal, a xestión do goberno socialista no proxecto de construción dun parquin subterráneo, cuxo contrato foi revogado pola corporación a proposta do alcalde malia ser o seu impulsor e que, paralelamente, siga sen dar solucións definitivas á falla de prazas de aparcamento mentres continúan a eliminalas do centro urbano.
O voceiro municipal, Nico Montes, criticou os cambios de postura do rexedor, Enrique Cabaleiro, nesta actuación, xa que “cando estaba en campaña, no ano 2019, tildouna de pelotazo financeiro inasumible, pero que curiosamente, chegado ao goberno poucas semanas despois, converteuna no seu proxecto estrela e impulsouno facendo caso omiso ás preocupantes advertencias dos técnicos municipais que avisaban da súa inviabilidade e do coste inasumible que supuña para o concello.
Nico Montes cre que a xestión dos socialistas no tema do parquin “foi nefasta, ineficiente e incompetente”, e que ademais dos malos inicios deste proxecto, o asunto “torceuse por completo cando o alcalde levantou un reparo en torno ao proxecto e decidiu continuar adiante aínda que contaba cunha forte contestación cidadá en contra”
Pero os problemas seguiron, xa que se anulou a concesión á empresa gañadora do concurso e traspasouse á segunda mellor baremada, “que presentou os proxectos básicos e de execución dous meses despois para o
Utilizamos cookies para mejorar su experiencia y nuestros servicios, analizando la navegación en nuestro sitio web. Si continua navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información pulsando aquí:.Saber MásAceptar
Cookies
Privacy Overview
This website uses cookies to improve your experience while you navigate through the website. Out of these, the cookies that are categorized as necessary are stored on your browser as they are essential for the working of basic functionalities of the website. We also use third-party cookies that help us analyze and understand how you use this website. These cookies will be stored in your browser only with your consent. You also have the option to opt-out of these cookies. But opting out of some of these cookies may affect your browsing experience.
Necessary cookies are absolutely essential for the website to function properly. This category only includes cookies that ensures basic functionalities and security features of the website. These cookies do not store any personal information.
Any cookies that may not be particularly necessary for the website to function and is used specifically to collect user personal data via analytics, ads, other embedded contents are termed as non-necessary cookies. It is mandatory to procure user consent prior to running these cookies on your website.